Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 31 de agosto de 2012 Páx. 34765

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 14 de agosto de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regula o Plan Proxecta e se establecen as bases para a participación dos centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 105 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as administracións educativas favorecerán o recoñecemento do labor do profesorado dos centros públicos que amose unha especial dedicación ao centro e á implantación de plans que supoñan innovación educativa.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén colaborando de xeito continuado con distintos organismos da Xunta de Galicia para facilitar a integración de determinados programas no sistema educativo galego.

As distintas estruturas que presentan estes programas, os diversos protocolos de desenvolvemento, as variadas metodoloxías que os sustentan e os distintos calendarios que rexen a súa posta en práctica fan imprescindible a adopción dun sistema de coordinación eficaz que permita optimizar a utilización destes recursos educativos.

Trátase, xa que logo, de establecer un marco xeral de colaboración entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos, de fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, de integrar estes programas na planificación anual dos centros e, ao mesmo tempo, crear unha rede de traballo colaborativo e recoñecerlle ao profesorado a súa participación.

Esta resolución pretende regular mediante o Plan Proxecta estes programas, establecer as bases para a participación nel dos centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e recoñecer o labor do profesorado participante nos proxectos de innovación educativa que se estean a desenvolver no ámbito deste plan.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Sección 1ª Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular o Plan Proxecta e establecer as bases para a participación dos centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Sección 2ª O Plan Proxecta

Artigo 3. Definición do plan

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con diferentes organismos da administración autonómica dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan de xeito paralelo as competencias básicas e a educación en valores.

Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa favorecendo a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo e colaborativo do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, o obxectivo central deste plan é construír modelos de mellora mediante proxectos que teñan un alto potencial de transferibilidade tanto no propio centro en que se orixinan como no resto da comunidade educativa galega.

Artigo 4. Obxectivos xerais

Con este plan preténdense lograr os seguintes obxectivos:

1. Ofrecer á comunidade educativa galega programas de diferentes ámbitos da administración que fomenten a innovación educativa. Estes programas descríbense no anexo desta resolución.

2. Establecer un marco xeral de colaboración para presentar todos os programas implicados dun xeito estruturado.

3. Fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns dirixidos á creación de proxectos de innovación que desenvolvan as competencias e os valores.

4. Establecer unhas pautas comúns en relación co recoñecemento do traballo do profesorado nestes proxectos.

5. Ofrecer a posibilidade aos centros de integrar dentro da súa planificación anual e ao profesorado de incluír dentro das súas programacións aqueles programas que mellor se adapten ás súas características específicas.

6. Crear unha rede de traballo colaborativo e interdisciplinar que consiga transformar e mellorar a práctica educativa, transferindo eficazmente as iniciativas innovadoras.

Artigo 5. Eixes e accións do plan

Os eixes do plan son tres:

1. Organización.

Este eixe está marcado por tres accións centrais:

a) Sistematizar e actualizar os programas dos distintos organismos (anexo).

b) Difundir o plan a toda a comunidade educativa.

c) Utilizar ferramentas eficaces de xestión do plan.

2. Apoio.

As principais accións deste eixe son:

a) Ofrecer formación inicial ao profesorado.

b) Establecer un sistema de asesoramento a través das estruturas de formación permanente do profesorado e da inspección educativa.

3. Avaliación, recoñecemento e transferibilidade.

Neste caso as accións que se seguirán son:

a) Recoñecer a participación dos centros, das persoas coordinadoras e do profesorado no plan como actividade de innovación educativa tras unha avaliación do traballo realizado.

b) Difundir os mellores proxectos a través das canles dixitais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 6. Liñas estratéxicas do plan

Este plan organízase arredor de tres grandes liñas estratéxicas:

1. Desenvolvemento transversal dos valores básicos para a vida e a convivencia.

Os programas incluídos neste plan teñen en común o obxectivo de desenvolver a educación en valores: a igualdade, a solidariedade, a tolerancia, a vida saudable, o respecto do ambiente, o desenvolvemento sustentable, a non discriminación, a resolución pacífica de conflitos ou o consumo responsable, entre outros moitos valores que se desenvolverán nas aulas.

2. Desenvolvemento das competencias.

O desenvolvemento das competencias é fundamental na organización curricular tanto do ensino obrigatorio como da educación infantil, do bacharelato e da formación profesional. De xeito destacado, a educación infantil, a primaria e a secundaria obrigatoria fan do desenvolvemento das competencias básicas unha das liñas centrais de acción. Os currículos destes niveis educativos inclúen as seguintes competencias básicas:

1) Competencia en comunicación lingüística.

2) Competencia matemática.

3) Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.

4) Tratamento da información e competencia dixital.

5) Competencia social e cidadá.

6) Competencia cultural e artística.

7) Competencia para aprender a aprender.

8) Autonomía e iniciativa persoal.

3. Utilización de estratexias metodolóxicas comúns.

A terceira liña estratéxica é o fomento de estratexias metodolóxicas comúns a todos aqueles programas que participen no Plan Proxecta. Unha proposta metodolóxica que se basea en dinámicas activas, colaborativas e centradas na experiencia próxima do alumnado e que leva ao desenvolvemento de valores desde unha crecente posición crítica e autónoma partindo dos seus intereses, das súas experiencias e dos seus coñecementos previos. Deste xeito, as actividades levadas a cabo por cada programa no centro organizaranse conformando un proxecto que se integrará na súa programación xeral anual.

Artigo 7. Profesorado participante

Nos proxectos realizados nos centros deberán participar, como mínimo, unha persoa coordinadora e un profesor ou unha profesora dunha disciplina ou dun nivel educativo diferente, podéndose estender ao resto do profesorado do centro e/ou a profesorado doutros centros.

Sección 3ª Proceso de solicitude e selección dos proxectos

Artigo 8. Proceso e prazo de solicitude

1. Para participar nesta convocatoria as persoas responsables da dirección dos centros educativos poderán solicitar os programas listados no anexo a esta resolución mediante a solicitude accesible na aplicación Plan Proxecta (http://www.edu.xunta.es/planproxecta), aloxada na epígrafe Servizos do Portal Educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.es/web/services). A solicitude poderá realizarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As institucións responsables dos distintos programas educativos incluídos no Plan Proxecta farán a selección dos centros educativos participantes.

3. A comisión de selección, atendendo ao disposto no artigo 9, valorará e validará a selección de centros realizada polas institucións correspondentes. As listaxes provisorias de centros seleccionados resultantes serán publicadas no Portal Educativo http://www.edu.xunta.es/web e notificadas ás persoas responsables da dirección dos centros a través da aplicación telemática Plan Proxecta.

4. Unha vez rematado o prazo de reclamacións especificado no artigo 10 e confirmada e comunicada a súa selección nun ou en varios dos programas ofrecidos no Plan Proxecta, as persoas responsables da dirección dos centros educativos consignarán os datos da/s persoa/s coordinadora/s e do profesorado participante en cada un dos programas no formulario de alta accesible na aplicación Plan Proxecta (http://www.edu.xunta.es/planproxecta), aloxada na epígrafe Servizos do Portal Educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.es/web/services). Neste mesmo formulario, e no prazo que se lles indique na comunicación de admisión, confirmarase o compromiso do centro de levar a cabo o/s proxecto/s educativo/s correspondente/s a cada programa e incluirase unha breve descrición da/s actuación/s que se levarán a cabo no centro.

Artigo 9. Comisión de selección

1. Baixo a presidencia da persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado constituirase unha comisión de selección que se encargará de valorar as solicitudes.

2. A comisión estará integrada pola persoa titular da xefatura do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, por unha persoa asesora da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que realizará as funcións de secretaría, e polas persoas responsables de cada un dos programas que participan no Plan Proxecta.

3. A comisión poderá dispoñer a constitución de comisións técnicas, compostas por persoas asesoras da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e das outras institucións participantes, para efectos de elaboración de informes sobre os programas de actuación presentados.

Artigo 10. Resolución

1. Unha vez rematado o proceso de selección das solicitudes, a comisión fará pública a resolución provisoria, que se difundirá no Portal Educativo http://www.edu.xunta.es/web

2. A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que resolverá a relación final dos centros seleccionados.

3. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no Portal Educativo http://www.edu.xunta.es/web e no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo de seis meses sen que se lle notificase a resolución expresa, o solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Sección 4ª Seguimento, avaliación e certificación

Artigo 11. Seguimento e avaliación dos proxectos

1. O equipo directivo do centro supervisará o desenvolvemento dos proxectos e dará conta aos órganos de participación e goberno, aos pais, nais ou titores/as legais, así como ás institucións que participan no/s programa/s.

2. A inspección educativa realizará, ao longo de cada curso académico, o seguimento e a avaliación das diferentes actuacións previstas nos programas, e informará periodicamente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A avaliación do/s proxecto/s realizada polo centro educativo para cada curso académico incorporarase á memoria anual do centro.

Artigo 12. Certificación de participación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria certificará, segundo a normativa vixente, a participación do profesorado nos programas, como actividades de innovación educativa e recoñecerá e difundirá, se procede, as boas prácticas derivadas da aplicación dos programas en función dos resultados do seu seguimento e avaliación.

Artigo 13. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2012

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Institución

Nome do programa

Definición

Temporización

Alumnado a que vai dirixido

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Axenda 21 Escolar de Galicia

Formar na cultura da sustentabilidade o alumnado

Anual

Infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP

12 meses, 12 paisaxes

Valoración da paisaxe próxima ao alumnado

Anual

Infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP

Climántica

Educación sobre cambio climático

Anual

Primaria, ESO e bacharelato

Meteoescolas

Coñecemento do clima da escola e do seu arredor

Anual

Primaria, ESO, bacharelato e adultos

Terra

Coñecemento dos espazos que habita o alumnado

Anual

Infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP

Recíclate con Sogama

Fomento da recollida selectiva de residuos

Anual

Infantil e primaria

Ríos

Fomento da conservación dos ecosistemas fluviais

Anual

Infantil, primaria, ESO, bacharelato, FP e adultos

Consellería do Medio Rural e do Mar

Distribución de froitas aos centros escolares

Mellora dos hábitos alimenticios do alumnado mediante o fomento do consumo de froita

Anual

2º ciclo de infantil, primaria e ESO

Consellería de Economía e Industria (IGC)

Consumópolis

Mellora das pautas de consumo responsable do alumnado mediante un concurso con fase autonómica e estatal

Semestral

3ª ciclo de primaria e ESO

Galicons-net

Investigación do alumnado sobre unha de dúas temáticas: consumo e xénero ou publicidade

Anual

Todo

Consellería de Sanidade (Servizo Galego de Saúde)

Clases sen fume

Prevención do tabaquismo

Semestral

1º e 2º de ESO

Salvavidas

Fomento de actitudes favorables nos escolares cara á doazón e os transplantes

Depende do nivel educativo

Primaria, ESO, bacharelato, FP e adultos

Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

Quérote+

Asesoramento, formación e información nos temas que preocupan a mocidade galega

Anual

ESO

PCPI

Parlamento Xove

Fomento do diálogo e a argumentación razoada das ideas propias como ferramenta para o consenso

Semestral

3º e 4º ESO e bacharelato

Rede de Centros Escolares Solidarios

Fomentar que os escolares se comprometan como voluntarios/as cunha entidade

Anual

ESO, bacharelato, FP e adultos

Secretaría Xeral para o Deporte

Xogade

Fomento das actividades físicas e deportivas saudables

Anual

6-16 anos

Deportivo de Centro

Fomento das actividades físicas e deportivas saudables

Anual

Secundaria

Máis e mellor actividade física

Fomento das actividades físicas e deportivas saudables

Anual

Primaria

Pódese atopar máis información sobre os programas no enderezo: http://www.edu.xunta.es/web/planproxecta

ANEXO
Datos básicos dos programas participantes no plan