Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 31 de agosto de 2012 Páx. 34774

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 23 de agosto de 2012 pola que se modifica a Orde do 9 de abril de 2012, pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2012.

A Orde do 9 de abril de 2012 pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2012 (DOG nº 76, do 20 de abril) establece, na súa exposición de motivos, un importe total dispoñible para o exercicio 2012 de 1.758.900 €, destinado ao financiamento dos tres programas de subvencións que, ao abeiro dela, poderán ser concedidas aos solicitantes.

Para poder cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da comunidade autónoma, esta consellería vese obrigada a adoptar medidas de recorte dos créditos financiados con fondos propios autorizados para o financiamento destas subvencións no exercicio 2012.

Por tal circunstancia, os créditos dispoñibles para financiar estas subvencións no ano 2012 redúcense dos 1.758.900 € iniciais a 1.308.900 €.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Minoración do orzamento para os programas II e III

Minórase o importe total destinado ao financiamento das subvencións que se concederán ao abeiro da Orde do 9 de abril de 2012 pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2012, nas seguintes contías e aplicación orzamentarias:

Programa II. Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Aplicación orzamentaria 12.03.324A.481.2 (código proxecto 2012/00596): redución de 25.000 €.

Programa III. Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Aplicación orzamentaria 12.03.324A481.7 (código proxecto 2012/00595): redución de 425.000 €.

Deste xeito, os créditos dispoñibles para financiar estas subvencións no exercicio 2012 quedan reducidos dos 1.758.900 € iniciais aos 1.308.900 € actuais, modificando neste punto a exposición de motivos da orde.

Artigo 2. Financiamento dos programas II e III

Modifícanse o artigos relativos ao financiamento dos programas II e programa III da orde:

No artigo 7, referido ao Programa II. Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, substitúese o importe inicial de 180.000 € por 155.000 € na aplicación orzamentaria relativa ao dito programa.

No artigo 11, referido ao Programa III. Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, substitúese o importe inicial de 650.000 € por 225.000 € na aplicación orzamentaria relativa ao dito programa.

Artigo 3. Distribución do crédito do Programa II

Modifícase o artigo 9 da orde relativo á distribución do crédito de 155.000 € co que se financia o Programa II. Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social:

Substitúese o importe de 49.073 € polo de 42.266 € e substitúese o importe de 32.781 € polo de 28.202 € para os respectivos conceptos establecidos no dito artigo.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar