Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 1 de outubro de 2012 Páx. 37763

III. Outras disposicións

Xunta Electoral de Galicia

ACORDO do 30 de setembro de 2012 sobre distribución de espazos electorais gratuítos de propaganda electoral en medios de comunicación de titularidade pública, en relación coas eleccións ao Parlamento de Galicia do 21 de outubro de 2012.

A Xunta Electoral de Galicia, na sesión do día 30 de setembro de 2012, prestou a súa aprobación á proposta elevada pola Comisión de Control Electoral e a distribución dos espazos gratuítos de propaganda electoral nos seus propios termos nos medios de comunicación de titularidade pública, autonómica e estatal.

– Autonómica: Televisión Galega e Radio Galega (artigo 29 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia).

– Estatal: Televisión Española en Galicia e Radio Nacional de España en Galicia (artigo 64 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral).

O acordo adoptado ponse de manifesto na Secretaría da Xunta Electoral de Galicia, en horario de rexistro, para exame e consulta, ata as 17.00 horas do luns, día 1 de outubro de 2012.

Contra o acordo de distribución, os representantes xerais das entidades políticas concorrentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia que se consideren afectadas poderán interpoñer recurso de alzada perante a Xunta Electoral Central, o cal deberá presentarse ante a Xunta Electoral de Galicia dentro do mesmo prazo, o correspondente ao da posta de manifesto do expediente, e tramitarase conforme o procedemento establecido no artigo 21 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, e na Instrución da Xunta Electoral Central 11/2007, do 27 de setembro.

O que se publica no Diario Oficial de Galicia en virtude do disposto no artigo 18.6 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral.

A Coruña, 30 de setembro de 2012

Miguel Ángel Cadenas Sobreira
Presidente da Xunta Electoral de Galicia