Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 1 de outubro de 2012 Páx. 37764

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2012, da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, pola que se declara deserto o procedemento de avaliación colexiada, convocado por Resolución do 2 de xuño de 2010 (DOG nº 118, do 23 de xuño), para a provisión dun posto vacante de xefe/a de Servizo de Psiquiatría.

Por Resolución do 2 de xuño de 2010 (DOG nº 118, do 23 de xuño) convocouse para a súa provisión, polo procedemento de avaliación colexiada, un posto vacante de xefe/a de Servizo de Psiquiatría.

A Orde do 24 de maio de 2006 pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 106, do 5 de xuño) establece no artigo 8 que, en caso de que ningún dos aspirantes acade quince puntos na avaliación do proxecto técnico de xestión da unidade, a comisión de avaliación poderá propoñer á xerencia que se declare deserta a convocatoria.

O día 12 de xullo de 2012 tivo lugar a defensa do proxecto técnico de xestión polos aspirantes sen que ningún deles acadase a citada puntuación, polo que a comisión acordou propoñer que se declarase deserta a convocatoria.

Esta xerencia, de conformidade co previsto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG nº 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 24 de maio de 2006 (DOG nº 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 311/2009, do 28 de maio (DOG nº 109, do 5 de xuño), polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 28 de setembro de 2011 (DOG nº 188, do 30 de setembro) pola que se desenvolve a estrutura organizativa de xestión integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, así como na Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG nº 139, do 20 de xullo) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde,

ACORDA:

Declarar deserto o posto convocado na citada convocatoria.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso de alzada perante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á súa publicación.

Ourense, 10 de setembro de 2012

Eloína Núñez Masid
Xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras