Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 8 de outubro de 2012 Páx. 38631

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Amancio Ortega Gaona e Fundación Pedro Barrié de la Maza

ANUNCIO do 5 de outubro de 2012 polo que se convocan 75 bolsas para a realización do primeiro curso de bacharelato en Estados Unidos nun instituto ou high school para o curso escolar 2013/14.

Bases do Programa de bolsas High School. Un ano académico nos Estados Unidos.

I. Presentación do Programa de bolsas High School.

A Fundación Amancio Ortega e a Fundación Barrié, na súa arela por melloraren o ensino e o nivel de preparación dos novos estudantes de Galicia, continúan o seu compromiso co programa de bolsas para a realización dun ano académico nun instituto de ensino público, high school, dos Estados Unidos e convocan a IV edición do programa de bolsas, segundo as bases do presente documento:

1. Obxecto do Programa de bolsas High School.

Realización dun ano académico nos Estados Unidos nun instituto ou high school en lingua inglesa, promovendo a aprendizaxe e o intercambio de culturas.

2. Obxectivos do Programa de bolsas High School.

O Programa de bolsas High School da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Barrié persegue a consecución dos seguintes obxectivos:

• Aprender inglés e mellorar as aptitudes de aprendizaxe na xente nova.

• Contribuír á formación integral do estudante.

• Potenciar a confianza dos estudantes e a capacidade de adaptación a un novo contorno.

• Desenvolver a capacidade dos alumnos para avaliar os seus propios progresos.

• Fomentar o respecto ás culturas e o intercambio de costumes.

• Prepararse ante os retos dun mundo globalizado.

3. Estrutura organizativa do Programa de bolsas High School.

• Este programa de bolsas foi elaborado de forma conxunta pola Fundación Amancio Ortega e a Fundación Barrié, sendo estas institucións as creadoras desta iniciativa e patrocinadoras da presente convocatoria.

• A FSL (Foreign Study League).

Para obter a mellor eficacia, xestión e seguimento, o Programa de bolsas High School, a Fundación Amancio Ortega e a Fundación Barrié contan co apoio da FSL, empresa especializada na organización de programas de intercambio internacional de estudantes e con máis de 40 anos de experiencia con programas nos Estados Unidos.

• O Council on International Educational Exchange (CIEE).

É unha organización educativa non gobernamental recoñecida pola UNESCO; constitúe a estrutura humana de apoio da FSL nos Estados Unidos. Institución fundada en 1947, que actualmente conta con máis de 800 profesionais en 30 países e cunha eficaz rede de voluntariado de profesionais da educación.

II. Condicións de participación no Programa de bolsas High School da Fundación Amancio Ortega e a Fundación Barrié.

Os alumnos que desexen inscribirse no Programa de bolsas da Fundación Amancio Ortega e a Fundación Barrié deberán cumprir os requisitos e as condicións estipulados nesta convocatoria de bolsas. Estas disposicións serán as únicas valoradas e cuantificadas para a selección:

1. Ter cumpridos 15 anos antes do 1 de agosto de 2013.

2. Ser alumno de 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO) nun centro de ensino en Galicia.

3. Ter, como termo medio académico, unha media mínima de 7,5 puntos no curso escolar anterior á solicitude (3º curso de ESO), certificada polo centro de ensino.

4. A cualificación da materia de inglés do curso anterior deberá ser como mínimo de 7 puntos, certificada polo centro de ensino.

5. Presentar o formulario de inscrición debidamente cuberto e enviado a través da web www.becashighschool.org

6. Todos os alumnos deberán presentar o certificado correspondente ás declaracións de IRPF do exercicio do ano anterior, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa finalidade de establecer a renda per cápita da unidade familiar. No caso de solicitantes que formen parte de unidades familiares non obrigadas a declarar, deberá achegarse certificación expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, acreditativa da ausencia de datos, e, ademais, achegar información fidedigna sobre a situación económica de renda e patrimonio, polos medios que se consideren oportunos.

Os requirimentos arriba mencionados son obrigatorios para participar no Programa de bolsas High School. En calquera caso, a Fundación Amancio Ortega e a Fundación Barrié resérvanse o dereito a comprobar, polos medios que consideren oportunos, a veracidade dos datos achegados.

A participación nesta convocatoria de bolsas implica a aceptación expresa da súa resolución, a cal se considerará vinculante e inapelable para todos os participantes neste programa de bolsas.

III. Selección dos aspirantes.

– Fase de preselección.

Será automaticamente preseleccionado un máximo de 150 alumnos entre todas as solicitudes recibidas correctamente, segundo a epígrafe II das presentes bases, e de acordo cos seguintes criterios:

1. Expediente académico de 3º curso de ESO.

2. Última nota de inglés. De non ter elixido a materia de inglés no centro escolar, aceptaranse outros certificados oficiais de idioma que xustifiquen o seu coñecemento. Neste suposto, o candidato debe incluír unha nota numérica equivalente á nota do seu certificado, que será revisada polo Departamento de Xestión do Programa de bolsas High School.

A Fundación Amancio Ortega e a Fundación Barrié darán a coñecer a listaxe dos alumnos preseleccionados a través da páxina web www.becashighschool.org

– Fase de selección final.

Os alumnos preseleccionados serán convocados pola Fundación Amancio Ortega e a Fundación Barrié para a realización dunha proba de nivel oral e escrito dos seus coñecementos de lingua inglesa.

Ademais da proba de inglés, os alumnos realizarán unha entrevista persoal co fin de achegar toda a documentación obrigatoria segundo as condicións de participación, que permita verificar a autenticidade dos datos achegados no formulario de inscrición en liña. Ademais, será imprescindible achegar documentación complementaria para continuar o proceso de selección.

De maneira particular:

• O formulario cuberto e enviado con anterioridade, impreso e asinado polo alumno e polos seus pais e/ou titores.

• Un certificado médico que garanta o seu estado de boa saúde.

• Un documento que acredite o réxime de custodia do alumno solicitante, se for aplicable ao caso.

Os resultados da proba de inglés serán combinados co nivel de renda per cápita para obter a puntuación final de cada solicitante preseleccionado.

Daráselles preferencia na selección final a aqueles candidatos con renda per cápita inferior.

Todos os alumnos que sexan finalmente seleccionados para o Programa de bolsas High School 2013/14 deberán aceptar expresamente as normas e os procedementos de conduta do programa. Esta aceptación será asinada mediante un acordo persoal entre o alumno, os seus pais, titores e/ou representantes legais, coa FSL e as fundacións patrocinadoras (ver documento «Normativa do programa»).

IV. Contido xeral das bolsas High School.

– Fase I. Preparación e saída (España).

• Familia de acollida para cada estudante que participe no Programa de bolsas High School nos Estados Unidos.

• High school de acollida de cada estudante, entre máis de 18.000 centros de referencia repartidos por toda a Unión Americana.

• Escolarización nun centro educativo público ou high school dos Estados Unidos durante un curso escolar (10 meses, entre agosto e maio, aproximadamente do seguinte ano).

• Tramitación e obtención do visado necesario para a entrada e permanencia no país durante a duración da bolsa.

• Viaxes e desprazamentos desde Galicia até a poboación de destino nos Estados Unidos.

• Asesoramento na elección de materias, tendo en conta as normas establecidas polo Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para a validación de estudos.

– Fase II. Estadía nos Estados Unidos.

• Acompañamento á reunión xeral de orientación e introdución á cultura americana e procedementos legais do país, en Nova York.

• Asistencia e apoio nos aeroportos para o traslado e chegada dos estudantes ao seu destino.

• Seguimento continuo do alumno e da súa vida académica familiar, por un coordinador local da organización de apoio nos Estados Unidos (CIEE). O equipo de coordinadores locais está supervisado, pola súa vez, por un director de programa nos Estados Unidos, en comunicación permanente coas fundacións.

• Axuda monetaria para os gastos menores, que se lle aboará mensualmente ao alumno, por un período de 10 meses entre agosto de 2013 e maio de 2014 (ambos os dous incluídos). Farase efectiva unha vez comece os estudos na high school seleccionada e a través dunha conta bancaria aberta en Banco Pastor.

• Servizo de atención permanente durante as 24 horas á disposición dos alumnos e dos pais.

• Seguro de responsabilidade civil e asistencia sanitaria.

– Fase III. Volta á cidade de orixe.

• Viaxes e desprazamentos de volta desde a poboación de destino nos Estados Unidos até Galicia.

• Tramitación da validación do curso académico realizado nos Estados Unidos.

A Coruña, 5 de outubro de 2012

Óscar Ortega Chávez
Director xeral da Fundación Amancio Ortega

    Javier López Martínez
    Director xeral da Fundación Barrié