Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2012 Páx. 38987

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 8 de outubro de 2012 pola que se establece o procedemento para a implantación, avaliación e certificación de cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas de nivel C nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 60.4 que, de acordo co que establezan as administracións educativas, as escolas oficiais de idiomas poderán impartir cursos para a actualización de coñecementos de idiomas e para a formación do profesorado e doutros colectivos profesionais.

O Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas de idiomas de réxime especial reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, prevé na súa disposición adicional segunda que as escolas oficiais de idiomas poderán, nos termos que dispoñan as respectivas administracións educativas, organizar e impartir cursos especializados para o perfeccionamento de competencias en idiomas, tanto nos niveis básico, intermedio e avanzado como nos niveis C1 e C2 do Consello de Europa, segundo se definen estes niveis no Marco europeo común de referencia para as linguas.

O Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, regula no seu artigo 4 os cursos de especialización, que, no caso dos niveis C1 e C2, se organizarán tendo como referencia a competencia lingüística que establece para eles o Marco europeo común de referencia para as linguas.

A Orde do 5 de agosto de 2011 pola que se desenvolve o Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula a organización e o acceso ás ensinanzas de idiomas de réxime especial, establece, no seu artigo 19, o procedemento para a autorización da oferta educativa.

Xa que logo, procede que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estableza o procedemento para a implantación e autorización dos cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas de nivel C nas escolas oficiais de idiomas de Galicia, así como os aspectos relativos á organización, avaliación e certificación destes cursos.

CAPÍTULO I
Obxecto

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto establecer o procedemento para a implantación, avaliación e certificación dos cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas dos niveis C1 e C2 do Consello de Europa, segundo se definen estes niveis no Marco europeo común de referencia para as linguas, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

CAPÍTULO II
Implantación e organización

Artigo 2. Implantación e autorización

1. A implantación dos cursos especializados dos niveis C1 e C2 que se impartan nas escolas oficiais de idiomas de Galicia requirirá a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Para isto, as persoas que exerzan a dirección das escolas oficiais de idiomas, logo de proposta da xefatura dos departamentos didácticos e coa aprobación da comisión de coordinación pedagóxica, remitirán á inspección educativa correspondente a solicitude de autorización, que deberá acompañarse da seguinte documentación:

a) Proposta do departamento didáctico, de acordo co establecido no anexo I desta orde.

b) Certificación da aprobación da proposta por parte da comisión de coordinación pedagóxica.

c) Informe sobre a dispoñibilidade horaria do profesorado que vai impartir o curso.

2. As escolas oficiais de idiomas enviarán á inspección educativa, entre o día 1 e 30 de abril de cada ano, a solicitude de autorización, así como a documentación correspondente, dos cursos de niveis C que desexen implantar no seguinte curso escolar.

3. As solicitudes de autorización dos cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas dos niveis C serán sometidas a informe da inspección educativa, que remitirá á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa un informe en que consten, polo menos, os aspectos seguintes:

a) Inclusión de todos os aspectos requiridos na solicitude.

b) Adecuación da programación didáctica proposta á finalidade dos cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas dos niveis C1 ou C2.

c) Dispoñibilidade horaria do profesorado e dos recursos necesarios para impartir o(s) curso(s) solicitado(s).

4. A continuidade da mesma oferta en cursos posteriores deberá ser solicitada pola escola no prazo establecido no punto 2 deste artigo, e requirirá unicamente a aprobación da inspección educativa.

Artigo 3. Organización dos cursos e horarios

1. Os cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas dos niveis C1 e C2 terán carácter monográfico e organizaranse nun curso académico por nivel, cunha duración de 120 horas lectivas cada un e un número máximo de alumnado de 25 persoas por grupo.

2. Os cursos de niveis C terán unha distribución horaria semanal de carácter flexible, cun mínimo de 4 horas e un máximo de 6 horas á semana, e poderán ser coordinados e impartidos por un/ha ou varios/as profesores/as, de acordo coas características de cada escola oficial de idiomas.

CAPÍTULO III
Acceso, avaliación e certificación

Artigo 4. Requisitos de acceso

1. Poderán acceder aos cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas de nivel C1 aquelas persoas que posúan o certificado de nivel avanzado das ensinanzas de idiomas de réxime especial.

2. Para acceder aos cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas de nivel C2 dun idioma será requisito indispensable posuír a certificación do nivel C1 das ensinanzas de idiomas de réxime especial expedida por unha escola oficial de idiomas ou pola Administración educativa de que dependa.

Artigo 5. Avaliación e certificación

1. Para obter os certificados acreditativos de competencia nos niveis C1 e C2 do idioma correspondente, ao remate dos cursos será necesaria a superación dunha proba de certificación para cada un dos niveis. Estas probas terán as características que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estableza nas convocatorias correspondentes.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá convocar probas de certificación polo réxime libre para a obtención dos certificados dos niveis C1 e C2.

3. A avaliación das probas correspondentes aos niveis C1 e C2 rexeranse polo establecido na Orde do 8 de setembro de 2008, pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas especializadas de idiomas de réxime especial que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. As probas serán avaliadas tomando como referencia os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación recollidos nas correspondentes programacións didácticas.

4. Para garantir a homoxeneidade na certificación dos niveis C recollidos nesta orde, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer os procedementos para a coordinación e validación das probas dos ditos niveis que se consideren necesarios, a través da comisión de validación establecida no artigo 3 da Orde do 19 de abril de 2012 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas especializadas de idiomas de réxime especial que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

5. Os certificados acreditativos de ter superado as probas correspondentes aos niveis C serán expedidos polas escolas oficiais de idiomas, de acordo co modelo que figura no anexo II.

Artigo 6. Permanencia

O límite de permanencia para o alumnado que se matricule nos cursos especializados para o perfeccionamento de idiomas dos niveis C será de dous cursos académicos para cada un dos niveis.

Disposición adicional

Durante o curso 2012-2013 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer un prazo extraordinario para o procedemento de autorización a que se refire o artigo 2 desta orde.

Disposición transitoria

En canto a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria non estableza os currículos para os cursos especializados dos niveis C1 e C2 dos idiomas que se impartan nas escolas oficiais de idiomas de Galicia, tomarase como referencia o establecido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no anexo da Orde EDU/3377/2009, do 7 de decembro (BOE do 16 de decembro).

No caso do idioma galego, tomarase como referencia o establecido no anexo III da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), no relativo ao Celga 4 (C1) e Celga 5 (C2).

Disposición derradeira primeira

Autorízase persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento do disposto na presente orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Proposta do departamento didáctico, que constará de:

1. Denominación do curso.

2. Nivel de referencia (C1 ou C2).

3. Aspectos que xustifican a proposta do curso.

4. Programación didáctica, que debe incluír:

a) Obxectivos.

b) Contidos.

c) Temporalización.

d) Metodoloxía.

e) Criterios de avaliación.

f) Procedementos de avaliación.

g) Recursos didácticos necesarios para o desenvolvemento do curso.

h) Medidas de atención á diversidade do alumnado.

ANEXO II

CERTIFICADO DE NIVEL (1) .…

O/A secretario/a da Escola Oficial de Idiomas de ............................................................,

Considerando que, conforme as disposicións previstas na lexislación vixente, don (dona) ............................................................., nado/a o día .......... de .......................... de ............. en (localidade) ........................................., (provincia) .................................., de nacionalidade ................................................, con (DNI/pasaporte/NIE) nº ..............................................., superou as probas de certificación correspondentes aos estudos de nivel (1) ..... do Marco europeo común de referencia para as linguas do idioma ......................., regulados no Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, e na Orde do 8 de outubro de 2012, na Escola Oficial de Idiomas de ............................., expide ao seu favor o seguinte certificado con carácter oficial, que o/a faculta para exercer os dereitos que ás persoas titulares deste certificado outorgan as disposicións vixentes.

....................................., .... de ................................. de ........

O/A interesado/a O/A secretario/a Visto. e prace

O/A director/a

(1) C1 ou C2