Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 30 de novembro de 2012 Páx. 45197

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

INSTRUCIÓN 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios aplicables para exixir o visado colexial en materia de industria e enerxía.

A Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, pretende eliminar os obstáculos que se opoñen á liberdade de establecemento dos prestadores nos estados membros e á libre circulación de servizos, garantindo, tanto aos destinatarios coma aos prestadores dos servizos, a seguranza xurídica necesaria para o exercicio efectivo das liberdades fundamentais do Tratado constitutivo da Comunidade Europea. A devandita directiva foi trasposta ao ordenamento xurídico español pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, coñecida como «lei paraugas». Esta lei recolle os principios xerais que deben rexer a regulación actual e futura das actividades de servizos.

A adaptación da normativa reguladora do acceso ás actividades de servizos e do seu exercicio aos principios que a devandita lei establece produciuse a través da Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, que harmoniza o ordenamento xurídico español con aquela directiva modificando numerosas normas.

Unha das normas substancialmente modificadas por esta Lei 25/2009 foi a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais e, máis en concreto, o seu artigo 13, sobre visados profesionais, que quedan configurados como un instrumento voluntario. Non obstante, outórgase ao Goberno a potestade de establecer os traballos profesionais que exixirán visado obrigatorio atendendo á necesaria existencia dunha relación de causalidade directa entre o traballo profesional e a afectación da integridade física e da seguranza das persoas, e á acreditación de que o visado é o medio de control máis proporcionado.

En virtude desa remisión normativa, ditouse o Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, sobre visado colexial obrigatorio. Este real decreto ten carácter básico en virtude do artigo 149.1.18ª da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia para ditar as bases do réxime xurídico das administracións públicas, por referirse ao visado, función pública propia dos colexios como corporacións de dereito público e, en virtude do artigo 149.1.13ª, pola especial transcendencia económica que ten o uso deste instrumento no sector dos servizos profesionais.

Nesta norma concrétanse no seu artigo 2 os nove traballos profesionais en que será obrigatorio o visado colexial como excepción á liberdade de escolla do cliente. Así mesmo, o artigo 3 establece o visado único, aínda que o traballo se desenvolva en traballos parciais, por un só colexio profesional que deberá ser o competente na materia principal do traballo de acordo co previsto no artigo 5.

Non obstante a aparente claridade do marco normativo exposto atendendo á literalidade da norma, a raíz das diversas consultas recibidas, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas considera conveniente establecer unha serie de directrices tendentes a coordinar nas catro xefaturas territoriais a aplicación práctica do Real decreto 1000/2010, en materia de industria.

Por todo iso, esta dirección xeral dita a seguinte instrución que, aínda que de acordo co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria, a favor dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguranza xurídica, se considera conveniente a súa publicación para que todos os interesados poidan coñecer os criterios que seguirá a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas nesta materia.

INSTRUCIÓN

Primeiro. Supostos de visado obrigatorio en materia de industria e enerxía

Aos traballos profesionais que se presenten nos procedementos administrativos en materia de industria e enerxía cuxa tramitación corresponda á Consellería de Economía e Industria só se lles exixirá visado colexial obrigatorio nos supostos determinados no artigo 2 do Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, que, en concreto e en relación ao que a esta instrución se refire, son:

Proxectos de execución e certificados de final de obra de edificacións cuxo uso principal sexa industrial ou enerxético.

Para os efectos do disposto no real decreto de visados, entenderase por edificación o proceso de construír aqueles edificios regulados pola Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación (LOE), os cales deben reunir todos os requisitos e garantías establecidos na lei.

As obras sobre as cales existe obrigatoriedade de visado do proxecto de execución e do certificado de final de obra de edificación, mencionadas no artigo 2 do real decreto sobre visados, en relación coa LOE, son:

– Obras de edificación de nova construción, agás as de escasa entidade construtiva que non teñan carácter residencial.

– Obras de reforma substancial que alteren a configuración arquitectónica dos edificios ou teñan por obxecto cambiar os usos característicos do edificio.

– Intervencións que afecten a edificacións catalogadas ou protexidas nos termos previstos no artigo 2.2) da LOE.

O visado sobre o proxecto de execución só se exixirá para os contidos establecidos no anexo I do Real decreto 314/2006, polo que se aproba o código técnico da edificación.

Segundo. Declaración responsable

Os proxecto técnicos, os certificados de posta en marcha ou finais de obra de establecementos industriais que non son obxecto de visado obrigatorio, cando se presenten sen visar deberán acompañarse da declaración responsable dun técnico competente, axustada ao modelo que figura nos anexos e subscrita polo técnico titulado que os asina.

Santiago de Compostela, 15 de noviembre de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO I
Modelo de declaración responsable do técnico competente proxectista

D/Dª ......................................................................................., con DNI .................................
e domicilio na rúa ..................................................................................................... nº.........,
na localidade de ...................................................................................................................,
con código postal ........................, provincia de ……......................................................……,
con titulación .........................................................................................................................,
especialidade .........................................................................................................................
e pertencente ao colexio profesional .....................................................................................,
con número de colexiado …..............................................................................................…..

Declaro baixo a miña responsabilidade que:

1. Posúo a titulación indicada anteriormente.

2. De acordo coas atribucións profesionais desta titulación, teño competencia para a redacción e sinatura do proxecto técnico denominado: ......................................................................................................................................................................................................

3. Non estou inhabilitado nin administrativa nin xudicialmente para a redacción e sinatura do devandito proxecto.

4. Tiven en conta a normativa vixente de aplicación no proxecto indicado no número 2.

5. O proxecto non se encontra recollido no artigo 2 del Real decreto 1000/2010.

E para que conste e produza os efectos oportunos, expídese e asina esta declaración responsable da veracidade dos datos e información anteriores.

En ...................................................., ......... de .................................. de 20......

Asdo.: .....................................................

ANEXO II
Modelo de declaración responsable do técnico competente
director da execución de traballos/obras

D/Dª ......................................................................................., con DNI .................................
e domicilio na rúa ..................................................................................................... nº.........,
na localidade de ...................................................................................................................,
con código postal ........................, provincia de ……......................................................……,
con titulación .........................................................................................................................,
especialidade .........................................................................................................................
e pertencente ao colexio profesional .....................................................................................,
con número de colexiado .......................................................................................................