Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 30 de novembro de 2012 Páx. 45195

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

INSTRUCIÓN 4/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre a tramitación de documentos e proxectos visados polos colexios profesionais.

O artigo 13 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, engadido pola Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, regula o contido do visado e configúrao como un instrumento voluntario, aínda que outorga ao Goberno do Estado a potestade de establecer os traballos profesionais que exixirán o visado obrigatorio atendendo á necesaria exixencia dunha relación de causalidade directa entre o traballo profesional e a afectación á integridade física das persoas, e a acreditación de que o visado é o medio de control máis proporcionado.

De acordo coa habilitación legal prevista nas leis 25/2009, do 22 de decembro, e 2/1974, do 13 de febreiro, e en cumprimento do previsto no citado artigo 13 desta lei, desenvolveuse o Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, sobre o visado colexial obrigatorio, no que se determinan os traballos profesionais que, por quedar acreditada a súa necesidade e proporcionalidade entre outras alternativas posibles, obrigatoriamente deben obter o visado colexial, como excepción á liberdade de escolla do cliente.

Por outra parte, os cidadáns teñen, en relación coa utilización dos medios electrónicos na actividade administrativa, o dereito á utilización doutros sistemas de sinatura electrónica admitidos no ámbito das administracións públicas, de conformidade co disposto na alínea h) do artigo 6.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Por todo o exposto, co obxecto de favorecer a transparencia, a seguridade xurídica e a axilidade na tramitación, e tendo en conta que o artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, establece que as instrucións emitidas polos órganos da Administración xeral de Galicia e polas entidades instrumentais públicas non se consideran en ningún caso disposicións ditadas no exercicio da potestade regulamentaria, e o establecido no artigo 21 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, esta dirección xeral dita a seguinte instrución para que todo os interesados poidan coñecer os criterios que seguirá a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas nesta materia.

INSTRUCIÓN

Primeiro. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria e as unidades administrativas delas dependentes admitirán o visado electrónico que os colexios profesionais teñan habilitado para o visado de documentos e proxectos.

Segundo. De producirse algunha dificultade ou incidencia, a xefatura territorial correspondente comunicarao de inmediato a este centro directivo co fin de darlle solución, completando ou modificando no que for necesario a operativa empregada.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas