Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 19 de marzo de 2013 Páx. 8282

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2013, do Consello Reitor da Agadic, pola que se modifica a Resolución do 28 de febreiro de 2011 pola que se establecen as normas de funcionamento das programacións incluídas na Rede galega de teatros e auditorios.

Na reunión do Comité Técnico regulado no artigo 3 da Resolución do 21 de novembro de 2006 pola que se regula a estrutura, a organización e o funcionamento da Rede galega de teatros e auditorios, do día 25 de febreiro de 2013, acordouse propor a modificación das normas de funcionamento das programacións incluídas na Rede galega de teatros e auditorios, acordo que foi elevado ao Consello Reitor da Agadic para a súa aprobación. Na reunión do 6 de marzo de 2013, o Consello Reitor aproba a modificación da Resolución do 28 de febreiro de 2011 pola que se establecen as normas de funcionamento das programacións incluídas na Rede galega de teatros e auditorios, publicada no DOG do 8 de abril de 2011.

Artigo 1. Modifícase o artigo segundo da Resolución do 28 de febreiro de 2011, que quedaría coa seguinte redacción:

«Artigo segundo. Períodos de programación

As programacións da Rede galega de teatros e auditorios estruturaranse en dous períodos de programación, que comprenderán os meses de abril a agosto, o primeiro, e de setembro a decembro, o segundo».

Artigo 2. Modifícase o artigo terceiro da Resolución do 28 de febreiro de 2011, que queda redactado como segue:

«Artigo terceiro. Programacións ofertadas na RGTA

En cada un dos períodos de programación a Agadic poderá ofertar todas ou ben algunha das programacións seguintes:

Programación de adultos (PA) que inclúe artes escénicas, música e maxia para adultos.

Programación infantil (PI) que inclúe artes escénicas, música e maxia para público infantil.

Os teatros e auditorios na actualidade integrantes da RGTA poderán participar nas diferentes programacións e períodos de programación consonte as súas preferencias».

Artigo 3. Modifícase o artigo cuarto da Resolución do 28 de febreiro de 2011, que queda redactado como segue:

«Artigo cuarto. Contratación

Os espazos escénicos das entidades integrantes da RGTA, de conformidade co disposto nos artigos anteriores, deberán cumprir cos requisitos que se establecen a continuación:

1. As entidades titulares de teatros, auditorios e demais espazos escénicos deberán realizar as súas propostas de programación sobre a base dos catálogos de espectáculos habilitados pola Agadic para cada programación, e deben ter liquidadas e satisfeitas, en todo caso, as obrigas contraídas coas compañías programadas durante o mesmo semestre do ano inmediatamente anterior. As propostas de programación detallarán as datas e horarios de exhibición dos espectáculos. Non se admitirán funcións en horario escolar, agás no caso de segundas e terceiras funcións.

2. No caso de teatros e auditorios de titularidade pública, o 75 % da programación deberá corresponder a espectáculos de empresas galegas. No caso de teatros e auditorios de titularidade privada, o 100 % da programación deberá corresponder a espectáculos de empresas galegas.

3. Os espazos non poderán incluír ningunha actividade da Rede noutro tipo de programacións (premios, cursos, concursos, encontros, festivais, festas patronais etc.) sen o consentimento explícito e por escrito da Agadic, co fin de non desprazar o obxectivo de acrecentar e fomentar programacións estables nos concellos e entidades xestoras de espazos escénicos, ou de atrasar ou menoscabar o traballo dos actuantes do circuíto, ou de crear confusión entre as institucións integrantes da Rede e aqueloutras institucións ou entidades que participen na/s actividade/s mencionada/s anteriormente.

4. Os espectáculos de compañías con sede na comunidade autónoma poderán entrar a formar parte das programacións, sempre que obteñan como mínimo unha contratación por parte dos espazos que forman parte da Rede. Con respecto ás compañías de fóra da comunidade, deberán acadar un mínimo de dúas contratacións para poder facer efectiva a súa contratación. Quedan exentos do cumprimento deste mínimo os espectáculos de danza e música».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2013

Jesús Vázquez Abad
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais