Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 20 de marzo de 2013 Páx. 8419

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 19 de marzo de 2013 pola que se establecen as condicións de dúas emisións de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 25 millóns de euros e de 30 millóns de euros, respectivamente.

Con base no artigo 40 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado.

Así mesmo, no artigo 33 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a Comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal lle corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes no fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta de Galicia, regulada polos decretos 227/2012, do 2 de xaneiro, e 235/2012, do 5 de decembro.

Mediante acordos do Consello de Ministros do 18 de xaneiro e 1 de marzo de 2013 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1

Autorízase unha emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia (o emisor) por un importe nominal de 25 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións sénior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia (as obrigacións), representadas mediante anotacións en conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que se autoriza terá as características que se detallan a seguir:

Importe nominal da emisión: vinte e cinco (25) millóns de euros.

Data de emisión e desembolso: 20 de marzo de 2013.

Data de vencemento: 1 de xullo de 2019, con suxeición á convención de día hábil seguinte non axustado (following unadjusted).

Prezo de emisión por obrigación: 99,616 % do importe nominal de cada obrigación, libre de gastos para o subscritor.

Importe nominal de cada obrigación: mil (1.000) euros.

Entidade colocadora: Banco Santander, S.A.

Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España consonte os procedementos que este ten establecidos para os membros do mercado de débeda pública en anotacións.

Cupón: as obrigacións devindicarán e o emisor pagará un cupón por períodos de xuro vencidos, de acordo coas seguintes regras:

(i) O primeiro período de xuro iniciarase na data de emisión e desembolso e finalizará o 1 de xullo de 2014.

(ii) Os seguintes períodos de xuros serán anuais e pagarase o cupón o día 1 de cada mes de xullo, a partir do 1 de xullo de 2015 e ata a data de vencemento.

(iii) Cada período de devindicación de cupóns vai desde unha data de pagamento de cupóns (inclusive) á seguinte (excluída), no entendemento de que o primeiro período de devindicación de cupóns comezará na data de emisión e desembolso e o último finalizará na data de vencemento.

Convención de día hábil: cando calquera data de pagamento teña a consideración de inhábil no sistema Target2, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigacións efectuarase no día hábil seguinte segundo o calendario do dito sistema.

O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia dese posible atraso.

Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España o que xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño.

Cotización: as obrigacións estarán representadas mediante anotacións en conta e inscritas na Sociedad de Gestión de los Sistemas de Registro, Compensación y Liquidación de Valores, S.A. (Iberclear) e solicitarase a súa admisión a negociación no mercado de débeda pública en anotacións na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, y nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización das obrigacións: as obrigacións serán amortizadas na súa totalidade á par (100 % do importe nominal de cada obrigación) na data de vencemento, o 1 de xullo de 2019.

Tipo de xuro: o tipo de xuro será o 4,875 % nominal anual.

Os xuros calcularanse sobre a base de cálculo Act/Act, sen axuste ningún de cada período de devindicación de cupóns como resultado da convención de día hábil. Para tales efectos, Act/Act ten o significado que se lle asigna nas definicións ISDA 2006 publicadas pola International Swaps and Derivatives Association.

Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda realizaraos o Banco de España, de acordo co establecido no Convenio marco, do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.

Lei aplicable: as obrigacións e todas as cuestións que deriven ou garden relación coas obrigacións rexeranse e interpretaranse de conformidade coas leis españolas.

Xurisdición: os tribunais da cidade de Santiago de Compostela teñen xurisdición exclusiva para resolver calquera disputa que xurda ou estea relacionada coas obrigacións.

Artigo 2

Autorízase un novo tramo (tramo 2), por un importe nominal de 30 millóns de euros, da emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia que, baixo a forma de obrigacións sénior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia, foi emitida o 30 de xaneiro de 2013, ao tipo de xuro do 5,763 % e amortización dunha única vez á par (100 % do importe nominal de cada obrigación), na data de vencemento, o 3 de abril de 2017 (código ISIN ES0001352469).

As datas de amortización e vencemento de cupóns, así como o tipo de xuro nominal anual e demais condicións deste novo tramo da emisión de débeda pública que autoriza esta orde, serán as mesmas que se estableceron no artigo 1 da Orde do 29 de xaneiro de 2013 pola que se establecen as condicións de dúas emisións de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 500 millóns de euros y de 300 millóns de euros, respectivamente (Diario Oficial de Galicia núm. 21, do 30 de xaneiro de 2013), coas seguintes excepcións:

Importe nominal da emisión: trinta (30) millóns de euros.

Data de emisión e desembolso do novo tramo: 20 de marzo de 2013. Os valores que se emitan agregaranse á emisión anteriormente sinalada, tendo a consideración de ampliación daquela, coa cal se xestionarán como una única emisión a partir da súa posta en circulación.

Cupón corrido: 0,77366 % sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión excluíndo o cupón corrido: 105,342 % sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión incluíndo o cupón corrido: 106,11566 % sobre o importe nominal da emisión, libre de gastos para o subscritor.

Entidade colocadora: Banco Santander, S.A.

Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España consonte os procedementos que este ten establecidos para os membros do mercado de débeda pública en anotacións.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda