Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 20 de marzo de 2013 Páx. 8415

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 5 de marzo de 2013 pola que se nomean os vogais do Consello Galego de Industria.

En desenvolvemento da autorización contida no artigo 10 da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, créase o Consello Galego de Industria como órgano colexiado no cal participan organizacións representativas de intereses sociais. O dito consello, adscrito á Consellería de Economía e Industria, constitúe o ámbito de intervención dos axentes públicos e privados implicados na planificación e na execución da política industrial de Galicia e ten como fin permitir a cooperación e a colaboración entre eles, sendo o seu obxectivo esencial posibilitar a axeitada comunicación e transmisión de información entre os membros para acadar, mediante un proceso construtivo de diálogo e de deliberación, a formulación de propostas, informes e estudos tendentes a lograr unha mellor e máis acaída planificación e execución da política industrial galega.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira da Lei 13/2011, a dirección xeral competente en materia de industria ten a obriga de elaborar un anteproxecto de Plan director da industria de Galicia sobre o cal, de acordo coas funcións do Consello Galego de Industria recollidas no artigo 13 da dita lei, este debe emitir informe. Esta é a razón pola que se constitúe o Consello antes da aprobación do desenvolvemento regulamentario da lei.

Mentres non sexa aprobado o desenvolvemento regulamentario da Lei 13/2011, o Consello Galego de Industria rexerase polo disposto nesta lei e polo Regulamento de réxime interior, que debe ser aprobado unha vez estea constituído formalmente este. Para o non previsto na lei e no Regulamento de réxime interior sobre o funcionamento do Consello, será de aplicación supletoria o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga).

A constitución efectiva do Consello Galego de Industria como órgano colexiado cuxa presidencia lle corresponde ao conselleiro de Economía e Industria producirase coa realización da primeira sesión constitutiva.

O artigo 15 da Lei 13/2011, reguladora da política industrial de Galicia, prevé que integrarán o Consello Galego de Industria as seguintes persoas: na súa Presidencia, a persoa titular da consellería competente en materia de industria; na Vicepresidencia, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de industria, e nas vogalías, tres persoas, coa categoría de director xeral, propostas pola consellería competente en materia de industria; tres persoas, coa categoría de director xeral, propostas polas consellerías con competencias vinculadas á actividade industrial; tres persoas propostas polas organizacións sindicais máis representativas de Galicia, tres persoas propostas polas organizacións empresariais máis representativas de Galicia e tres persoas propostas do seguinte xeito: unha, polas entidades locais galegas a través da súa entidade asociativa máis representativa; unha, polos colexios profesionais que disciplinen profesións vinculadas ao ámbito industrial a través da súa entidade asociativa máis representativa, e unha última, polas institucións, públicas ou privadas, relacionadas co estudo e coa análise das políticas industriais. O nomeamento destes vogais correspóndelle á persoa titular da Consellería de Economía e Industria.

Con base nas circunstancias anteriores, unha vez feitas as correspondentes propostas por cada consellería e polas distintas organizacións, cómpre facer o nomeamento dos vogais do Consello Galego de Industria que, para xeral coñecemento, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Nomear vogais do Consello Galego de Industria as seguintes persoas:

En representación da consellería competente en materia de industria:

– Vogal titular: Manuel Antonio Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación.

– Vogal titular: Sol María Vázquez Abeal, directora xeral de Comercio.

– Vogal titular: Javier Aguilera Navarro, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

En representación das consellerías con competencias vinculadas á actividade industrial:

– Vogal titular: Juan Carlos Maneiro Cadillo, secretario xeral do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar.

– Vogal titular: Mª Encarnación Rivas Díaz, secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

– Vogal titular: Odilo Martiñá Rodríguez, director xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.

En representación das organizacións sindicais máis representativas de Galicia:

– Vogal titular: José Carlos Rodríguez del Río, de Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT).

– Vogal titular: Nicolás Pato Pérez, do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC.OO.).

– Vogal titular: Antonio López Rivera, da Confederación Intersindical Galega (CIG).

En representación das organizacións empresariais máis representativas de Galicia:

– Vogal titular: Pablo Fernández Castro, da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

– Vogal titular: Isidro Silveira Rey, da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

– Vogal titular: Juan Antonio LLoves Guntín, da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

En representación das entidades locais galegas, dos colexios profesionais que disciplinan profesións vinculadas ao ámbito industrial e das institucións, públicas ou privadas, relacionadas co estudo e coa análise das políticas industriais.

– Vogal titular: José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

– Vogal titular: Antonio Macho Senra, decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia e secretario xeral da Unión Profesional de Galicia.

– Vogal titular: Ángel Tarrío Tobar, subdirector xeral de Síntese, Análise e Difusión do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2013

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria