Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 20 de marzo de 2013 Páx. 8445

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2013 pola que se convoca o Curso monográfico sobre os retos e as perspectivas do emprego público nun contexto de crise.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2013, e de acordo coas funcións previstas na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase o Curso monográfico sobre os retos e as perspectivas do emprego público nun contexto de crise consonte as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O presente curso diríxese a analizar a incidencia sobre a Función pública das medidas que se están a adoptar en España como resposta á crise na que estamos inmersos, e isto non só desde unha perspectiva estritamente económica ou de recorte do gasto público, senón tamén desde un punto de vista estrutural. Nesta liña, algúns dos máis prestixiosos especialistas na materia tentarán suscitar o debate para albiscar que función pública sairá desta crise e, polo tanto, para dar resposta a preguntas claves nas circunstancias actuais como se hai demasiados funcionarios, se é lexítimo o recorte dos seus soldos ou se o seu rendemento é susceptible de control.

Segunda. Contidos

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A organización e o réxime do emprego público á luz da Constitución e da xurisprudencia constitucional.

– A estruturación do emprego público e a dualidade dos réximes do persoal ao servizo das administracións públicas, con especial referencia ao persoal directivo.

– ¿É necesario outro modelo de emprego público?

– O impacto sobre o emprego público da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral.

– A carreira administrativa: a provisión de postos de traballo e a promoción profesional. A avaliación do desempeño dos empregados públicos.

– Da función pública en tempos de crise á crise da función pública.

– O Estatuto básico do empregado público: análise e valoración dos seus resultados prácticos.

– Os axustes e as reformas no emprego público: a situación actual e as perspectivas.

– ¿É posible desenvolver o Estatuto básico do empregado público en tempos de crise?

Terceira. Destinatarios

O persoal ao servizo das administracións galegas, os profesionais, os universitarios e, en xeral, as persoas interesadas en coñecer o réxime da función pública e mais os retos aos que se enfronta nas circunstancias actuais.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Datas e horario:

3, 4 e 5 de abril de 2013.

3 de abril: das 16.30 ás 19.30 horas.

4 de abril: das 10.00 ás 14.15 e das 17.00 ás 19.30 horas.

5 de abril: das 9.30 ás 14.00 horas.

Duración: 15 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

O limitado pola capacidade do local.

Sexta. Solicitudes

As solicitudes irán dirixidas á directora da Escola Galega de Administración Pública (Polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no Rexistro Xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas as inscricións enviadas por fax ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico ao enderezo novas.egap@xunta.es

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41 e 881 99 70 14.

Sétima. Prazo

O prazo de presentación das solicitudes finalizará o martes 2 de abril de 2013.

Oitava. Modificacións

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Novena. Certificado de asistencia

Ao final do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización deste curso.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

FOLLA DE INSCRICIÓN

1. SOLICITANTE

Apelidos Nome DNI

2. DATOS PROFESIONAIS

Posto de traballo/profesión Corpo, subgrupo ou escala (1) Nivel (2)

Entidade na que presta servizos (3):

Enderezo do posto de traballo: Rúa Nº Localidade Provincia CP Tel.

Correo electrónico:

3. ACTIVIDADE SOLICITADA

Solicita asistir ao Curso monográfico sobre os retos e as perspectivas do emprego público nun contexto de crise que se desenvolverá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) os días 3 (pola tarde), 4 (pola maña e pola tarde) e 5 (pola mañá) de abril de 2013.

Sinatura,

.................................................., ......... de....................................... de 2013

Os datos de carácter persoal contidos neste impreso poderán ser incluídos nun ficheiro para o seu tratamento por este órgano administrativo, como titular responsable do mesmo, no uso das funcións propias que ten atribuídas e no ámbito das súas competencias. Así mesmo, infórmase da posibilidade de exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, todo isto de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE do 14).

(1, 2 e 3): cubrir só no caso de ser funcionario ou funcionaria.

Directora da EGAP. Polígono das Fontiñas, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)