Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 22 de marzo de 2013 Páx. 8732

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2013 pola que se fai pública a convocatoria para a autorización dos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia para a participación no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE.

A Orde do 12 de maio de 2011, DOG do 20 de maio, establece as bases reguladoras do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na sección terceira da citada orde descríbese o procedemento de autorización dos centros: solicitude, documentación, lugar e prazo de presentación.

Ademais, na disposición derradeira primeira, autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde no seu ámbito competencial.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2013/14 de autorización da impartición do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Solicitude, documentación, lugar e prazo de presentación

1. Para participar no programa os centros educativos deberán presentar a súa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I da Orde do 12 de maio de 2011, DOG do 20 de maio, e que tamén se pode descargar no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria antes do 10 de xuño de 2013, indicando as modalidades que pretenden ofertar de entre as que se sinalan no artigo 2 da citada orde, así como o número de alumnado preinscrito por modalidade e idioma.

2. Xunto coa solicitude deberán achegar certificación da aprobación da solicitude por parte do consello escolar do centro e de que o profesorado que vai impartir a docencia ten destino definitivo no centro.

3. A xefatura territorial remitirá, antes do 30 de xuño de 2013, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a documentación recibida acompañada dos informes dos servizos provinciais de inspección educativa en que se fará constar a dispoñibilidade horaria do profesorado que vai impartir a modalidade.

Artigo 3. Avaliación e certificación

1. O profesorado responsable desta formación realizará probas ao remate do curso correspondente a cada modalidade.

2. A superación das devanditas probas suporá a expedición por parte do centro de dous tipos de certificación:

a) Certificado do nivel básico A1 de competencia no CUALE A1.

b) Certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas, no resto das modalidades.

3. Para a avaliación positiva do curso será preciso ter unha cualificación igual ou maior de 5, sobre 10, nas probas de aproveitamento.

4. No caso de non ter avaliación positiva no curso, o alumnado poderá inscribirse na mesma modalidade por segunda e última vez.

Artigo 4. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2013

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa