Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 30 de abril de 2013 Páx. 13523

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de abril de 2013 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2012/13.

A Orde EDU/2058/2010, do 13 de xullo de 2010 (BOE do 29 de xullo) pola que se regulan os premios nacionais de bacharelato establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece os requisitos e o procedemento para a súa concesión.

No artigo 4.1 a citada orde determina que as administracións educativas competentes poderán convocar e conceder premios extraordinarios de bacharelato nos seus respectivos ámbitos de competencias.

En consecuencia, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de bacharelato para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato no curso 2012-2013 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder un máximo de 20 premios extraordinarios.

2. Cada premio estará dotado con 1.000 €, con cargo á partida orzamentaria 09.50.423A. 480.1 do ano 2013 cunha dotación global de 20.000 €.

3. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de bacharelato.

4. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais da contía económica, un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico, anotaralle nel a distinción.

5. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

6. O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2013-2014.

Artigo 3. Requisitos de participación

1. Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2012-2013 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso.

b) Ter obtido unha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos.

2. Para obter a nota media computaranse exclusivamente as cualificacións obtidas nas materias comúns, propias de modalidade e optativas dos dous cursos de bacharelato. Non computará na obtención da nota media a cualificación da materia de relixión, tendo en conta o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 126/2008, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A cualificación será a media aritmética das cualificacións do conxunto de materias a que se refire o punto anterior, expresada con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

4. O solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, polos representantes legais dos solicitantes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 7 de xuño de 2013 e non será inferior a un mes contado desde o seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

A solicitude está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.es, para a súa presentación electrónica. Para a presentación na sede electrónica admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica da persoa solicitante ou representante legal aceptado pola sede.

Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED311A que se publica como anexo I a esta orde, deberá ser cuberto en todos os seus campos.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude en formato papel unha vez cuberto o formulario dispoñible na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, ou na aplicación informática que xestiona os ditos premios https://www.edu.xunta.es/premiosbac. Este formulario deberá ser cuberto en todos os seus campos sen engadir, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

Neste caso o/a solicitante pode escoller entre:

1. Presentar a solicitude na secretaría do centro público de educación no que se atope o seu expediente académico para que o centro a tramite.

2. Presentar directamente toda a documentación requirida no artigo 5 desta orde no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no devandito artigo. No caso que se presente na oficina de Correos, farase en sobre aberto co fin de que o impreso de solicitude poida ser datado e selado antes da súa certificación.

Artigo 5. Documentación

Para formalizar a inscrición deberase presentar, tal como se indica no artigo anterior, a seguinte documentación:

1. Folla de inscrición cuberta segundo o modelo do anexo desta orde.

2. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de bacharelato recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media á que se refire o artigo 3.2, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público no que se atope o expediente académico.

3. Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado, na aplicación informática:

https://www.edu.xunta.es/premiosbac, por parte da dirección do centro público no que está o expediente académico.

Artigo 6. Procedemento dos centros educativos

1. Os centros públicos de educación proporcionarán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou ao alumnado que opte por presentar directamente toda a documentación requirida, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de bacharelato recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media a que se refire o artigo 3.2, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público no que se atope o expediente académico.

b) Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado, na aplicación informática:

https://www.edu.xunta.es/premiosbac, por parte da dirección do centro público no que está o expediente académico.

2. Se o alumnado opta pola opción de presentar a solicitude no centro público onde está o seu expediente académico serán os centros públicos de educación os que remitirán toda a documentación do alumnado durante o prazo de presentación das solicitudes, ou máximo nos tres días posteriores, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 7. Emenda e mellora da solicitude

A relación de admitidos/as e excluídos/as farase pública nos dez días naturais posteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na aplicación informática que xestiona os ditos premios https://www.edu.xunta.es/premiosbac

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos e excluídos, os interesados disporán dun prazo de 10 días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, considerarase como desistido da súa petición, arquivándose esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da citada Lei 30/1992.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos, no portal educativo https://www.edu.xunta.es, será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 8. Realización da proba para a obtención do premio

1. O alumnado deberá realizar unha proba que se estruturará en dúas partes:

1.1. Primeira parte, que se desenvolverá en dúas horas:

1.1.1. Análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario.

1.1.2. Resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada polo alumnado como materia común de bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario no idioma correspondente.

1.2. Segunda parte, que se desenvolverá nunha hora:

1.2.1. Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia propia da modalidade e cursada polo alumnado a elixir entre as seguintes: bioloxía, debuxo artístico II, física, historia da arte, historia da música e da danza, latín II, literatura universal, matemáticas II, matemáticas aplicadas ás ciencias sociais II, química, técnicas de expresión gráfico-plástica e xeografía.

1.2.2. O alumnado que finalice as ensinanzas profesionais de música e danza e obtivese o título de bacharelato despois de superar as materias comúns do bacharelato, de acordo co establecido no artigo 50.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, desenvolverán temas, respostas e cuestións e/ou exercicios prácticos da materia de historia da música e da danza.

2. Os exercicios da proba cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal.

3. A puntuación total será a suma de cada unha das cualificacións obtidas. Para aspirar ao premio extraordinario, o alumnado deberá obter como mínimo cinco puntos en cada unha das materias da proba e 21 puntos ou máis na cualificación total.

4. Posto que o número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, en caso de empate darase preferencia, en primeiro lugar, á mellor nota media a que fai referencia o artigo 3.2, despois á cualificación da primeira parte da proba e, finalmente, á cualificación da segunda parte da proba. De persistir o empate o tribunal procederá a realizar un sorteo.

5. As probas realizaranse nos lugares e datas que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web https://www.edu.xunta.es/premiosbac

Artigo 9. Tribunal

1. O tribunal encargado de elaborar, supervisar e avaliar as probas estará presidido pola persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa na que delegue. Ademais do/da presidente/a estará constituído pola persoa responsable do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, por especialistas nas distintas materias procedentes dos corpos de inspectores de educación e/ou do corpo de catedráticos e/ou do corpo de profesorado de ensino secundario, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. Para efectos de colaboración no disposto no parágrafo anterior poderanse constituír comisións delegadas integradas por membros do tribunal e outros/as especialistas nas distintas materias que compoñen as probas.

3. O tribunal fará públicas as cualificacións obtidas polos candidatos e candidatas a través do portal educativo da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.es e na páxina web https://www.edu.xunta.es/premiosbac

4. O alumnado examinado, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderán presentar reclamación por escrito contra a cualificación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación, mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do tribunal, presentándoa no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano de Santiago de Compostela ou en calquera das dependencias ás que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo. No caso de que se opte por presentar a reclamación ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que esta sexa datada e selada antes de ser certificada e remitida ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo, San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela. Poderase adiantar o envío ao fax 981 54 65 50 ou por correo electrónico ao enderezo sacse@edu.xunta.es

a) As probas sobre as que se solicitase esta reclamación serán revisadas por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

b) A cualificación final resultará da media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións. No suposto de que existise unha diferenza de 2 ou máis puntos entre as dúas cualificacións, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección. A cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións.

5. A percepción de asistencias deste tribunal aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, modificado polos decretos 144/2008, do 26 de xuño e 96/2011, do 5 de maio.

Artigo 10. Resolución

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios.

2. A acta quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e serán remitidas copias da proposta definitiva á Secretaría Xeral de Universidades, aos reitorados das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, ás xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e á Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

3. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, elevará a proposta feita polo tribunal ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición.

Artigo 11. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde a súa publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Obriga dos/das gañadores/as

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado premiado indicará a titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos e presentará unha declaración responsable acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta na que se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos do artigo 37.1 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable recollida no artigo 3.4 desta orde. De transcorrer máis de 6 meses desde a presentación da declaración incluída no anexo desta orde, o beneficiario ten a obriga de achegar novamente unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 13. Información aos/ás interesados/as

Ademais da información recollida no Diario Oficial de Galicia, o alumnado poderá informarse do proceso e facer consultas no portal educativo https://www.edu.xunta.es, na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosbac e na Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 14. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Transparencia das prácticas da Administración

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file