Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 30 de abril de 2013 Páx. 13505

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de abril de 2013 pola que se regulan as bases para a concesión das estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

O artigo 1.1 da Constitución española establece a igualdade como un valor superior do ordeamento xurídico. O artigo 9.2 formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que a fagan efectiva e prohibe no artigo 14 expresamente calquera discriminación por razón de sexo.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 4 que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas e remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude.

A Secretaría Xeral da Igualdade é órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia adscrito á Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o disposto no artigo 1.a).1 do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

O Programa de estadías de tempo libre está dirixido a mulleres soas que teñen ao seu cargo en exclusiva os seus fillos e fillas e/ou menores en acollida, en moitos casos mulleres que son vítimas da violencia de xénero, e a súa finalidade é facilitarlles o desfrute dun tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer.

A través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de selección das beneficiarias das prazas deste programa de estadías de tempo libre e procédese á súa convocatoria para o ano 2013.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, réxime e convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que se inclúen como anexo, que rexerán a concesión en réxime de concorrencia competitiva de estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas estadías para o ano 2013.

Artigo 2. Prazas

Convócanse ata un máximo de 95 prazas para mulleres con fillas/os menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Duración

As estadías terán unha duración de entre sete e dez días, en réxime de pensión completa, e desenvolveranse preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro.

Artigo 4. Condicións económicas

Os gastos de aloxamento, en réxime de pensión completa, traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia, equipo de monitoras/es e actividades complementarias serán gratuítos para as persoas beneficiarias, e serán por conta da Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes formalizaranse segundo o modelo do anexo I desta orde asinadas pola persoa solicitante. O formulario da solicitude, así como os demais formularios normalizados referidos nas bases reguladoras e que figuran como anexos desta orde, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade: http://www.mulleresengalicia.es

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no Rexistro da Secretaría Xeral da Igualdade, sito no Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador dun rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que se optase por presentar a solicitude ou calquera outra documentación que se achegue nas distintas fases do procedemento ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que sexa selada e datada pola oficina antes de ser certificada, segundo o establecido no Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se regula a prestación de servizos postais.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI447A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da Guía de procedementos e servizos no enderezo: https//sede.xunta.es; na web da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, no teléfono: 981 95 76 99, no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.es; ou nas delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 7. Adquisición dos servizos obxecto da axuda

A adquisición dos servizos que constitúen o obxecto desta axuda realízase mediante contratación, cun gasto de importe máximo total de 48.000,00 euros (IVE incluído), con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313D.227.99 (cód. proxecto 2013 00185). A presente axuda ten por tanto a consideración de subvención en especie, e para estes efectos procederase á contratación dos servizos precisos para facela efectiva, por medio dun procedemento público de contratación, en cuxos pregos de cláusulas se preverán as instrucións, normas e especificacións que rexerán a dita contratación e posibilitan o desenvolvemento do programa.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza na secretaria xeral da Igualdade para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de aplicación.

Disposición derradeira primeira

Quedan sen efecto as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas, aprobadas pola Resolución do 11 de abril de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG nº 72, do 16 de abril).

Disposición derradeira segunda

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto destas bases é regular o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, para a participación no Programa de estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.

2. A súa finalidade é facilitarlles ás mulleres que teñan fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida exclusivamente ao seu cargo, un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer.

Artigo 2. Requisitos

1. Poderán solicitar as prazas obxecto desta convocatoria as mulleres que reúnan os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

a) Ter fillas/os e/ou menores en acollida exclusivamente ao seu cargo con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos.

b) Non convivir con parella afectiva.

c) Estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso de mulleres estranxeiras ter, ademais, permiso de residencia ou tarxeta de réxime comunitario, segundo o caso.

d) Dispoñer dunha renda mensual que, tendo en conta todos os ingresos do conxunto da unidade familiar, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o salario mínimo interprofesional vixente (SMI), excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Para os efectos desta orde entenderase por unidade familiar a composta pola solicitante e as súas fillas e fillos e/ou menores en acollida que estean ao seu cargo exclusivo e que convivan con ela.

Consideraranse rendas e ingresos computables os bens, dereitos e rendementos derivados do traballo, do capital mobiliario e inmobiliario, incluíndo os incrementos do patrimonio, das actividades económicas e os de naturaleza prestacional, agás as asignacións económicas da Seguridade Social por filla/o e/ou menor acollida/o a cargo. Tamén se considerarán os rendementos que se poidan deducir do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o cincuenta por cento do tipo do xuro legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola solicitante e dos bens cuxas rendas sexan computadas. Non se terán en conta os membros da unidade familiar con rendas de calquera natureza superiores ao salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

As rendas que non procedan do traballo e se perciban con periodicidade superior ao mes computaranse, para estes efectos, rateándose mensualmente.

e) Non padecer ela, nin as/os fillas/os e/ou menores en acollida que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.

2. Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, ao seu cargo, sempre que estas/es teñan idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, ambos inclusive, na data de presentación da solicitude.

Artigo 3. Criterios de valoración

1. Para a adxudicación das prazas aplicaranse os seguintes criterios de valoración:

1.1. Número de fillas/os e/ou menores en acollida, a cargo exclusivo da muller:

a) 4 ou máis fillas/os e/ou menores en acollida, a cargo: 3 puntos.

b) 2 ou 3 fillas/os e/ou menores en acollida, a cargo: 2 puntos.

c) 1 filla/o e/ou menores en acollida, a cargo: 1 punto.

Teranse en conta exclusivamente as fillas e fillos da solicitante non emancipados e/ou as/os menores en acollida que estean ao seu cargo exclusivo e que convivan con ela.

1.2. Situación de discapacidade:

a) Situación de discapacidade da solicitante, igual ou superior ao 33 %: 3 puntos.

b) Situación de discapacidade das fillas/os e/ou menores en acollida, da solicitante, igual ou superior ao 33 %: 3 puntos por cada filla/o ou menor en acollida.

Teranse en conta exclusivamente as fillas e fillos da solicitante non emancipados e/ou as/os menores en acollida que estean ao seu cargo exclusivo e que convivan con ela.

1.3. Contía dos ingresos mensuais (renda do conxunto da unidade familiar dividida polo número de membros que a compoñen).

a) Renda inferior ou igual ao 60 % do SMI: 4 puntos.

b) Renda superior ao 60 % e inferior ou igual ao 80 % do SMI: 3 puntos.

c) Renda superior ao 80 % e inferior ou igual ao 90 % do SMI: 2 puntos.

d) Renda superior ao 90 % do SMI e inferior ou igual ao SMI: 1 punto.

1.4. Mulleres que estean residindo nun centro de acollida para vítimas de violencia de xénero na data de presentación da solicitude: 4 puntos.

1.5. Mulleres que acrediten ser ou ter sido vítima de violencia de xénero nos últimos tres anos, segundo o disposto no artigo 4.1.e): 4 puntos.

1.6. Mulleres que acrediten estar en situación de desemprego: 2 puntos.

1.7. Mulleres que non gozasen deste programa ou doutros similares nos últimos tres anos: 4 puntos.

2. Só se valorarán os criterios alegados xunto coa solicitude e que fosen suficientemente acreditados nos termos previstos no artigo 4.

3. No caso de que se produza empate na puntuación, atenderase, para dirimilo, á orde de criterios establecida neste artigo. Se aínda así persiste o empate, resolverase atendendo á orde de presentación de solicitudes e, posteriormente, á orde alfabética, comezando polo primeiro apelido.

Artigo 4. Solicitudes e documentación

1. A solicitude presentarase no formulario normalizado anexo I, na forma e prazos indicados na respectiva convocatoria, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada do libro de familia e informe social, sentenza xudicial de custodia ou calquera outro documento que acredite que as/os fillas/os están exclusivamente ao seu cargo.

Nos casos de menores en acollida, a cargo, deberán achegar copia compulsada da resolución administrativa ou xudicial acreditativa da dita situación.

b) No caso de discapacidade da solicitante ou das súas fillas/os e/ou menores en acollida, a cargo, copia compulsada da certificación acreditativa de tal condición. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que fora expedida pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas competencias.

c) Declaración responsable da situación económica da interesada, segundo o modelo que figura como anexo II, xunto cos documentos acreditativos que a xustifiquen (nómina, recibo de calquera tipo de subsidio, informe social, tarxeta de demanda de emprego, ...), segundo o previsto no artigo 2.1.d) destas bases reguladoras.

d) De ser o caso, informe do centro de acollida para vítimas de violencia de xénero que acredite que a solicitante está a residir nel.

e) De ser o caso, acreditación da situación de violencia de xénero.

A situación de violencia de xénero acreditarase mediante algún dos seguintes documentos:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

– Informe do ministerio fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia de tales indicios.

– Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

Os documentos acreditativos da situación de violencia anteditos deben estar adoptados ou emitidos dentro dos tres anos anteriores á data de presentación da solicitude. Así mesmo, a orde de protección ou a medida cautelar deberán estar vixentes e, no caso da sentenza, esta deberá conter medidas de protección vixentes na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda.

f) Para xustificar a situación de desemprego: copia compulsada da tarxeta de demandante de emprego.

g) Declaración responsable do desfrute do programa e de non convivencia con parella afectiva (anexo III).

h) Informe médico orixinal do Servizo Galego de Saúde, referido tanto ás mulleres como ás súas fillas/os e/ou menores en acollida, que a vaian acompañar, en que conste que non padecen ningunha enfermidade que requira illamento e/ou impida a normal convivencia.

i) De ser o caso, aqueloutra documentación (orixinal ou copia compulsada) acreditativa do cumprimento dos requisitos e que permita aplicar os criterios de valoración establecidos: (informes e certificacións dos servizos sociais municipais, centros de información ás mulleres, responsables dos centros de acollida, servizo público de emprego...).

2. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder da Administración actuante, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o dito documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a solicitante poderá autorizar á Secretaría Xeral da Igualdade para a comprobación do DNI/NIE e da residencia, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Non obstante, a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia compulsada do documento de identidade en vigor correspondente e un certificado de empadroamento emitido dentro do intervalo temporal que comprende os tres meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

Así mesmo, comporta o consentimento expreso para completar o expediente administrativo, para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados no procedemento administrativo, e para obter a información adicional que fose necesaria para a axeitada estimación dos ingresos ou recursos económicos da solicitante e/ou dos/das familiares, de ser o caso, dirixíndose aos órganos públicos ou privados competentes, ben sexa a través de acceso directo a bases de datos por medios telemáticos ou a través de solicitude por oficio ordinario.

2. A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que sexan obxecto de tratamento e adoptará as medidas necesarias para cumprir co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente, e a solicitante consente expresamente a súa comunicación ao organismo ou persoas directamente relacionadas coa Secretaría Xeral da Igualdade para os efectos da organización e desenvolvemento das estadías. Os datos non serán obxecto de cesións; non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos, e poderán exercerse, os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, o cal se fará por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na guía de procedementos da páxina web da Xunta.

Artigo 6. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no suposto de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirirá á solicitante para que no prazo de dez (10) días achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fai no prazo indicado, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da correspondente resolución, ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Unha vez revisadas as solicitudes, remitiranse á comisión de valoración. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta: a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dúas/dous funcionarias/os do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas e a xefa do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

Secretaria: unha/un funcionaria/o da Secretaría Xeral da Igualdade.

Se, por calquera causa, algunha das persoas compoñentes da comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para o efecto pola súa presidenta.

5. Unha vez valoradas as solicitudes conforme os criterios de valoración establecidos no artigo 3, o órgano instrutor elevará o informe do resultado da avaliación efectuado pola comisión de valoración, xunto coa correspondente proposta de resolución, á secretaria xeral da Igualdade, na cal se incluirá a relación das persoas seleccionadas e suplentes por orde decrecente de puntuación.

Artigo 7. Resolución

1. Correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade, por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a resolución destas axudas.

2. As resolucións ditadas esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada.

Artigo 8. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión desta axuda poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 9. Renuncia das beneficiarias

1. A renuncia á praza ou prazas adxudicadas por parte das beneficiarias titulares deberá ser comunicada por escrito á Secretaría Xeral da Igualdade, polo menos, sete días antes do comezo das estadías. O prazo será de dous días no caso das beneficiarias suplentes e cando a data de comunicación da concesión por parte da Secretaría Xeral da Igualdade non permita cumprir o prazo de sete días.

2. A praza ou prazas vacantes, resultantes das renuncias que se produzan, poderán ser ocupadas polas seguintes beneficiarias da lista de suplentes, que deberán aceptar ou rexeitar a concesión, tendo en conta que, se estas beneficiarias tivesen máis fillas/os e/ou menores en acollida que as vaian acompañar que as que tivese a titular da praza, só poderán participar no programa ocupando as prazas que queden dispoñibles.

No caso de que unha suplente con máis fillas/os e/ou menores en acollida que a titular que renunciou aceptase as prazas vacantes, o resto de menores quedará en espera de posibles vacantes con prioridade sobre outras mulleres suplentes.

3. A non comunicación da renuncia, así como a súa comunicación fóra do prazo establecido no punto 1 deste artigo, implicará a exclusión automática da participación na convocatoria do ano seguinte.

Artigo 10. Obrigas das persoas beneficiarias

As mulleres beneficiarias, ademais das obrigas previstas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán:

– Realizar a actividade para a cal solicitaron a axuda e que lles foi concedida, segundo o previsto no artigo 1 destas bases reguladoras.

– Aceptar as normas de convivencia e as recomendacións que lles sexan realizadas desde a Secretaría Xeral da Igualdade e polas/os profesionais que exerzan funcións de coordinación e acompañamento durante o desenvolvemento das estadías.

– Comunicarlle, á Secretaría Xeral da Igualdade, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Artigo 11. Reintegro

Procederá a devolución íntegra dos importes que resulten de considerar os custos dos servizos percibidos cando se obtivese a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, ou falseando ou ocultando os feitos ou datos que impedirían a súa concesión.

Artigo 12. Incompatibilidades

1. As axudas reguladas nesta resolución son incompatibles coa percepción de calquera outra axuda establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada, destinada ao mesmo fin.

2. No suposto de que a beneficiaria obtivese subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, para o mesmo obxecto, a Secretaría Xeral da Igualdade iniciará o correspondente procedemento sancionador e de reintegro.

Artigo 13. Responsabilidades e réxime sancionador

1. As persoas que obteñan a axuda quedan sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións administrativas en materia de subvencións establece o título IV da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O incumprimento das normas de convivencia e as recomendacións que lle sexan realizadas desde a Secretaría Xeral da Igualdade e polas/os profesionais que exerzan funcións de coordinación e acompañamento durante o desenvolvemento das estadías, implicará a exclusión automática da participación da beneficiaria na convocatoria do ano seguinte.

3. No suposto de grave incumprimento das obrigas, a/o profesional que exerza funcións de coordinación, logo de autorización da Secretaría Xeral da Igualdade, ordenará o abandono da estadía á beneficiaria incumpridora xunto coas fillas/os e/ou menores acollidas/os e implicará, ademais, a exclusión automática da participación da beneficiaria en posteriores convocatorias.

Artigo 14. Publicidade

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 18.3.d) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.6 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración galega.

Artigo 15. Normativa aplicable

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na demais normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file