Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 10 de maio de 2013 Páx. 15427

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 3 de maio de 2013 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2013.

O Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro, crea unha organización común de mercados agrícolas e establece disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM). Este último regulamento recolle as axudas aos programas apícolas no artigo 105 e seguintes.

En España, o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, modificado polo Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, e tamén polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, de modificación destes dous reais decretos citados, establece un réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais.

O programa de mellora da produción e a comercialización dos produtos da apicultura presentado por España foi aprobado pola Comisión Europea na Decisión do 14 de setembro de 2010.

No marco do dito programa nacional establécese un réxime de axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, no cal a participación financeira corresponde ata un 50 % ao financiamento comunitario, ata un 25 % corresponde ao financiamento do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a restante porcentaxe á Consellería do Medio Rural e do Mar.

Os aspectos relativos ás contías, porcentaxes de subvención e límites máximos da axuda sufriron lixeiras modificacións respecto a anteriores convocatorias co fin de ampliar o abano de posibles beneficiarios.

No artigo 108 do Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, establécese que os gastos dos Estados membros deberán efectuarse, como máis tarde, o 15 de outubro, data en que se deben ter presentados os xustificantes de gasto por parte do Estado membro da Unión Europea. Para adiantar no posible a data de pagamento das axudas cómpre que os gastos correspondentes ás accións realizadas se xustifiquen perante a Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo fixado na resolución de concesión da axuda, sen que en ningún caso poida exceder o 30 de agosto de 2013.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, e proceder á súa convocatoria para o ano 2013.

Artigo 2. Finalidade das axudas, contías e límites

1. Poderán ser obxecto das axudas, de acordo coa normativa comunitaria, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no programa nacional e encamiñados a acadar os obxectivos das seguintes liñas de actuación:

a) Prestar información e asistencia técnica: asesoramento e formación de apicultores en ámbitos distintos da sanidade apícola, formación de persoal de centros de envasado e de laboratorios de organizacións apícolas, técnicas apícolas e divulgación. Para esta liña a subvención será de ata o 50 % dos gastos.

b) Loita contra a varroase: actividades inescusablemente ligadas a un programa sanitario supervisado por un veterinario responsable da súa correcta aplicación e funcionamento: asociacións de defensa sanitaria, custos de tratamentos químicos autorizados, métodos de loita biolóxica, mellora das condicións de tratamento das colmeas. Para esta liña a subvención será de ata o 50 % dos gastos en produtos, outros materiais e asistencia técnica relacionada coa sanidade apícola, cun máximo de axuda de ata 4 € por colmea para o caso dos tratamentos químicos. E de ata o 30 % do custo da contratación dun veterinario, ou de ata o 80 % do custo no suposto de que a contratación sexa en exclusividade, cunha limitación de 25.000 € para subvención deste contrato. Para que unha contratación de veterinarios en réxime de exclusividade poida ser subvencionada esta terá que ser, como mínimo, de 22.000 €.

c) Racionalizar a transhumancia: identificación das colmeas e dos marcos, investimentos en equipamentos de uso exclusivo para manipulación de colmeas transhumantes, divulgación de boas prácticas de transhumancia, acondicionamento de espazos para facilitar a transhumancia. Con cargo a esta liña aboarase a subvención do seguro de responsabilidade civil, tanto para as colmeas estantes como para as transhumantes. Para esta liña a subvención será de ata o 50 % dos gastos, agás a identificación das colmeas, en que a subvención será de ata o 70 %.

2. En relación co establecido neste artigo, a subvención concedida por liña de actuación, con cargo a esta orde de axudas, non poderá superar para a liña b) a cantidade de 20.000 euros no caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, ou de 100.000 euros no caso de cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica propia; no caso das liñas a) e c) o límite máximo de axuda será de 10.000 € por solicitude. En todo caso, a subvención máxima que se concederá calcularase multiplicando o número de colmeas situadas na Comunidade Autónoma incluídas no programa sanitario por 10 euros, sen superar o límite de 100.000 euros por solicitude, e tendo en conta o establecido no artigo 3.2.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 2:

a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención destas axudas estar inscrito no rexistro oficial apícola da Comunidade Autónoma, polo menos con anterioridade ao primeiro de xaneiro do ano 2012. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).

Un mesmo apicultor só poderá ser beneficiario de axuda por unha mesma actuación de forma única para cada unha das súas explotacións, ben sexa a título individual ou ben como integrante dunha cooperativa ou organización representativa.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas polo seu titular.

2. Para poderen acollerse ás ditas medidas da axuda, os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispor dun seguro de responsabilidade civil.

b) Seren titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.

c) Ter realizada a declaración censual anual referida ao ano 2012.

3. Será preciso presentar a documentación correspondente segundo a seguinte relación:

a) As persoas físicas (apicultores), integrados ou non nunha asociación ou organización de apicultores, presentarán solicitudes individuais, xuntando á solicitude a seguinte documentación:

1º. No caso de representación exixirase autorización para facer a solicitude nos termos exixidos no artigo 32 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2º. Declaración responsable do número de colmeas activas na data da sinatura das cales o solicitante é titular.

3º. Fotocopia compulsada das tres follas do libro de rexistro de explotación apícola (caderno de explotación apícola e transhumancia) nas cales figuren os datos do titular, o tipo e clase de explotación, actualización do número de colmeas e selo dos servizos veterinarios oficiais.

4º. Nas axudas da liña de loita contra a varroase, declaración responsable do veterinario de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.

5º. Programa de actuación que pretende desenvolver: memoria onde figuren os datos do apicultor, número de colmeas, descrición dos investimentos e finalidade deles, incluíndo orzamentos ou facturas pro forma dos investimentos. De acordo co artigo 29, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de 50.000 euros para obras, ou de 18.000 € para subministración ou prestación de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6º. Dispoñibilidade dos terreos nos cales pretenda facer os asentamentos das alvarizas, así como permisos ou licenza das obras que pretenda realizar para a colocación das colmeas e/ou de adecuación ou mellora dos accesos, de ser o caso.

7º. Memoria explicativa da realización da transhumancia (resumo e esquema da situación de orixe das colmeas e do destino onde se pretende realizar a transhumancia, e datas probables do movemento), de ser o caso.

8º. Xustificación da exclusividade dos equipamentos para a actividade transhumante, de ser o caso.

9º. Xustificación de ter subscrito un seguro de responsabilidade civil.

10º. Declaración da existencia ou non de solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, mediante a declaración que figura no anexo III.

b) As persoas xurídicas (cooperativas apícolas, asociacións e organizacións representativas con personalidade xurídica propia ou calquera outro tipo de sociedade ou entidade) achegarán a solicitude coa seguinte documentación:

1º. Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.

2º. Certificación do órgano competente que acredite o desempeño actual do cargo.

3º. Acta de constitución da asociación ou organización, ou copia compulsada dos estatutos.

4º. Relación nominal de socios actualizada, en formato electrónico, concretamente nun arquivo Excel que conteña os seguintes campos de cada un dos socios:

– Nome e apelidos.

– NIF.

– Código REGA da explotación.

– Número de colmeas actualizado e, se procede, de asentamentos na data da solicitude.

– Concello/s e lugar onde se encontran situadas dentro destes, de cada un dos socios.

– Indicación de que a declaración censual foi realizada a través da Oficina Agraria Virtual, de ser o caso.

Todos os datos deberán ir en maiúsculas, sen acento, e para os campos de tipo alfanumérico sen espazos entre os caracteres.

5º. Declaración responsable do número de colmeas activas na data da sinatura correspondentes aos integrantes da asociación.

6º. Fotocopia compulsada das tres follas do libro de rexistro de explotación apícola de cada un dos integrantes, nas cales figuren os datos do titular, o tipo e clase de explotación, a actualización do número de colmeas e selo dos servizos veterinarios oficiais.

7º. Copia do contrato do veterinario responsable da execución do programa sanitario de loita contra a varroase, se e o caso.

8º. Nas axudas da liña de loita contra a varroase, declaración responsable do veterinario de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.

9º. Programa de actuación que pretende desenvolver para cada unha das liñas de axudas solicitadas: memoria descritiva de cada actuación onde figuren os datos dos apicultores incluídos no programa, número de colmeas, descrición dos investimentos e finalidade deles, incluíndo orzamentos pormenorizados e/ou facturas pro forma dos investimentos. De acordo co artigo 29, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de 50.000 euros para obras, ou de 18.000 € para subministración ou prestación de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

10º. Xustificación do cumprimento dos puntos 7º, 8º, 9º e 10º do artigo 3.3.a).

4. De acordo co artigo 4, número 2 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 (DOG do 16.1.2012), pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, os solicitantes non terán a obriga de presentar os documentos dos puntos 3.a).1º, e 3.b).1º, 2º e 3º que xa fosen presentados. Para facer efectivo este dereito deberán especificar a data en que presentaron os documentos e o órgano a que os dirixiron, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se achegaron.

5. A presentación da solicitude de concesión da axuda comportará a autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar para todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Presentación das solicitudes de axuda

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería de Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán ser presentadas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no seguinte enderezo: https://sede.xunta.es.

De acordo co artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, as persoas interesadas poderán achegar ao expediente copias dixitalizadas dos documentos que garantan a fidelidade co orixinal mediante a utilización de sinatura electrónica avanzada. A Xunta de Galicia poderá solicitar do correspondente arquivo o cotexo do contido das copias achegadas. Ante a imposibilidade deste cotexo, e con carácter excepcional, poderán requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A inclusión de tales copias implica a autorización á Xunta de Galicia para que accedan e traten a información persoal contida en tales documentos.

3. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

4. As solicitudes axustaranse aos modelos que figuran como anexo I (solicitudes individuais de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas) e anexo II (solicitude de cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica propia).

Artigo 5. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. Efectuadas as comprobacións e estudos pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres funcionarios da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, e que estará presidido polo subdirector xeral de Gandaría, que emitirá un informe que conterá unha relación dos solicitantes para os que se propón a concesión de subvención e a contía, así como daqueles para os que se propón a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe a directora xeral de Produción Agropecuaria elevará proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. Os criterios obxectivos de outorgamento serán os seguintes.

No caso de que as axudas superen o crédito dispoñible seguirase a prioridade seguinte entre liñas: primeira liña b) loita contra varroase; segunda liña c) transhumancia; terceira liña a) asistencia técnica; e dentro de cada liña:

a) Para a liña b) de loita contra a varroase, terán prioridade aquelas solicitudes presentadas por agrupacións de defensa sanitaria apícola ou figura equivalente. Dentro delas, terán prioridade aquelas que reúnan un maior número de colmeas propiedade dos apicultores que as integren.

b) Para a liña c) de racionalización da transhumancia, terán prioridade aquelas solicitudes presentadas polos apicultores que reúnan un maior número de colmeas.

c) Para a liña a) de información e asistencia técnica, terán prioridade as solicitudes presentadas por cooperativas apícolas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia sobre as presentadas polo resto de persoas físicas ou xurídicas. Dentro delas, terán prioridade aquelas que reúnan un maior número de colmeas propiedade dos apicultores que as integren.

As axudas serán adxudicadas a aquelas solicitudes que queden colocadas por diante na prelación establecida en función dos criterios anteriores. A determinación da contía será a fixada no artigo 2 para todos os beneficiarios, ata o esgotamento do crédito dispoñible.

4. A resolución do expediente correspóndelle ao secretario xeral do Medio Rural e Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da directora xeral de Produción Agropecuaria, no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao de publicación desta orde. As resolucións serán notificadas ás persoas interesadas, segundo o previsto na normativa vixente. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 6. Recursos administrativos

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 7. Xustificacións e pagamento

1. A data límite para a presentación das xustificacións técnicas e económicas da realización do programa será o 30 de agosto de 2013, preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

3. O pagamento tramitarase logo de xustificación da execución do proxecto no prazo sinalado e, para tal efecto, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación:

a) Memoria de realización da actividade en que se indiquen as datas de realización, o número de asistentes a cursos, de ser o caso, e outros aspectos de interese, á cal se xuntará a documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros.

b) Facturas, nóminas, orixinais ou fotocopias compulsadas, e xustificación de pagamento dos gastos realizados (movemento bancario), xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamento de salario, gratificacións etc., deberá constar a retención correspondente polo IRPF e xustificación do seu ingreso en Facenda.

c) Se a actividade subvencionada correspondese á publicación en formato impreso, audiovisual ou multimedia de orixinais de material didáctico ou de divulgación sobre temas apícolas, dirixidos á formación en materia apícola, incluída a súa preparación e elaboración sempre que a súa finalidade sexa a distribución de balde entre o público, entregarase ademais do establecido no parágrafo anterior un exemplar orixinal ou unha copia equivalente do material realizado ou algún exemplar editado no caso de que sexa impreso, cunha memoria que indique o seu destino e a xustificación da distribución.

d) No programa de loita contra a varroase, certificación do veterinario responsable acerca da/s explotación/s en que foi executado:

– Nome e apelidos.

– NIF.

– Código REGA da explotación.

– Identificación da/s receita/s empregada/s.

– Número de colmeas implicadas.

– Nome comercial e doses de tratamento químico empregado, de ser o caso, e de cumprimento da normativa vixente en materia de medicamentos veterinarios. Ademais, o beneficiario deberá achegar a copia das receitas medicamentosas emitidas para o tratamento contra a varroase na súa explotación ou nas explotacións integrantes para o caso das cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia.

4. A contía das axudas será satisfeita unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, tras a súa comprobación por parte dos servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

5. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorrer os beneficiarios.

Artigo 8. Outras condicións

En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda farase constar a frase «Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería do Medio Rural e do Mar, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e fondos Feaga da Unión Europea», cos correspondentes logotipos institucionais.

Artigo 9. Concorrencia con outras axudas

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e a alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderán dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 10. Control da execución das actuacións

1. O control da execución dos programas levarao a cabo a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. Os beneficiarios deberán comunicar por escrito, de ser o caso, as datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectuar as comprobacións que se consideren oportunas. Ademais, están obrigados a facilitar todos os labores de inspección ao persoal técnico das distintas administracións que cofinancian o programa, achegando todos os datos que sobre o particular lles sexan solicitados.

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e o Servizo de Auditoría Interna do Fogga no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria da solicitude ou calquera outra modificación, será comunicada á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria coa antelación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para efectos de tramitar e propoñer a aprobación ou denegación da dita modificación.

Artigo 11. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.713E.770.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2013 de noventa e un mil oitocentos euros (91.800 euros). Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (Magrama) ata un 25 %, e a porcentaxe restante a Xunta de Galicia en virtude do Regulamento (CE) 1234/2007, do Consello, e o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, polo que se regula o réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais. As ditas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma.

2. En ningún caso poderá a axuda financeira do Estado membro ser superior á da Comunidade, en virtude do artigo 1 da Decisión da Comisión do 10 de agosto de 2007. Por tanto, a contía total de axudas aprobadas dependerá do importe de Feaga consignado a Galicia na repartición estatal.

3. De conformidade co disposto no número 4 do artigo 5 do Real decreto 519/1999, cando o importe das resolucións ditadas exceda, no que respecta aos importes que se financien mediante fondos achegados polo Magrama, as contías aprobadas para a Comunidade Autónoma de Galicia, procederase a reducir proporcionalmente as contías unitarias das axudas.

4. Igualmente, as resolucións poderán ser modificadas, incrementando a contía das axudas, para readxudicar a parte de crédito autorizado e non utilizado e recoñecido en obriga dentro do exercicio, por falta de xustificación polos beneficiarios da realización das actuacións ou incumprimento do resto das súas obrigas, sempre que non se excedan as limitacións establecidas nesta orde e seguindo a mesma orde de prioridade sinalada no artigo 5.

Artigo 12. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida nos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no seu réxime de infraccións e sancións.

2. Se como consecuencia dos controis se detectasen incumprimentos na execución do programa aprobado en aspectos relevantes para a súa efectividade, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

As deducións parciais aplicables serán as seguintes:

– Do 5 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 10 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 15 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 20 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 25 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 30 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 50 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 40 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

En caso de detectar un mesmo tipo de incumprimento na execución do programa sanitario en máis dun 40 % das explotacións gandeiras inspeccionadas, perderase o dereito á axuda.

Disposición adicional primeira. Publicidade das axudas

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web, e procederase tamén á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

Disposición adicional segunda

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file