Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 10 de maio de 2013 Páx. 15373

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 29 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca nun 75 %, e se convoca para o exercicio 2013 o devandito procedemento.

O 1 de xaneiro de 2007 entrou en vigor o Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP), que substitúe o Instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP) e define o marco de apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro. Este regulamento establece a posibilidade de apoiar os investimentos no ámbito da transformación e comercialización dos produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

En cumprimento desta disposición, e dada a importancia social e o gran peso específico das industrias de transformación e comercialización dos produtos procedentes da pesca dentro no tecido empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse a Orde do 12 de decembro de 2011 (DOG nº 248, do 29 de decembro), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca nun 61 %, e se convoca para o exercicio 2012 o dito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

A aplicación práctica da Orde do 12 de decembro de 2011 aconsella a modificación de aspectos puntuais do seu articulado, que non afectan aspectos esenciais dela pero que pretenden achegar unha maior comprensión ao potencial beneficiario e mesmo aos órganos xestores das axudas. Consecuentemente, para esta mellor comprensión e para facilitar a consulta e o manexo por parte dos interesados, publícase íntegro o contido das bases reguladoras, que substitúen as aprobadas pola Orde da Consellería do Mar do 12 de decembro de 2011.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización dos produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, aprobadas por Orde da Consellería do Mar do 12 de decembro de 2011, e reguladas nos artigos 34 e 35 do Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, así como proceder á súa convocatoria para o exercicio 2013.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas axudas observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas seguintes normas:

a) Regulamento 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, resto das disposicións comunitarias aplicables, así como as disposicións básicas que o Estado dite en desenvolvemento ou transposición delas.

b) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

c) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

g) Se é o caso, normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001).

h) Normativa básica do Estado.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse en cada un dos anos durante o período de elixibilidade do actual programa operativo do Fondo Europeo de Pesca (FEP) 2007-2013 que abrangue desde o 1.1.2007 ata o 31.12.2015 segundo dispón o artigo 55.1 do Regulamento 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

2. Así mesmo, as subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. En cada anualidade sucesiva ata o ano 2015 fixarase por unha orde complementaria o crédito anual existente.

4. Os importes fixados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados con fondos incorporados e remanentes adicionais, así como procedentes de modificacións orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

5. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

6. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7. Para o ano 2013 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.771.1 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Medio Rural e do Mar para 2013, aprobado pola Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 15.000.000 de euros distribuídos nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2013: 5.000.000 de euros.

– Anualidade 2014: 10.000.000 de euros.

8. As axudas contarán co financiamento do FEP nun 75 % e do Estado membro nun 25 %.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de establecementos de transformación e/ou comercialización por xunto de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura xa existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, e aquelas que establezan nela novos centros deste tipo. Os solicitantes deberán demostrar que figuran de alta na Axencia Española de Administración Tributaria, dentro das epígrafes relacionadas coa comercialización por xunto ou a transformación de produtos procedentes da pesca, o marisqueo ou a acuicultura.

2. As confrarías de pescadores e organizacións profesionais do sector da pesca, marisqueo e acuicultura unicamente poderán solicitar axudas por esta medida para investimentos que non sexan subvencionables polas medidas do Fondo Europeo da Pesca 3.3 (Portos de pesca lugares de desembarque e fondeadeiros) e 3.1 (Accións Colectivas).

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

4. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstacias previstas no artigo 45.7º do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, se modifican os regulamentos (CEE) nº 2847/1993, (CE) nº 1936/2001 e (CE) nº 601/2004, e se derrogan os regulamentos (CE) nº 1093/1994 e (CE) nº 1447/1999, nin os operadores que participen na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, en atención ao artigo 40 do citado regulamento.

5. As axudas aos investimentos, de acordo co previsto no artigo 35 do Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao FEP, limitaranse ás microempresas, ás pequenas e medianas empresas e ás empresas non previstas pola definición de microempresa, pequena ou mediana empresa tal e como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOCE, serie L nº 124, do 20 de maio), con menos de 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

6. As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo a Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros terase en conta o indicado na citada recomendación.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Executar o proxecto subvencionado dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nesta orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor do mercado.

c) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

d) Destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o cal se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos, de acordo co previsto no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca. Durante este período, que se contará a partir da data contable do último pagamento, o beneficiario deberá solicitar autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar se pretender o cambio de destino do ben subvencionado, alleamento, gravame ou substitución por outro ben que sirva en condicións análogas ao subvencionado.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deberá efectuar o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.

g) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos aos interesados.

h) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe de subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

j) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable aos beneficiarios.

k) Manter un sistema de contabilidade separado ou código contable adecuado, segundo o artigo 59.d) do Regulamento (CE) 1198/2006, para garantir a pista de auditoría.

l) Comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

m) Darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo de Pesca (FEP), nos termos establecidos nos artigos 32 e 33 do Regulamento (CE) 498/2007 da Comisión.

n) Figurar inscritos no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias. Nos casos de empresas de nova creación será suficiente a solicitude da inscripción no citado rexistro; non obstante, o solicitante deberá acreditar a súa inscrición antes do pagamento da axuda.

ñ) Os beneficiarios estarán en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos e para a instalación e o funcionamento do establecemento. En todo caso, os proxectos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias fidedignas dos presentados para a obtención dos permisos.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser subvencionables de conformidade con esta orde os investimentos en activos fixos materiais novos para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, que teñan por obxecto un ou varios dos seguintes investimentos e actuacións:

a) A mellora das condicións de traballo;

b) A mellora e o seguimento das condicións hixiénicas e de saúde pública ou da calidade dos produtos;

c) A produción de produtos de alta calidade para mercados altamente especializados;

d) A redución do impacto negativo no ambiente;

e) Unha mellor utilización de especies pouco aproveitadas, subprodutos e residuos;

f) A produción ou comercialización de novos produtos, a aplicación de novas tecnoloxías ou o desenvolvemento de métodos innovadores de produción ou comercialización;

g) A comercialización de produtos procedentes esencialmente dos desembarques locais e da acuicultura.

2. En función dos resultados acadados e doutras circunstancias que así o aconsellen, para as seguintes convocatorias poderase excluír algunha das categorías incluídas no punto anterior.

Artigo 7. Gastos subvencionables

a) Construción, ampliación, modernización ou acondicionamento de bens inmobles, sempre e cando estea xustificada a súa necesidade para a explotación de que se trate. Estes bens non deberán ter recibido nos últimos dez (10) anos ningunha subvención nacional ou comunitaria que poida comportar duplicidade da axuda.

b) Maquinaria, instalacións e equipamentos de primeiro uso.

c) Os gastos de proxecto técnico e dirección de obra ata un límite do 12 por cento do custo indicado no proxecto, sempre que a actuación a que se refira resulte seleccionada.

d) Instalacións telefónicas e fax, equipamentos e programas informáticos relacionados coas actividades de produción e de comercialización da empresa. Exclúense os equipamentos informáticos portátiles.

e) Elementos de transporte interno, sempre que formen parte integrante do proxecto que se presente.

No caso de investimentos consistentes en obras ou subministracións, será requisito imprescindible para a concesión da axuda que os servizos da consellería certifiquen o non inicio dos investimentos con anterioridade ao comezo da execución.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non se consideran subvencionables:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro imposto recuperable polo beneficiario.

b) A transferencia da propiedade dunha empresa.

c) Os investimentos relacionados con produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura destinados a ser utilizados e transformados para fins distintos do consumo humano, excepto os investimentos destinados exclusivamente ao tratamento, transformación e comercialización de refugallos de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura. Os investimentos dedicados á extracción de substancias nocivas para a saúde humana da fariña de peixe ou do aceite de peixe, poderán ser financiados polo Fondo Europeo de Pesca (FEP), incluso cando os produtos finais sexan destinados a ser utilizados e transformados para fins distintos do consumo humano.

d) Investimentos relativos ao comercio retallista.

e) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

f) Obras de ornamentación e equipamentos de recreo.

g) Mobiliario de oficina, de salas de conferencias e de catas.

h) A vivenda.

i) Palés e semellantes.

j) Contedores, gaiolas, cubetas, carros, bandexas, contedores de depuración. Estes investimentos serán subvencionables coa condición de que se trate dunha instalación nova ou dunha ampliación das instalacións existentes, de que sexan proporcionais ás instalacións e de que non sexan vendidos coa mercadoría.

k) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens inmobles, maquinaria, instalacións e equipamentos. As substitucións de equipamentos e máquinas, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola súa tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento, e acheguen unha mellora substancial ben nos procesos de produción ben na creación de emprego.

l) Os gastos de aluguer de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Para seren subvencionables estes investimentos, deberá ser exercida a opción de compra unha vez finalizado o período do leasing. En todo caso, cómpre a achega dun compromiso de adquisición do ben xunto coa solicitude. Outros custos relacionados co contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros non serán subvencionables. Os investimentos aprobados inicialmente como compra non poderán ser imputados como gastos de leasing ou viceversa, salvo que o dito cambio sexa solicitado e aprobado polo órgano concedente.

m) Adquisicións de maquinaria, instalacións e equipamentos de segundo uso.

n) Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

o) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Certificación de non inicio

1. Como norma xeral, os investimentos ou gastos para os cales se solicita axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude de axuda nin antes da realización da acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar, en caso de investimentos materiais. A non realización de investimentos inmateriais demostrarase mediante a data da factura correspondente.

2. O non inicio acreditarase mediante certificación dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar, e non son válidas as actas notariais ou documentos similares realizados para este fin.

3. Se for necesario realizar os investimentos antes da apertura de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, e sempre que se xustifique debidamente, de forma excepcional poderá facerse unha certificación de non inicio inmediatamente antes de que comece a realización dos investimentos. Esta certificación solicitarase acompañada do proxecto, memoria descritiva dos aspectos técnicos e económicos do investimento, facturas pro forma ou catálogos que permitan facer unha valoración dos investimentos que se vaian realizar e relación destas, planos, proxecto visado, ofertas alternativas, de ser o caso, e terá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte.

4. A acta de comprobación poderá ter efecto tamén nas seguintes convocatorias sempre que o solicitante confirme a súa solicitude de axuda, salvo no caso de renuncia expresa á concesión da axuda ou non aceptación dela.

5. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

Artigo 10. Tipo e contía das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital.

2. A porcentaxe máxima de contribución pública das axudas será, de acordo co establecido no anexo II do Regulamento do Fondo Europeo de Pesca (FEP), igual ou menor ao 60 % do total dos gastos subvencionables.

3. Respecto ás empresas que non teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas, segundo definición da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, e que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros, a contribución pública reducirase a un máximo dun 30 %.

Artigo 11. Compatibilidade das axudas

1. As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no Regulamento do Fondo Europeo de Pesca (FEP) para a contribución pública.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

3. De acordo co previsto nos artigos 5.2.g) e 21.3.g) destas bases reguladoras, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao órgano concedente a obtención de calquera outra subvención ou axuda e deberá presentar a resolución da súa concesión, de ser o caso.

Artigo 12. Prazos de solicitude e resolución

1. Anualmente publicaranse os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2013 a 2015. Para a anualidade 2013, o prazo de presentación de solicitudes será, dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Aquelas solicitudes que non poidan ser atendidas no período correspondente poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, logo de confirmación polo solicitante e sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

3. A resolución emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de nove meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria anual. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. A solicitude incluirá un exemplar orixinal ou copia debidamente compulsada e tres copias simples da seguinte documentación:

– Anexo I, de solicitude da axuda.

– Anexos II, III e IV de declaracións do solicitante.

– Anexo V, de relación de ofertas solicitadas e elixidas.

– Datos relacionados no anexo VI, así como documentación relacionada na epígrafe «Outra documentación deste anexo». Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo de execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos, o solicitante deberá presentar tres ofertas de diferentes provedores, unha das cales será a elixida, de acordo co contido do punto 3º do artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, modificada pola Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

A documentación correspondente a proxectos e planos deberá ser presentada tamén en soporte informático.

2. Non obstante o disposto no punto 1 deste artigo, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

– O anexo I de solicitude da axuda.

– A descrición detallada das actuacións que se van realizar co proxecto, indicando os obxectivos e a xustificación razoada dos investimentos e de cada unha das partidas.

– O orzamento de custos do proxecto, no cal se relacionarán todos os investimentos que se van realizar co seu correspondente importe sen IVE segundo o modelo do cadro 6 dos anexos.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta información, e nestes casos emitirase resolución de inadmisión.

3. O lugar de presentación será o Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera das delegacións territoriais da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A solicitude tamén poderá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada por Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia. A documentación complementaria deberá presentarse de xeito presencial de acordo co punto 3 deste artigo.

4. A solicitude e os seus anexos en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar http://webpesca.xunta.es

Artigo 14. Tramitación das solicitudes

1. Os departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar analizarán os expedientes, requirirán a documentación necesaria, de ser o caso, e emitirán un informe relativo ao cumprimento dos requisitos da convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.2.h) resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada no rexistro das delegacións territoriais da Xunta de Galicia a que corresponda a tramitación do expediente, salvo que no escrito de requirimento se sinale outra cousa.

4. Sen prexuízo do disposto no punto 2 deste artigo, o solicitante poderá ser requirido para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas que, de ser o caso, se produzan, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, os departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar elaborarán un informe á vista do cal o Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias da Secretaría Xeral do Mar analizará e clasificará os proxectos de acordo cos criterios fixados nas bases.

6. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os investimentos subvencionados deben de ser considerados idóneos para o fin a que van ser destinados.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión ou denegación, na cal se indicarán as causas que a motivan.

8. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar de ningún modo a súa solicitude de axuda en canto non se resolva, excepto eliminando parte dos investimentos ou reducindo o seu importe.

Artigo 15. Comisión de avaliación

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación constituída na Secretaría Xeral do Mar que, de non considerar necesaria máis documentación, emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas, que será incorporado ao expediente.

2. A composición da comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Innovación Tecnolóxica.

b) Vogais: un funcionario adscrito á Secretaría Xeral do Mar designado polo presidente, e os/as xefes/as do Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Medio Rural e do Mar de cada un dos departamentos territoriais. Un dos vogais actuará como secretario.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente.

4. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

5. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obteren a subvención, indicándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados no artigo 16 desta orde. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

6. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

7. Establecerase unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito.

8. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará a correspondente resolución de concesión, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 16. Criterios de avaliación

A comisión de avaliación poderá:

– Propor a non concesión dunha subvención en caso de falta de oportunidade, idoneidade ou viabilidade do proxecto.

– Propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo de adquisición proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, a comisión de avaliación poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

– Establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable, tanto por beneficiario como por actuación ou concepto elixible.

Na concesión das axudas terase en conta o grao de cumprimento das obrigas derivadas das axudas recibidas, se é o caso, en anteriores convocatorias, para os mesmos fins.

Os criterios de avaliación das solicitudes fixados nesta orde servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes e serán os que se relacionan a seguir.

1. Co fin da baremación das solicitudes, os expedientes que reúnan os requisitos da convocatoria agruparanse en dous grupos:

a) No grupo I incluiranse os proxectos que se van seleccionar en primeiro lugar, e serán aqueles presentados por micro e pequenas empresas.

b) No grupo II incluiranse os proxectos que se van seleccionar en segundo lugar, e corresponderán a aqueles presentados por medianas empresas e o resto das empresas ata 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

2. Dentro de cada grupo iranse sumando ata un total de 100 puntos en función dos seguintes criterios:

2.1. Proxectos que teñan en conta a orixe da materia prima dos produtos transformados ou comercializados:

a) Produtos procedentes do marisqueo ou da acuicultura local (7 puntos).

b) Produtos procedentes de capturas locais (7 puntos).

c) Procedencia da materia prima de produtos amparados por certificacións independentes legalmente regulamentadas (6 puntos).

d) Emprego de especies infrautilizadas (5 puntos).

Ata un máximo de 25 puntos.

2.2. Proxectos en que se prevexan a valorización da produción, a diversificación dos produtos ou a mellora da calidade:

a) Produción ou comercialización de produtos de conveniencia, produtos que contribúan á conservación dos recursos ou do ambiente dunha forma especial, produtos clasificados como saudables e produtos destinados a fragmentos específicos de poboación (9 puntos).

b) Produción ou comercialización de produtos de gama alta (7 puntos).

c) Mellora da hixiene dos produtos, da transparencia do mercado ou da rastrexabilidade (7 puntos).

Ata un máximo de 23 puntos.

2.3. Grao de innovación na proposta, tanto no referente á produción e/ou comercialización dun produto novo como á utilización dun método de produción e/ou comercialización novo. Ata un máximo de 17 puntos.

2.4. Redución do impacto negativo sobre o ambiente:

a) Cambios de situación dunha empresa a un polígono industrial (8 puntos).

b) Aproveitamento e valorización de subprodutos e/ou residuos (8 puntos).

c) Aforro enerxético ou uso das enerxías renovables (8 puntos).

Ata un máximo de 24 puntos.

2.5. Empresas que favorezan a inserción laboral de discapacitados ou persoas en situación de exclusión social.

Ata un máximo de 4 puntos.

2.6. A calidade técnica dos proxectos.

Ata un máximo de 4 puntos.

2.7. A existencia dun plan de igualdade ou a obtención da marca galega de excelencia en igualdade na empresa solicitante, de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (publicada no Diario Oficial de Galicia do 13 de abril).

Ata un máximo de 3 puntos.

3. Independentemente do resultado da aplicación destes criterios:

3.1. Daráselles carácter prioritario en primeiro lugar aos investimentos dirixidos ao aumento do tamaño empresarial mediante fusións ou ampliacións empresariais e os que fomenten a reestruturación sectorial e, en segundo lugar, ás empresas que nunca recibiron axudas á transformación e comercialización dos produtos da pesca.

3.2. Daráselles carácter non prioritario aos proxectos para creación de novas empresas, excepto que se demostre de forma adecuada que o proxecto é innovador e que ten viabilidade económica suficiente, e serán considerados en último lugar.

3.3. As empresas que renunciasen a axudas nos últimos cinco anos serán consideradas en último lugar, despois das empresas citadas no número 3.2 do presente artigo.

Artigo 17. Resolución e aceptación

1. A resolución dos expedientes correspóndelle á conselleira do Medio Rural e do Mar, quen poderá delegar a dita competencia no secretario xeral do Mar. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 de euros por beneficiario, será necesaria a autorización do Consello da Xunta; esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. As resolucións serán notificadas ao solicitante, que terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

3. A resolución indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida. Así mesmo, indicará a anualización aprobada para a execución dos investimentos. O número máximo de anualidades non será superior a tres e o período límite de xustificación será ata o 31 de decembro de 2015.

Artigo 18. Recursos

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso; todo isto sen prexuízo de que o interesado poida interpor calquera outro recurso que considere pertinente.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

2. Calquera modificación que supoña un cambio do beneficiario, dos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, así como ao prazo de xustificación documental e material, requirirá resolución expresa por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar e deberá ser comunicada polo beneficiario por escrito con anterioridade á súa realización.

O prazo para solicitar as modificacións rematará trinta días naturais antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. Na solicitude deixarase constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

Nos casos de modificacións que supoñan variacións do importe da axuda ou das diferentes partidas que compoñen o expediente deberán presentar coa solicitude un cadro 6, así como o anexo V, onde se recollan os cambios e un plano de situación dos novos investimentos.

3. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

d) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. Como norma xeral non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, excepto nos casos de sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueles outros casos en que, ao xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade e a subrogación do novo propietario na posición de solicitante ou beneficiario non desvirtúe a finalidade das axudas e que se cumpran todos os requisitos do punto 3 deste artigo.

En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

6. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado.

7. De xeito xeral, non se admitirán modificacións que supoñan cambio de localización dos investimentos aprobados. Excepcionalmente, e por causas debidamente motivadas, poderá admitirse este tipo de modificacións, o que requirirá unha resolución expresa do órgano concedente.

Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente.

Artigo 20. Prazos de execución

1. Con carácter xeral e excepto que a resolución individual de concesión de axuda dispoña un prazo distinto, o prazo para a xustificación material e documental da finalización dos investimentos será ata o 31 de outubro do ano correspondente ao exercicio económico de que se trate.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación xustificativa, declararase decaído no dereito ao cobramento da subvención.

Artigo 21. Xustificación dos investimentos

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar http://webpesca.xunta.es. Considerarase gasto realizado aquel efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación fixado na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, de ser o caso.

2. A xustificación dos investimentos presentaranse no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera das delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

3. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación, da cal se presentará un exemplar orixinal ou copia compulsada e dúas copias simples, excepto para os documentos da alínea b):

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído no anexo VII, no cal virán relacionados e clasificados os gastos e investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

b) Xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais detalladas o máximo posible. Destes documentos deberase presentar orixinal, copia compulsada e dúas copias simples. As facturas orixinais que, de ser o caso, se entreguen ao beneficiario serán marcadas cun selo no cal se indique o financiamento do FEP.

c) As facturas deberán estar acompañadas das certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Os certificados bancarios indicarán a factura ou facturas que soportan. Só se admitirán pagamentos por transferencia bancaria.

d) Anexo VIII, onde se indicará a relación das diferenzas existentes entre os traballos solicitados e os realizados.

e) Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou concedidas, ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención. Deberase presentar a resolución da axuda, de ser o caso, segundo o modelo do anexo IV.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e, de non ter débedas, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

g) Calquera outra que se indique na resolución de concesión.

4. No suposto de falta de xustificación documental ou material, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

5. Excepcionalmente, por causas xustificadas e debidamente motivadas, e sempre que non se prexudiquen terceiros, poderase conceder unha prórroga de oficio ou por instancia do beneficiario por resolución do órgano concedente, para que a xustificación tanto documental como material dos investimentos poida realizarse con posterioridade ao prazo de xustificación. A prórroga deberá solicitarse por escrito. O prazo para realizar a citada solicitude rematará dez días naturais antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión.

Cando a prórroga solicitada implique ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

No caso de que o prazo se prorrogue ao ano inmediatamente seguinte a aquel en que debería ter xustificados os investimentos da última anualidade, será imprescindible que o solicitante garanta o bo fin do investimento mediante aval, que deberá de ser presentado no prazo de quince (15) días a partir da notificación da concesión. O aval constituirase polo 110 % do importe total da axuda pendente de percibir e terá unha vixencia mínima que comprenda os dous meses seguintes á data de xustificación final do investimento establecido na resolución da prórroga.

6. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipa ao calendario establecido na resolución de concesión e non é posible o reaxuste das anualidades de subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

7. En caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e non supoña unha realización deficiente deste.

8. Unha execución inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado considerarase, para os efectos do número 7 deste artigo, como unha realización deficiente do proxecto e non será admitida. Exceptúase do establecido neste punto os casos de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas, o que requirirá resolución expresa do órgano concedente.

Artigo 22. Pagamento da subvención

1. O pagamento dos proxectos e investimentos concedidos conforme a resolución e estas bases efectuarase unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención.

2. Será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Administración, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade.

Ademais, deberán presentar copia da declaración CE daquela maquinaria que o así o exixa, de conformidade co Real decreto 1644/2008, do 10 de outubro, polo que se establecen as normas para a comercialización e posta en servizo das máquinas, que traspón a Directiva 2006/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello. No momento da visita de comprobación da realización dos investimentos, as máquinas deberán ter colocada a placa identificativa correspondente e solicitaráselle o manual de instrucións delas e todos os documentos que o integren, de acordo co indicado no Real decreto 1644/2008.

3. No caso de axudas plurianuais, o pagamento das primeiras anualidades terá carácter de ingreso á conta, e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actuacións obxecto da axuda, de acordo coa solicitude formulada e logo de conformidade da Secretaría Xeral do Mar.

4. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o cobramento de cada unha das anualidades, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario do 110 % da cantidade que hai que pagar e ata dous meses despois da data de xustificación final do investimento establecido na resolución.

Artigo 23. Garantías

Os avais previstos nos artigos 21.5 e 22.4 desta orde serán depositados na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Artigo 24. Cesión ou transmisión das axudas

1. A cesión ou transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde non terán validez cando non sexan previamente autorizadas polo órgano que as ditou, tal e como se di no artigo 5.2.d).

2. A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda deberá ser previamente posto en coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión deberá o novo propietario subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitente e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como non efectuar ningunha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006.

Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitinte remitirá á Secretaría Xeral do Mar unha copia do documento público de transmisión.

3. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda.

Artigo 25. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Os servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar realizarán os controis oportunos para verificaren que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006.

Artigo 26. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumprir calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Será causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), que o beneficiario infrinxa o dereito comunitario e, en especial, as normas da política pesqueira común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

Artigo 27. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seranlles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 19 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Autorizacións do beneficiario

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas, consonte o regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. De acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

3. Igualmente, se na solicitude de axuda o interesado marca o recadro correspondente, esta actuación implicará a autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG nº 221, do 13 de novembro), e a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo), e para comprobar a veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á titularidade da conta bancaria para o pagamento da axuda, segundo se indica na Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia (DOG nº 10, do 16 de xaneiro).

4. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole os certificados dos números 2 e 3 non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos ao interesado.

Artigo 29. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13, punto 4, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo), así como nas prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional segunda

Delégase no secretario xeral do Mar a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Secretaría Xeral do Mar para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira

Quedan sen efecto as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, aprobadas por Orde da Consellería do Mar do 12 de decembro de 2011. Non obstante, serán aplicables as súas disposicións aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file