Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 14 de maio de 2013 Páx. 15928

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2013/14.

O artigo 57 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón que para acceder aos estudos superiores de Deseño, será preciso estar en posesión do título de bacharel, así como superar unha proba específica regulada polas administracións educativas en que o aspirante demostre a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

O artigo 19.1 da Orde do 30 de setembro de 2010 (DOG do 8 de outubro) pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao, dispón que será competencia da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a convocatoria, organización, desenvolvemento e avaliación das probas de acceso ás ensinanzas de grao en Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación.

En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2013/14. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas de acceso específicas ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2013/14, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro. Acceso

a) De acordo co establecido no artigo 16 da Orde do 30 de setembro de 2010, para o acceso ás ensinanzas superiores de Deseño requirirase estar en posesión do título de bacharel ou titulación declarada equivalente, e superar unha proba específica de acceso.

b) Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato, poderán realizar a dita proba, e, no caso de obter praza, matricularse de forma provisional no prazo establecido, debendo acreditar a obtención do título de bacharel antes do inicio do curso no mes de setembro; no caso de non acreditalo perderán o dereito á matrícula e á praza.

c) De conformidade co citado artigo 16.2 da Orde do 30 de setembro de 2010, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.

d) Así mesmo, segundo o establecido no citado artigo 18.1 da citada orde, poderán acceder aos estudos superiores en Deseño, sen realizaren a proba específica sinalada no artigo 16 desta orde, os aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño.

Segundo. Órganos competentes para resolver os procesos de admisión

1. Comisión de acceso.

De conformidade co disposto no artigo 19 da Orde do 30 de setembro de 2010 e para efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, formarase unha comisión de acceso que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, cando for o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo desta resolución.

2. Tribunais.

Para o desenvolvemento e a avaliación das probas de acceso específicas, a comisión de acceso estará asistida por tribunais específicos para cada unha das distintas especialidades, tal e como se recolle no anexo a esta resolución. As direccións das escolas de arte e superiores de deseño en que se leven a cabo as probas específicas adoptarán as medidas oportunas relacionadas coa dispoñibilidade de espazos e medios para a realización das ditas probas en colaboración coas presidencias dos tribunais correspondentes e da comisión de acceso.

Terceiro. Inscrición para realizar as probas

a) A inscrición farase na Secretaría da Escola de Arte e Superior de Deseño de Galicia elixida en primeira ou única opción, no prazo comprendido entre o día seguinte ao de publicación da presente resolución e o 6 de xuño, ambos incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Para a formalización das solicitudes de admisión, as escolas de arte e superiores de deseño facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na Secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

– Título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba de acceso a estas ensinanzas para maiores de dezanove anos ou algunha materia do bacharelato, farano constar na solicitude, quedando condicionada á superación dela.

c) O día 7 de xuño as escolas de arte e superiores de deseño exporán a listaxe provisional de admitidos ás probas no seu taboleiro de anuncios e na súa páxina web. O alumnado que non sexa admitido ou detecte erros na listaxe poderá presentar a súa reclamación os días 10 e 11 de xuño na secretaría da escola en que fixo a inscrición.

d) O día 13 de xuño as escolas de arte e superiores de deseño onde se realice a inscrición deberán enviarlle á comisión de acceso, a través de correo electrónico, a relación definitiva de persoas inscritas para o acceso e admisión en cada especialidade, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, con expresión da proba ou probas que deba realizar e centros a que opte, ordenados segundo a súa preferencia.

e) O día 14 de xuño a relación definitiva de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios de cada escola, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

Cuarto. Acceso directo

a) De conformidade co artigo 18.2 da Orde do 30 de setembro de 2010, a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade para os aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño é do 20 %. O 80 % restante será adxudicado mediante a proba específica.

b) Os aspirantes que opten polo acceso directo deberán formalizar a súa inscrición no proceso de acceso e admisión nas datas establecidas no punto terceiro da presente resolución.

c) Os aspirantes que estean pendentes da avaliación do proxecto final para a obtención dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2012/13, e en consecuencia non dispoñan do título de técnico superior antes de finalizar o prazo de inscrición, poderán igualmente formalizar a súa inscrición para o acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Deseño, debendo presentar a certificación de ter solicitado o devandito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido.

d) O criterio de prelación na adxudicación das prazas por acceso directo, cando non existan prazas suficientes, será en función da nota final do expediente académico do ciclo superior de Artes Plásticas alegado para o dito acceso directo, calculada segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Para os efectos do cálculo da cualificación media do expediente académico das persoas que soliciten acceder ás ensinanzas superiores de deseño aplicaranse, cando cumpra, as seguintes equivalencias, agás que no seu expediente consten explicitamente as cualificacións numéricas das materias. Neste caso serán as que se teñan en conta:

– Suficiente/aprobado: 5,5.

– Ben: 6,5.

– Notable: 7,5.

– Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

O resultado de aplicar a táboa de equivalencias indicada anteriormente expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudo, con dúas cifras decimais. Así mesmo, para determinar a media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumnado teña validadas ou nas cales estivese exento.

f) No caso de non quedaren cubertas as prazas de acceso directo, esas prazas serán asignadas aos aspirantes que superaron as probas específicas.

Quinto. Desenvolvemento das probas

a) As probas específicas de acceso levaranse a cabo o día 20 de xuño na EASD Pablo Picasso da Coruña, de acordo co seguinte horario:

– 1ª parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

– 2ª parte: das 16.00 ás 20.00 horas.

b) A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso organizará a distribución horaria e de espazos de ocupación dos tribunais que actúen nela.

c) Estrutura da proba específica.

A proba específica de acceso ás ensinanzas de grao en Deseño constará de dúas partes.

Primeira parte.

Durante un máximo de tres horas, os aspirantes contestarán por escrito tres cuestións, formuladas por escrito polo tribunal, relacionadas cos seguintes temas:

a) A historia das artes en xeral.

b) A historia das artes aplicadas, os oficios artísticos e o deseño en xeral.

c) O deseño na especialidade que se aspira a cursar.

Nesta parte da proba, o tribunal valorará a extensión e profundidade dos coñecementos, así como a calidade expresiva e expositiva amosada polo aspirante.

Segunda parte.

Durante un máximo de catro horas, os aspirantes realizarán dous exercicios de debuxo:

– 1º exercicio: debuxo mimético a man alzada, do natural ou a partir da documentación facilitada, dun modelo relacionado coa especialidade que se aspira a cursar, proposto polo tribunal, realizado con lapis de grafito sobre papel tamaño DIN A3.

– 2º exercicio: debuxo a man alzada, utilizando os sistemas e técnicas de representación máis apropiados aos estudos que se aspira cursar, que serán definidos polo tribunal, do modelo do exercicio anterior.

Nesta parte da proba o tribunal valorará a fidelidade representativa, os coñecementos amosados e a exactitude e limpeza da execución.

d) Cualificación da proba específica de acceso.

Cada unha das partes da proba cualificarase nunha escala de 0 a 10, con dous decimais.

A cualificación final da proba específica de acceso será o resultado da media aritmética das cualificacións obtidas polo aspirante en cada unha das súas partes, expresada con dous decimais, considerándose superada a proba a partir da cualificación de 5,00 (cinco).

Sexto. Admisión do alumnado

a) Unha vez concluída a proba específica, o día 26 de xuño os tribunais publicarán as listaxes de aspirantes, con expresión da cualificación final obtida, e aspirantes presentados e non presentados, ordenadas por cada especialidade segundo a puntuación en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web da escola onde se realizou a proba, e remitirán as ditas listaxes á DXEFPIE, para a súa publicación no portal educativo, o día 27 de xuño.

b) Os aspirantes poderán presentar reclamación por escrito en contra das cualificacións ou solicitar a corrección dos erros que se detectasen, na secretaría do centro en que se realizou a proba, durante os días 27 e 28 de xuño.

c) Os tribunais encargados da avaliación e cualificación da proba específica de acceso resolverán sobre as solicitudes de corrección de erros ou reclamacións en contra das cualificacións o día 3 de xullo de 2013.

d) Os tribunais comunicarán o día 3 de xullo á comisión de acceso a relación definitiva de aspirantes que superaron as probas de acceso, ordenados por puntuación e en orde decrecente, segundo as distintas especialidades, e publicaranas no taboleiro de anuncios e na páxina web da escola onde se realizou a proba.

e) A comisión, á vista das listaxes dos aspirantes que superaron a proba de acceso, determinará, en función do número de vacantes, os aspirantes que obtiveron praza nas respectivas escolas de arte e superiores de deseño, e elevará a proposta á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

f) A listaxe de persoas admitidas en cada escola e especialidade será comunicada ás respectivas escolas de arte e superiores de deseño o día 5 de xullo, e exposta no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:
http://www.edu.xunta.es

g) No caso de quedaren prazas vacantes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá establecer un proceso extraordinario de acceso na primeira semana de setembro.

Sétimo. Reclamacións e recursos

a) Os acordos e decisións dos tribunais sobre as probas de acceso poderán ser obxecto de reclamación, ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de dous días hábiles, contados a partir do día da publicación. Este órgano deberá resolver as reclamacións no prazo de dous días hábiles seguintes ao do remate deste prazo de reclamación.

b) Contra as resolucións das reclamacións emitidas polo tribunal, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada perante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Oitavo. Matrícula

a) O alumnado que obteña praza poderá formalizar a súa matrícula entre os días 8 e 15 de xullo, ambos incluídos.

b) Para a formalización das solicitudes de matrícula, as escolas de arte e superiores de deseño facilitaranlles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única instancia na Secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2013/14.

c) O día 17 de xullo as escolas de arte e superiores de deseño remitirán á comisión de acceso as listaxes de aspirantes matriculados en cada especialidade.

d) O día 19 de xullo a comisión de acceso publicará no portal educativo as listaxes de espera para cada especialidade e centro.

e) A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos. Non se cuantifica para estes efectos o alumnado repetidor.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2013

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO

I. Comisión de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2013/14.

Presidente: Gonzalo Porral Mato.

Secretario: Manuel Soto Gómez.

Vogais:

Esther Muñoz Mella.

César Taboada Varela.

Santiago Riande Torres.

II. Tribunais encargados da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño.

Especialidades de Gráfico e Moda:

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidente

Armando García Ferreiro

Miguel A. Mantilla González

Vogal 1º

Mario García Herradón

Celia Castro Fernández

Vogal 2º

Beatriz García Trillo

Antía Salgado Mesa

Vogal 3º

Ángela Morales Pozo

Néstor Martín Gulías

Vogal 4º

Ana Rego Sanmartín

Mª Carmen Pastoriza Gómez

Especialidades de Interiores e Produto:

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidente

José Luís Torres Padín

Manuel Fernández González

Vogal 1º

Mª Elena Carpintero Troncoso

María Vázquez López

Vogal 2º

Ramón Cabarcos Rodríguez

José Fco. Domínguez López

Vogal 3º

Marcos Vilariño Cabezas

Ángel M. Lázaro Sastre

Vogal 4º

Fco. Javier Rodríguez López

Jorge López Lafuente