Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 14 de maio de 2013 Páx. 15920

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2013/14.

O artigo 56 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón que para acceder aos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais será preciso estar en posesión do título de bacharel, así como superar unha proba de acceso regulada polas administracións educativas en que o aspirante demostre os coñecementos e habilidades profesionais necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

O artigo 19.1 da Orde do 30 de setembro de 2010 (DOG do 11 de outubro), pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao, dispón que será competencia da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a convocatoria, organización, desenvolvemento e avaliación das probas de acceso ás ensinanzas de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación.

En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás ensinanzas superiores en Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2013/14. Xa que logo, en virtude das atribución que lle son conferidas polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas de acceso específicas ás ensinanzas superiores en Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2013/14, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro. Acceso

a) De acordo co establecido no artigo 16 da Orde do 30 de setembro de 2010, para o acceso ás ensinanzas superiores en Conservación e Restauración de Bens Culturais, requirirase estar en posesión do título de bacharel ou titulación declarada equivalente e superar a proba específica de acceso.

b) Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán realizar a dita proba e, no caso de obteren praza, matricularse de forma provisional no prazo establecido, e acreditarán a obtención do título de bacharel antes do inicio do curso no mes de setembro; no caso de non acreditalo, perderán o dereito á matrícula e á praza.

c) De conformidade co citado artigo 16.2 da citada Orde do 30 de setembro de 2010, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.

d) Así mesmo, segundo o establecido no artigo 18.1 da citada orde, poderán acceder aos estudos superiores en Conservación e Restauración de Bens Culturais, sen realizaren a proba específica sinalada no artigo 16 da mesma orde, os aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en artes plásticas e deseño.

Segundo. Órganos competentes para resolver os procesos de acceso e admisión

a) Comisión de acceso. De conformidade co disposto no artigo 19 da Orde do 30 de setembro de 2010, para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, formarase unha comisión de acceso que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, se é o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que consideren adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo desta resolución.

b) Tribunal. Para o desenvolvemento e a avaliación das probas de acceso específicas, a comisión estará asistida por un tribunal específico, tal e como se recolle no anexo.

c) A dirección da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia garantirá a actuación deste tribunal e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

Terceiro. Inscrición para realizar as probas

a) A inscrición farase na secretaría da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o día 13 de xuño, ambos incluídos. Para tal fin, o centro deberá expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Para a formalización das solicitudes de admisión, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia facilitará ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

– Título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba de acceso a estas ensinanzas para maiores de dezanove anos ou algunha materia do bacharelato, farano constar na solicitude, que queda condicionada á súa superación.

c) Os aspirantes que estean pendentes da avaliación do proxecto final para a obtención dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2012/13 e, en consecuencia, non dispoñan do título de técnico superior antes de finalizar o prazo de inscrición, poderán igualmente formalizar a súa inscrición para o acceso e admisión ás ensinanzas superiores de conservación e restauración de bens culturais, e presentarán a certificación de ter solicitado o devandito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido.

d) O día 14 de xuño a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia exporá a lista provisional de admitidos ás probas. O alumnado que non sexa admitido poderá presentar a súa reclamación entre os días 17 e 18 de xuño, ambos incluídos.

e) A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia deberá enviarlle á comisión, a través de correo electrónico, a relación de persoas inscritas para realizaren as probas de acceso en cada especialidade, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade.

f) A relación definitiva de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios da escola o día 20 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

Cuarto. Acceso directo

a) De conformidade co artigo 18.2 da Orde do 30 de setembro de 2010, a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade para os aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño é dun 20 %. O 80 % restante será adxudicado mediante a proba específica.

b) O criterio de prelación na adxudicación das prazas por acceso directo, cando non existan prazas suficientes, será en función da nota final do expediente académico do ciclo superior de Artes Plásticas alegado para o dito acceso directo, calculada segundo se establece no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de artes plásticas e deseño de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Para os efectos do cálculo da cualificación media do expediente académico das persoas que soliciten acceder aos ciclos formativos, cando sexa preciso, aplicaranse as seguintes equivalencias, agás que no seu expediente consten explicitamente as cualificacións numéricas das materias; neste caso serán as que se teñan en conta:

– Suficiente/aprobado: 5,5.

– Ben: 6,5.

– Notable: 7,5.

– Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

O resultado de aplicar a táboa de equivalencias indicada anteriormente expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudo, con dúas cifras decimais. Así mesmo, para determinar a media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumnado teña validadas ou nas cales estivese exento.

d) No caso de non quedaren cubertas as prazas de acceso directo, estas prazas serán asignadas aos aspirantes que superaron as probas específicas.

Quinto. Desenvolvemento das probas

a) As probas específicas de acceso comezarán o día 25 de xuño, de acordo co calendario que para tal efecto estableza a comisión de acceso.

b) A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais organizará a distribución horaria e de espazos de actuación de cada tribunal.

c) Proba específica.

1. A proba de acceso aos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais constará de tres exercicios:

Exercicio 1. Madureza e formación.

O primeiro exercicio consistirá na análise dun texto relacionado cos bens culturais nun tempo máximo de noventa minutos.

Este exercicio terá como obxecto apreciar a madureza e formación xeral do/a alumno/a, capacidade de síntese e relación. A cualificación do exercicio oscilará entre 0 e 10.

Exercicio 2. Coñecementos específicos.

O segundo exercicio versará sobre as materias do nivel educativo precedente: a) Historia de España, b) Historia da Arte, c) Física e Química, d) Bioloxía. O/A alumno/a seleccionará dúas das ditas materias e desenvolverá por escrito unha cuestión de entre catro que lle fosen propostas de cada unha das dúas materias elixidas.

O tempo máximo para contestar cada unha das cuestións sobre as materias elixidas será de sesenta minutos.

Este exercicio terá por obxecto acreditar que o alumno posúe coñecementos específicos suficientes para cursar os estudos de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Cada unha das materias do exercicio será puntuada de 0 a 10 e a media aritmética resultante constituirá a nota do exercicio.

Exercicio 3. Aptitude plástica.

O terceiro exercicio constará das seguintes partes:

a) Realización dun debuxo do natural, de enfoque mimético, con modelo real, exento e inanimado. Valorarase a fidelidade na representación, a calidade do grafismo e a precisión e acabamento do traballo.

b) Realización dun traballo sobre representación de cor. Considerarase a correcta utilización das técnicas empregadas e o grao de comprensión dos valores e calidades de cor.

c) Realización dun traballo práctico para a valoración das aptitudes específicas que requiren os estudos de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Considerarase a habilidade manual, a meticulosidade e a pulcritude na realización do traballo.

O tempo máximo para a realización deste exercicio determinarao o tribunal de acceso.

Este exercicio terá por obxecto apreciar as aptitudes dos alumnos, tanto plásticas como específicas, para a conservación e restauración. A súa cualificación será a media aritmética da puntuación obtida en cada epígrafe, que se cualificará entre 0 e 10.

A cualificación global da proba resultará da media ponderada das cualificacións obtidas nos distintos exercicios. Os exercicios primeiro e segundo ponderaranse nun 20 % cada un e o terceiro nun 60 %.

Para a superación da proba de acceso exixirase unha cualificación global igual ou superior a 5.

Sexto. Admisión do alumnado

a) Unha vez concluída a proba específica, o tribunal publicará a listaxe de persoas que superaron a proba e as non admitidas en cada especialidade, ordenadas por puntuación en orde decrecente.

b) A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia comunicará o día 28 de xuño á comisión a relación de aspirantes que superen as probas de acceso, ordenados por puntuación e en orde decrecente.

c) A comisión, á vista das listaxes dos aspirantes que superaron a proba de aceso, determinará, en función do número de vacantes, os aspirantes que obtiveron praza na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais e elevará a proposta á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

d) A listaxe de persoas admitidas será comunicada á Escola o día 4 de xullo e exposta no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

e) No caso de quedaren prazas vacantes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá establecer un proceso extraordinario de acceso na primeira semana de setembro.

Sétimo. Reclamacións e recursos

a) Os acordos e decisións do tribunal sobre as probas de acceso poderán ser obxecto de reclamación ante o mesmo órgano que os ditou no prazo de dous días hábiles. Este órgano deberá resolver as reclamacións no prazo de dous días hábiles.

b) Contra as resolucións das reclamacións emitidas polo tribunal a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada perante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Oitavo. Matrícula

a) O alumnado que obteña praza deberá formalizar a súa matrícula entre os días 8 e 19 de xullo.

b) Para a formalización das solicitudes de matrícula a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais facilitaralles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2013/14.

c) A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos, e non se cuantifica para estes efectos o alumnado repetidor.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2013

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO
Comisión de acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración
de Bens Culturais para o curso 2013/14

Presidente: Gonzalo Porral Mato.

Secretario: Fernando Carrera Ramírez

Vogais: Inmaculada Santiago Cendán.

Tribunal de acceso ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2013/14

Tribunal titular:

Presidente: Fernando Carrera Ramírez.

Secretaria: Inmaculada Santiago Cendán.

Vogal 1º: Susana Ara Poceiro.

Vogal 2º: Álvaro Arizaga Castro.

Vogal 3º: Sonia Seco Lanzós.

Tribunal suplente:

Presidenta: Adelaida Lorenzo Sueiro.

Secretaria: Ángela López García.

Vogal 1º: Ana Villarquide Jevenois.

Vogal 2º: José Granados Marín.

Vogal 3º: Carmen Lorenzo Silva.