Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 23 de maio de 2013 Páx. 17911

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

Segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia en relación coa disposición transitoria terceira do Decreto 234/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma á que lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de retorno en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias se deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Para darlle cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, esta secretaría xeral convoca unha resolución de axudas económicas en favor de emigrantes retornados e os seus familiares que ten por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

No marco desta resolución preténdese reforzar a cobertura aos galegos retornados, así como establecer ademais das axudas concedidas con carácter xenérico outras destinadas a sufragar, cos límites establecidos, os seguintes gastos derivados do retorno consistentes en traslado de enxoval, gastos da viaxe do retorno e tradución e legalización de documentos.

Estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter meramente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos.

Polos ditos motivos e dada a súa excepcionalidade por razóns de interese social, proponse un mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e das garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen, todo isto, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas aos/ás emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus familiares, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2013.

Artigo 2. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2013.

Artigo 3. Desenvolvemento e aplicación

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 4. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de cento setenta mil euros (170.000 €) correspondentes á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2013. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 5. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o secretario xeral da Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas aos/ás emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus familiares, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Nestas bases reguladoras establecese unha axuda para facer fronte de maneira xenérica á situación derivada do retorno e outra axuda destinada especificamente para os seguintes gastos: traslado de enxoval, gastos da viaxe de retorno e tradución e legalización de documentos. Estas dúas axudas son compatibles entre si.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, e con base no disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Compatibilidade con outras axudas

1. O importe das axudas reguladas nestas bases en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, tanto de carácter privado como das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

2. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta secretaría xeral para os mesmos conceptos subvencionables.

Artigo 3. Beneficiarios/as

1. Poderán ser beneficiarios/as destas axudas as seguintes persoas:

a) Os/as cidadáns/ás españois que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volvesen a Galicia sempre que, antes de emigrar, tivesen a súa última veciñanza administrativa en Galicia e así estivese acreditado no correspondente consulado de España, así como os emigrantes naturais de Galicia que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volveron á Comunidade Autónoma.

b) Os familiares das persoas indicadas na alínea anterior unidos a estes por matrimonio ou que sexan parella de feito, parentesco por afinidade en primeiro grao, ou por adopción e parentes consanguíneos de ata o segundo grao, así como os viúvos/as ou orfos/as deses emigrantes.

Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

2. Os/as anteditos /as beneficiarios/as deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Artigo 4. Requisitos dos/as beneficiarios/as

1. Os requisitos esixidos para poder ser beneficiarios/as, que deben estar referidos ao momento da solicitude, son os seguintes:

a) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.

b) Ter traballado no exterior durante un período mínimo dun ano.

No caso das persoas que accedan á nacionalidade española, deberán acreditar que ese período de traballo sexa posterior a data de acceso á dita nacionalidade.

Quedarán eximidos deste requisito:

– As persoas que teñan 65 anos ou máis na data de publicación desta resolución ou que cumpran 65 anos ao longo do ano da correspondente convocatoria.

– As persoas que teñan recoñecida unha discapacidade por un organismo público oficial español nun grao igual ou superior ao 65 %.

c) Non ter transcorrido máis dun ano entre a data do seu retorno a España e a da publicación desta resolución.

d) Estar empadroado/a e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computando como tales todo tipo de rendas, incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta resolución.

Entenderanse como rendas ou ingresos insuficientes os que non superen, en cómputo global, o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) mensual correspondente ao ano da convocatoria, e relativos á renda per cápita da unidade familiar entendida tal como se sinala no artigo 5 desta resolución.

Así mesmo terán a consideración de rendas para os efectos da percepción destas axudas, ás seguintes:

– Rendementos do traballo. Inclúe as rendas netas do traballo por conta allea, bolsas e outras axudas semellantes.

– Pensións e prestacións. Inclúe os ingresos netos de todo tipo de pensións e prestacións.

– Rendas do capital mobiliario. Inclúe os rendementos netos das distintas contas bancarias e investimentos financeiros.

– Rendas do capital inmobiliario. Inclúe os rendementos brutos dos bens inmobles arrendados, diferentes da vivenda habitual.

– Rendas de actividades económicas, profesionais, empresariais ou agrarias. Compútase como rendas o rendemento neto reducido (ingresos menos gastos) dos distintos tipos de actividades.

Para o cálculo das rendas, cando se perciban con periodicidade superior á mensual, computaranse en pro rata mensual sobre o período ao cal correspondan, excepto as que se obteñan nun único pagamento que se ratea o seu importe entre doce meses.

f) Carecer de bens mobles e/ou inmobles cuxo valor supere o límite establecido no número 3 deste artigo.

Para estes efectos só se computarán como bens mobles o diñeiro en efectivo e os efectos mercantís que non estean depositados nunha entidade financeira valorados polo seu importe, así como os depósitos bancarios ou a prazo, accións, valores ou participacións en sociedades, participacións en fondos ou plans de pensións ou de investimento ou calquera outra relación en que apareza en posición acredora dunha entidade financeira, sendo o valor para computar destes efectos o que conste na correspondente certificación bancaria.

Polo que respecta aos bens inmobles teranse en conta todos, a excepción da vivenda habitual, e o seu valor será o que figure no recibo do imposto que os grave ou no seu defecto, no contrato de compravenda.

2. Quedan excluídos/as das axudas desta resolución os/as beneficiarios/as de anteriores resolucións da Secretaría Xeral da Emigración de axudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus familiares.

3.Quedan excluídos/as das axudas desta resolución os/as solicitantes que teñan bens patrimoniais (mobles e/ou inmobles), entendidos tal e como se recolle neste artigo punto 1.f), cuxo valor supere o límite de 15.000 € máis 5.000 € adicionais por cada membro da unidade familiar, entendida tal e como se sinala no artigo 5 desta resolución.

Artigo 5. Criterios de valoración

A valoración das axudas efectuarase conforme aos criterios e a gradación que se establece a seguir:

1. Situación económica per cápita mensual da unidade familiar do/a solicitante ponderada consonte o total de ingresos e de rendas percibidas e o número de membros da unidade familiar, segundo o seguinte baremo:

a) Ingresos e rendas inferiores ao 50 % do IPREM: 3 puntos.

b) Ingresos e rendas do 50 % ao 80 % do IPREM: 2 puntos.

c) Ingresos e rendas superiores ao 80 % do IPREM e ata o IPREM: 1 punto.

Entenderase como unidade familiar, en todo caso, a integrada polo/a solicitante e o seu cónxuxe, ou parella de feito, non separado legal ou de feito, e de ser o caso, os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao en liña ascendente e descendente do/a solicitante, así como os seus cónxuxes, ou parellas de feito, non separados legal ou de feito, sempre que convivan co/coa solicitante.

Para estes efectos, só se computarán como membros da unidade familiar os que consten no mesmo domicilio segundo os datos do Padrón Municipal ou ben da certificación municipal de empadroamento e convivencia, no caso de tela que achegar o/a solicitante, segundo o previsto no artigo 8.1.4 desta resolución.

2. Número de fillos/as menores de 18 anos por conta do/a solicitante: 1 punto por cada fillo ata o terceiro incluído e 2 puntos máis por cada fillo/a a partir do/a cuarto/a.

3. Situación de discapacidade do/da solicitante e/ou de membros da unidade familiar:

– Discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 1 punto por persoa.

– Discapacidade igual ou superior ao 65 %: 2 puntos por persoa.

No caso de que necesite axuda de terceira persoa para as actividades básicas da vida diaria aumentarase dous puntos a valoración por persoa que se atope na antedita situación.

4. Enfermidade grave ou moi grave do/a solicitante e/ou de membros da unidade familiar, sempre e cando non se tivese valorado no número 3 deste artigo: 1 punto por persoa.

5. Solicitante e/ou membros da súa unidade familiar que sexan vítimas da violencia de xénero: 2 puntos.

6. Os/as solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de solicitude e sempre que non sexan beneficiarios/as de ningún tipo de pensión nin de prestación periódica concedidas pola Administración estatal ou autonómica: 5 puntos.

7. De existir varios solicitantes que reúnan os requisitos para poder ser beneficiarios/as integrados dentro da mesma unidade familiar, tal e como se recolle no artigo 5.1, a puntuación obtida con base na aplicación dos criterios de valoración establecidos no presente artigo dividirase entre o número de beneficiarios da axuda, tendo en conta que a puntuación obtida por ter fillos a cargo menores de 18 anos imputarase ao cónxuxe ou parella de feito que ambos manifesten expresamente mediante declaración por escrito. De non facer declaración expresa ou de non existir acordo, imputaráselle á nai.

Artigo 6. Contía e pagamento das axudas

1. As axudas de carácter xenérico para facer fronte á situación derivada do retorno previstas nestas bases reguladoras pagaranse por unha soa vez, e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteñan segundo os criterios recollidos no artigo 5, fixando para os efectos un valor en euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

Co obxecto de protexer a situación daquelas persoas que se atopen nunha situación de maior vulnerabilidade, con base no establecido nos apartados 1, 2, 3, 4, 5, 6 e 7 do artigo 5 destas bases reguladoras, a unidade de puntuación terá un valor en euros diferente en función do número de puntos obtidos polas persoas solicitantes, de acordo coas seguintes regras:

– Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan entre 1 e 5 puntos: 250 € por punto.

– Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan 6 ou máis puntos: 350 € por punto.

2. De existir varios/as solicitantes que reúnan os requisitos para poder ser beneficiarios/as integrados/as dentro da mesma unidade familiar, constituída tal e como se recolle no artigo 5.1, establecese unha contía máxima da axuda por beneficiario/a de 1.500 €.

3. Establecese tamén unha axuda de pagamento único para os gastos derivados do retorno, tales como traslado de enxoval, gastos da viaxe de retorno e tradución e legalización de documentos, que poderán incrementar a contía das axudas previstas no punto 1.

Poderán acceder a estas axudas as persoas que reúnan todos os requisitos para poder ser beneficiarios segundo o artigo 4, excepto o referido ao punto e) «rendas ou ingresos suficientes», sempre que non superen en 1,5 veces o IPREM mensual correspondente ao ano da convocatoria.

A contía desta axuda é variable en función do gasto xustificado, cun tope máximo a pagar por beneficiario de:

– Para persoas procedentes de Europa: 150 €.

– Para persoas procedentes de América e outros países, excepto Europa: 400 €.

4. Pagamento.

As axudas concedidas para facer fronte de maneira xenérica á situación derivada do retorno aboáranse unha vez que se acredite que o/a solicitante reúne os requisitos esixidos para obter a condición de beneficiario/a segundo o establecido nos artigos 3 e 4 destas bases reguladoras e polo importe correspondente en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 5 destas bases.

Para proceder ao pagamento das axudas previstas para os gastos específicos derivados do retorno, tales como traslado de enxoval, gastos da viaxe de retorno e tradución e legalización de documentos, deberá acreditarse que o gasto foi efectuado mediante a presentación de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, aos que se lle engadirá a documentación acreditativa do seu pagamento. Todos estes documentos deberán de presentarse en orixinal, fotocopia compulsada ou formato electrónico admisible legalmente.

Os pagamentos en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopias dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

Poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante recibín do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros sempre que os ditos gastos se efectúen no ámbito do comercio retallista ou de empresas prestadoras de servizos a usuarios finais, ou sexan unha práctica común habitual no tráfico económico. No caso de documentos administrativos entenderase pagado sempre que conste nel a contía que debe ser satisfeita polo/a usuario/a.

Artigo 7. Prazo e lugar de presentación das solicitudes

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e a Orde do 15 de setembro de 2011, as persoas interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante, carecendo do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

2. Igualmente, as solicitudes poderán presentarse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse no prazo que se indiquen na correspondente resolución de convocatoria.

Artigo 8. Documentación

1. Xunto coa solicitude, presentada segundo o modelo normalizado recollido no anexo II desta convocatoria de axudas, deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1) Os solicitantes que estean en posesión de NIF poderán prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe por medio de acceso electrónico a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o caso de que non presten este consentimento deberán presentar fotocopia do NIF e para aqueles solicitantes que non estean en posesión de NIF deberán presentar fotocopia do pasaporte.

2) Documentos xustificativos da condición de galego/a determinada no artigo 3.1.a) e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no artigo 3.1.b) destas bases reguladoras, acreditación documental do vínculo do/a solicitante.

3) Libro de familia do/a solicitante, se é o caso. No seu defecto, achegarase certificado de matrimonio ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

En caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.

4) Declaración, que se inclúe na solicitude, na que o/a solicitante presta o seu consentimento para que a Secretaría Xeral da Emigración poda verificar os seus datos de residencia e dos membros da unidade familiar no Sistema de verificación de datos de residencia. De non prestarse o dito consentimento, deberá achegarse certificado de empadroamento.

5) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno. Este documento será o que acredite o tempo traballado no exterior e da data de retorno a España.

No caso de non poder achegar o certificado de emigrante retornado considérase como data de retorno a que conste na baixa consular.

Para os/as solicitantes que retornen de países pertencentes ao Espazo Económico Europeo, de non poder achegar o certificado de emigrante retornado substituirase este pola certificación relativa aos períodos computables para a concesión das prestacións por desemprego (certificado E-301), se é o caso.

6) Baixa consular do/a solicitante expedida polo consulado do/dos país/países de procedencia. No caso de non poder achegar a baixa consular, calquera outro documento oficial expedido polas autoridades deste ou destes país/países que permita acreditar fidedignamente o tempo de residencia nel.

7) Certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, se é o caso.

8) Tarxeta de demandante de emprego, se o solicitante se atopa en idade laboral.

9) Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos económicos e rendas de calquera tipo do/a solicitante e da súa unidade familiar entendida como se sinala no artigo 5. De non percibirse rendas ou ingresos, achegarase declaración responsable do/ a solicitante de que ningún membro da unidade familiar, incluído o/a interesado/a, percibe ingresos económicos e rendas de calquera natureza, segundo o modelo do anexo III.

10) Declaración responsable do/a solicitante de que ningún membro da unidade familiar, incluído el/ela mesmo/a, ten outros bens, mobles ou inmobles, a excepción da vivenda habitual, segundo o modelo do anexo III, e de telos, acreditación do seu valor, tal e como se recolle no artigo 4.1.f).

11) Cando o/a solicitante sexa o cónxuxe, parella de feito, viúvo/a ou orfo/a do/a emigrante galego/a, achegará ademais o correspondente certificado de defunción expedido pola autoridade competente do país onde se producise o falecemento.

12) Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde españois, no caso de alegar enfermidade grave ou moi grave.

13) Certificado expedido polo órgano competente en España que acredite o grao de discapacidade, no caso de alegar tal circunstancia. Non terán que presentar esta documentación cando o solicitante autorice a Secretaría Xeral da Emigración a verificar o dato do grao de discapacidade, sempre e cando fose recoñecido pola Xunta de Galicia.

14) No caso de alegar ser vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación por calquera das seguintes formas:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na lei.

c) Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

e) Informe do ministerio fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

15) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas ou calquera outro ente público ou privado competentes, incluída na solicitude.

16) Declaración, que se inclúe na solicitude, en que o/a solicitante presta o seu consentimento para que a Secretaría Xeral da Emigración poida recadar da Axencia Estatal da Administración Tributaria a subministración directa e telemática da información relativa aos ingresos, ás rendas e a situación patrimonial do/a solicitante, así como dos demais membros da unidade familiar.

17) Cando tamén se solicite axuda para atender os gastos establecidos no artigo 6.3 desta resolución, deberán presentar documentación acreditativa de que os ditos gastos xa foron efectuados mediante a presentación de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, aos que se lle engadirá a documentación acreditativa do seu pagamento. Todos estes documentos deberán de presentarse en orixinal, fotocopia compulsada, ou formato electrónico admisible legalmente.

18) Declaración expresa de non estar incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que impiden obter a condición de beneficiario/a das subvencións reguladas por esta lei, incluída na solicitude.

19) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, incluída na solicitude.

2. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

3. Cando os documentos achegados ao expediente polos/las solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

4. A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde tivera fixada a residencia o/a solicitante, a emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de ter un maior e adecuado coñecemento das devanditas situacións.

Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando o/a solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

Artigo 9. Obrigas dos/das beneficiarios/as

Son obrigas dos/as beneficiarios/as:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais, para o que se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentase a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá presentar unha declaración responsable de estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia antes dos pagamentos.

c) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) As demais obrigas previstas no artigo 11 da antedita lei.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do/a solicitante para que a Secretaría Xeral da Emigración obteña de forma directa os datos de carácter persoal que figuren no NIF do/a solicitante e o acceso aos datos do Padrón Municipal do concello onde figure inscrito/a referidos a alta e as persoas que figuren inscritas no mesmo domicilio.

Non obstante o/a solicitante poderán denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón o NIF e a certificación municipal, documentos os que se fai referencia no artigo 8 letras 1.1) e 1.4).

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3 da Lei 9/2007, se o/a solicitante indica que certa documentación que sexa necesaria neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarse no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle ao solicitante a presentación da documentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. A Secretaría Xeral da Emigración velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, adaptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, non entanto, a Secretaría Xeral da Emigración revelará as autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa dos Basquiños nº 2, 15704 Santiago de Compostela.

Artigo 11. Órgano competente

A Subdirección Xeral de Coordinación, Contratación e Xestión Orzamentaria é o órgano encargado da instrución do procedemento de concesión de subvención, e correspóndelle ao secretario xeral da Emigración ditar a resolución de concesión ou denegación da axuda.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido/a na súa petición, logo da correspondente resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da citada Lei 30/1992.

2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución, que se elevará ao secretario xeral da Emigración, quen, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

2. Segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a notificación practicarase conforme o establecido no seu artigo 59.

Artigo 14. Prazo de resolución

Unha vez presentadas as solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. O prazo máximo para resolver será de cinco meses contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo secretario xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 16. Recursos

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora endebedados desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Publicidade

Dada a natureza das axudas recollidas nesta resolución e, de acordo co disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exceptuase á Secretaría Xeral da Emigración da publicación das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución.

Artigo 19. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial desta secretaría xeral (http://www.emigración.xunta.es), onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución e as bases reguladoras da convocatoria.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/).

Artigo 20. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases será de aplicación a lexislación básica do Estado sobre subvencións (Lei 38/2003, do 17 de novembro e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo); a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de desenvolvemento que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file