Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 19 de xuño de 2013 Páx. 23624

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 11 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e dispón que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Por outra banda e, tendo en conta o marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego.

Segundo o establecido no artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos transferidos, correspóndelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba o Fondo Nacional de Protección ao Traballo e, segundo a disposición adicional única da Orde TAS/3501/2005, do 7 de novembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, a xestión das axudas dos programas para a creación e o mantemento do emprego recollidas nela.

O programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013 recolle no seu eixo número 1 as estratexias dirixidas ao fomento do espírito emprendedor e a mellora da adaptabilidade dos traballadores e traballadoras, empresas e persoas emprendedoras.

Nese marco e, concretamente, desenvolvendo o seu tema prioritario núm. 62 imputaranse distintas accións elixibles de acordo cos criterios de regulación dos programas tales como os recollidos nos programas II e III desta orde: Fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a e potenciación de novos proxectos empresariais.

De acordo co disposto no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, (DOG núm. 46, do 6 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das anteditas competencias e funcións.

Para reforzar a visión integral do apoio á economía social na Comunidade Autónoma de Galicia esta orde agrupa os programas de promoción, divulgación e difusión do cooperativismo e o Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais que se adecua á Orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais 3501/2005, do 7 de novembro (BOE núm. 270, do 11 de novembro).

As distintas axudas e subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Traballo e Benestar pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, tanto no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade como á promoción das cooperativas, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e sociolaboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A situación actual de crise económica afecta especialmente a capacidade de creación de emprego. Neste contexto, resulta preciso incidir na mellora da competitividade da economía social e activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego, tendo en conta a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, así como a oportunidade que estas empresas representan para a recuperación económica e para a mellora do benestar social.

O programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establece un conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas como socios e socias traballadores/as ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.

Os programas de promoción do cooperativismo e a economía social establecen axudas para o impulso de proxectos empresariais cooperativos, mesmo na fase previa á súa constitución formal, potenciando singularmente os procesos de asesoramento e acompañamento das novas iniciativas e fomentan especificamente o acceso á condición de socios e socias traballadores/as para incentivar a plena integración na empresa cooperativa. Especial importancia teñen tamén os proxectos que resulten dos procesos de intercooperación e integración cooperativa.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais e, de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Sección 1ª. Bases

Capítulo I
Finalidade, ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de promover a incorporación de persoas desempregadas ás entidades de economía social e apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación deste tipo de empresas a través dos seguintes programas:

Programa I. Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

Programa II. Fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a.

Programa III. Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica.

2. As bases reguladoras de cada un dos programas incorporaranse como anexo desta orde, que forma parte integrante dela.

3. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde:

a) As cooperativas e sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I de Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

b) As persoas desempregadas, os demandantes de mellora de emprego, así como os asalariados/as das cooperativas e sociedades laborais, nos termos e para as axudas previstas no programa II de Fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a.

c) As cooperativas e sociedades laborais de nova creación ou que acometan novos proxectos nos termos e para as actuacións previstas no programa III de Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica, así como as persoas e empresas privadas que presten os servizos de asesoramento e acompañamento nos termos previstos no punto 3.2.1 da base terceira.

2. Con carácter xeral os beneficiarios e as beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia ou no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais, ambos dependentes da Xunta de Galicia, e/ou no Rexistro Mercantil, se é o caso.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

3. Esta orde non será de aplicación ás solicitudes formuladas polas empresas e para as actividades que se indican a seguir:

a) Empresas que operan nos sectores da pesca e a acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) nº 104 do Consello (DO L 17 do 21 de xaneiro de 2000).

b) Empresas que operan na produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros, é dicir, a axuda vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación ou funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Empresas activas no sector do carbón, segundo se define no Regulamento (CE) núm. 1407/2002.

e) Adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada, por empresas que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada.

f) Empresas en crise.

Artigo 3. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión das axudas previstas nos programas desta orde estarán suxeitas á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás aplicacións 11.02.324A.471.0 e 11.02.324A.472.0 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

A distribución inicial de créditos fixarase para cada un dos tres programas recollidos no artigo 1 en cada convocatoria de axudas.

Os programas poderán ser atendidos co Fondo Social Europeo (ao 80 %) e fondos propios que cofinancian (ao 20 %) por tratarse de accións elixibles no eixo 1, tema prioritario 62, de acordo co programa operativo FSE de Galicia 2007-2013 e con fondos propios libres, así como con fondos finalistas cando se trate de accións elixibles de acordo coa Orde TAS/3501/2005, do 7 de novembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento do emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais.

De producirse remanentes de crédito nalgún dos devanditos programas procederase á reasignación das contías sobrantes entre os restantes.

Estes importes poderán verse incrementados con fondos comunitarios, da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

Estes créditos poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polos Fondos Europeos.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Capítulo II
Normas comúns, solicitudes, documentación e procedemento

Artigo 4. Solicitudes, prazo e documentación

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas desta orde deberán formalizarse por separado para cada un deles e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

1.1. Segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, as solicitudes irán acompañadas os documentos e das informacións determinados na convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, sempre que se faga constar a data e órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

2. Segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde do 7 de xullo de 2009 que desenvolve o citado decreto, deberán presentar copia compulsada do DNI do/a solicitante, no caso de que o interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

Segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia; non obstante, poderán denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberán presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda non será inferior a un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e respectaranse, de ser o caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda, no anexo I das bases.

4. As solicitudes presentaranse no modelo de solicitude en función do programa de que se trate que figura como anexo desta orde e deberán ir acompañadas da documentación xeral e específica sinalada no punto 5 deste artigo. As solicitudes e os anexos están dispoñibles na guía de procedementos, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) e tamén na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballoebenestar.xunta.es).

De acordo ao establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada pola Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lle poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Neste senso, os formularios de solicitude poderán ser obtidos, cubertos e validados pola entidade solicitante a través da aplicación informática á cal se accederá a través da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballoebenestar.xunta.es). Para os efectos de facilitar que estes formularios se cubran correctamente, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. Así mesmo, a propia aplicación informática disporá tamén de instrucións de axuda, de xeito que poidan ir visualizándose a medida que se vaian cubrindo os formularios. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidades de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, os solicitantes poderán dirixirse á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

As entidades que soliciten máis dun programa dos previstos nesta orde, unicamente deberán xuntar un exemplar da documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores. En todo caso, todas as solicitudes se deberán presentar xunto coa documentación específica para o programa respectivo.

5. A documentación que debe acompañar a cada solicitude é a seguinte:

Para o programa I:

1. Fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal do/a solicitante.

2. Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 4.2 da orde de convocatoria).

3. Alta no IAE ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

4. Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións.

5. Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas e/ou concedidas, para a mesma finalidade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras subvencións (segundo o modelo do anexo V). Na mesma declaración deberán indicarse todas as axudas de minimis recibidas durante os tres anos anteriores á data da solicitude, así como das solicitadas e que estean pendentes de resolver.

6. DNI, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro, segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos socios e socias traballadores/as ou de traballo por quen se solicita subvención, agás cando o traballador ou traballadora vinculado/a á empresa cun contrato laboral de carácter temporal se incorpore como socio ou socia traballador/a ou de traballo, que non deberán presentar as devanditas certificacións.

7. Documentos acreditativos da concorrencia das circunstancias recollidas no número 2 da base primeira, se é o caso. A comprobación da condición de persoa afectada por diversidade funcional realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración, distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas afectadas por diversidade funcional, no suposto de pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez acreditarase mediante certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social da condición de pensionista na data da incorporación. No suposto de pensionistas de clases pasivas, mediante certificación da condición de pensionista por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade por clases pasivas de Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do órgano de procedencia do/a funcionario/a na data de incorporación.

8. Certificado de alta e permanencia como socio ou socia traballador/a ou de traballo emitido pola cooperativa ou sociedade laboral e documentos da alta na Seguridade Social. No certificado de incorporación deberá constar expresamente a declaración de que o traballador ou traballadora que se incorpora como socio ou socia non tivo nos dous últimos anos na entidade tal condición (segundo o modelo do anexo III).

9. Certificación de relación nominal dos socios ou socias traballadores/as ou de traballo e do persoal asalariado fixo no ano inmediatamente anterior á data da nova incorporación, con indicación das altas e baixas no dito período (segundo o modelo do anexo IV).

10. No suposto de traballadores ou traballadoras vinculados/as á empresa por contrato laboral de carácter temporal, copia do contrato de traballo, documento de alta inicial na Seguridade Social, así como xustificante da comunicación á Seguridade Social dos cambios producidos.

11. Cando se trate da incorporación dun socio ou socia que vaia realizar unha xornada a tempo parcial, unha copia do contrato de traballo no caso de sociedades laborais. De tratarse de cooperativas, certificado en que conste a duración da xornada que ten fixada a persoa que se incorpora.

Para o programa II:

1. Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación dos datos (artigo 4.2 da orde de convocatoria).

2. Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións.

3. Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas e/ou concedidas, para a mesma finalidade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras subvencións (segundo o modelo do anexo V). Na mesma declaración deberán indicarse todas as axudas de minimis recibidas durante os tres anos anteriores á data da solicitude, así como das solicitadas e que estean pendentes de resolver.

4. Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro, segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, de ser o caso.

5. Para demandantes de mellora de emprego:

– Aqueles con xornada inferior á habitual, acreditación da xornada efectivamente realizada.

– Acreditación do tempo de permanencia como demandante de mellora de emprego.

6. Certificación da incorporación á cooperativa e documentos de alta na Seguridade Social.

7. Certificación emitida pola cooperativa do importe das achegas subscritas para adquirir a condición de socio ou socia traballador/a ou de traballo.

8. Certificación do número de persoas asalariadas da cooperativa que acredite o cumprimento das previsións sobre o número máximo de persoas asalariadas e, de ser o caso, plan específico de incorporación de persoal asalariado.

9. Certificación do acordo da asemblea xeral da cooperativa, relativo á aprobación da contía das achegas obrigatorias dos/as novos/as socios/as e da cota de ingreso, de ser o caso.

10. Certificación do acordo do consello reitor da cooperativa, relativo á admisión como socios/as e a inexistencia de impugnación ao respecto.

Para o programa III:

1. Fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal do/a solicitante.

2. Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación dos datos (artigo 4.2 da orde de convocatoria).

3. Alta no IAE ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

4. Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións.

5. Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas e/ou concedidas, para a mesma finalidade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras subvencións (segundo o modelo do anexo V). Na mesma declaración deberán indicarse todas as axudas de minimis recibidas durante os tres anos anteriores á data da solicitude, así como das solicitadas e que estean pendentes de resolver.

6. Outra documentación:

a) Documentación específica para a axuda á contratación de directores/as ou xerentes e para a axuda de apoio ás cooperativas que presten os servizos de natureza social e á comunidade:

– O curriculum vitae da persoa que se vai contratar.

– Memoria xustificativa da necesidade da contratación do persoal cualificado e da dificultade para facer fronte ao seu pagamento cos seus propios medios, e con indicación, desagregada por conceptos, do custo total da contratación.

– No suposto de non ser unha sociedade de nova creación, balance de situación e conta de resultados dos dous últimos exercicios.

b) Documentación específica para asesoramento e acompañamento de proxectos:

– Memoria da actividade para a cal se solicita a subvención, en que consten as liñas xerais do proxecto, o resto de actividades previstas para a posta en marcha, a realización de promotores/as e o investimento previsto.

– Plan de traballo normalizado con indicación da subvención solicitada, debidamente desagregada en función do número de promotores/as e de horas previsto.

– Acreditación dos coñecementos e formación específica dos/as que presten o servizo, nas áreas e nos termos previstos no número 3.2.1 da base terceira.

c) Documentación específica para outras accións de asistencia técnica:

– Orzamento individualizado correspondente a cada concepto subvencionable, cuantificado economicamente en todas as epígrafes.

– Documentación que acredite a habilitación legal e a debida cualificación para a prestación do servizo, nos termos previstos no número 3.2.2 da base terceira.

d) Documentación específica para actividades de intercooperación e integración cooperativa:

– Puntos 1, 2 e 5 da documentación xeral do programa III

– Memoria técnica e económica do proxecto de colaboración que deberá conter:

• Datos de identificación das entidades participantes coa documentación acreditativa do compromiso de colaboración empresarial ou proxecto de fusión de integración, de ser o caso, con inclusión expresa da designación da entidade representante para os efectos desta solicitude.

• Descrición do proxecto e descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto.

• Proposta das actividades para as cales se solicita a subvención, especificando a súa finalidade, os/as destinatarios/as e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes.

• Orzamento detallado, cuantificado economicamente en todos os seus puntos, que concrete a achega que realizarán as entidades participantes no seu financiamento.

6. As accións de todos os programas da orde (incorporación de desempregados e contratados temporais, acceso á condición de socio traballador e impulso de proxectos e asistencia técnica), poderán terse iniciado desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de axudas do ano inmediatamente anterior.

Artigo 5. Criterios obxectivos de adxudicacións das subvencións

Os criterios de valoración das solicitudes serán os recollidos para cada programa de axudas no anexo I.

Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario/a, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

En caso de igualdade a puntos de baremación entre as solicitudes establécense os seguintes criterios de desempate:

En primeiro lugar terase en conta a data de rexistro de entrada da solicitude e terán prioridade as solicitudes presentadas con anterioridade.

De persistir o empate, terán prioridade as solicitudes que obtivesen maior puntuación no primeiro dos criterios de avaliación, segundo a orde de aparición en que figuran na base reguladora. De persistir o empate, terán prioridade as solicitudes que obtivesen maior puntuación no segundo dos criterios de avaliación e así sucesivamente.

O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación.

Artigo 6. Instrución

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán o/a interesado/a para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistido/a da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, así como as certificacións indicadas no número 2 do artigo 4.

2. O órgano instrutor dos expedientes para os programas I e II será o Servizo de Traballo e Economía Social da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar competente por razón do territorio.

O órgano instrutor dos expedientes relativos ao programa III será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

3. A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación que aplicará os criterios de valoración sinalados nas bases reguladoras e informará o órgano instrutor. Este órgano elevaralle proposta ao órgano competente para a resolución, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

4. A comisión de avaliación das solicitudes presentadas estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, que a presidirá, a persoa titular da xefatura do Servizo de Cooperativas e Economía Social, as persoas titulares dos servizos de Traballo e Economía Social das xefaturas territoriais da consellería e un/unha xefe/a de sección que actuará como secretario/a.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa en que delegue, un/unha vogal e o/a secretario/a. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituído/a polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da dirección xeral.

Artigo 7. Resolución e recursos

1. O órgano competente para resolver as solicitudes será a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O prazo para resolver e notificar será de cinco meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. De acordo co establecido nos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a Consellería de Traballo e Benestar publicará no DOG e na súa páxina web oficial as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, con expresión do/a beneficiario/a, a contía e a súa finalidade.

5. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o Cixtec como órgano responsable dos ficheiros, rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela).

No suposto de que a axuda estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informaráselle ao beneficiario/a de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos/as beneficiarios/as, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignados a cada operación que se publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Os/as interesados/as teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Xustificación e pagamento

1. Unha vez notificada a resolución definitiva os/as interesados/as disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O/a beneficiario/a deberá presentar perante o órgano administrativo competente para a instrución do procedemento, segundo o programa de que se trate de acordo co previsto no artigo 6, a xustificación da subvención no prazo fixado na resolución de concesión da axuda e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o/a beneficiario/a para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o/a beneficiario/a das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. As unidades administrativas responsables da instrución de cada programa analizarán a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento da realización da actividade obxecto da subvención e emitirán unha proposta de pagamento que se elevará á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, órgano competente para ordenar o pagamento.

5. O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor dos/as beneficiarios/as e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. Para estes efectos considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. Con carácter excepcional, para os gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros, poderá xustificarse o pagamento mediante recibo do provedor.

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que regula as obrigas de facturación.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde. En todo caso, para os gastos que se financiarán con Fondo Social Europeo respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

6. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo VI, que irá acompañada da documentación xeral e da específica que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

6.1 Documentación xeral:

a) Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

b) No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

6.2 Documentación específica para cada programa:

a) No caso das axudas para a elaboración do plan empresarial, proxectos técnicos e estudos en xeral, deberá presentarse unha copia deles, previamente ao seu pagamento.

b) No caso de asesoramento e acompañamento de proxectos deberá achegarse certificación dos servizos realizados expedida polos/as que o prestaron e conformada polo grupo promotor, xunto cos documentos normalizados acreditativos da realización das distintas fases e copias dos documentos elaborados, de acordo co previsto na base terceira (programa III). Se a beneficiaria é a cooperativa promotora do proxecto deberá acreditar o pagamento dos servizos.

c) Cando se trate da axuda pola contratación de directores/as ou xerentes, xuntarase copia do contrato e alta na Seguridade Social.

d) Cando se trate das incorporacións ou contratacións de profesionais previstas na base terceira, 3.1.2 (programa III), achegarase certificado da inscrición no libro de socios/as ou copia do contrato de traballo, así como xustificante da alta na Seguridade Social.

e) Nas axudas da base segunda (programa II) e co obxecto de acreditar a adquisición da condición de socio/a e o recoñecemento do desembolso das achegas e cotas de ingreso, se é o caso, deberá presentarse certificado da cooperativa relativo ás anotacións realizadas no libro de achegas ao capital social así como no libro de socios e socias.

7. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida para a fase de pagamento, xeral ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do/a interesado/a.

8.Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

9. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres o/a beneficiario/a non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedor/a en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 9. Subcontratacións

Poderán ser obxecto de subcontratación, total ou parcial as actividades subvencionadas a través desta convocatoria, coas condicións e requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos nos cales teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Artigo 10. Prohibicións , incompatibilidades e concorrencia

1. A persoa ou entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo de solicitude desta orde en función do programa de que se trate.

2. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria, no cal se incluirán todos os custos directamente derivados dela, tales como custo total do activo e os custos de persoal calculados sobre o período que deban manterse os postos de traballo creados, de ser o caso.

3. As axudas e subvencións establecidas no programa I desta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego, de iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción do emprego autónomo, de centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas afectadas por diversidade funcional, convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

4. Ademais, as axudas pola incorporación de socios e socias traballadores/as ou de traballo serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que se poidan conceder pola mesma causa e concepto ao abeiro doutros programas de fomento do emprego, agás as bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal.

5. Así mesmo, a axuda para contratación de directores/as ou xerentes poderá ser compatible coas bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal.

6. As axudas previstas no programa III, Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica, serán compatibles co resto das previstas nesta orde.

7. As axudas para o fomento do acceso á condición de socio traballador previstas no programa II resultarán compatibles coa percepción da prestación contributiva por desemprego na súa modalidade de pagamento único.

8. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos nesta orde.

9. O importe máximo das axudas para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nas bases reguladoras dos distintos programas.

Artigo 11. Obrigas dos/as beneficiarios/as

Son obrigas dos/as beneficiarios e beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, agás cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar fidedignamente.

c) As cooperativas e sociedades laborais beneficiarias destas axudas están obrigadas a manter a persoa pola que se concede a subvención, como socio ou socia traballador/a ou de traballo, polo menos durante tres anos. No suposto de baixa na sociedade no dito período, teñen a obriga de substituílo/a por outra persoa e polo período que reste ata completar os tres anos, ou a reintegrar as cantidades percibidas, cos seus xuros de demora, estando obrigadas a lle comunicar a baixa ao órgano concedente no prazo dun mes contado desde aquel en que esta se produza. Cando a axuda se conceda pola incorporación dunha persoa pertencente a un colectivo determinado, a substitución deberá ser realizada por outra persoa pertencente a algún dos colectivos polos que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Esta substitución deberá realizarse no prazo máximo de seis meses desde a data da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concede a subvención, no mes seguinte á substitución. Esta nova incorporación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

d) Manter, polo menos, durante un período de cinco anos unha forma xurídica de entre as elixibles para resultar beneficiaria da subvención concedida.

e) As persoas beneficiarias das axudas de fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a do programa II quedan obrigadas a manter esta condición na mesma fórmula empresarial de economía social á cal se incorporan por un período mínimo de cinco anos.

f) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos/as beneficiarios/as e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, de ser o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos na normativa vixente sobre actividades de información e publicidade. As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado tanto na súa forma coma na súa duración e poderán consistir na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente, así como en lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación.

Para as accións dos programas II e III todas as medidas de publicidade e información que deban executarse serán coherentes co establecido na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, publicada pola Consellería de Facenda e dispoñible na súa páxina web http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/area-de-planificacion-e-fondos

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. Os beneficiarios e beneficiarias dos programas II e III deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo de Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89, número 3, do Regulamento 1083/2006 do Consello, deberán, así mesmo, manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a «pista de auditoría».

i) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade ao que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 13. Revogación e reintegro

Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A contía que se reintegrará será proporcional ao grao de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 desta orde.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 14. Seguimento e control

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos os/as beneficiarios/as deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 15. Axudas baixo condicións de minimis

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro de 2006). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros cando se trate dunha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

Sección 2ª. Convocatoria de axudas para o ano 2013

Artigo 16. Convocatoria

Convócanse para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para os programas de Fomento do emprego en empresas de economía social e de Promoción do cooperativismo reguladas polas bases da sección primeira desta orde.

Artigo 17. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 18. Período de execución das accións

Con carácter xeral e para todos os programas o período de execución de accións abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2013 ata o 31 de outubro de 2013.

Excepcionalmente, as accións realizadas entre o 21 de febreiro de 2012 e a data de publicación desta orde poderán dar lugar ao acceso á condición de beneficiario.

Porén, o gasto subvencionable corresponderá ao ultimo trimestre do 2012 e ao exercicio orzamentario do 2013.

Artigo 19. Xustificación das accións subvencionadas

As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos mediante solicitude conforme o modelo do anexo VI.

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 15 de novembro de 2013.

Artigo 20. Financiamento e normativa reguladora

O financiamento das axudas previstas na presente orde realizarase con cargo ás aplicacións 11.02.324A.471.0 cunha contía inicial de 827.981 € e 11.02.324A.472.0 cunha contía inicial de 802.106 €, de acordo coa Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

O orzamento total ascende a 1.630.087 € e a distribución inicial de créditos por programas é a seguinte:

Programa I: 802.106 € (11.02.324A.472.0)

Programa II: 324.026 € (11.02.324A.471.0)

Programa III: 503.955 € (11.02.324A.471.0)

Disposición adicional primeira

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquelas que de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa estean en poder da Administración actuante.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar a favor da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

Se unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resulta remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I

Bases reguladoras dos programas de promoción e divulgación do cooperativismo e de fomento do emprego en empresas de economía social

Base primeira. Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais

1. Finalidade.

Este programa está dirixido a fomentar a incorporación de persoas desempregadas e traballadores/as con carácter temporal, como socios e socias traballadores/as ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido.

2. Beneficiarios/as.

2.1 Poderán acollerse ás axudas previstas neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como socios e socias traballadores/as ou de traballo as persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego pertencentes a algún dos seguintes colectivos:

a) Persoas desempregadas menores de 25 anos que non tivesen antes un primeiro emprego fixo.

b) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

c) Persoas desempregadas de longa duración que estivesen sen emprego e inscritos na oficina de emprego durante polo menos 12 dos anteriores 16 meses ou durante 6 meses dos anteriores 8 meses se son menores de 25 anos.

d) Persoas desempregadas que teñan recoñecido o aboamento da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, para a súa incorporación como socios/as á sociedade cooperativa ou sociedade laboral que solicita a subvención, sempre que o período de prestación por desemprego que teñan recoñecido non sexa inferior a 360 días se teñen 25 anos ou máis e a 180 días se son menores de 25 anos.

e) Mulleres desempregadas que se incorporen como socias traballadoras ou de traballo nos vinte e catro meses seguintes á data do parto, adopción ou acollemento.

f) Persoas desempregadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

g) Persoas desempregadas en situación de exclusión social pertencentes a algún dos colectivos recollidos no Programa de fomento do emprego vixente no momento da incorporación como socio:

– Persoas perceptoras de rendas mínimas de inserción, ou calquera outra prestación de igual ou similar natureza, segundo a denominación adoptada en cada comunidade autónoma, así como os membros da unidade de convivencia beneficiarios/as delas.

– Persoas que non poidan acceder ás prestacións a que se fai referencia no paragrafo anterior, por algunha das seguintes causas:

• Falta de período exixido de residencia ou empadroamento, ou para a constitución da unidade perceptora.

• Ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido.

– Mozos e mozas maiores de 18 anos e menores de 30, procedentes de institucións de protección de menores.

– Persoas con problemas de drogodependencia ou outros trastornos adictivos que estean en proceso de rehabilitación ou reinserción social.

– Persoas internas en centros penitenciarios cuxa situación penitenciaria lles permita acceder a un emprego e cuxa relación laboral non estea engadida no ámbito de aplicación da relación laboral especial regulada no artigo 1 do Real decreto 782/2001, do 6 de xullo, así como liberados condicionais e ex-reclusos.

– Persoas menores de idade internas engadidas no ámbito de aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, cuxa situación lles permita acceder a un emprego e cuxa relación laboral non estea incluída no ámbito de aplicación da relación laboral especial a que se refire o artigo 53.4 do regulamento da citada lei, aprobado polo Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, así como os que estean en situación de liberdade vixiada e os ex-internos.

– Persoas procedentes de centros de aloxamento alternativo autorizados polas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla.

– Persoas procedentes de servizos de prevención e inserción social autorizados polas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla.

h) Traballadoras e traballadores vinculados á empresa por contrato de traballo de carácter temporal non superior a 24 meses, cunha vixencia mínima de seis meses á data de solicitude da subvención.

i) Mozos e mozas desempregados entre 16 e 24 anos que carezan de calquera título educativo ou profesional, adquirido con posterioridade ao ensino obrigatorio.

j) Persoas desempregadas pertencentes a algún dos seguintes colectivos:

– Mocidade menor de 25 anos, non incluída nos colectivos citados anteriormente.

– Persoas maiores de 25 anos e menores de 30 que finalizasen a súa educación a tempo completo nos dous anos anteriores á súa incorporación e que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado.

– Traballadores/as aos cales se lles recoñeceu o aboamento da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único.

– Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

– Mulleres desempregadas que se incorporen como socias traballadoras tras unha ausencia do mercado de traballo non inferior a 24 meses.

– Mulleres desempregadas cando se incorporen para prestar servizos en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, de acordo co disposto na Orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de setembro de 1998 (BOE do 29 de setembro).

– Persoas titulares de familias monoparentais e con responsabilidades familiares. Terá esta consideración aquela persoa solteira, viúva, separada ou divorciada que teña ao seu coidado fillos ou fillas menores de 21 anos ou persoas maiores incapacitadas que non obteñan ingresos de calquera natureza superiores ao 75 % do salario mínimo interprofesional vixente no momento da solicitude.

– Mulleres maiores de 25 anos e menores de 45.

– Persoas desempregadas que realizasen, no ano da presentación da solicitude ou nos dous anos naturais anteriores, cursos de formación profesional para o emprego destinados prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas, directamente relacionados co posto de traballo a que se incorporan.

– Persoas desempregadas que participasen, no ano de presentación da solicitude ou nos dous anos anteriores, como alumnado en escolas obradoiro, casas de oficio ou en obradoiros de emprego directamente relacionadas no seu contido co posto de traballo ao cal se incorporan; ou ben, que traballasen no ano da presentación da solicitude ou no ano natural anterior en obras ou servizos de interese xeral realizados en virtude doutros programas de fomento do emprego.

–Traballadores e traballadoras desempregados/as por mor dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52.b) e c) do Estatuto dos traballadores ou que procedan de empresas inmersas nalgún outro proceso de reestruturación ou reconversión, ou do peche da empresa de procedencia, polas causas previstas no artigo 49.1º.g) do Estatuto dos traballadores, agás no caso de que na empresa á cal se incorporen participe o empresario/a ou persoas que participaron no capital social da extinta empresa, directa ou indirectamente, ou os seus familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

2.2. Para os efectos desta axuda, o requisito de estar desempregado/a e inscrito/a como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego deberá cumprirse na data de alta do socio ou socia traballador/a no correspondente réxime da Seguridade Social.

2.3. Poderán resultar, así mesmo, beneficiarias as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como socios/as traballadores/as as persoas vinculadas á empresa por un contrato de traballo temporal non superior a 24 meses, cunha vixencia mínima de seis meses na data da súa incorporación.

2.4. A incorporación deberá supoñer incremento do emprego fixo e do número de socios e socias traballadores/as ou de traballo da entidade beneficiaria da axuda, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a axuda. Para os efectos do incremento do emprego non se terán en conta os traballadores e traballadoras temporais.

Non poderá concederse esta axuda cando se trate da incorporación de socios ou socias traballadores/as ou de traballo que tiveron tal condición na mesma empresa nos dous anos anteriores a súa incorporación como socios/as.

3. Modalidades e contía das axudas.

Pola incorporación de socias e socios traballadores ou de traballo ás cooperativas ou sociedades laborais, a contía da axuda será de ata 5.500 euros por cada persoa desempregada que se incorpore a xornada completa como socio ou socia traballador/a ou de traballo nunha cooperativa ou sociedade laboral, así como no suposto da incorporación como socio ou socia traballador/a ou de traballo das persoas vinculadas á empresa por un contrato temporal. Estas contías veranse incrementadas do seguinte xeito:

– Cando a persoa incorporada pertenza ao colectivo sinalado coa letra i) a contía da subvención incrementarase en 1000 € ata un máximo de 6.500 €.

– Cando a persoa incorporada sexa unha muller desempregada a contía da subvención incrementarase en 1.500 € ata un máximo de 7.000 €.

– No caso de persoas desempregadas en situación de exclusión social recollidas na alínea g) a contía da subvención incrementarase en 2.500 € ata un máximo de 8.000 €.

– No caso de persoas desempregadas e con discapacidade igual ou superior ao 33 %, a contía da axuda incrementarase en 4.500€ ata un máximo de 10.000 €.

No suposto de que a xornada de traballo do socio ou socia traballador/a ou de traballo incorporado/a sexa a tempo parcial, a contía da axuda será proporcional ao tempo efectivo de duración da xornada.

4. Criterios de avaliación.

A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

a) Emprego xerado.

b) Porcentaxe de mulleres no emprego xerado.

c) Contribución á integración de colectivos en situación de exclusión social.

d) Actividades desenvolvidas no marco dos novos viveiros de emprego definidos pola Unión Europea.

e) Incorporación de novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

f) Desenvolvemento de proxectos de I+D+i.

g) Incidencia na creación e mantemento do emprego no contorno xeográfico no que se desenvolva a actuación.

h) Contribución á mellora ambiental.

Estes criterios terán a mesma importancia, con independencia da orde en que figuran recollidos.

Base segunda. Programa II: Fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a

1. Finalidade.

Este programa ten como obxectivo o fomento do acceso á condición de socios e socias traballadores/as, ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, como xeito de promocionar o cooperativismo e a economía social facilitando a participación e plena integración na empresa, mediante a concesión de axudas económicas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio/a.

2. Beneficiarios/as.

Persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que accedan á condición de socio/a traballador/a ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral e as persoas asalariadas deste tipo de entidades que accedan á condición de socio/a traballador/a ou de traballo. Igualmente poderán resultar beneficiarias as persoas que figuren de alta no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de mellora de emprego.

Será necesario acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 4/1997, do 24 de marzo, de sociedades laborais, respecto aos topes máximos de traballadores/as por conta allea, así como establecer un plan específico que recolla medidas que aseguren a progresiva incorporación dos/as asalariados/as á condición de socios/as, se é o caso.

3. Contía das axudas.

A contía das axudas poderá ascender ata 4.500 euros para a incorporación a unha cooperativa e ata 2.000 € para a incorporación a unha sociedade laboral, sen que en ningún caso poida ser superior á contía que corresponda subscribir en concepto de achega de capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais, de ser o caso, pola incorporación como socio ou socia. A contía máxima da axuda, no momento do seu pagamento, non poderá ser superior aos importes efectivamente desembolsados en concepto de achega ao capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais, segundo o caso.

No caso de sociedades cooperativas, o importe das axudas será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas do/a novo/a socio/a ao capital social, ou como cota de ingreso que deberá incorporarse ao fondo de reserva obrigatorio da entidade. No caso das sociedades laborais, o importe das axudas será recoñecido como accións ou participacións sociais desembolsadas do/a novo/a socio/a ao capital social.

O importe das axudas recoñecido como capital social deberá manter o seu carácter de achegas ao capital social de sociedades cooperativas, ou de accións ou participacións sociais de clase laboral, no caso das sociedades laborais, durante un período mínimo de cinco anos. Durante este período, non poderán ser obxecto de reembolso nin transmisión por actos inter vivos. Non obstante, o socio ou socia que cause baixa obrigatoria poderá transmitir a súa achega a favor da persoa que se incorpore para substituílo/a nas mesmas condicións e ata o final do referido período, como mínimo.

4. Criterios de avaliación.

A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

a) Pola incorporación de persoas con discapacidade: 10 puntos.

b) Pola incorporación de mulleres: 5 puntos.

c) Polo tempo de permanencia no desemprego: 1 punto por cada mes ata un máximo de 20 puntos.

d) Por ter a condición de persoas asalariadas da cooperativa: 20 puntos.

e) Por ter a condición de persoas asalariadas da sociedade laboral: 10 puntos.

f) Polo tempo de permanencia como demandante de mellora de emprego: 0,20 puntos por cada mes ata un máximo de 5 puntos.

g) Pola incorporación como socios/as traballadores/as ou de traballo de sociedades cooperativas: 20 puntos.

h) Por incorporación a unha microempresa: 20 puntos.

Base terceira. Programa III: Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica

1. Finalidade.

Este programa ten como finalidade esencial fomentar e promover o cooperativismo e a economía social no ámbito da Comunidade Autónoma, concedendo axudas económicas que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais, tanto para aqueles que sexan de nova creación como para os xerados polas entidades existentes.

Poderán ter a consideración de proxectos subvencionables, entre outros, a transformación doutras fórmulas empresariais en cooperativas ou sociedades laborais, a constitución de novas entidades ou o lanzamento de novas áreas funcionais ou territoriais de actividade polas entidades en funcionamento, así como os procesos de intercooperación ou integración cooperativa.

2. Beneficiarios/as.

2.1. As cooperativas e sociedades laborais de nova creación ou as que acometan novos proxectos empresariais, así como as persoas físicas e empresas privadas que presten os servizos de asesoramento e acompañamento de proxectos recollidos no número 3.2.1 desta base.

2.2. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas no número 3.1.2 «Apoio ás entidades que presten servizos de natureza social e á comunidade», as entidades que realicen as súas actividades na área dos servizos sociais, da integración social, da protección ambiental e do tempo libre, debidamente inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

2.3. Poderán resultar beneficiarias das axudas previstas no número 3.3 «Actividades de intercooperación e integración cooperativa», as cooperativas ou sociedades laborais que, nun mínimo de catro entidades participen en proxectos de colaboración empresarial e que realicen conxuntamente a súa solicitude de axuda. Para tal efecto, deberan nomear unha única entidade que represente a todas as participantes e presentar unha única solicitude. Neste suposto, todas as entidades quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e deberán designar de entre elas a que teña a representación conxunta e a consideración de beneficiario para efectos da tramitación da subvención.

Igualmente poderán ser beneficiarias deste programa as cooperativas de segundo grao e as cooperativas que resulten dun proceso de fusión realizado no último ano ou no período de execución desta orde.

As solicitudes para esta modalidade presentaranse de xeito independente de calquera outra actividade deste programa.

Ningunha entidade poderá figurar en máis dunha solicitude das previstas no referido número 3.3. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude rexistrada en primeiro lugar no Rexistro Xeral da Consellería de Traballo e Benestar e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figuren a entidade ou entidades incumpridoras.

3. Accións subvencionables e contía.

3.1. Profesionalización e cualificación empresarial

3.1.1. Axuda para a contratación de directores/as ou xerentes.

Poderanse subvencionar os gastos ocasionados pola contratación de directores/as ou xerentes que sexan necesarios para a viabilidade da empresa ou a boa fin do proxecto de investimento de que se trate. Dado o seu carácter excepcional, para a súa concesión a sociedade deberá xustificar a súa necesidade e a dificultade da cooperativa ou sociedade laboral para facer fronte ao custo correspondente cos seus propios recursos.

Esta contratación subvencionarase por un período máximo dun ano ata o 50 % do custo total dela, sen que poida superar a contía de 20.000 euros por cooperativa ou sociedade laboral. Deberase respectar o disposto para a contratación de persoal asalariado pola lexislación vixente de cooperativas e sociedades laborais e asumir a obriga de manter no cadro de persoal da entidade o director/a ou xerente, como mínimo, polo tempo subvencionado.

3.1.2. Apoio ás entidades que presten servizos de natureza social e á comunidade.

Poderán ser obxecto de subvención ata o 75 % dos gastos ocasionados con motivo da incorporación como socios/as ou contratación de traballadores/as sociais, psicólogos/as e outros/as profesionais de especial cualificación que resulten necesarios para a viabilidade da empresa e unha adecuada prestación do servizo. A subvención calcularase sobre o importe total da contratación ou incorporación computada para un período máximo dun ano, debendo respectar o disposto para a contratación de asalariados/as pola lexislación vixente de cooperativas e de sociedades laborais, de ser o caso, e non poderá superar a contía de 20.000 euros por entidade.

3.1.3. Formación empresarial.

Esta axuda irá destinada ao financiamento parcial de cursos relacionados con actividades como a de dirección e xestión empresarial e novas tecnoloxías da información e a comunicación, a fin de cubrir as necesidades de formación das socias e socios incorporados a cooperativas e sociedades laborais durante a posta en marcha da empresa. A contía desta axuda será de ata o 75 % do custo dos servizos prestados ata o límite máximo de 5.000 euros por entidade beneficiaria, aplicándose igualmente os seguintes límites parciais: 500 euros de axuda por cada persoa socia participante na actividade co límite máximo de 2.000 euros para as que teñan unha duración de 10 horas ou inferior, e de 4.000 euros para as superiores a 10 horas.

3.1.4. A contía máxima da suma das axudas concedidas en accións de contratación de directores/as e xerentes e formación empresarial dos números 3.1.1 e 3.1.3 será de 20.000 euros por entidade beneficiaria.

3.2. Asistencia técnica.

Estas axudas están destinadas ao financiamento parcial de actividades como a contratación durante a posta en marcha da empresa dos servizos externos necesarios para o mellor desenvolvemento da actividade empresarial, así como para a realización doutras accións de asistencia técnica, estudos de viabilidade, organización, comercialización, difusión e outras de natureza análoga.

3.2.1. Asesoramento e acompañamento de proxectos.

Poderán outorgarse subvencións para o asesoramento e acompañamento de proxectos, que comprenderá desde a realización de actividades previas ao inicio da actividade, tales como a orientación do proxecto e accións formativas e informativas do grupo promotor, ata a elaboración do plan empresarial da cooperativa ou sociedade laboral, o seu seguimento e asesoramento na execución. As solicitudes poderán ser formuladas ben pola cooperativa ou sociedade laboral promotora ou ben polos que presten o servizo; neste último caso poderá presentarse unha solicitude por cada un dos proxectos asesorados.

Será preceptiva a elaboración dun plan de traballo normalizado por parte dos que presten o servizo, co seguinte contido mínimo:

O número de horas dedicadas ao acompañamento do proxecto, que non será inferior a 200 horas anuais, das cales deberá reservarse o número suficiente que permita o mantemento dunha reunión de seguimento quincenal, así como 100 horas para a realización de sesións especificas coas socias e socios cooperativistas para o tratamento e análise das seguintes áreas:

– Formación cooperativa e habilidades sociais (20 horas).

– Económico-financeira (20 horas).

– Comercial-mercado (20 horas).

– Organizativa (40 horas).

Cada reunión ou actuación subvencionable deberá documentarse cos modelos normalizados facilitados pola Consellería de Traballo e Benestar, que conterán como mínimo a súa duración e lugar de celebración, a relación de asistentes cos seus datos de identificación e sinaturas de conformidade, así como con copias dos documentos elaborados nas distintas fases.

O asesoramento e acompañamento subvencionable unicamente poderá ser prestado por persoas físicas ou empresas privadas que conten con persoal, propio ou concertado, con coñecementos e formación especifica nas áreas que se indican:

• Cooperativismo: considerarase acreditado este requisito pola participación en actividades formativas, en que a carga lectiva especifica sobre cooperativismo teña unha duración mínima de 60 horas.

• Xestión empresarial: considerarase acreditado este requisito polas persoas licenciadas en Administración e Dirección de Empresas, diplomadas en Ciencias Empresariais ou diplomadas en Relacións Laborais (ou equivalente).

• Asesoría xurídica: considerarase acreditado este requisito polas persoas licenciadas en Dereito (ou equivalente).

• Xestión societaria: considerarase acreditado este requisito pola participación en actividades formativas en materia de psicoloxía organizacional, habilidades sociais, traballo en equipo e solución de conflitos, xunto cunha experiencia mínima de 3 anos de asesoramento nesta área.

A contía da subvención ascenderá a 30 euros por hora de información, formación ou asesoramento por cada proxecto. O número mínimo de persoas asesoradas por proxecto será de tres. Establécense os seguintes límites máximos para a subvención, en función das persoas físicas promotoras directamente asesoradas:

• De 3 a 5 persoas promotoras: ata 250 horas.

• De 6 a 10 persoas promotoras: ata 300 horas.

• Máis de 10 persoas promotoras: ata 350 horas.

Para estes efectos, entenderase por persoas directamente asesoradas aquelas que participen na totalidade das sesións específicas previstas no número 3.2. O número total de horas xustificadas en concepto de preparación das actividades onde participen presencialmente os/as promotores/as, non poderá superar o 50 % do total.

Se os/as promotores/as desisten do proxecto antes de finalizar o acompañamento previsto, resultarán subvencionables as actuacións realizadas ata ese momento, cos limites anteriormente indicados. A xustificación desta subvención realizarase mediante achega da documentación establecida no artigo 8.6 da orde de convocatoria.

3.2.2. Outras accións de asistencia técnica.

Poderán ser obxecto de subvención ata o 75 % dos gastos ocasionados con motivo da posta en marcha dos proxectos que se indican a continuación, ata un máximo de 7.000 euros, cos seguintes limites particulares:

• Asistencias técnicas consistentes na elaboración de estudos de viabilidade, de organización, de comercialización, auditorías e outros informes de natureza análoga ata un máximo de 3.000 euros, segundo o número de persoas socias integradas e de acordo coa seguinte escala:

– Ata 5: 500 euros.

– De 6 a 10: 1.000 euros.

– Máis de 10: 3.000 euros.

• Asesoramento para a elaboración dos estatutos sociais e regulamentos de réxime interno ata un máximo de 2.000 euros, segundo o número de persoas socias integradas e de acordo coa seguinte escala:

– Ata 5: 500 euros.

– De 6 a 10: 1.000 euros.

– Máis de 10: 2.000 euros.

• Formalización e inscrición da escritura pública e demais trámites derivados do proceso de constitución da cooperativa ata un máximo de 1.500 euros para gastos de notaría e inscrición en rexistros oficiais e 500 euros adicionais para a realización doutros trámites.

A asistencia técnica deberá ser prestada por persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa solvencia profesional, por medio de titulación académica oficial suficiente para a prestación do servizo. No caso de persoas xurídicas, o/a posuidor/a da titulación debera acreditar o seu vínculo coa entidade.

3.2.3 A contía das axudas de asistencia técnica recollidas no número 3.2 terá o límite máximo de 15.000 euros por cooperativa ou sociedade laboral que resulte destinataria dos servizos.

3.3. Actividades de intercooperación e integración cooperativa.

Por medio desta modalidade impúlsanse especificamente as actividades de intercooperación, realizadas de forma conxunta por catro ou máis entidades de economía social e que teñan como finalidade o lanzamento dun proxecto de colaboración empresarial para a consecución de obxectivos comúns relacionados coa investigación, desenvolvemento e innovación, as tecnoloxías da información e as comunicacións, a comercialización conxunta e a internacionalización, subvencionando parcialmente os gastos necesarios para a súa realización.

3.3.1. Actividades subvencionables.

• Organización de actividades divulgativas e formativas de fomento da intercooperación.

• Celebración de encontros, seminarios e reunións das entidades participantes nos procesos de colaboración e dos seus socios e traballadores.

• Elaboración dos estudos e informes precisos para o impulso dos proxectos de colaboración entre entidades de economía social.

• Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.

• Presenza conxunta das entidades participantes nos procesos de colaboración en feiras, mostras e congresos.

• Mantemento de sistemas e redes telemáticas para a colaboración empresarial e para a xestións dos proxectos, así como para a xestión empresarial conxunta, comercio electrónico e accións de carácter análogo.

3.3.2. Contía.

A contía das axudas previstas nesta modalidade non poderá superar o 75 % dos gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 5.000 euros por cada entidade participante e un límite máximo global de 20.000 por solicitude. Establécense, así mesmo, os seguintes límites subvencionables para as actividades que se indican a continuación:

– Actividades divulgativas ou formativas de duración igual ou inferior a 10 horas, ata 2.000 euros.

– Celebración de reunións, encontros e seminarios dos participantes nos procesos de colaboración, ata 20 euros por persoa asistente, cun límite máximo total de 5.000 euros.

– Elaboración de estudos, informes e proxectos de intercooperación ata 3.000 euros e 20 euros máis por cada persoa socia ou traballadora directamente afectada.

– Presenza en feiras e mostras, ata 5.000 euros.

– Mantemento de páxina web de colaboración ou accións de carácter análogo, ata un máximo de 2.000 euros.

– Mantemento de sistemas telemáticos complexos para a xestión empresarial e societaria, así como para comercio electrónico e accións de carácter análogo, ata un máximo de 5.000 euros. Non obstante, cando impliquen a integración de todas as áreas de xestión empresarial, o límite será de 10.000 euros.

4. Contía máxima das axudas.

A contía máxima das axudas obtidas por beneficiario neste programa non poderá superar os 20.000 euros para o conxunto das modalidades e conceptos subvencionables, agás a modalidade prevista no número 3.3 «Actividades de intercooperación e integración cooperativa», para a que existirá outro límite máximo de 20.000 euros.

No caso de que a solicitude presentada supere os límites indicados nestas bases, aplicaranse estes reducindo a contía subvencionable. Se a solicitude engloba distintas actividades reducirase proporcionalmente cada unha delas.

5. Criterios de avaliación das solicitudes

A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

a) Polo emprego xerado, 2 puntos por cada persoa socia traballadora ou asalariada incorporada.

b) Pola constitución de microempresa, 10 puntos.

c) Pola constitución da empresa en zona desfavorecida ou de montaña (anexo VII), 10 puntos.

d) Por tratarse dun proceso de fusión, de constitución dunha cooperativa de segundo grao ou de colaboración empresarial, 10 puntos polas 4 primeiras entidades participantes e 2 puntos por cada unha das restantes.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file