Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Venres, 21 de xuño de 2013 Páx. 24121

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2013, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convocan para o ano 2013 as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE).

Por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 14 de maio de 2012 aprobáronse as bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino (DOG nº 96, do 22 de maio). A través destas axudas a Secretaría Xeral da Igualdade pretende incentivar as mulleres emprendedoras de Galicia para a posta en marcha, mellora ou reactivación de iniciativas empresariais como medio adecuado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral.

En consecuencia, mediante a presente resolución procédese a convocar para o ano 2013 as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino. Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG nº 214, do 5 de novembro), na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE nº 176, do 25 de xullo), e na Resolución do 14 de maio de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, a través das seguintes liñas:

a) Liña Emprende: programa de axudas económicas a través de primas para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego indefinido para mulleres por conta propia e allea.

b) Liña Innova: programa de axudas económicas mediante primas para promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que comparten a creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade.

c) Liña Activa: programa de axudas económicas a través de primas para favorecer a reactivación e consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade coas cales acadar o equilibrio empresarial buscando o seu mantemento e promoción no contexto económico actual.

d) Liña Concilia: programa de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar dirixido ás empresas que acceden a calquera dos programas das liñas Emprende, Innova ou Activa nas cales existan promotoras con fillas/os menores de tres anos, para favorecer o exercicio profesional das emprendedoras que compatibilizan a súa actividade co exercicio da maternidade en idades temperás e/ou nas cales, a través de acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización, que comparten flexibilidade no uso dos tempos para a execución do traballo e o desenvolvemento sustentable dos recursos, para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral e o exercicio das responsabilidades familiares compartidas do equipo humano que integra a empresa.

2. Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente nas resolucións de concesión. Por tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada. Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de minimis, non poderán concederse a empresas en crise, a empresas dos sectores da pesca e da acuicultura, segundo se prevé no Regulamento (CE) 104/2000 do Consello, da produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado, das actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación, e do carbón, segundo se define no Regulamento (CE) 1407/2002.

3. As bases reguladoras polas que se rexerán estas axudas foron aprobadas por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 14 de maio de 2012 (Diario Oficial de Galicia nº 96, do 22 de maio).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas formadas por mulleres emprendedoras, con domicilio social e establecemento de produción en Galicia, validamente constituídas na data de finalización do prazo de solicitudes e que cumpran os requisitos e as obrigas establecidas nas bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 14 de maio de 2012 para cada liña de axuda. A actividade mercantil será realizada por empresarias autónomas ou sociedades, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, con categoría de microempresas ou pequenas empresas. Con carácter específico quedan excluídas do ámbito desta resolución as empresas públicas ou participadas e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia da actividade.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destinarase un orzamento total de 669.740 euros que se imputará á aplicación orzamentaria que se indica e poden estar cofinanciadas ao 80 % con Fondos FSE no programa operativo de Galicia 2007-2013, eixo 2, tema prioritario 69.

Aplicación

Código proxecto

Importe

05.11.313B.470.0

2012 00094

319.000 euros

2013 00170

350.740 euros

Total

669.740 euros

2. De acordo co disposto no artigo 30.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Prazo e presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. As persoas interesadas presentarán unha única solicitude, segundo o modelo normalizado do anexo II, acompañada polos documentos que se especifican a seguir:

1) Anexo III: compromiso expreso de creación de postos de traballo por conta allea, de ser o caso.

2) Anexo IV: declaración actualizada do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

3) NIF da empresa, copia do documento de constitución da sociedade e copia da documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade. Cando a solicitante sexa persoa física, só terá que presentar copia do DNI ou NIE, no caso de que non autorizase expresamente a súa consulta, segundo se recolle no anexo II de solicitude.

4) Informe de vida laboral actualizado de todas as persoas promotoras, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e/ou pola mutualidade profesional, segundo corresponda.

5) Certificación da Axencia Tributaria que reflicta a data da alta fiscal da empresa e os códigos da actividade económica correspondentes ou alta censual. Nas solicitudes para as axudas da liña Emprende é obrigatoria a presentación dos dous documentos.

6) Plan de empresa.

7) Libro de familia das promotoras nais de menores de tres anos.

8) Acordo ou convenio de conciliación, de ser o caso.

9) Compromiso de teletraballo, de ser o caso.

10) De ser o caso, documentación acreditativa das situacións específicas de especial protección obxecto de valoración: inactivas ou paradas de longa duración, mulleres con discapacidade, mulleres en situación de especial dificultade derivada da violencia de xénero ou risco de exclusión social ou mulleres que interromperon a actividade laboral pola dificultade de compaxinar a vida laboral e familiar.

No caso de que calquera destes documentos acreditativos estivesen xa en poder da Xunta de Galicia, a persoa solicitante non terá a obriga de presentalos e debe achegar a correspondente declaración nos termos do disposto no anexo II desta convocatoria.

4. Empregaranse obrigatoriamente os formularios normalizados que se publican como anexos da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, que se poderán obter a través da sede electrónica no enderezo:

https://sede.xunta.es e tamén na web http://www.igualdade.xunta.es

Artigo 5. Criterios de valoración das solicitudes

Serán os seguintes:

1. Emprego feminino xerado, por conta propia e allea, máximo 15 puntos.

2. Investimento e financiamento: valorarase o esforzo investidor para realizar o proxecto e a achega de carácter privado das promotoras ao investimento inicial: máximo 15 puntos.

3. Contribución á integración laboral de mulleres en situación de especial protección: inactivas ou paradas de longa duración, mulleres con discapacidade, mulleres en situación de especial dificultade derivada da violencia de xénero ou risco de exclusión social ou mulleres que interromperon a actividade laboral pola dificultade de compaxinar a vida laboral e familiar: máximo 10 puntos.

4. Formación e experiencia do equipo promotor: valoraranse os coñecementos técnicos e profesionais no sector do proxecto ou en sectores profesionais relacionados: máximo 7 puntos.

5. Carácter innovador do proxecto: valorarase a inexistencia da iniciativa na localidade ou comarca, se se trata dun proxecto pioneiro no sector, se se promove a diversificación da actividade económica no contorno e se se incorporan tecnoloxías da información e comunicación: máximo 7 puntos.

6. Utilización de factores produtivos locais ou comarcais: valorarase o emprego na actividade de materias primas, mercadorías, maquinaria, instrumentos ou equipamentos producidos ou xerados no contorno local: máximo 7 puntos.

7. Localización do proxecto en zona rural (concellos con densidade de poboación inferior a 150 hab./km2): máximo 7 puntos.

8. Contribución do proxecto ao desenvolvemento sustentable: valorarase a introdución de elementos que minimicen o impacto ambiental, de enerxías alternativas, o uso eficiente de recursos e redución do gasto enerxético: máximo 7 puntos.

9. Iniciativa empresarial pertencente ao sector de prestación de servizos de conciliación: máximo 5 puntos.

10. Proxecto pertencente a sectores económicos en que as mulleres están infrarrepresentadas: máximo 5 puntos.

11. Período de desemprego das promotoras superior ao mínimo exixido: máximo 5 puntos.

12. Grao de elaboración e concreción do proxecto: máximo 5 puntos.

13. Presentación de toda a documentación relativa ao procedemento en galego e compromiso do seu uso no desenvolvemento do proxecto (anexo II): 5 puntos.

Artigo 6. Instrución, avaliación e resolución do procedemento

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, corresponde á Secretaría Xeral da Igualdade. A resolución deberá estar debidamente motivada e indicará a solicitante ou a relación de solicitantes ás cales se lles concede a axuda, os compromisos das beneficiarias, os créditos orzamentarios a que se imputa o gasto, a contía da concesión, o fondo europeo, o eixe, a compatibilidade ou incompatibilidade con outras axudas, os prazos e formas de xustificación e os prazos e modos de pagamento; así mesmo, indicará, de ser o caso, a denegación do resto das solicitudes e a súa causa.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que as beneficiarias están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste sentido, a solicitude supón a autorización ao órgano instrutor para pedir os correspondentes certificados.

2. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade, e nos cinco días seguintes ao da notificación da concesión, publicarase a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, a notificación de todas as resolucións realizarase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, as axudas concedidas, indicando a beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da axuda outorgada. Así mesmo, indicaranse as solicitudes denegadas con indicación das causas. Non obstante, o órgano competente para resolver poderá acordar a práctica da notificación individual en substitución da publicación das resolucións correspondentes.

5. Na resolución de concesión as beneficiarias serán informadas de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007), na cal figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Artigo 7. Lugar e prazos de presentación da xustificación

Para a xustificación das axudas concedidas, as entidades presentarán, con data límite do 30 de novembro de 2013 e nos lugares indicados no artigo 4 desta convocatoria, a documentación que sinala a base 14ª das bases reguladoras.

Artigo 8. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI429A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AAPP e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.igualdade.xunta.es, do teléfono 881 99 92 33, así como no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.es, ou presencialmente, previa petición de cita.

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2013

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file