Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Xoves, 22 de agosto de 2013 Páx. 33858

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2013 pola que se amplían os prazos establecidos nos artigos 2 e 21 da Resolución do 7 de marzo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións de aforro e eficiencia enerxética para proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia, no marco do convenio subscrito entre o IDAE e o Inega o día 3 de xullo de 2008 e con financiamento en parte procedente de fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (DOG núm. 53, do 15 de marzo).

No Diario Oficial de Galicia nº 132, do 12 de xullo de 2013, publicouse a Resolución do 5 de xullo desta dirección pola que se concederon subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, aos proxectos de aforro e eficiencia enerxética para a renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE) presentados polas agrupacións de concellos mencionadas no anexo da resolución, que foi tamén obxecto dunha corrección de erros publicada no Diario Oficial de Galicia nº 137, do 19 de xullo de 2013.

De acordo co disposto no artigo 2 das bases reguladoras das axudas, o período de execución das actuacións subvencionadas estará comprendido entre o día 1 de xaneiro de 2013 e o 30 de setembro de 2013. Esta última data coincide coa prevista no artigo 21.3 das mesmas bases para que as enteidades locais beneficiarias presenten a documentación xustificativa dos investimentos.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra parte, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, publicada no Boletín Oficial del Estado nº 285, do 27 de novembro (en diante, LRXPAC). A ampliación poderase acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte das agrupacións de concellos beneficiarias, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite do 30 de setembro de 2013, por cuestións orzamentarias, de procedemento de contratación das obras e a demora nas entregas de materiais polos provedores.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura nos artigos 2 e 21.3 das bases reguladoras prevista, respectivamente, para a execución das actuacións e a xustificación dos investimentos, ata o día 31 de outubro de 2013.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es), para os efectos previstos no artigo 59.6.b) da LRXPAC.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 49.3 da LRXPAC, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia