Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Xoves, 22 de agosto de 2013 Páx. 33854

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 9 de agosto de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade dun vehículo á asociación Unidade Especial de Asistencia Civil (UEAC).

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, dispón que esta é o órgano da Administración galega encargado de propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Así mesmo, correspóndelle a ordenación pesqueira en augas interiores, o marisqueo, a acuicultura, as confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións dos profesionais do sector, industrias pesqueiras e conserveiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo, cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e planificación e actuacións portuarias, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

No Decreto 131/2012, do 31 de maio, polo que se modifica o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, regúlase que dentro da Secretaría Xeral Técnica corresponde á Vicesecretaría Xeral, a través do seu Servizo de Réxime Patrimonial, o inventario, a xestión e o control dos bens adscritos á consellería.

A Subdirección Xeral de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais, segundo a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, establecida no Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, ten atribuídas as competencias en materia de prevención, detección e extinción de incendios forestais.

No Pladiga (Plan de loita contra os incendios forestais de Galicia) dedícase un capítulo á extinción e outro á vixilancia de incendios forestais onde se recollen os medios humanos e materiais, a súa distribución territorial e o procedemento operativo en función do risco de lumes segundo épocas de perigo e zonas.

Os obxectivos que deben cumprirse de acordo co establecido no Pladiga son, respectivamente: reducir as superficies queimadas por lume, a defensa das masas arborizadas, a defensa dos espazos protexidos e evitar reproducións, co fin de minorar os danos económicos, ecolóxicos e culturais que provoca este tipo de sinistro e detectar rapidamente os focos de lume e verificar as alarmas, exercendo unha maior presión nas zonas definidas como de especial vixilancia. Isto fai posible a definición de estratexias e accións selectivas, coa dobre finalidade de reducir o número de lumes e facilitar a investigación de causas.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle na súa exposición de motivos a obrigatoriedade das administracións públicas de velaren pola conservación, a protección, a rexeneración e a mellora do monte ameazado pola propagación de incendios forestais, que afecta a súa riqueza ambiental e paixaxística, así como o seu desenvolvemento. Así mesmo, sinala que a política de defensa do medio rural contra os incendios non pode ser implantada de forma illada, senón que se debe integrar nun contexto máis amplo de planificación do territorio e desenvolvemento rural que comprometa todas as administracións, persoas propietarias de terreos forestais, agricultores e agricultoras, comunidades de montes veciñais en man común, a sociedade do medio rural e, en xeral, o conxunto da cidadanía.

A asociación sen ánimo de lucro Unidade Especial de Asistencia Civil (UEAC) inscrita no Rexistro de Asociacións co número 1986-1758-1, e cuxas funcións, recollidas no artigo 3 dos seus estatutos, consisten na axuda ao tráfico e á circulación viaria, colaboración en incendios, axuda en accidentes, localización de persoas desaparecidas e riscos catastróficos, está a colaborar co Servizo de Prevención de Incendios Forestais e para a realización destes fins de utilidade pública e interese social precisa dispoñer de medios materiais, entre eles vehículos para realizar esas funcións.

Para tal fin, e para que a UEAC poida desenvolver as tarefas recollidas no artigo 3.B dos seus estatutos (colaboración en incendios) e colaborar co Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural e do Mar realizando labores de prevención e extinción, a Consellería do Medio Rural e do Mar tramita o correspondente expediente de cesión patrimonial, de conformidade co disposto nos artigos 82 a 87 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, onde se regula a cesión gratuíta de bens e dereitos.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confire o artigo 83.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase ceder en propiedade á asociación Unidade Especial de Asistencia Civil o vehículo que se relaciona a seguir:

Matrícula

Modelo

Tipo de vehículo

Ano matriculación

C-8976-CF

Suzuki Vitara

Todo terreo longo

1999

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade co establecido polo artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia os bens cedidos serán destinados pola UEAC a fins de utilidade pública ou de interese social, como son os fins e obxectivos recollidos no artigo 3.B do seu estatuto (colaboración en incendios).

2. A UEAC deberá cumprir coas obrigas da Dirección Xeral de Tráfico e realizar o trámite de cambio de titularidade dos vehículos e farase cargo de todos os gastos de mantemento dos vehículos e os derivados do seu uso, así como dos necesarios para a reparación e posta en funcionamento dos ditos bens, os derivados do seguro, da inspección técnica de vehículos (ITV) e do imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM).

3. Tanto se os bens cedidos non se aplican aos fins sinalados, como se se descoidan ou utilizan con grave quebrantamento, ou se se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería do Medio Rural e do Mar), que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que sufrisen.

4. O cesionario responderá do valor dos bens cedidos no caso da destrución, roubo ou perda e asumirá a obriga de constituír un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos que poidan ocasionarse, tanto ás persoas como ás propiedades, coa utilización do ben cedido.

5. Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación dos bens ao fin para que foron cedidos, e poderá adoptar para iso cantas medidas sexan necesarias segundo dispón o artigo 85 da Lei 5/2011, do 30 de setembro. Á Consellería do Medio Rural e do Mar correspóndelle, se for o caso, a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 3

A devantida cesión formalizarase mediante acta subscrita pola persoa titular da Secretaria Xeral Técnica desta consellería ou funcionario en que delegue, e o presidente da asociación UEAC, e deberá constar nela o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

O presente acordo de cesión leva implícita a desafectación do ben que se cede, citado no artigo 1.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo máximo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar