Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Luns, 16 de setembro de 2013 Páx. 36105

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación das familias marítimo-pesqueira e agroforestal, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería.

O artigo 11 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e se refunde a normativa en materia de formación marítimo-pesqueira, sinala como centros propios da consellería, con competencias en materia de pesca especializados en formación marítimo-pesqueira que poden impartir as ensinanzas, o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico en Vigo, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, á Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa.

O Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, ademais das instalacións destinadas á realización da formación tanto teórica como práctica, contan con residencia e comedor destinados a acoller o alumnado que, participando tanto na formación regrada como na formación non regrada, teña a súa residencia habitual lonxe das localidades onde están situados estes centros.

Por outra banda, a disposición adicional primeira do dito decreto crea a Aula de Seguridade e Salvamento co fin de garantir a formación en materia de seguridade, supervivencia e loita contra incendios, necesaria para adecuar a cualificación do persoal da frota. Esta formación está recollida na Orde FOM do 4 de setembro de 2002, do Ministerio de Fomento, na que se regulan, entre outros, os certificados de especialidade acreditativos da competencia profesional en formación básica, avanzado contra incendios e embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos. Os anteditos cursos de certificación de especialidade poden ser impartidos por centros homologados polo Ministerio de Fomento, tanto privados como públicos, coa posibilidade de establecer un prezo de matrícula pola prestación desta formación.

Pola súa banda, a consellería do Medio Rural e Mar dispón de distintos centros de formación da familia agroforestal; orixinalmente, estes centros de formación foron creados ao abeiro do Decreto lei do 7 de decembro de 1951, que creou as escolas de capacitación agraria, dependentes do Ministerio de Agricultura. En 1981, con motivo da transferencia de competencias ás comunidades autónomas, pasan a depender directamente da Xunta de Galicia.

A actual consellería de Medio Rural e do Mar herdou, do entón Ministerio de Agricultura, a facultade para desenvolver as ensinanzas de formación profesional agraria de primeiro e segundo grao, das cales era competente en virtude do Decreto 379/1972, do 24 de febreiro, ao abeiro do artigo 89.6 da Lei 14/1970, xeral de educación. Os centros de Sergude, Lourizán e Becerreá ofrecen os servizos de residencia e/ou comedor ao alumnado que neles se matriculan.

Coa finalidade de manter a calidade destes servizos, acórdase o establecemento dun catálogo de prezos públicos que satisfarán as persoas que aproveiten as prestacións ofrecidas polos anteditos centros.

O artigo 43 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que son prezos públicos as contraprestacións pecuniarias percibidas polos suxeitos a que se refire o artigo 3 da citada lei, pola prestación de servizos ou realización de actividades efectuadas en réxime de dereito público cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos/das administrados/as; o artigo 47 da citada lei dispón que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o órgano ou entidade oferente.

Segundo se recolle no artigo 117 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, a consellería competente en materia de pesca realizará as actuacións necesarias para o fomento da formación, capacitación e reciclaxe das persoas profesionais dos distintos sectores, así como daquelas persoas que poidan demandar a dita prestación formativa.

Así mesmo, de acordo co Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, de traspaso de funcións e servizos en materia de agricultura e gandaría, corresponde a esta consellería dar resposta satisfactoria ás necesidades de formación do sector mediante o desenvolvemento das ensinanzas de capacitación agraria, orientadas basicamente á actualización permanente das persoas dedicadas á agricultura e á incorporación de mozos/as á empresa agraria.

Polo exposto, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar, cos informes previos da Consellería de Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladores da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de setembro de 2013,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto a fixación dos prezos públicos para satisfacer:

a) Pola prestación dos servizos de residencia e/ou comedor nos centros de formación da consellería competente en materias de pesca, agraria e forestal.

b) Pola matrícula nos cursos de especialización en materia de seguridade, supervivencia e loita contra incendios impartidos na Aula de Seguridade e Salvamento de Ferrol.

Artigo 2. Aboamento dos prezos públicos

1. O gozo dos servizos de residencia e comedor nos centros de formación dependentes da consellería competente en materias de pesca, agraria e forestal por parte das persoas beneficiarias presupón a súa conformidade coa contía dos prezos públicos, que será exixible e deberá aboarse desde o inicio da prestación.

2. A efectiva participación nos cursos de formación en materia de seguridade, supervivencia e loita contra incendios require o aboamento anticipado do importe da matrícula.

Artigo 3. Supostos de feito

1. Constitúen os supostos de feito destes prezos públicos:

a) Servizos de residencia en pensión completa: cuarto, almorzo, xantar e cea.

b) Servizos de media pensión: xantar (cinco días á semana de luns a venres).

c) Servizo de xantar diario, non regular.

d) Os cursos de formación en materia de seguridade, supervivencia e loita contra incendios.

2. Na programación anual docente da Aula de Seguridade e Salvamento ofertaranse os cursos que se impartirán nesta dependencia.

Artigo 4. Suxeitos obrigados

1. Estarán obrigadas ao pagamento dos prezos públicos regulados neste decreto:

a) As persoas admitidas en ciclos formativos nos centros de formación da consellería con competencias en materia agraria, forestal e de pesca, polos servizos de residencia e comedor e, de ser o caso, as persoas admitidas nestas residencias segundo a disposición adicional segunda.

b) As persoas admitidas en cursos organizados pola consellería con competencias en materia agraria, forestal e de pesca polos servizos de comedor e, de ser o caso, de matrícula nos cursos previstos no artigo 1.b).

c) Os pais, nais e titores/as legais das persoas menores de idade admitidas.

d) Outros usuarios do servizo de comedor que non estean exentos do pagamento.

2. O pagamento do importe do prezo público que resulte aplicable polos servizos de residencia durante un curso escolar completo fraccionarase en tres prazos trimestrais e deberá aboarse dentro dos dez primeiros días de cada trimestre.

3. A consellería con competencias en materia agraria, forestal e de pesca poderá establecer liñas de bolsas e axudas dirixidas a compensar o custo dos servizos obxecto deste decreto.

Artigo 5. Bonificacións e exencións

1. Por membro de familia numerosa categoría especial: gozan de exención total de pagamento polos servizos e matrículas recollido neste decreto.

2. Por membro de familia numerosa categoría xeral: bonificación do 50 por 100 do total do pagamento polos servizos e matrículas recollido neste decreto.

3. Por membro de familia monoparental: bonificación do 50 por 100 do total do pagamento polos servizos e matrículas recollido neste decreto.

4. Vítimas do terrorismo: en aplicación do artigo 7 da Lei 32/1999, do 8 de outubro, terán exención de pagamento de prezos públicos por servizos académicos, de residencia ou de comedor as vítimas de actos terroristas, así como os/as seus/súas cónxuxes e fillos/as legalmente ao seu cargo non emancipados/as.

5. Vítimas da violencia de xénero: as vítimas da violencia de xénero as que fai referencia a Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, gozarán de exención no pagamento dos prezos públicos por servizos académicos, de residencia ou de comedor establecidos no presente decreto.

6. Aplicarase unha bonificación do 50 por 100 ás persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de autorización de uso dos servizos de residencia ou de xantar, ou da convocatoria dos cursos de especialización en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

7. Mulleres: en aplicación do artigo 118.2 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, en canto se rexistre infrarrepresentación das mulleres na proporción sinalada no artigo 37.2 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade das mulleres e homes, as mulleres terán unha bonificación do 25 por 100 nas taxas de matrícula. Esta bonificación non poderá acumularse a outras.

8. En todos estes casos, a exención non afecta o seguro escolar, que será aboado integramente polas persoas beneficiarias.

Artigo 6. Actualización e obriga de exhibir os prezos públicos

1. Os prezos públicos actualizaranse en 1 de setembro de cada ano, na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia (IPC, base 2011), no mes de decembro, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. Os prezos así actualizados faranse públicos mediante resolución da persoa titular da consellería co competencias en materias de pesca, agricultura e forestal, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. Os centros de formación disporán dun exemplar cos prezos públicos actualizados.

Artigo 7. Perda do dereito á devolución de importes dos prezos públicos

A persoa beneficiaria dos servizos de residencia ou de comedor que renuncie a continuar cos estudos, resulte expulsado do centro de formación ou resulte expulsado da residencia, perderá o dereito de residencia e/ou comedor e o dereito de devolución dos importes ingresados para o gozo destes servizos.

Disposición adicional primeira

A xestión, liquidación e recadación dos prezos públicos establecidos neste decreto axustaranse ao disposto na normativa vixente.

Disposición adicional segunda

Sempre que queden prazas vacantes a partir do 30 de setembro, estas poderán ser cubertas con alumnado doutros centros educativos sostidos con fondos públicos, facendo efectivo o seu pagamento por trimestres adiantados e co importe para o curso 2013/14 de 2.875,00 euros.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango contradigan o disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a conselleira do Medio Rural e do Mar para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Os prezos públicos establecidos neste decreto serán de aplicación nos centros de formación dependentes da Consellería de Medio Rural e do Mar desde o inicio do curso escolar 2013-14.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de setembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I

Catálogo de prezos públicos en residencias.

Servizo Prezo/persoa

Residencia en pensión completa curso escolar completo 1.968,00 €

Residencia en pensión completa por período inferior a un curso escolar 11,00 €/día

Xantar por bono semanal de cinco días 22,50 €

Xantar diario non regular 5,00 €/día

Catálogo de prezos públicos de matrícula en cursos na Aula de Seguridade e Salvamento de Ferrol.

Curso Prezo

Formación básica de seguridade (teórico) 390,00 €

Prácticas formación básica de seguridade 290,00 €

Avanzado en loita contra incendios 400,00 €

Embarcacións de supervivencia e botes de rescate (non rápidos) 450,00 €