Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Venres, 27 de setembro de 2013 Páx. 38167

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de setembro de 2013 pola que se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de estudos universitarios durante o curso 2013/14 nas universidades do Sistema universitario de Galicia e se establecen as bases reguladoras.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das facultades que corresponden ao Estado.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes, que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade, así como a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

O Real decreto 1000/2012, do 29 de xuño, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo, para o curso 2012/13, e se modifica parcialmente o Real decreto 1721/2007, do 21 de decembro (BOE nº 160, do 5 de xullo), cambiou os requisitos académicos xerais para poder acceder ás bolsas de carácter xeral para ensinanzas universitarias convocadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (en diante MECD).

O Real decreto 609/2013, do 2 de agosto (BOE nº 185, do 3 de agosto) establece os limiares de renda e patrimonio familiar así como as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2013/14, e modifica parcialmente o Real decreto 1721/2007, do 21 de decembro, polo que se establece o réxime das bolsas e axudas personalizadas.

Así, no curso 2013/14, o alumnado de bacharelato que se matricule, por primeira vez, no primeiro curso dos estudos de grao para obter, nas condicións previstas no Real decreto 609/2013, do 2 de agosto, a bolsa de matrícula como único compoñente, deberá acreditar unha cualificación mínima de 5,50 puntos na nota de acceso á universidade, con exclusión, se é o caso, da cualificación obtida na fase específica. Os alumnos que acceden a través dun título de técnico superior de FP ou títulos equivalentes, deberán ter esta mesma nota na proba ou na ensinanza que lles permita o acceso á universidade. Para obteren as demais contías: fixa ligada á renda, fixa por residencia e variable, deberán acreditar unha nota de acceso á universidade de 6,50 puntos. Do mesmo xeito, perfílanse as condicións de acceso ao sistema de bolsas e axudas do MECD para os alumnos de segundo e posteriores cursos, que deberán acreditar ter superado porcentaxes superiores de créditos ECTS ás exixidas ata o momento, en función da rama de coñecemento á que se adscribe o título.

Deste maneira, para obter, nas condicións previstas no Real decreto 609/2013, do 2 de agosto, a bolsa de matrícula como único compoñente, os solicitantes de segundos e posteriores cursos deberán acreditar ter superado nos últimos estudos cursados as seguintes porcentaxes dos créditos matriculados: 90 % nas ramas de coñecementos de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, 80 % na rama de Ciencias da Saúde e 65 % nas ramas de Ciencias e Ensinanzas técnicas.

Tendo en conta o anterior, co fin de minimizar no posible os efectos da entrada en vigor da nova normativa estatal e posibilitar o acceso aos estudos universitarios nuns casos, así como evitar o seu abandono noutros, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coas medidas previstas nesta orde, pretende ampliar o alcance das bolsas e axudas, para que cheguen a unha maioría de estudantes universitarios da nosa comunidade autónoma. Para a súa concesión terase en conta a capacidade económica e o aproveitamento académico, sen prexuízo da coordinación co sistema xeral de bolsas e axudas ao estudo.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas, e por proposta da Secretaría Xeral de Universidades,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde establece as bases pola que se rexerá a concesión de bolsas ou axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, aos alumnos que cursen ensinanzas universitarias adaptadas ao EEES, conducentes aos títulos oficiais de grao ou ensinanzas universitarias conducentes aos títulos oficiais de licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, e procédese á súa convocatoria.

Artigo 2. Clases e contías das axudas

As modalidades de axuda, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, consistirán:

A) Axuda de matrícula: para o alumnado de primeiro curso que inicia estudos universitarios e que posúa unha nota media de acceso á universidade inferior a 5,5 puntos e para o alumnado bolseiro do MECD ou da Consellería nos dous cursos académicos anteriores que continúen estudos universitarios, a axuda consistirá no importe dos prezos públicos oficiais por matrícula, para o curso 2013/14, que teña que ser aboado polo beneficiario.

As axudas para o pagamento dos gastos de matrícula alcanzarán unicamente as materias ou créditos de que se teña matriculado o solicitante, no curso 2013/14, nunha única titulación e especialidade.

B) Contía fixa: para o alumnado que inicie estudos universitarios e que posúa unha nota media de acceso á universidade de entre 5,5 puntos e 6,49 puntos a axuda consistirá nunha contía fixa de 600 euros.

Artigo 3. Orzamento

Para a concesión destas axudas destinaranse, un total de 1.000.000 de euros –sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da Consellería– con cargo á partida orzamentaria 09.40.422C.480.0 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, distribuídos do seguinte xeito:

– Para a axuda de matrícula do alumnado da alínea A) do artigo anterior: 700.000 euros.

– Para o alumnado da alínea B) do artigo anterior: 300.000 euros.

Se na execución non se esgota o crédito correspondente a algunha das modalidades (A ou B) en función das solicitudes, poderá ser destinado o orzamento sobrante nunha delas a cubrir as necesidades da outra modalidade.

Artigo 4. Solicitantes

1. Poderán solicitar esta axuda os alumnos que reúnan os requisitos académicos e económicos que establece esta orde e estean matriculados nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, no curso 2013/14, nas seguintes ensinanzas:

a) Ensinanzas universitarias adaptadas ao EEES, conducentes aos títulos oficiais de grao.

b) Ensinanzas universitarias conducentes aos títulos oficiais de licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Artigo 5. Requisitos xerais

1. Para ter dereito ás axudas especificadas na alínea A) do artigo 2 desta orde serán necesarios os seguintes requisitos de carácter xeral:

a) Para o alumnado de primeiro curso que inicia estudos universitarios conducentes á titulación universitaria de grao e que posúa unha nota media de acceso á universidade inferior a 5,5 puntos:

– Acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (PAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,50 puntos.

– Estar matriculado nunha universidade do SUG, no curso académico 2013/14, dun mínimo de 60 créditos.

– Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os cales solicita axuda.

– Que a renda familiar non supere o limiar 2 de renda establecido nesta orde. Denegarase a axuda cando a renda familiar do conxunto de membros computables supere estes limiares.

b) Para o alumnado de segundo e posteriores cursos:

– Ter sido bolseiro do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte nos cursos anteriores 2011/12 ou 2012/13, ou recibir a axuda de matrícula da Consellería no curso 2012/13.

– Estar matriculado nunha universidade do SUG, no curso académico 2013/14, dun mínimo de 60 créditos, agás o alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos que deberá estar matriculado de 45 créditos, como mínimo.

– Non reunir os requisitos académicos esixidos pola convocatoria de bolsas e axudas ao estudo do MECD, para o curso 2013/14, para que lle sexa concedida a bolsa.

– Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os cales solicita axuda.

– Que a renda familiar non supere o limiar 2 de renda establecido nesta orde. Denegarase a axuda cando a renda familiar do conxunto de membros computables supere estes limiares.

– Ter superado o 60 % dos créditos matriculados no curso anterior tratándose de estudos pertencentes á rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura) ou o 80 % dos créditos matriculados no curso anterior se se trata de ensinanzas das ramas de Artes e Humanidades ou de Ciencias Sociais e Xurídicas.

– Non ter superado no curso anterior a seguinte porcentaxe de créditos: 65 % na rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura) ou o 90 % nas ramas de coñecemento de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.

2. Para ter dereito ás axudas especificadas na alínea B) do artigo 2 desta orde serán necesarios os seguintes requisitos de carácter xeral:

– Acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (PAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 5,50 puntos e inferior a 6,50 puntos.

– Estar matriculado nunha universidade do SUG, no curso académico 2013/14, dun mínimo de 60 créditos.

– Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os cales solicita axuda.

– Que a renda familiar non supere o limiar 1 de renda establecido nesta orde, agás o establecido para este limiar na alínea A), inciso segundo, do artigo 6.

Artigo 6. Limiares de renda

A) Limiar de renda familiar 1. Para ter dereito á contía fixa da modalidade B), aplicaranse os seguintes limiares de renda familiar:

Familias de 1 membro: 3.962,00 euros.

Familias de 2 membros: 7.646,00 euros.

Familias de 3 membros: 11.143,00 euros.

Familias de 4 membros: 14.613,00 euros.

Familias de 5 membros: 18.076,00 euros.

Familias de 6 membros: 21.463,00 euros.

Familias de 7 membros: 24.773,00 euros.

Familias de 8 membros: 28.009,00 euros.

A partir do oitavo membro engadiranse 3.235,00 euros por cada novo membro computable da familia.

No suposto de que o orzamento total asignado resulte inferior ao orzamento total dispoñible e quedasen solicitantes excluídos por este requisito de carácter económico, poderanse elevar progresivamente os anteriores limiares da renda familiar ata un 20 por cento.

B) Limiar de renda familiar 2. Para ter dereito ao compoñente de matrícula da modalidade A), aplicaranse os seguintes limiares de renda familiar non superables:

Familias de 1 membro: 13.236,00 euros.

Familias de 2 membros: 22.594,00 euros.

Familias de 3 membros: 30.668,00 euros.

Familias de 4 membros: 36.421,00 euros.

Familias de 5 membros: 40.708,00 euros.

Familias de 6 membros: 43.945,00 euros.

Familias de 7 membros: 47.146,00 euros.

Familias de 8 membros: 50.333,00 euros.

A partir do oitavo membro engadiranse 3.181,00 euros por cada novo membro computable da familia.

Artigo 7. Formalización e presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED441C dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse ao Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es. Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Documentación que hai que presentar

8.1. Presentación electrónica:

1. A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED441C) e documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada de documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

8.2. Presentación en soporte papel:

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED441C) e documentación complementaria poderán presentalos en formato papel, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

En ambos os dous casos, xunto coa solicitude (anexo I) deberán achegar:

1. Para alumnos de primeiro curso que inicien estudos de grao:

a) Certificación dos estudos que permitan o acceso á universidade, ou tarxeta das PAU, que inclúa a nota media.

b) Documento acreditativo de matrícula na universidade en que deberá figurar o importe da matrícula, as materias e o número de créditos en que está matriculado no curso 2013/14.

c) Certificado municipal de residencia de todos os membros que compoñan a unidade familiar, no caso de non autorizar a súa verificación.

d) Documentación acreditativa da independencia familiar e económica, se procede.

e) Autorización de solicitude de información de datos de natureza tributaria (anexo II).

2. Para o alumnado de segundo e posteriores cursos que continúan estudos:

a) Credencial de bolseiro do MECD correspondente aos cursos 2011/12 ou 2012/13.

b) Certificación académica ou extracto do expediente académico actualizado en que consten a totalidade das materias cos seus correspondentes créditos e cualificacións, relativo ao curso 2012/13, así como a totalidade de materias e créditos en que está matriculado no curso 2013/14.

c) Documento acreditativo de matrícula na universidade en que deberá figurar o importe da matrícula, as materias e o número de créditos en que está matriculado no curso 2013/14.

d) Certificado municipal de residencia de todos membros que compoñan a unidade familiar, no caso de non autorizar a súa verificación.

e) Documentación acreditativa da independencia familiar e económica, se procede.

f) Autorización de solicitude de información de datos de natureza tributaria (anexo II).

Artigo 9. Requirimento de documentación ou emenda

1. A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

2. Unha vez comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas con indicación das causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería: www.edu.xunta.es/

3. Os interesados disporán dun prazo de dez días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación presentada, durante ese prazo poderán formular reclamación ou emendar erros e falta de documentación ante a Secretaria Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, e procederase ao seu arquivamento de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 10. Comisión avaliadora

1. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades.

Vogais:

A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades.

A persoa titular do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios da Secretaría Xeral de Universidades.

Un/unha asesor/a técnico/a da Secretaría Xeral de Universidades.

A persoa titular da Sección de Apoio aos Estudantes Universitarios da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretaria, con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de representantes das universidades galegas en calidade de expertos na materia obxecto da convocatoria.

3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puider asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral, en virtude da súa representación.

Artigo 11. Selección

1. Para a axuda de matrícula, alínea A) do artigo 2:

Concederáselle unha axuda, que consistirá no importe que o alumno teña que aboar pola matrícula, aos solicitantes de primeiro curso que inician estudos universitarios e posúan unha nota media de acceso á universidade inferior a 5,5 puntos e ao alumnado bolseiro do MECD ou da Consellería nos dous cursos académicos anteriores que continúen estudos universitarios. A selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, en función da renda familiar, aplicando o limiar 2 de renda establecido no artigo 6 desta orde. A ordenación das solicitudes e a proposta de concesión realizaranse priorizando as solicitudes en atención á menor renda familiar per cápita, empezando polas rendas máis baixas, de acordo coa renda individual familiar resultante de dividir a renda familiar entre o número de membros, ata esgotar o orzamento destinado para esta modalidade. En caso de empate entre dous ou máis solicitantes, procederase ao desempate de acordo co expediente académico dos solicitantes afectados.

2. Para a contía fixa, alínea B) do artigo 2:

Concederáselle unha contía única de 600 euros ao alumnado que inicie estudos universitarios e que posúa unha nota media de acceso á universidade de entre 5,5 puntos e 6,49 puntos, ata esgotar o orzamento destinado para esta modalidade. A selección farase priorizando as solicitudes en atención á maior nota media de acceso á universidade entre o alumnado que cumpra os requisitos de renda familiar, aplicando o limiar 1 de renda establecido no artigo 6 desta orde. En caso de empate entre dous ou máis solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa renda familiar máis baixa.

3. A renda familiar obterase pola agregación das rendas do exercicio 2012 de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculadas segundo se indica nos parágrafos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4. Para a determinación da renda dos membros computables que presenten declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas, procederase do seguinte xeito:

– Primeiro. Sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible do aforro.

– Segundo. Deste resultado restarase a cota resultante da autoliquidación

5. Para a determinación da renda dos membros computables que obteñan ingresos propios e non presentasen a declaración do IRPF seguirase o procedemento descrito no punto primeiro do punto anterior e do resultado obtido restaranse os pagamentos á conta efectuados.

6. A presentación da solicitude de axuda implicará a autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para obter os datos necesarios para determinar a renda para os efectos da axuda a través das correspondentes administracións tributarias.

7. Para o cálculo da renda familiar para efectos de bolsa, son membros computables da familia o pai e a nai, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, se é o caso, o solicitante, os irmáns solteiros menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar en 31 de decembro de 2012 ou os maiores de idade, cando se trate de persoas con discapacidade, así coma os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que os anteriores co certificado municipal correspondente. No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se considerarán membros computables o cónxuxe ou, de ser o caso, a persoa á cal se atope unido por análoga relación, así como os fillos se os houber.

8. No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co solicitante da bolsa. Terá non obstante a consideración de membro computable, de ser o caso, o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación cuxas rendas se incluirán dentro do cómputo da renda familiares.

9. Nos casos en que o solicitante alegue que é o único membro da unidade familiar, deberá acreditar con que medios económicos conta. No caso de que os ingresos acreditados resulten inferiores aos gastos soportados, considerados indispensables (vivenda, manutención etc.) entenderase non probada a independencia, polo que para o cálculo da renda, para efectos de axuda, computaranse os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire o punto 7 deste artigo.

10. A comisión levantará acta das súas deliberacións e elaborará unha listaxe de axudas concedidas cos solicitantes que obtiveron bolsa de acordo cos criterios fixados para cada unha das axudas establecidas nos números 1 e 2 deste artigo. Así mesmo, elaborará outra listaxe de solicitudes denegadas coas causas de exclusión.

11. As propostas de concesión formuladas pola comisión, así como as listaxes de solicitudes denegadas, publicaranse na internet, na epígrafe de ensino/universidade do enderezo www.edu.xunta.es. A dita publicación terá só efectos informativos.

Artigo 12. Resolución e publicación

1. A competencia para resolver estas axudas corresponde ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta de resolución que incluirá, para cada unha das axudas establecidas nos números 1 e 2 do artigo 11, unha relación de solicitantes seleccionados e outra de solicitudes denegadas coas causas de denegación ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia, coa cal se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, contados a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes.

O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexítima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Artigo 13. Aboamento e xustificación das bolsas

1. Segundo o disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselles aos beneficiarios nun pagamento único polo importe que lle corresponda, unha vez notificada a resolución de concesión mediante a correspondente orde de resolución que se publicará do Diario Oficial de Galicia. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fixesen constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

Artigo 14. Obrigas dos solicitantes e beneficiarios

1. Os solicitantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo o indicado no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

2. O alumnado que resulte beneficiario destas axudas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que estea matriculado e non anular a matrícula.

b) Concorrer a exame de, polo menos, un terzo dos créditos matriculados, en convocatoria ordinaria e extraordinaria.

c) Cumprir os requisitos e condicións establecidos para a concesión e desfrute da bolsa.

d) Cooperar coa Administración nas actuacións de comprobación que sexa necesario verificar, se procede, do cumprimento e a efectividade das condicións determinantes da concesión da bolsa.

e) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude ou na declaración responsable e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.

f) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

g) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración pública, ente público ou privado.

h) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Compatibilidade, alteración , modificación e reintegro

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda destinada a ese mesmo fin ou polos mesmos conceptos por calquera administración pública ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, agás a axuda de contía única por importe de 600 euros que será compatible soamente coa axuda de matrícula do MECD .

Non obstante, o alumno beneficiario poderá recibir bolsas que se convoquen para cubrir algunha das accións formativas que vaia realizar como complemento dos estudos (Erasmus, asistencia a reunións, congresos, seminarios, cursos de idiomas ...).

Non se poderán outorgar estas bolsas a aqueles solicitantes que, polo seu nivel de renda familiar ou expediente académico, teñan dereito a percibir axuda ou bolsa da convocatoria xeral do MECD, aínda que non a solicitasen.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión desta axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, se é o caso, á súa revogación con reintegro das cantidades que corresponda.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co procedemento establecido nos artigos 77 a 83, inclusive, do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obtivese a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseasen ou ocultasen feitos ou datos que motivasen a súa concesión.

Disposición adicional primeira

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade de convivencia.

b) Comprobar por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade e residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, previo consentimento da persoa interesada.

c) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso, de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro das cantidades percibidas.

d) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

e) Porén, non será necesaria a publicación cando o órgano concedente coide que se dan as previsións do artigo 15.2.d) da citada Lei 9/2007.

Disposición adicional segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file