Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 17 de outubro de 2013 Páx. 41140

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 11 de outubro de 2013 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes facultativos ambientais.

De conformidade co establecido no Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 (DOG nº 246, do 18 de decembro), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia (en diante TRLFPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes facultativos ambientais, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir vinte (20) prazas do corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes facultativos ambientais polas quendas de promoción interna e acceso libre. O sistema selectivo será o de oposición.

I.1.1. O número de vacantes reservadas á quenda de promoción interna ascende a cinco (5) prazas. O número total de vacantes reservadas á quenda de acceso libre ascende a quince (15) prazas.

As prazas reservadas ao sistema de promoción interna que non se cubran, acumularanse á quenda de acceso libre.

I.1.2. De conformidade coa disposición adicional sétima do TRLFG e co Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, do total de prazas convocadas reservarase unha (1) para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 %.

Esta cota de reserva aplicarase ao sistema de acceso libre.

No suposto de que as prazas cubertas por persoas con discapacidade alcancen a taxa do 3 % das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse ás restantes de acceso xeral.

No suposto de que as ditas prazas cubertas non alcancen a taxa do 3 % das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse á cota do 7 % da oferta seguinte, cun límite máximo do 12 %.

Se algún/algunha aspirante con discapacidade que se presente pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outros/as aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído/a pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas, no que se refire ás relacións de admitidos/as e excluídos/as, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados/as. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na cal se incluirán todos/as os/as candidatos/as que superasen todas as probas selectivas, ordenados/as pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

I.1.3. Os/as aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, será excluído/a nas listas provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídos. Tras a publicación da listaxe definitiva de admitidos e excluídos non se permitirá ningún cambio de quenda ou calquera tipo de corrección ou aclaración ao respecto.

Ao presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público (en diante EBEP), o TRLFPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos/as candidatos/as.

Para seren admitidos/as aos procesos selectivos os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios/as de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna:

I.2.1.1. Idade: non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de técnico/a superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos ou da titulación de técnico/a especialista equivalente.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

I.2.1.3. Estar en posesión ou en condicións de obter os permisos de conducir das modalidades A2 e B con autorización BTP.

1.2.1.4. Pertencer como funcionario de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C2 da Xunta de Galicia (corpo auxiliar ou ao corpo de auxiliares técnicos).

1.2.1.5. Ter prestados servizos efectivos como funcionario/a de carreira nalgún dos corpos ou escalas desde o cal participen durante polo menos dous anos, computados desde o ingreso ou desde a integración nel.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigo 54 e 57 do TRLFPG).

I.2.1.6. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.7. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

I.2.2. Para acceso libre:

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea

c) Ser nacional dalgún Estado en que en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de técnico/a superior en Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos ou da titulación de técnico/a especialista equivalente.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

I.2.2.4. Estar en posesión ou en condicións de obter os permisos de conducir das modalidades A2 e B con autorización BTP.

I.2.2.5. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.2.6. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

I.2.2.7. Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 %.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exacións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), seguindo a ruta «Función pública»-«Procesos selectivos»-«Xeración e presentación de instancias», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as/os solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As/os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, a que se refire a base I.2.2.7, deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estes aspirantes poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 55/2011, do 31 de marzo (DOG nº 66, do 4 de abril), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Os/as solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta/o de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos do pagamento:

Do importe total da taxa.

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción a/o solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

Discapacitados:

– Certificado de discapacidade.

Familia numerosa ordinaria ou especial:

– Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a/o aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses antes á data da convocatoria

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A dita documentación deberá ser presentada nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC).

Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

• Non exenta/o de pagamento: a/o solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial.

– Deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento telemático.

Sen certificado dixital:

– Deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento telemático e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Con certificado dixital:

– Poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/a titular do certificado desde a opción de pagamento telemático e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

En ambos os casos considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da LRX-PAC.

Para a devolución da taxa aboada os/as solicitantes deberán figurar como excluídos/as nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso dos solicitantes admitidos provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as/os solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas de luns a venres e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a/o titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os a través dunha resolución que será publicada no DOG e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes aparecerán na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o titular da Dirección Xeral da Función Pública ditará unha nova resolución pola que se aproben as listaxes definitivas de aspirantes admitidas/os e excluídas/os.

O feito de figurar na relación de admitidas/os non prexulgará que se lles recoñeza aos/ás aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que no momento de publicación no DOG do nomeamento do tribunal do proceso conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de oitenta (80) preguntas tipo test, máis tres (3) preguntas de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta, correspondentes á parte común e á especifica.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número de normas e temas que integran o programa.

Os/as aspirantes procedentes da quenda de promoción interna estarán exentos neste exercicio da parte común do programa.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora e trinta (30) minutos.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de febreiro de 2014.

II.1.1.2. Segundo exercicio. Os aspirantes deberán contestar por escrito a un cuestionario de preguntas curtas de carácter práctico relativas á parte específica do programa.

Para o desenvolvemento deste exercicio os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios, excluídos os libros de consulta.

O exercicio terá unha duración máxima dunha hora e trinta (30) minutos

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicarase na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) o cuestionario práctico en que consistía o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio. Os/as aspirantes deberán realizar unha proba de aptitude física consistente en percorrer unha distancia sobre superficie plana de tres (3) quilómetros e douscentos (200) metros cun peso adicional de once (11) quilogramos, nun tempo máximo de trinta (30) minutos.

O tribunal, en consideración ao número de aspirantes convocados, poderá decidir a realización do exercicio en diferentes chamamentos.

Os aspirantes deberán presentarse á realización do exercicio coa roupa e calzado que consideren adecuado e cunha certificación médica en que se faga constar que o/a aspirante reúne as condicións físicas precisas para a realización da proba. A non presentación do dito documento suporá a exclusión do aspirante do proceso selectivo.

O exercicio valorarase como apto ou non.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.4. Cuarto exercicio, que constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG nº 146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación dos/as opositoras/es iniciarase alfabeticamente polo/a primeiro/a da letra «D», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 29 de xaneiro de 2009 (DOG nº 4, do 4 de febreiro) pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución da mesma consellería do 20 de xaneiro de 2009 (DOG nº 16, do 23 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2009.

II.1.2.2. Os/as aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos/as aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores.

II.1.2.4. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que os/as aspirantes que non comparezan serán excluídos/as.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG, no Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba da que se trate, no Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es). Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que o/a aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.1.2.9. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que os/as interesados/as
poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas publicarao no DOG.

II.2. A orde de prelación dos aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da fase de oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producen renuncias dos/as seleccionados/as antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos dos/as aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduce que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeados/as funcionarios/as.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta o previsto polo artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da LRX-PAC ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta de 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

O/A presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesores/as especialistas previstos na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 29 da LRX-PAC.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán aos que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG.

Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na LRX-PAC, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

III.8. O/A presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, agás a proba de aptitude física do terceiro exercicio, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados

O tribunal excluirá aquelas/es candidatos/as en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do/a opositor/a.

As decisións e acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores a que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as valoracións que xulgue pertinentes. Estes asesores/as deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que os/as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que os/as restantes participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade do/a aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo a que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da LRX-PAC.

III.14. As comunicacións que formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de aprobados/as, presentación de documentación e nomeamento de funcionarios/as de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Criterio de desempate recollido no artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, segundo o cal, ao existir infrarrepresentación feminina nesta escala, o empate resolverase a favor da muller.

– Puntuación obtida no primeiro exercicio.

– Puntuación obtida no segundo exercicio.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como funcionarios/as.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de aprobados/as, estas/es disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Fotocopia cotexada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a súa posesión ou homologación.

B) Fotocopia compulsada do permiso de conducir das modalidades A2 e B con autorización BTP exixido na base I.2.

C) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios/as, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

D) Informe sobre o estado de saúde que acredite que o/a aspirante non padece enfermidade nin está afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

E) Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que os/as aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Os que teñan a condición de funcionarios de carreira da Administración da Xunta de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

Deberán presentar certificación do servizo de persoal da consellería ou organismo de que dependan para acreditar tal condición.

IV.4. Os/as que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeados/as funcionarios/as e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, os/as aspirantes serán nomeados/as funcionarios/as de carreira mediante unha orde do/a conselleiro/a competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.6. Unha vez publicado o nomeamento, se os/as nomeados/as funcionarios estivesen participando no proceso de integración nesta escala serán excluídos deste último. A orde acordando a exclusión publicarase no DOG.

IV.7. A adxudicación das prazas ás/aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

Os/as aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre os/as da quenda de acceso libre para cubrir as vacantes correspondentes, de acordo co disposto no artigo 22.2 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

No sistema de promoción interna, os aspirantes que superen o presente proceso selectivo poderán tomar posesión da praza que viñeran desempeñando con carácter definitivo, cando esta, de conformidade cos requisitos exixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por funcionarios/as pertencentes aos corpos ou escalas a que accedan, de acordo co disposto no artigo 63 do TRLFPG.

IV.8. A toma de posesión dos/as aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade coas disposicións do TRLFPG e demais normas concordantes.

V. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela os/as interesados/as poderán presentar recurso potestativo de reposición ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na LRX-PAC, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO I
Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso
no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1,
escala de axentes facultativos ambientais

• Parte común.

1. Constitución española, do 27 de decembro de 1978: títulos preliminar, I, III, IV, V e VIII.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

3. Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia: títulos I a V.

4. Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: títulos preliminar, II, III, IV, V, VI, VII, IX e X.

5. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia: títulos preliminar, I e III.

6. Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal: títulos I, II e III.

7. Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (Lei 30/2007, do 30 de outubro): título preliminar e títulos I (agás o capítulo VI) e II do libro I.

8. Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia: títulos I, II, IV e V.

9. Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade: capítulos I a III.

10. Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia: títulos preliminar a IV.

11. Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes: títulos preliminar e II.

12. Tratado de funcionamento da Unión Europea: primeira parte, segunda parte e capítulos 1 e 2 do título I da sexta parte.

• Parte específica.

1. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia ambiental e de montes. A Consellería do Medio Rural e do Mar e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: estrutura e organización. Funcións atribuídas á escala de axentes facultativos ambientais na Lei 2/2000, do 21 de decembro.

2. Conceptos básicos relacionados coa saúde no traballo e os riscos. Tipos de riscos. Consecuencias e custos dos riscos. Riscos xerais.

3. Técnicas de seguridade: técnicas de prevención. Inspeccións de seguridade. Investigación de accidentes. Avaliación de riscos. Normas de seguridade. Sinalizacións de seguridade: tipos, cores e formas xeométricas. A protección colectiva. A protección individual. Medidas de protección parcial e integral.

4. A vixilancia de saúde e primeiros auxilios. A xestión da prevención. Recoñecementos médicos. Hemorraxias. Queimaduras. Reanimación cardiopulmonar. Feridas. Amputacións.

5. As comunicacións. Normas que hai que seguir nas comunicacións faladas. Radiocomunicacións. Estacións de radio. Redes de comunicación. Código fonético ICAO. Rede de radiocomunicación dos servizos contra incendios forestais: tipos de estación, equipamentos e canles. Distribución das canles por distritos forestais e provincias.

6. Cartografía. Determinación dun punto. Representación do terreo. Escalas. Tipos de coordenadas e usos. Medicións indirectas. Levantamento de bosquexo. Orientación no terreo. Cartografía dixital. GPS. Os sistemas de información xeográfica: nocións básicas.

7. A protección ambiental en Galicia: Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos. Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente. Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia. A avaliación ambiental. Principais procesos e sectores relacionados coa avaliación ambiental.

8. A conservación da natureza en Galicia: Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

9. A xestión dos espazos naturais protexidos, figuras, protección, declaración, efectos e instrumentos de planificación dos recursos naturais e órganos de xestión.

10. Os compromisos internacionais de conservación da natureza: a Rede Natura 2000, concepto de LIC, ZEC e ZEPA, hábitats e especies de interese comunitario presentes en Galicia. Identificación. Regulación en Galicia. Convenio Ramsar. Aplicación en Galicia. Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e créase o Inventario de humidais de Galicia. Reservas da biosfera. Aplicación en Galicia.

11. A protección da flora e fauna en Galicia. Singularidade e endemismos. Normativa de aplicación: Catálogo español de especies ameazadas. Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA), e Decreto 167/2011, polo que se modifica o anterior. Catalogación de especies, efectos, plans de recuperación, protección, conservación e manexo. Identificación de especies do CGEA. Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo de árbores senlleiras e o seu desenvolvemento. Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia.

12. Lexislación cinexética xeral: Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia. Lei 6/2006, do 23 de outubro, de modificación da Lei 4/1997, de caza de Galicia. Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia. Orde anual de vedas.

13. Lexislación piscícola xeral: Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial. Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas continentais. Orde anual de vedas.

14. Xestión cinexética. Avaliación de poboacións. Plans de aproveitamento. Mellora do hábitat cinexético. Especies de caza maior e menor en Galicia. Modalidades de caza empregadas con cada unha delas. Identificación. Seguridade nas cazarías.

15. Xestión piscícola. Avaliación de poboacións. Plans de aproveitamento. Mellora do hábitat piscícola, repoboacións con especies piscícolas: xustificación e técnicas. Especies piscícolas en Galicia, autóctonas e introducidas. Identificación. O salmón atlántico, o reo, a troita e a anguía. Evolución das poboacións, problemas máis importantes en Galicia.

16. Contaminación das augas continentais en Galicia: toma de mostras. Actas de toma de mostras e análise. Calidade mínima exixible das augas continentais. Protocolo de recollida de mostras e probas de ataque de lobo. Recolla e análise de cadáveres e cebos presuntamente envelenados. Recolla de mostras de auga e cadáveres en casos de presuntas verteduras tóxicas. Outros protocolos especiais para recollida de mostras. A cadea de custodia. Transporte e entrega de mostras. Destino e procedemento.

17. A protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade: Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade. Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a Lei 1/1993. Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de identificación.

18. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. A Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes. Figuras contractuais entre a Administración forestal e os propietarios de montes. Concepto e características das figuras existentes. Dereitos e obrigas de ambas as partes.

19. A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento de execución.

20. Axudas para o fomento do sector forestal: recoñecemento previo, certificación e controis sobre o terreo.

21. Sociedades de fomento forestal: regulamentación, requisitos forestais e requisitos legais. Incentivos ás sociedades de fomento forestal. O Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

22. Parámetros dasométricos máis usuais. Cubicación de árbores en pé e cortados polo pé. Noción de inventario forestal e tipos. Os principais aparellos de medida.

23. Ecoloxía e características forestais das quercíneas e das frondosas non quercíneas en Galicia. Distribución e importancia económica destas segundo os datos do IFN4.

24. Ecoloxía e características forestais das coníferas en Galicia. Distribución e importancia económica destas segundo os datos do IFN4.

25. Técnicas e métodos de repoboación forestal, vantaxes e inconvenientes. Elección de especies e os seus condicionantes. Elección de especies segundo as liñas que indica o Plan forestal de Galicia. Preparación do terreo e plantación. Labores de mantemento.

26. Tratamentos silvícolas: rozas, rareos e claras. Tipos de claras, peso e intensidade delas. Selección de abrochos e podas. Maquinaria e ferramentas para estes traballos. Principais tipos e aplicación. Mantemento.

27. Enfermidades e pragas das principais especies arbóreas. Ciclos biolóxicos. Medidas para combatelas. Declaración de organismos de corentena. Plans de acción.

28. Materiais forestais de reprodución. Categorías. Orixe e procedencia. Materiais de base. Certificado patrón. Comercialización con fins á silvicultura: documentos exixibles e etiquetaxe. Requirimentos de calidade exterior da planta forestal.

29. Ordenación de montes. Obxectivos. Inventario do monte: unidades, marcaxe e planos. Parcelas de inventariación. Quenda. Posibilidade.

30. Aproveitamentos forestais en Galicia. Xestión e control dos aproveitamentos forestais. A industria forestal. O sector da serraxe. O sector dos taboleiros. O sector da pasta de papel. A biomasa forestal e os cultivos enerxéticos.

31. A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e lexislación complementaria. O Decreto 105/2006, do 22 de xuño.

32. O Pladiga. A clasificación dos lumes en función do seu nivel de gravidade. Esquema de lume forestal (conato, incendio, queima). Épocas de perigo. Misións dos axentes forestais.

33. Análise e comportamento do incendio forestal: combustible, dispoñibilidade, características e modelos de combustible. Meteoroloxía e incendios forestais. Circulación da atmosfera, fenómenos locais, inversión térmica. Topografía. Sistemas de predición do comportamento do incendio. O índice de risco diario de incendio forestal (IRDI).

34. Prevención de incendios forestais. Obras preventivas: tipos de rozas, melloras a apertura de pistas, puntos de auga e hidrantes, devasas. Maquinaria que se debe empregar. Actuacións sobre a poboacións: divulgación, vixilancia, limitacións legais nos terreos queimados polo lume forestal.

35. Análise da situación e organización do combate dun incendio: estados dun incendio. Análise da situación. Mobilización de recursos, ataque inicial, ataque ampliado. Grandes incendios e incendios perigosos. Desmobilización e as súas regras. A regulación legal da figura do director de extinción. Investigación de causas de incendios forestais. O método das evidencias físicas.

36. Dirección de operacións con motobomba. Deseño e características do vehículo motobomba, equipamentos de impulsión: enumeración e características deles. Liñas de defensa no incendio forestal: características destas segundo a tipoloxía do incendio, climatoloxía, estación do ano e medios empregados na extinción. Maquinaria pesada: tipos de máquinas, características e equipamentos. Rendemento e limitacións. Métodos de traballo. Ferramentas manuais: características e utilización.

37. Queimas controladas: planificación e obxectivos. Organización, prescrición e elementos fundamentais. Técnicas e estratexia. Condicións favorables e adversas. Aplicación segundo a topografía, meteoroloxía, temperatura e humidade.

38. Operacións con medios aéreos, dirección destes: tipos de aeronaves. Características, rendementos e limitacións. Normas xerais de petición de medios aéreos. Metodoloxía nas operacións de extinción. Desmobilización. Seguridade nas operacións aéreas.

39. Planificación da seguridade nun incendio forestal. Adestramento. Manexo de grupos, formación e coordinación. Organización do xefe respecto da seguridade. Normas de seguridade no combate do incendio. Seguridade en operacións aéreas, transporte de distintos medios, aplicación de auga e maquinaria pesada. Os retardantes nos incendios forestais: tipos e utilización.

ANEXO II

Don/Dona..., con domicilio en..., con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de ser nomeado/a funcionario/a do corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes facultativos ambientais, que non está inhabilitado/a ou en situación equivalente nin foi sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

En (país e localidade)..., ... de... de 201...