Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 29 de novembro de 2013 Páx. 46250

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 20 de novembro de 2013 pola que se modifica a Orde do 26 de maio de 2008 pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas e se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior, impón determinadas limitacións aos procedementos administrativos reguladores das autorizacións outorgadas pola Administración, e promove a simplificación dos ditos procedementos, aínda que no caso da orde que agora se modifica, por tratarse dun rexistro sanitario, se manten o réxime de solicitude de inscrición.

Así mesmo, coa entrada en vigor do Real decreto 830/2010, do 25 de xuño, polo que se establece a normativa reguladora da capacitación para realizar tratamentos con biocidas, é necesario adaptar a Orde do 26 de maio de 2008 pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas e se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia, aos novos requirimentos respecto dos criterios que permitan garantir uns niveis mínimos de capacitación ás persoas que desenvolvan actividades laborais relacionadas coa aplicación dos produtos biocidas.

A Orde do 26 de maio de 2008 que agora se modifica, desenvolve as previsións do artigo 25.1 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, relativo á necesidade de determinación regulamentaria dos supostos de exixencia de autorización sanitaria e de sometemento a inscrición de determinadas empresas ou produtos; do Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro, que regula o proceso de avaliación para o rexistro, autorización e comercialización de biocidas, e da Orde SCO/3269/2006, do 13 de outubro, sobre bases para a inscrición e o funcionamento do Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas.

Posteriormente, o Real decreto 830/2010, do 25 de xuño, que estableceu a normativa reguladora da capacitación para realizar tratamentos biocidas, supuxo unha modificación respecto da regulación contida no Real decreto 1054/2002 antes citado, especialmente no seu artigo 29, e na Orde SCO/3269/2006, do 13 de outubro.

O obxectivo e finalidade esenciais da presente orde é acomodar as previsións da Orde do 26 de maio de 2008 ás modificacións introducidas polo Real decreto 830/2010, do 25 de xuño, que vimos de citar.

Na Orde do 26 de maio de 2008 modifícase o artigo 6 fixando o tipo de formación específica que deberá ter tanto o responsable técnico da empresa coma o persoal que realice operacións de aplicación de biocidas. Tamén se modifica o artigo 7 da citada orde, adaptando a documentación que deberá acompañarse á solicitude de inscrición no rexistro ao establecido polo Real decreto 830/2010.

Por outra banda, tamén se establece unha validez indefinida da inscrición no rexistro, e se recoñece a validez das inscricións nos rexistros doutras comunidades autónomas, así como a prórroga ata o 15 de xullo de 2016 da validez dos carnés de aplicador/manipulador/a de biocidas, se recolle a modificación do anexo II da Orde do 26 de maio de 2008, así como a derrogación dos anexos III, IV, V e VI da citada orde.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 26 de maio de 2008 pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas e se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia

A Orde do 26 de maio de 2008 pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas e se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:

Un. A alínea b) do artigo 6 queda redactada do seguinte xeito:

«(…) b) Persoal: o responsable técnico e o persoal que desenvolva actividades laborais relacionadas coa aplicación de biocidas, deberá posuír a capacitación necesaria de acordo coa normativa vixente ao respecto».

Dous. O artigo 7, queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 7. Inscrición no rexistro

1. A solicitude de inscrición dirixirase á persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade, e axustarase ao modelo oficial que figura no anexo da Orde de 20 de novembro de 2013 pola que se modifica a Orde do 26 de maio de 2008 pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas e se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Esta solicitude, unha vez cuberta pola persoa titular ou representante, irá acompañada da documentación requirida no anexo da Orde do 20 de novembro de 2013 pola que se modifica a Orde do 26 de maio de 2008 pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas e se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo corresponda, se a actividade que se vai realizar é de fabricación, envasado, almacenamento, comercialización e/ou tratamentos en instalacións fixas, ou se a actividade que se vai realizar é de servizos de aplicación de biocidas, así como da seguinte documentación:

a) Xustificante de pagamento de taxas. Achegarase o exemplar para a Administración da autoliquidación das taxas de inscrición, ou modificación no rexistro oficial, segundo corresponda.

b) No caso de que se utilicen biocidas tóxicos ou moi tóxicos achegarase xustificante da solicitude de apertura do libro oficial de movemento de biocidas.

3. Para estes efectos, cando se trate de documentos emitidos por unha autoridade competente xa sexa en España ou noutro Estado membro da Unión Europea, non se exixirá a presentación de documentos orixinais ou copias compulsadas nin traducións xuradas, agás nos casos previstos pola normativa comunitaria, ou xustificados por motivos de orde e/ou seguridade públicas. Sen prexuízo do anterior, a autoridade competente poderá recadar doutra autoridade a confirmación da autenticidade do documento aportado».

Tres. O artigo 10, queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10. Modificación e cancelación da inscrición

1. A inscrición no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia terá unha validez indefinida, agás que por motivos de saúde pública ou por solicitude do/a titular, proceda a súa modificación ou cancelación.

2. O/a titular da inscrición será responsable do mantemento das condicións en que se dite a resolución de inscrición. Calquera modificación ou cambio nas ditas condicións comunicarase á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade na provincia en cuxo ámbito territorial estea situada a correspondente actividade e mediante a presentación da xustificación correspondente á modificación producida. Unha vez aceptada a modificación reflectirase no rexistro e procederase a comunicar a resolución ás persoas interesadas.

3. No caso de cesamento da actividade, no prazo máximo dun mes o/a titular da inscrición deberá poñelo en coñecemento da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade na provincia en cuxo ámbito territorial estea situada a correspondente actividade, para efectos da cancelación da súa inscrición no rexistro.

4. Ademais, poderase proceder á cancelación da inscrición nos seguintes supostos:

a) Cando así o solicite o/a titular.

b) Cando, en virtude de revisións de oficio ou por calquera outro medio, a autoridade competente comprobe que se produciu un incumprimento da normativa aplicable, ou que a actividade cesou definitivamente, sen prexuízo da sanción a que houbese lugar segundo o previsto no artigo 30 do Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro».

5. A comunicación polo/a titular das modificacións ou cancelación das inscricións realizarase utilizando o modelo oficial que figura no Anexo da Orde do 20 de novembro de 2013 pola que se modifica a Orde do 26 de maio de 2008 pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas e se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia na forma e condicións establecidas no apartado dous da citada orde.

Catro. O artigo 13 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 13. Recoñecemento doutros rexistros

A inscrición dunha entidade de servizos no rexistro doutra comunidade autónoma será válida para traballar na Comunidade Autónoma de Galicia».

Cinco. O artigo 14 queda redactado como segue:

«Artigo 14. Réxime sancionador

A fabricación, venda, distribución ou aplicación de biocidas sen solicitar e obter a regulamentaria inscrición no rexistro, sancionarase de acordo co previsto no artigo 31 do Real decreto 1054/2002, no artigo 14 do Real decreto 3349/1983, na Lei xeral de sanidade, e normativa que o substitúa».

Seis. Queda sen contido o anexo II da da Orde do 26 de maio de 2008 pola que se crea o rexistro oficial de establecementos e servizos biocidas e se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia, e substitúese polo anexo da presente orde.

Sete. Quedan sen contido os anexos III, IV, V e VI da Orde do 26 de maio de 2008 pola que se crea o rexistro oficial de establecementos e servizos biocidas e se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

No ámbito de aplicación dos biocidas dos tipos 2, 3, 4, 14, 18 e 19 previstos no Real decreto 830/2010, prorrógase ata o 15 de xullo de 2016 a validez dos carnés, niveis básico e cualificado, ata o momento homologados para uso ambiental e na industria alimentaria.

Disposición transitoria única

As disposicións contidas na presente orde serán de aplicación aos procedementos iniciados con posterioridade á data da súa entrada en vigor.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file