Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 23 de decembro de 2013 Páx. 49402

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2013, da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, pola que se modifican a Resolución do 12 de setembro de 2008 e a Resolución do 5 de agosto de 2013, da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, pola que se actualiza o calendario de vacinación infantil do programa galego de vacinación.

Os programas de vacinación teñen demostrado a súa efectividade na mellora do estado de saúde da poboación galega a través da prevención de determinadas enfermidades. Entre eles destaca o calendario de vacinación infantil, que se consolidou como unha das principais contribucións ao benestar dos cidadáns, reducindo a incidencia das enfermidades fronte ás que protexe, así como a mortalidade asociada a elas.

A relevancia dos programas de vacinación exixe que estean suxeitos a un constante dinamismo e versatilidade, cunha avaliación continua que dea resposta ás necesidades que se presentan neste campo e permita a incorporación de novas melloras.

Baixo esta premisa, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde revisou e aprobou o 21 de marzo de 2013 o calendario común de vacinación infantil, e con base a nel modificouse o calendario de vacinación infantil do programa galego de vacinación.

Debido a modificacións recentes ou en trámite da ficha técnica dalgunha das vacinas incluídas no calendario, a Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, na súa reunión do 27 de novembro deste ano, aprobou uns pequenos cambios neste calendario, para adaptalos ás fichas técnicas respectivas.

Por este motivo, faise necesario actualizar o calendario galego de vacinación infantil, seguindo as recomendacións técnicas ao respecto e tras consulta coa Comisión Galega de Enfermidades Inmunoprevibles.

De conformidade co disposto no artigo 12 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e as súas competencias, é responsabilidade da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública a planificación, a coordinación e a xestión das actividades do programa galego de vacinacións e a difusión de información sobre o programa, así como o desenvolvemento de programas sanitarios e de prevención de problemas de saúde con especial repercusión na Comunidade Autónoma de Galicia. Por todo iso

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 12 de setembro de 2008 e a Resolución do 5 de agosto de 2013, da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, pola que se actualiza o calendario de vacinación infantil do programa galego de vacinación, que quedará como segue:

– Vacina fronte ao sarampelo, rubéola e parotidite (triple vírica –TV–). Non hai cambios, coa 1ª dose aos 12 meses.

– Vacina fronte ao meningococo C. Modifícase a pauta, administrando a primeira dose aos 4 meses, 2ª dose aos 12 meses e 3ª dose aos 12 anos.

– A vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH) manterase aos 14 anos, coa pauta establecida polas autoridades sanitarias e autorizada na ficha técnica de cada produto vacinal.

Segundo. A presente resolución será de aplicación a partir do día 1 de xaneiro de 2014.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2013

Sonia Martínez Arca
Directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública