Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 15 de xaneiro de 2014 Páx. 1584

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no seu artigo 1 que esta lei ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de cualificacións, formación profesional e acreditación. En desenvolvemento desta lei, créase o Catálogo nacional de cualificacións, como eixe integrador das ofertas de formación profesional que xestionan as administracións educativas e laborais. Neste sentido, no artigo 8 establécese que as cualificacións se acreditarán mediante títulos de formación profesional, expedidos pola Administración educativa, ou certificados de profesionalidade, expedidos pola Administración laboral. Ambos acreditan con carácter oficial e validez en todo o territorio estatal as competencias profesionais que capacitan para o desenvolvemento dunha actividade laboral con significación no emprego.

Os certificados de profesionalidade, regulados polo Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, son o instrumento de acreditación oficial, no ámbito da Administración laboral, das cualificacións profesionais do Catálogo nacional de cualificacións profesionais adquiridas a través de procesos formativos ou do proceso de recoñecemento da experiencia laboral e de vías non formais de formación, e permiten a súa correspondencia cos títulos de formación profesional do sistema educativo.

O Repertorio nacional de certificados de profesionalidade estruturado sectorialmente en 26 familias profesionais permite configurar unha oferta formativa para os tres niveis de cualificación actuais en formación profesional para o emprego.

A oferta formativa destinada á obtención dos certificados de profesionalidade ten unha especial importancia na súa utilización como instrumento de política activa de emprego. O contexto actual do mercado laboral require permanentes propostas, modificacións e actualizacións da normativa laboral e formativa, dada a situación de crise económica e de desemprego.

En decembro de 2010 publícase o Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, polo que se modifica o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen os certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación. Nesta norma establécese que lle corresponderá á Administración laboral competente a comprobación de que as persoas candidatas posúen os requisitos formativos para cursar con aproveitamento a formación.

Neste ano publícase o Real decreto 189/2013, do 15 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, e polo tanto tamén queda modificada a normativa que establece os certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación, entre outros, tamén os requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

Para poder realizar os módulos formativos dos certificados de profesionalidade tense que acreditar a posesión de determinadas competencias. Estas competencias recollen os criterios técnicos e pedagóxicos da Recomendación nº 2006/962/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro, sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente e o Marco común europeo de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensinanza, avaliación, do Consello de Europa de 2001.

Así mesmo, terá en conta o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes polo que se refire ao acceso ao emprego, segundo o artigo 14 da Constitución española; a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo; a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia; e a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Segundo o exposto, facendo uso das facultades conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, e o Decreto 93/1999, do 8 de abril, polo que se crea e regula o Instituto Galego das Cualificacións, como órgano responsable de velar polo establecemento e a xestión en Galicia do sistema nacional das cualificacións. Tendo en conta os preceptivos informes e os ditames do Consello Galego de Formación Profesional e do Consello Galego de Relacións Laborais e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación

1. Esta orde establece os requisitos formativos de acceso para poder cursar os certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación para as persoas aspirantes que carecen das titulacións ou acreditacións exixidas, así como as probas de avaliación en competencias clave que as habilita para realizar as accións formativas de formación para o emprego, con base no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, e polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

2. A finalidade desta orde é seguir fomentando a calidade e a integración da formación profesional para o emprego. Considérase que estes requisitos de acceso para o alumnado deben estar baseados no dominio de determinados coñecementos e capacidades básicos que aseguren a formación mínima necesaria para cursar os módulos dos certificados de profesionalidade con aproveitamento. Este conxunto de capacidades e contidos xerais é o que se denominan competencias clave.

3. O ámbito de aplicación da presente orde é a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Requisitos de acceso á formación dos certificados de profesionalidade

1. A Dirección Xeral de Emprego e Formación é o órgano da Consellería de Traballo e Benestar con facultades para comprobar que as persoas aspirantes posúen os requisitos formativos e profesionais para cursar con aproveitamento a formación de certificados de profesionalidade.

2. Para acceder á formación de módulos formativos dos certificados de profesionalidade do nivel de cualificación profesional 1 non se exixirán requisitos académicos nin profesionais.

3. Para acceder á formación dos módulos formativos dos certificados de profesionalidade do nivel de cualificación profesional 2 as persoas aspirantes deberán cumprir algún dos requisitos seguintes:

a) Estar en posesión do título de graduado ou graduada en educación secundaria obrigatoria.

b) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade do mesmo nivel do módulo ou módulos formativos e/ou do certificado de profesionalidade a que desexa acceder.

c) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área profesional.

d) Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao medio, ou ben ter superado as correspondentes probas de acceso convocadas polas administracións educativas.

e) Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou 45 anos.

f) Ter o certificado de apto nas competencias necesarias para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 de cualificación correspondente, a través da superación das probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar. Estarán exentas da realización destas probas as persoas que superasen con avaliación positiva accións formativas correspondentes a competencias clave que figuren no ficheiro de especialidades formativas do Servizo de Emprego Público Estatal.

4. Para acceder á formación dos módulos formativos dos certificados de profesionalidade do nivel de cualificación profesional 3, as persoas aspirantes deberán cumprir algún dos requisitos seguintes:

a) Estar en posesión do título de bacharelato.

b) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade do mesmo nivel do módulo ou módulos formativos e/ou do certificado de profesionalidade a que desexa acceder.

c) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade de nivel 2 da mesma familia e área profesional.

d) Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao superior, ou ben ter superado as correspondentes probas de acceso convocadas polas administracións educativas.

e) Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou 45 anos.

f) Ter o certificado de apto nas competencias necesarias para acceder aos certificados de nivel 3 de cualificación correspondente, a través da superación das probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar. Estarán exentas da realización destas probas as persoas que superasen con avaliación positiva accións formativas correspondentes a competencias clave que figuren no ficheiro de especialidades formativas do Servizo de Emprego Público Estatal.

5. No caso de acceder aos certificados de profesionalidade a través da superación das probas de avaliación en competencias clave, as competencias necesarias de acceso aos distintos certificados de profesionalidade e segundo o recollido no anexo I desta orde son:

– Competencia matemática.

– Competencia en comunicación en lingua castelá.

– Competencia en comunicación en lingua estranxeira.

– Competencia en comunicación en lingua galega.

O certificado de apto nas probas de avaliación das competencias matemática, de comunicación en lingua castelá e de comunicación en lingua galega será necesario para poder cursar certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional recollidos no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade (en adiante RNCP).

O certificado de apto nas probas de avaliación da competencia en comunicación en lingua estranxeira é necesario para cursar aqueles certificados de profesionalidade que inclúan un módulo de lingua estranxeira, no nivel de cualificación e na lingua estranxeira que correspondan.

Artigo 3. Probas de avaliación en competencias clave

1. A Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar determinará para cada convocatoria de probas de avaliación en competencias clave as competencias e os niveis de cualificación destas que se ofertarán en cada caso. Estas convocatorias terán en conta as necesidades formativas detectadas e a oferta formativa do RNCP.

2. Estas probas serán de carácter presencial para cada competencia clave e nivel de cualificación, segundo a convocatoria correspondente. As persoas aspirantes poden presentarse a todas ou algunha das competencias convocadas, tendo en conta os requirimentos dos certificados de profesionalidade do RNCP que queiran cursar.

3. O nivel de exixencia formativo, para cada competencia e nivel de cualificación, queda concretado no anexo I desta orde, onde se delimitan os criterios técnicos e pedagóxicos das competencias clave.

Artigo 4. Persoas destinatarias

1. Para poderen inscribirse no procedemento de probas de competencias clave, as persoas aspirantes deben ter cumpridos dezaseis anos no ano de realización da proba, tanto para as probas de nivel de cualificación 2 como para o nivel de cualificación 3.

2. Neste procedemento terase en conta o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes, consonte a normativa vixente e, en particular, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 5. Convocatoria das probas de avaliación en competencias clave e inscrición

1. A Dirección Xeral de Emprego e Formación, por proposta do Instituto Galego das Cualificacións, convocará probas de avaliación polo menos unha vez ao ano, mediante a publicación dunha resolución onde se concretarán todos os aspectos do procedemento: datas, lugar, horarios e demais condicións de realización das probas.

Así mesmo, na dita convocatoria, de ser o caso, informarase das posibles condicións de exención ás probas de avaliación das competencias convocadas segundo a normativa vixente.

2. A inscrición para participar nestas probas efectuarase mediante solicitude dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións, axustada ao modelo de solicitude do procedemento que se publicase na propia resolución de convocatoria.

Así mesmo, concretaranse as instrucións e prazos para a inscrición nas probas de competencias clave, para a súa presentación na sede electrónica utilizando os servizos da guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia ou a súa entrega presencial nos rexistros oficiais.

3. En cada convocatoria, as persoas aspirantes admitidas deberán realizar as probas de avaliación no día e na hora indicados no calendario do procedemento da resolución de convocatoria.

Artigo 6. Coordinación e xestión das probas de avaliación

1. O Instituto Galego das Cualificacións, adscrito á Dirección Xeral de Emprego e Formación, terá as funcións de coordinación, xestión do proceso e desenvolvemento das probas na nosa Comunidade Autónoma. Estas funcións serán:

a) Elaborar as resolucións de convocatorias.

b) Planificar, coordinar e xestionar o procedemento de probas de competencias clave.

c) Difundir nos formatos e medios dispoñibles máis adecuados as listas de persoas admitidas, excluídas e os resultados tanto provisionais como definitivos.

d) Dispor dos recursos técnicos e do persoal cualificado e auxiliar para o desenvolvemento das probas.

e) Propoñer as persoas para constituír as comisións de avaliación, que aprobará a Dirección Xeral de Emprego e Formación.

f) Rexistrar as certificacións expedidas.

g) Custodiar e arquivar todos os documentos que correspondan relacionados coa realización das probas.

Artigo 7. Persoas aspirantes que requiren adaptacións especiais

1. Para as persoas aspirantes admitidas con necesidades específicas derivadas de discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais habilitaranse as condicións necesarias para facilitar, na medida do posible, o desenvolvemento eficaz durante as probas, tendo en conta os condicionantes que teñen estas probas de avaliación; nestes casos deberán:

a) Acreditar o grao e tipo de discapacidade segundo a lexislación vixente da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Concretar as adaptacións na epígrafe habilitada para tal efecto na solicitude de admisión ás probas, onde se especifican as adaptacións que se poden solicitar.

2. Para as mulleres que acrediten estar en situación de risco durante o embarazo, parto ou puerperio ou para as persoas con incapacidade acreditada que lles imposibilite a súa presenza directa no día das probas, habilitarase unha alternativa para a realización destas, na medida das posibilidades organizativas.

3. A adaptación das probas debe manter o limiar necesario dos criterios psicopedagóxicos e dos referentes de avaliación.

Artigo 8. Comisións de avaliación

1. Para a elaboración, organización, aplicación, avaliación e cualificación das probas de avaliación crearanse comisións de avaliación, cuxo número e sedes se fixarán na correspondente convocatoria.

2. Cada comisión de avaliación estará formada por un presidente ou presidenta e, polo menos, tres vogais. A persoa nomeada para a secretaría da comisión de avaliación designarase de entre o persoal propio do Instituto Galego das Cualificacións e actuará con voz pero sen voto.

3. Os presidentes e as presidentas e os vogais e as vogais deberán cumprir os requisitos de titulación que se indican no anexo II desta orde.

4. A cada comisión de avaliación poderase incorporar tanto persoal de apoio (as persoas que vixían e as persoas avaliadoras auxiliares) como se considere necesario, en función das características das probas e do número de persoas inscritas, para garantir un desenvolvemento correcto destas. De ser o caso, poderase incorporar persoal cualificado para atender as adaptacións solicitadas.

5. As persoas integrantes das comisións de avaliación, a secretaría, así como o persoal de apoio, que se puidesen designar, serán nomeados polo director ou directora da Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar, por proposta do Instituto Galego das Cualificacións.

6. As persoas integrantes das comisións de avaliación están suxeitas ás causas de abstención e recusación que prevén os artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. As comisións de avaliación terán as seguintes funcións:

a) Colaborar na organización das probas co Instituto Galego das Cualificacións; para tal fin participarán nas reunións de planificación e organización que se establezan.

b) Establecer as probas, así como os criterios de corrección, en coordinación e segundo as directrices establecidas polo Instituto Galego das Cualificacións.

c) Aplicar as probas ás persoas aspirantes, atendendo e resolvendo as incidencias que se poidan orixinar durante a súa realización, en colaboración, de ser o caso, co persoal de apoio.

d) Corrixir e cualificar as probas, en colaboración, de ser o caso, coas persoas avaliadoras auxiliares.

e) Resolver, en primeira instancia, as reclamacións que se poidan presentar.

8. As persoas integrantes das comisións de avaliación percibirán as cantidades establecidas para a categoría terceira de tribunais ou órganos encargados da selección de persoal ou de probas para o exercicio das profesións ou para a realización de actividades, segundo o establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, e en posteriores desenvolvementos.

Artigo 9. Resultado e efectos das probas

1. A Consellería de Traballo e Benestar expedirá, para as persoas aspirantes que superen as probas de avaliación en competencias clave, unha certificación de carácter oficial nos termos de «Apto» ou «Non apto» na competencia correspondente. O modelo desta certificación consta no anexo III desta orde.

2. As competencias clave demostradas mediante a superación da correspondente proba servirán para o acceso a todos os certificados de profesionalidade que requiran esas competencias clave como criterio de acceso.

Artigo 10. Reclamacións e recursos

1. Poderanse presentar reclamacións contra as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas ante o Instituto Galego das Cualificacións e contra a cualificación provisional nas probas ante a Comisión de Avaliación, na forma e nos prazos que se determinen na correspondente resolución de convocatoria.

2. A publicación das listas provisionais e definitivas terá os efectos de comunicación ás persoas reclamantes.

3. Contra as listas e cualificacións definitivas poderase interpoñer recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente lista ou cualificación definitiva, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificacións da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Expedición e rexistro

1. A expedición das certificacións en competencias clave será realizada pola Dirección Xeral de Emprego e Formación.

2. O Instituto Galego das Cualificacións levará un rexistro nominal e por especialidades de todas as certificacións de competencias clave expedidas.

3. Para os efectos de garantir a transparencia do mercado de traballo e facilitar a libre circulación de traballadores e traballadoras, as certificacións da superación das competencias clave incorporaranse, de modo automático, na demanda que, se é o caso, ten a persoa no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 12. Arquivamento de documentación das probas en competencias clave

O Instituto Galego das Cualificacións conservará toda a documentación xerada ao longo deste proceso durante os tres meses seguintes á súa finalización. Se, transcorrido este período, non se produce ningunha reclamación, poderá proceder á súa destrución. No caso dos exames reclamados e dos impugnados, a documentación conservarase durante un período de cinco anos.

Artigo 13. Protección de datos

Na xestión dos procesos a que se refire esta orde respectarase a normativa vixente sobre protección de datos.

Disposición derrogatoria

A partir da entrada en vigor desta orde queda derrogada a Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional, aprobados ao abeiro do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas as instrucións e resolucións anteriores, en todo o que se opoña ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Autorizacións

Autorízase a Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar as instrucións que se consideren necesarias para a aplicación do previsto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I
Nivel de exixencia formativo para as competencias clave de nivel 2 e de nivel 3
de cualificación profesional

1. Competencia clave: competencia matemática.

Definición: esta competencia refírese á habilidade para utilizar e relacionar os números, as súas operacións, os símbolos e as formas de expresión, así como para desenvolver e aplicar o razoamento matemático co fin de resolver diversos problemas en situacións cotiás e co mundo laboral. Baseándose nun bo dominio do cálculo, a énfase sitúase no proceso e a actividade, aínda que tamén nos coñecementos. A competencia matemática entraña (en distintos graos) a capacidade e a vontade de utilizar procesos de razoamento (indución e dedución) e modos matemáticos de pensamento (pensamento lóxico e espacial) e de representación (fórmulas, modelos, construcións, gráficos e diagramas).

Nivel 2. Aspectos da competencia que se deben medir:

– Coñecer e manexar os elementos matemáticos básicos, números enteiros, fraccións, decimais e porcentaxes sinxelas; unidades de medida, símbolos, elementos xeométricos etc.

– Resolver problemas, utilizando adecuadamente os distintos números, as catro operacións elementais, os procedementos básicos da proporcionalidade numérica (regra de tres, cálculo de porcentaxes) e a linguaxe alxébrica para resolver ecuacións de primeiro grao.

– Resolver problemas cotiáns sobre unidades monetarias e unidades de medida usuais e calcular lonxitudes, áreas, volumes e ángulos.

– Elaborar e interpretar informacións estatísticas máis usuais e información gráfica sobre a vida cotiá e fenómenos sinxelos de probabilidade.

Nivel 3. Aspectos da competencia que se deben medir:

– Realizar cálculos con distintos tipos de números (racionais e irracionais) e unidades do sistema métrico decimal para resolver problemas relacionados coa vida diaria, comprendendo o seu significado.

– Resolver problemas empregando métodos alxébricos e operando con expresións alxébricas, polinómicas e racionais, así como a proporcionalidade (directa e inversa) e as porcentaxes (regra de tres simple e composta, intereses etc.).

– Resolver problemas mediante ecuacións de primeiro e segundo grao, operar con matrices no contexto de problemas profesionais e resolver problemas de lonxitudes, áreas e volumes utilizando modelos xeométricos.

– Representar graficamente funcións matemáticas e interpretar gráficas en problemas relacionados coa vida cotiá e fenómenos naturais e tecnolóxicos.

– Elaborar e interpretar informacións estatísticas e calcular parámetros estatísticos de uso corrente, así como de probabilidade.

2. Competencia clave: comunicación en lingua castelá.

Definición: esta competencia refírese á habilidade de expresar e interpretar conceptos, pensamentos, sentimentos, feitos e opinións de forma oral e escrita (escoitar, falar, ler e escribir) e para interactuar lingüisticamente dunha maneira adecuada e creativa nos diferentes contextos sociais e culturais, como a educación e a formación, a vida privada e profesional e o ocio, en lingua castelá.

Nivel 2. Aspectos da competencia que se deben medir:

– Demostrar un nivel de compresión e uso de expresións orais e textos escritos que lle permitan o acceso ao coñecemento, identificando as ideas principais e secundarias da información, así como a súa estrutura formal básica.

– Expresar pensamentos, emocións e opinións, narrar e comentar con claridade feitos e experiencias e expor oralmente un tema dando coherencia e cohesión ao discurso.

– Resumir textos orais e escritos, identificando o tema principal e os secundarios e reflectindo os principais argumentos e puntos de vista.

– Xerar ideas e redactar textos cunha organización clara con corrección ortográfica e gramatical.

Nivel 3. Aspectos da competencia que se deben medir:

– Comunicar ideas e opinións en interaccións orais, sobre temas de actualidade, a partir dun esquema previamente elaborado e empregando diferentes recursos, explicando e argumentando activa e reflexivamente, utilizando adecuadamente a tonalidade e a linguaxe xestual e corporal.

– Demostrar un nivel de comprensión e uso de expresións orais e textos escritos que lle permitan o acceso ao coñecemento, sintetizando e expresando informacións contidas en distintas fontes previamente consultadas, identificando o tema principal e os secundarios, as relacións entre eles, a intención comunicativa e os diferentes puntos de vista expresados, indicando posibles incoherencias ou ambigüidades de contido e proporcionando unha opinión persoal.

– Crear comunicacións escritas de diferente tipo (expositivo e argumentativo), utilizando un discurso propio e construíndoas con coherencia, cohesión e corrección ortográfica e gramatical.

– Analizar e interpretar de forma crítica textos de diferente tipo (científico, periodístico, humanístico, técnico e literario), recoñecendo os seus elementos estruturais básicos e expresando con autonomía xuízos fundamentados en argumentos sólidos.

3. Competencia clave: comunicación en lingua estranxeira.

Esta competencia refírese á utilización da lingua estranxeira como instrumento de comunicación oral e escrita en diversos contextos. Na descrición dos aspectos da competencia que se deben medir tómase como referencia a escala global do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Nivel 2. Aspectos da competencia que se deben medir:

– Comprensión oral de frases e expresións de uso frecuente relacionadas con áreas de experiencia que sexan especialmente relevantes, como información básica sobre un mesmo e a súa familia, compras, lugares de interese, profesións, entre outras.

– Comprensión escrita de textos breves e sinxelos relacionados coa vida cotiá como anuncios publicitarios, horarios ou menús.

– Descrición oral da familia e persoas da contorna, aspectos da vida persoal, familiar e laboral.

– Produción de textos escritos breves e sinxelos, sobre aspectos do pasado e a contorna, así como cuestións relacionadas con necesidades inmediatas e finalidades diversas.

– Interacción oral para levar a cabo tarefas simples e cotiás que non requiran máis que intercambios sinxelos e directos de información sobre cuestións coñecidas ou habituais.

Nivel 3. Aspectos da competencia que se deben medir:

– Comprensión oral e escrita dos puntos principais de textos claros e en lingua estándar sobre cuestións coñecidas, xa sexa en situacións de traballo, de estudo ou de ocio.

– Expresión e interpretación oral de diferentes tipos de discurso acordes á situación comunicativa en diferentes contextos sociais e culturais.

– Produción de textos sinxelos e coherentes sobre temas familiares ou nos cales existe un interese persoal ou profesional.

– Descrición de experiencias, acontecementos, desexos e aspiracións, así como expresión breve de opinións ou explicación de plans.

– Interacción oral en situacións da vida diaria e sobre temas familiares, de ocio, laborais, viaxes ou de actualidade.

4. Competencia clave: comunicación en lingua galega.

Definición: esta competencia refírese á habilidade de expresar e interpretar conceptos, pensamentos, sentimentos, feitos e opinións de forma oral e escrita (escoitar, falar, ler e escribir) e para interactuar lingüisticamente dunha maneira adecuada e creativa nos diferentes contextos sociais e culturais, como a educación e a formación, a vida privada e profesional, e o ocio, en lingua galega.

Nivel 2. Aspectos da competencia que se deben medir:

– Demostrar un nivel de compresión e uso de expresións orais e textos escritos que lle permitan o acceso ao coñecemento, identificando as ideas principais e secundarias da información, así como a súa estrutura formal básica.

– Expresar pensamentos, emocións e opinións, narrar e comentar con claridade feitos e experiencias e expor oralmente un tema dando coherencia e cohesión ao discurso.

– Resumir textos orais e escritos, identificando o tema principal e os secundarios e reflectindo os principais argumentos e puntos de vista.

– Xerar ideas e redactar textos cunha organización clara con corrección ortográfica e gramatical.

Nivel 3. Aspectos da competencia que se deben medir:

– Comunicar ideas e opinións en interaccións orais, sobre temas de actualidade, a partir dun esquema previamente elaborado e empregando diferentes recursos, explicando e argumentando activa e reflexivamente, utilizando adecuadamente a tonalidade e a linguaxe xestual e corporal.

– Demostrar un nivel de comprensión e uso de expresións orais e textos escritos que lle permitan o acceso ao coñecemento, sintetizando e expresando informacións contidas en distintas fontes previamente consultadas, identificando o tema principal e os secundarios, as relacións entre eles, a intención comunicativa e os diferentes puntos de vista expresados, indicando posibles incoherencias ou ambigüidades de contido e proporcionando unha opinión persoal.

– Crear comunicacións escritas de diferente tipo (expositivo e argumentativo), utilizando un discurso propio e construíndoas con coherencia, cohesión e corrección ortográfica e gramatical.

– Analizar e interpretar de forma crítica textos de diferente tipo (científico, periodístico, humanístico, técnico e literario), recoñecendo os seus elementos estruturais básicos e expresando con autonomía xuízos fundamentados en argumentos sólidos.

ANEXO II
Titulacións requiridas ao presidente, presidenta e vogais das comisións de avaliación para as probas de avaliación en competencias clave de nivel 2 e de
nivel 3 de cualificación profesional

• Nivel 2 de cualificación.

– Competencia: matemática.

Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre ou mestra en educación primaria.

Mestre ou mestra da especialidade de educación primaria (Real decreto 1440/1991).

Persoal diplomado en profesorado de educación xeral básica especialidades de ciencias ou ciencias humanas.

Mestre ou mestra de primeira ensinanza (plan de estudos de 1967).

Calquera das titulacións requiridas para a competencia clave de matemáticas de nivel 3.

Calquera outra titulación con equivalencia oficial con algunha das titulacións referidas neste punto.

– Competencia: comunicación en lingua castelá.

Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre ou mestra en educación primaria.

Mestre ou mestra especialidade de educación primaria (Real decreto 1440/1991).

Mestre ou mestra (Real decreto 1440/1991) en calquera das especialidades de lingua española e idioma moderno e de filoloxía.

Persoal diplomado en profesorado de educación xeral básica en calquera especialidade de linguas e idiomas modernos.

Mestre ou mestra de primeira ensinanza (plan de estudos de 1967).

Mestre ou mestra de ensinanza primaria (plan de estudos de 1950).

Calquera das titulacións requiridas para a competencia clave de lingua castelá de nivel 3.

Calquera outra titulación con equivalencia oficial con algunha das titulacións referidas neste apartado.

– Competencia: comunicación en lingua estranxeira.

Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre ou mestra en educación primaria, que inclúa unha mención en lingua estranxeira e a acreditación do nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Título de graduado ou graduada no ámbito dunha lingua estranxeira (idioma correspondente).

Mestre ou mestra, especialidade de lingua estranxeira (Real decreto 1440/1991).

Persoal diplomado en profesorado de educación xeral básica, especialidade de filoloxía.

Certificado de nivel avanzado ou certificado de aptitude da escola oficial de idiomas correspondente.

Licenciatura en filoloxía do idioma correspondente.

Persoal diplomado polas escolas universitarias de idiomas (tradutores e tradutoras e intérpretes) no idioma correspondente.

Calquera outra titulación con equivalencia oficial con algunha das titulacións referidas neste apartado.

– Competencia: comunicación en lingua galega.

Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre ou mestra en educación primaria.

Mestre ou mestra da especialidade de educación primaria (Real decreto 1440/1991).

Mestre ou mestra (Real decreto 1440/1991) en calquera das especialidades de lingua española e idioma moderno e de filoloxía.

Persoal diplomado en profesorado de educación xeral básica en calquera especialidade de linguas e idiomas modernos.

Mestre ou mestra de primeira ensinanza (plan de estudos de 1967).

Calquera das titulacións requiridas para a competencia clave de lingua castelá de nivel 3.

Todos e todas deben de acreditar o coñecemento da lingua galega que se poderá realizar coa presentación do certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4), ou da súa validación, do curso de perfeccionamento en lingua galega ou da súa validación, feita polo órgano competente.

Título de licenciado ou licenciada en filoloxía galego-portuguesa ou certificado de ter o curso de especialización en lingua galega.

Calquera outra titulación con equivalencia oficial con algunha das titulacións referidas neste punto.

• Nivel 3 de cualificación.

– Competencia matemática.

Calquera título de licenciado ou licenciada, enxeñaría ou arquitectura da área de ciencias experimentais e da saúde, das ensinanzas técnicas ou das ciencias sociais ou calquera título oficial de graduación da rama de coñecemento de ciencias, de enxeñaría e arquitectura, de ciencias da saúde ou de ciencias sociais.

– Competencia: comunicación en lingua castelá.

Calquera título de licenciado ou licenciada da área de humanidades ou calquera título oficial de graduación da rama de coñecemento de artes e humanidades.

– Competencia: comunicación en lingua estranxeira.

Licenciatura en filoloxía, filosofía e letras (sección filoloxía), tradución e interpretación, na lingua correspondente.

Calquera titulación de licenciado ou licenciada da área de humanidades ou graduación da rama de coñecemento de artes e humanidades e acreditar unha experiencia docente ou unha formación adecuada e dominio da lingua.

Poderase acreditar o dominio da lingua do seguinte xeito:

a) Ter cursado un ciclo dos estudos conducentes á obtención dos títulos de licenciado ou licenciada en filoloxía, filosofía e letras (sección filoloxía), tradución e interpretación, na lingua estranxeira correspondente.

b) O certificado de nivel avanzado ou o certificado de aptitude de escolas oficiais de idiomas da lingua estranxeira correspondente.

c) Calquera certificado que acredite o dominio das competencias correspondentes ao nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas no idioma correspondente, en que se faga constar expresamente o dito nivel ou outro superior.

d) Calquera outra que teña equivalencia oficial con algunha das acreditacións referidas neste apartado.

– Competencia: comunicación en lingua galega.

Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre ou mestra en educación primaria.

Mestre ou mestra da especialidade de educación primaria (Real decreto 1440/1991).

Mestre ou mestra (Real decreto 1440/1991) en calquera das especialidades de lingua española e idioma moderno e de filoloxía.

Persoal diplomado en profesorado de educación xeral básica en calquera especialidade de linguas e idiomas modernos.

Mestre ou mestra de primeira ensinanza (plan de estudos de 1967).

Calquera das titulacións requiridas para a competencia clave de lingua castelá de nivel 3.

Todos e todas deben de acreditar o coñecemento da lingua galega que se poderá realizar coa presentación do certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4), ou da súa validación, do curso de perfeccionamento en lingua galega ou da súa validación, feita polo órgano competente.

Título de licenciado ou licenciada en filoloxía galega-portuguesa ou certificado de ter o curso de especialización en lingua galega.

missing image file