Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 2014 Páx. 6871

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, con relación á exención da materia de lingua galega.

O artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia sinala que o galego é a lingua oficial de Galicia e o artigo 31 establece a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia para a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución española e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do artigo 81 desta, o desenvolvan; das facultades que lle atribúe ao Estado o número 30 do punto 1 do artigo 149 da Constitución española e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

O artigo 27.10 do Estatuto de autonomía sinala a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma para a promoción e a ensinanza da lingua galega.

En execución deste marco competencial, ditouse a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que garante a igualdade do galego co castelán como linguas oficiais de Galicia e que asegura a normalización do galego como lingua propia da Comunidade Autónoma.

Despois de establecer que o galego é tamén a lingua oficial no ensino, o artigo 14.1 daquela lei determina a obrigatoriedade do estudo da materia de lingua galega en todos os niveis educativos non universitarios.

En desenvolvemento da Lei 3/1983, do 15 de xuño, dítase o Decreto 247/1995, do 14 de setembro, para a súa aplicación ao ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios, no cal se recoñece que a adquisición dunha competencia comunicativa en galego por parte do alumnado só se pode conseguir a través da utilización vehicular desta lingua nunha parte significativa do currículo.

Este decreto foi obxecto dunha modificación parcial polo Decreto 66/1997, do 21 de marzo, e finalmente foi derrogado polo Decreto 124/2007, do 28 de xuño, que nos seus artigos 15 e 16 regulaba a exención da cualificación das probas de lingua galega e da súa solicitude, respectivamente.

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño, foi derrogado polo Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, prevé que lle corresponde ao órgano da Xunta de Galicia con competencias en materia de educación exercer a supervisión e o control pedagóxico do sistema educativo e velar polo cumprimento das normas. En particular, debe garantir o cumprimento e a aplicación do principio legal de capacitación para a comunicación na lingua oficial e cooficial.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, fai compatible o carácter obrigatorio do estudo da materia de lingua galega en todos os niveis educativos non universitarios con determinadas causas taxadas que xustifican o réxime das exencións posibles, segundo a regulación prevista nos artigos 18 e 19 daquela norma, que se caracterizan pola concorrencia dos seguintes requisitos:

a) Que a xustificación da exención atope fundamento nunha circunstancia obxectiva de incorporación ex novo ao sistema educativo de Galicia.

b) Que o alumnado de nova incorporación proceda doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro.

c) Que a incorporación ex novo ao sistema educativo de Galicia se produza no terceiro ciclo de educación primaria, na educación secundaria obrigatoria ou no bacharelato.

A exención do estudo da materia de lingua galega nos diferentes niveis e etapas dos estudos non universitarios, polo seu carácter restritivo, non se pode estender a aqueles supostos en que o alumnado que tivese realizados estudos en Galicia e curse fóra da Comunidade Autónoma tres cursos completos ou menos e se reincorpore posteriormente ao sistema educativo galego, xa que neste caso a volta ao sistema educativo en Galicia non pode interpretarse como unha incorporación ex novo, senón como unha reincorporación para a cal non está prevista a exención.

De acordo co anterior, cómpre desenvolver neste momento mediante unha orde os distintos supostos excepcionais e taxados en que o alumnado pode solicitar a exención da materia de lingua galega nos diferentes niveis e etapas do ensino non universitario e regular o procedemento e os prazos para a solicitude da exención.

Na súa virtude, ao abeiro da regulación contida nos artigos 18 e 19 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, e na disposición derradeira primeira daquel decreto que autoriza a consellería con competencias en materia de educación para ditar as disposicións que procedan para o desenvolvemento e execución daquel,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto regular os distintos supostos excepcionais e taxados en que o alumnado pode solicitar a exención da materia de lingua galega nos diferentes niveis e etapas do ensino non universitario.

2. Regular o procedemento e os prazos para a solicitude da exención.

Artigo 2. Principios xerais

1. A lingua galega é materia de estudo obrigatorio en todos os niveis educativos non universitarios e o alumnado que realice todos os estudos en Galicia sen interrupción deberá cursar e superar a referida materia sen que teña dereito a que se lle conceda a exención.

2. Tampouco terá dereito á exención o alumnado que tivese realizados estudos en Galicia e curse fóra da Comunidade Autónoma tres cursos completos ou menos e se reincorpore ao sistema educativo galego.

Artigo 3. Requisitos para a obtención da exención temporal

O alumnado procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro que se incorpore ao sistema educativo de Galicia no 3º ciclo de educación primaria, en educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato poderá obter unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega durante un máximo de dous cursos escolares consecutivos.

Artigo 4. Deberes do alumnado exento

1. A exención suporá a consignación de exento nos documentos oficiais de avaliación do alumnado.

2. O alumnado terá que asistir ás aulas como medio de integración lingüística e coa finalidade de que co seu esforzo persoal, con materiais didácticos específicos e cunha axuda continua do seu profesorado poida ter, ao remate do prazo da exención, un dominio adecuado da lingua galega e seguir as ensinanzas propias do nivel en que estea ou en que vaia matricularse, en igualdade de condicións ca os demais compañeiros ou compañeiras da clase.

3. O incumprimento por parte do alumno ou da alumna do establecido no punto anterior determinará a revogación da exención, logo dos informes pertinentes e unha vez oída a persoa interesada ou, de ser o caso, os seus proxenitores, titores ou representantes legais.

4. A revogación ou denegación da exención producirán como efecto para o alumnado a obriga de ser cualificado nas avaliacións parciais e finais ao final do curso en que se atope.

5. Nos respectivos documentos oficiais de avaliación farase constar a exención concedida e, de ser o caso, a posible revogación e a conseguinte cualificación.

Artigo 5. Presentación da solicitude da exención

1. A solicitude da exención da materia de lingua galega deberá presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que se utilizará o formulario normalizado que figura como anexo desta orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es. A referida solicitude irá asinada polo alumno ou pola alumna solicitante, polo seu pai/nai/titor/titora ou pola persoa que teña a súa representación legal, se é menor de idade, e nela exporanse as razóns polas que se solicita a exención.

No caso de que se envíe por correo, este deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior ao remate do prazo de presentación da solicitude.

2. A solicitude dirixirase á persoa titular da Dirección do centro docente onde o alumno ou a alumna curse os seus estudos.

3. No caso que a persoa solicitante ou a persoa que a represente non preste o seu consentimento para a comprobación dos datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade do departamento ministerial competente, no modelo normalizado da solicitude conforme o previsto no anexo da presente orde, deberá achegar a copia do documento de identidade correspondente.

4. Se a solicitude é presentada por algunha das persoas proxenitoras do menor ou da menor solicitante, xunto coa solicitude achegarase o documento acreditativo da representación alegada.

5. A exención solicitarase para cada ano académico de permanencia na Comunidade Autónoma de Galicia e os seus efectos limitaranse ao citado ano, sen que se poidan conceder máis de dous cursos escolares, conforme o previsto no artigo 3 da presente orde.

Artigo 6. Prazos de presentación da solicitude da exención

1. O prazo de presentación da solicitude empezará o 1 de setembro de cada ano e rematará o 5 de outubro de cada ano para o alumnado dos centros de educación primaria e secundaria obrigatoria, e o 20 de outubro de cada ano para o alumnado dos centros de bacharelato.

2. Cando se trate dun alumno ou alumna con traslado de matrícula viva, procedente dun centro doutra comunidade autónoma ou do estranxeiro, o prazo de presentación da solicitude será de vinte días seguintes á incorporación da persoa interesada ao novo centro.

3. Para o alumnado que se matricule en ensinanzas de persoas adultas (ensinanzas básicas iniciais, educación secundaria ou bacharelato), o prazo de presentación da solicitude será de vinte días seguintes ao da presentación da súa solicitude de matrícula nesas ensinanzas, dentro dos prazos oficiais sinalados para estas.

4. O alumnado que realice as probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria para maiores de dezaoito anos, ou a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos, presentará a súa solicitude de exención simultaneamente á presentación da súa solicitude de inscrición nas probas libres, nos prazos que estableza a normativa que as regula.

Artigo 7. Resolución da solicitude de exención

1. Os centros docentes públicos dependentes da consellería con competencia en materia de educación resolverán sobre a concesión ou a denegación da exención, no prazo máximo de dez días hábiles a partir da presentación da documentación completa.

2. No caso dos centros docentes privados e privados concertados que imparten bacharelato, a resolución correspóndelle á persoa titular da Dirección do centro público a que estea adscrito.

Artigo 8. Recursos

1. A resolución da exención poderá ser impugnada mediante o recurso de alzada, no prazo dun mes, ante a persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería con competencias en materia de educación, e poralle fin á vía administrativa.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as normas de igual ou inferior rango en canto contradigan ou se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento administrativo

Autorízase a Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para que, dentro das súas respectivas competencias, diten as resolucións ou as instrucións que sexan precisas para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file