Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 2014 Páx. 6879

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Para darlle cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, esta secretaría xeral convoca unha resolución de axudas económicas en favor de emigrantes retornados que ten por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter simplemente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos.

Polos ditos motivos e dada a súa excepcionalidade por razóns de interese social, proponse un mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e das garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen, todo isto, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas aos/ás emigrantes galegos/as retornados/as, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2014.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, e de acordo co disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para estes efectos, a concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que comportará a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o crédito establecido para esta subvención non sexa suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9 desta resolución.

Artigo 2. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de cen mil euros (100.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:

a) As persoas galegas e nacidas en Galicia que residindo fóra de España retornen á Comunidade Autónoma galega.

b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas relacionadas na letra a) con residencia no estranxeiro que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

2. Os/as anteditos/as beneficiarios/as deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Artigo 4. Requisitos

1. Os requisitos exixidos para poder ser beneficiarios/as, que deben estar referidos ao momento da solicitude, son os seguintes:

a) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.

b) Non ter transcorrido máis dun ano entre a data do seu retorno a España e a da publicación desta resolución.

c) Estar empadroado/a e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computando como tales todo tipo de rendas, mesmo as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta resolución.

Entenderanse como rendas ou ingresos insuficientes os que non superen, en cómputo global, o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) mensual correspondente ao ano da convocatoria, e relativos á renda per cápita da unidade familiar entendida tal como se sinala no artigo 5 desta resolución.

Así mesmo, terán a consideración de rendas para os efectos da percepción destas axudas, as seguintes:

– Rendementos do traballo. Inclúe as rendas netas do traballo por conta allea, bolsas e outras axudas semellantes.

– Pensións e prestacións. Inclúe os ingresos netos de todo tipo de pensións e prestacións.

– Rendas do capital mobiliario. Inclúe os rendementos netos das distintas contas bancarias e investimentos financeiros.

– Rendas do capital inmobiliario. Inclúe os rendementos brutos dos bens inmobles arrendados, diferentes da vivenda habitual.

– Rendas de actividades económicas, profesionais, empresariais ou agrarias. Compútase como rendas o rendemento neto reducido (ingresos menos gastos) dos distintos tipos de actividades.

Para o cálculo das rendas, cando se perciban con periodicidade superior á mensual, computaranse en pro rata mensual sobre o período ao cal correspondan, excepto as que se obteñan nun único pagamento, das cales se ratea o seu importe entre doce meses.

e) Carecer de bens mobles e/ou inmobles cuxo valor supere o límite establecido no número 3 deste artigo.

Para estes efectos só se computarán como bens mobles o diñeiro en efectivo e os efectos mercantís que non estean depositados nunha entidade financeira valorados polo seu importe, así como os depósitos bancarios ou a prazo, accións valores ou participacións en sociedades, participacións en fondos ou plans de pensións ou de investimento ou calquera outra relación en que apareza en posición acredora dunha entidade financeira, sendo o valor para computar destes efectos o que conste na correspondente certificación bancaria.

Polo que respecta aos bens inmobles teranse en conta todos, a excepción da vivenda habitual, e o seu valor será o que figure no recibo do imposto que os grave ou no seu defecto, no contrato de compravenda.

2. Quedan excluídos/as das axudas desta resolución os/as beneficiarios/as de anteriores resolucións da Secretaría Xeral da Emigración de axudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus familiares.

3. Quedan excluídos/as das axudas desta resolución os/as solicitantes que teñan bens patrimoniais (mobles e/ou inmobles), entendidos tal e como se recolle neste artigo punto 1.e), cuxo valor supere o límite de 15.000 € máis 5.000 € adicionais por cada un dos restantes membros da unidade familiar, entendida tal e como se sinala no artigo 5 desta resolución.

Artigo 5. Criterios de valoración

A valoración das axudas efectuarase, conforme os criterios e a gradación que se establece a seguir:

1. Situación económica per cápita mensual do mes anterior ao da presentación da solicitude da unidade familiar do/a solicitante ponderada consonte o total de ingresos e de rendas percibidas e o número de membros da unidade familiar, segundo o seguinte baremo:

a) Ingresos e rendas inferiores ao 50 % do IPREM: 3 puntos.

b) Ingresos e rendas do 50 % ao 80 % do IPREM: 2 puntos.

c) Ingresos e rendas superiores ao 80 % do IPREM e ata o IPREM: 1 punto.

Entenderase como unidade familiar, en todo caso, a integrada polo/a solicitante e o seu cónxuxe, ou parella de feito, non separado legal ou de feito e, de ser o caso, os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao en liña ascendente e descendente do/a solicitante, así como os seus cónxuxes, ou parellas de feito, non separados legal ou de feito, sempre que convivan co/coa solicitante.

Para estes efectos, só se computarán como membros da unidade familiar os que consten no mesmo domicilio segundo os datos do padrón municipal ou ben da certificación municipal de empadroamento e convivencia, no caso de tela que achegar o/a solicitante, segundo o previsto no artigo 8.1.4 desta resolución.

2. Número de fillos/as menores de 18 anos por conta do/a solicitante: 1 punto por cada fillo/a, salvo no caso de familia numerosa, que serán 2 puntos por cada fillo/a.

3. Situación de discapacidade do/da solicitante e/ou de membros da unidade familiar:

– Discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 1 punto por persoa.

– Discapacidade igual ou superior ao 65 %: 2 puntos por persoa.

No caso de que necesite axuda de terceira persoa para as actividades básicas da vida diaria aumentarase dous puntos a valoración por persoa que estea na antedita situación.

4. Enfermidade grave ou moi grave do/a solicitante e/ou de membros da unidade familiar, sempre e cando non se valorase no número 3 deste artigo: 1 punto por persoa.

5. Solicitante e/ou membros da súa unidade familiar que sexan vítimas da violencia de xénero: 2 puntos.

6. Os/as solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de solicitude e sempre que non sexan beneficiarios/as de ningún tipo de pensión nin de prestación periódica concedidas pola Administración estatal ou autonómica: 5 puntos.

7. De existir varios solicitantes que reúnan os requisitos para poder ser beneficiarios/as integrados dentro da mesma unidade familiar, tal e como se recolle no artigo 5.1, a puntuación obtida de acordo coa aplicación dos criterios de valoración establecidos no presente artigo dividirase entre o número de beneficiarios da axuda, tendo en conta que a puntuación obtida por ter fillos a cargo menores de 18 anos se imputará ao cónxuxe ou parella de feito que ambos manifesten expresamente mediante declaración por escrito. De non facer declaración expresa ou de non existir acordo, imputaráselle á nai.

Artigo 6. Contía, pagamento e compatibilidade de axudas

1. As axudas de carácter xenérico para facer fronte á situación derivada do retorno previstas nesta resolución pagaranse por unha soa vez, e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteñan segundo os criterios recollidos no artigo 5, fixando para os efectos un valor en euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

Co obxecto de protexer a situación daquelas persoas que estean nunha situación de maior vulnerabilidade, de acordo co establecido nos números 1, 2, 3, 4, 5, 6 e 7 do artigo 5 desta resolución, a unidade de puntuación terá un valor en euros diferente en función do número de puntos obtidos polas persoas solicitantes, de acordo coas seguintes regras:

– Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan entre 1 e 5 puntos: 250 € por punto.

– Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan 6 ou máis puntos: 350 € por punto.

2. Igualmente, e co fin de axudar a sufragar os gastos derivados do retorno, establécese unha axuda de pagamento único que incrementará a contía das axudas previstas no punto 1 en 150 €, para a persoa beneficiaria procedente de Europa e en 400 €, para a persoa beneficiaria procedente de América e outros países, excepto Europa.

3. As axudas concedidas para facer fronte de maneira xenérica á situación e aos gastos derivados do retorno aboaranse unha vez que se acredite que o/a solicitante reúne os requisitos exixidos para obter a condición de beneficiario/a segundo o establecido nos artigos 3 e 4 destas bases reguladoras e polo importe correspondente en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 5 destas bases e en función do establecido no punto 3 deste artigo.

4. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta secretaría xeral para os mesmos conceptos subvencionables.

Artigo 7. Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2014.

Artigo 9. Documentación

1. Xunto coa solicitude as persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1. DNI da persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

As persoas que non dispoñan de DNI presentarán fotocopia do pasaporte.

2. Documentos xustificativos da condición de galego/a determinada no artigo 3.1.a) e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no artigo 3.1.b) desta resolución, acreditación documental do vínculo do/a solicitante.

3. Libro de familia do/a solicitante, se é o caso. No seu defecto, achegarase certificado de matrimonio ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

En caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.

4. Certificado de empadroamento expedido, con posterioridade á data de entrada en vigor desta resolución, polo concello en que resida a persoa solicitante, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

5. Certificación municipal emitida, con posterioridade á data de entrada en vigor desta resolución, polo concello galego de residencia do solicitante que acredite a convivencia dos membros da unidade familiar.

6. Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España, así como o tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.

7. Certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, se é o caso.

8. Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos económicos e rendas de calquera tipo do/a solicitante e da súa unidade familiar entendida como se sinala no artigo 5.

9. Documentación acreditativa do valor dos bens, mobles ou inmobles da unidade familiar, a excepción da vivenda habitual, tal e como se recolle no artigo 4.1.f).

10. Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde españois, no caso de alegar enfermidade grave ou moi grave.

11. Certificado expedido polo órgano competente en España que acredite o grao de discapacidade, no caso de alegar tal circunstancia. Non terán que presentar esta documentación cando o solicitante autorice a Secretaría Xeral da Emigración a verificar o dato do grao de discapacidade, sempre e cando fose recoñecido pola Xunta de Galicia.

12. No caso de alegar ser vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación por calquera das seguintes formas:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na lei.

c) Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

2. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

3. Cando os documentos achegados ao expediente polos/las solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

4. A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde teña fixada a residencia o/a solicitante, a emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de ter un maior e adecuado coñecemento das devanditas situacións.

Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando o/a solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade ou residencia da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas irán acompañadas dos documentos e as informacións determinados no artigo 9, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

4. A Secretaría Xeral da Emigración velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, adaptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Os Basquiños, nº 2, 15704 Santiago de Compostela.

Artigo 11. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno.

2. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fai, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución, que se elevará ao secretario xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Á vista da proposta de resolución o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

2. Segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a notificación practicarase conforme o establecido no seu artigo 59.

Artigo 13. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez presentadas as solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nesta resolución.

O prazo máximo para resolver será de cinco meses contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse de-sestimadas, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles contados desde o seguinte ao da súa notificación sen que a persoa solicitante comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. No caso de renuncia, o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo secretario xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 16. Obrigas dos/das beneficiarios/as

Son obrigas dos/as beneficiarios/as:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá presentar unha declaración responsable de estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia antes dos pagamentos.

c) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) As demais obrigas previstas no artigo 11 da antedita lei.

Artigo 17. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora endebedados desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificada.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Publicidade

Dada a natureza das axudas establecidas nesta resolución e de acordo co disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exceptuase á Secretaría Xeral da Emigración da publicación das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución.

Artigo 19. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial desta secretaría xeral (http://emigracion.xunta.es/), onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/).

Artigo 20. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file