Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2014 Páx. 7145

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 12 de febreiro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

A Constitución española no seu artigo 129.2 encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma.

O Consello Galego de Cooperativas é un órgano de carácter colexiado, integrado polas entidades representativas das cooperativas, por representantes da Xunta de Galicia, dos concellos e das universidades da comunidade autónoma, cuxa presidencia corresponde á conselleira de Traballo e Benestar.

A Consellería de Traballo e Benestar, co fin de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos, así como de promocionar a educación e a formación cooperativa, establece as bases reguladoras para o certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e aproba a súa convocatoria para o ano 2014. A súa concreción e realización levaranse a cabo de xeito coordinado polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar.

As bases reguladoras do certame, así como a súa convocatoria para o ano 2014, foron aprobadas polo Consello Galego de Cooperativas.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino dirixido ao alumnado e ao profesorado dos centros educativos de Galicia

Artigo 1. Finalidade

1. O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

2. Os centros educativos que desexen participar neste certame organizarán actividades divulgativas e formativas e poderán dispoñer, para este fin, de apoios técnicos a través do Programa Cooperamos da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

3. No desenvolvemento das actividades debéranse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

4. Coa finalidade de impulsar a formación nos referidos valores e a súa aplicación práctica, pode procurarse a realización de actividades cooperativas por grupos de alumnos.

5. Para incentivar a realización das actividades, establécense distintos premios a que poden optar os traballos realizados polos alumnos e profesores.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Participantes

1. Poden participar no certame o alumnado e profesorado dos centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional, segundo as modalidades e nos termos previstos nas presentes bases.

2. Non poderán participar as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Modalidades

O alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia poderán presentar os traballos, para o fomento do cooperativismo, nas seguintes modalidades:

a) Debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixida ao alumnado de infantil e primaria,

b) Actividades cooperativizadas dirixidas ao alumnado de educación secundaria obrigatoria e

c) Proxectos empresariais cooperativos dirixidos ao alumnado e profesorado dos centros de formación profesional.

Artigo 5. Modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo, dirixida ao alumnado de infantil e primaria

1. O alumnado dos centros de infantil e primaria en que se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso os debuxos, pinturas, fotografías e/ou vídeos realizados por eles, segundo as seguintes categorías:

– Categoría A: alumnado de 2º ciclo de educación infantil.

– Categoría B: alumnado de 1º e 2º de educación primaria.

– Categoría C: alumnado de 3º e 4º de educación primaria.

– Categoría D: alumnado de 5º e 6º de educación primaria.

2. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor traballo de cada categoría.

– Un accésit por cada categoría.

3. Condicións técnicas.

– Os traballos de debuxo e pintura presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. No reverso do debuxo ou pintura consignaranse, en letras maiúsculas, para unha correcta identificación, os datos do autor ou dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría en que participan.

– Os traballos de fotografía presentaranse en formato dixital, arquivos JPG, RAW ou TIFF, en alta resolución para a súa posible publicación, de 2.000 píxeles como mínimo no seu lado máis reducido. A resolución recomendada é de 300 ppp. Enviaranse copias en papel, xunto co arquivo en soporte CD. Cada fotografía (copia impresa), así como o correspondente CD coas copias dos arquivos, deberán levar unha inscrición no reverso en que se indiquen con letra lexible os datos identificativos do autor ou dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría en que participan e título.

– No caso de vídeos, as producións presentaranse nun DVD estándar, reproducible en calquera reprodutor convencional de DVD, podendo conter menú de inicio. O formato será MPEG2 PAL, configurado como zona 2 ou como zona libre. As locucións e grafismos deberán utilizar o galego. A súa duración non poderá exceder os 10 minutos. O DVD non poderá conter máis dun programa e deberá estar identificado cos datos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar e a categoría en que participan, título da creación presentada, así como ficha técnica.

– Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.

4. En cada traballo deberán participar como mínimo tres alumnos ou alumnas e como máximo non se poderá superar o número de estudantes pertencentes a unha mesma aula.

Artigo 6. Modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado de primeiro e segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria

1. O alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria en que se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso as memorias dos traballos realizados cooperativamente por grupos de alumnos ou alumnas, tales como unha viaxe de ampliación de estudos, un festival de fin de curso, un campionato deportivo, un xornal, unha páxina web, un programa de radio ou unha obra de teatro, segundo as seguintes categorías:

– Categoría E: alumnado do primeiro ciclo da ESO.

– Categoría F: alumnado do segundo ciclo da ESO.

2. Os traballos presentados á modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida aos centros de secundaria, poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor traballo por cada categoría.

3. A memoria dos traballos realizados describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:

– Definición dos obxectivos. Cómpre aclarar as metas que se pretenden acadar, que beneficios de tipo cooperativo vai reportar a actividade, así como poñerlle un título ao traballo que resuma as súas intencións.

– Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.

– Tarefas desenvolvidas. Especificar que tipo de materiais se precisan para levar a cabo a actividade, e cales deles se utilizan. Estes poden ser de tipo documental, gráficos, sonoros, económicos, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

– Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordinado hai que manter reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, as persoas encargadas de realizalas, e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para este fin débense levantar actas das reunións en que se deixe constancia de todo isto.

– Resultado final.

Esta memoria terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara editada en Arial cun corpo de 12 puntos e unhas marxes de 15 mm en cada borde. Deberase entregar un exemplar en papel e o seu soporte en sistema informático. Engadiranse, como anexos o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como fotografías da realización, documentos, materiais realizados e actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto.

4. En cada traballo deberán participar como mínimo tres alumnos ou alumnas e como máximo non se poderá superar o número de estudantes pertencentes a unha mesma aula.

Artigo 7. Modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado e profesorado dos centros de formación profesional

1. O alumnado e o profesorado dos centros educativos que impartan formación profesional específica e nos cales se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso os proxectos empresariais elaborados por eles, baixo a única modalidade de proxectos empresariais cooperativos.

2. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos poderán optar aos seguintes premios:

– Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo.

– Dous accésits aos proxectos finalistas.

3. Os proxectos deberán desenvolver o proceso completo de posta en marcha dun proxecto empresarial, baixo a fórmula cooperativa, orixinal, coherente e viable economicamente.

Os proxectos deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato papel e formato electrónico que permita a súa posterior publicación, acompañados obrigatoriamente dunha ficha resumo segundo o modelo que pode obterse na web:

www.cooperativasdegalicia.coop

As razóns da dobre presentación son:

– En formato papel, para a avaliación do tribunal cualificador e tendo en conta que a presentación neste formato é un aspecto que debe coidarse especialmente na presentación dun proxecto empresarial.

– En formato electrónico, para facilitar o arquivamento e posibilitar a posterior publicación, se é o caso.

4. Na elaboración de cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos ou alumnas, que deberán estar dirixidos por un profesor ou profesora, ou un director ou directora.

Artigo 8. Presentación das solicitudes e traballos

1. As solicitudes deberán presentarse, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. Os traballos do alumnado debidamente identificados deberán entregarse na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), xunto coa correspondente solicitude de participación que deberá especificar a modalidade e, se é o caso, categoría a que se presenta, no prazo indicado na convocatoria.

3. Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e prazo referidos anteriormente. Os autores serviranse dos medios necesarios (mensaxería urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social na data sinalada.

4. No caso dos proxectos empresariais cooperativos, xunto co proxecto e a solicitude, deberá xuntarse o currículo do grupo (nomes, apelidos, idades e estudos do alumnado, así como o profesor ou profesora, ou o director ou directora), e a ficha resumo a que se fai referencia no número 3 do artigo 7.

Artigo 9. Órgano instrutor

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirase o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días e, se non o fixese, terase por desistido da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Tribunais e criterios de avaliación

1. Os traballos que participen nas modalidades de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo e actividades cooperativizadas serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros: dúas persoas nomeadas polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, unha persoa técnica especialista nas materias de debuxo e pintura e unha persoa técnica especialista en audiovisual nomeadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, ou persoa en quen delegue, que o presidirá.

O tribunal valorará nos traballos presentados a orixinalidade e a representación dos valores e actitudes que fomenta o cooperativismo. Particularmente, para a modalidade de actividades cooperativizadas terase en conta o número de persoas participantes, a orixinalidade do tema elixido, a organización do grupo para a realización do traballo de maneira cooperativa e a calidade final do traballo realizado.

2. Os proxectos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros: dúas persoas nomeadas polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, unha persoa nomeada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, unha persoa técnica especialista en cooperativismo nomeada pola Consellería de Traballo e Benestar e a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, ou persoa en quen delegue, que o presidirá.

O tribunal avaliará a coherencia, orixinalidade e viabilidade económica dos proxectos empresariais cooperativos, así como a súa relación coa contorna onde se desenvolven.

3. Todos os premios serán propostos polos respectivos tribunais. Os tribunais poderán propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

4. A entrega dos diplomas acreditativos da obtención dos premios terá lugar no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do día do cooperativismo.

Artigo 11. Apoio aos centros educativos para a realización de actividades de promoción do cooperativismo

1. Co obxecto de facilitar a realización das actividades de promoción do cooperativismo, os centros educativos poderán participar no Programa Cooperamos organizado pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e o Consello Galego de Cooperativas.

2. A través deste programa os centros poderán recibir asesoramento e apoios técnicos tanto para os labores divulgativos como para a elaboración e presentación de traballos.

3. As características do Programa Cooperamos e as condicións de participación dos centros, poderanse consultar na páxina web www.cooperativasdegalicia.coop. Nesta mesma páxina estará á disposición dos alumnos e profesores material divulgativo en formato electrónico, como soporte de apoio para a realización das actividades.

Artigo 12. Resolución e recursos

O tribunal fará pública a relación provisional dos traballos propostos para premio na web www.cooperativasdegalicia.coop

1. Contra ela poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á presidencia do tribunal, que se presentará na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación.

2. Transcorrido o prazo e de non existiren reclamacións, a proposta converterase en definitiva. De existiren reclamacións e unha vez resoltas estas, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, a concesión dos premios, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. O prazo para resolver e notificar será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei exerceranse mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social como responsable do ficheiro.

Artigo 13. Xustificación e pagamento

1. Unha vez publicada a resolución definitiva, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os premios que consistan nunha contía en diñeiro serán entregados aos premiados logo de presentación da seguinte documentación xustificativa, no prazo indicado na convocatoria:

• Datos de identificación dos premiados e do representante legal, de ser o caso: nome e apelidos, número de identificación fiscal, domicilio, teléfono e correo electrónico.

• Declaración asinada por todos os autores do proxecto que acredite as contías atribuídas individualmente a cada un deles.

• Documentación complementaria exixida para o pagamento, de ser o caso.

• Declaración responsable acreditativa acerca da veracidade dos datos da conta bancaria.

• Declaración de non estar incurso en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

3. A xustificación deberá presentarse na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela).

4. Os premios que non consistan nunha contía en diñeiro serán entregados materialmente no acto de entrega de premios que se celebre con motivo do día do cooperativismo ás persoas que resulten premiadas ou aos seus representantes.

Artigo 14. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás presentes bases e ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 15. Condicións xerais de participación

1. O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte do autor ou dos autores, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor da Consellería de Traballo e Benestar a reproducir, traducir e difundir os traballos premiados nas condicións, cos medios a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos debuxos, pinturas, fotografías e vídeos gañadores.

2. A Consellería de Traballo e Benestar reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes das persoas gañadoras, polos medios e formas de comunicación que crea convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que os participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentar os traballos.

3. As persoas concursantes exoneran de toda responsabilidade a Consellería de Traballo e Benestar, no caso de que os traballos resultaran danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estivesen en poder desta. Os centros poderán recoller os traballos que non resulten premiados, nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

4. A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo, rexéndose os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas e, no seu defecto, pola normativa xeral que sexa de aplicación.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios, compatibilidade e reintegro

1. Os beneficiarios e beneficiarias quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II
Convocatoria do certame Cooperativismo no ensino para o ano 2014

Artigo 17. Convocatoria

Convócase para o ano 2014 o certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia.

Artigo 18. Prazo de presentación de solicitudes e traballos

O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos remata o 15 de maio de 2014.

Coas solicitudes deberá xuntarse a relación dos alumnos que participaron na elaboración dos traballos (anexo I continuación).

Artigo 19. Contía dos premios

1. Os traballos presentados á modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo, dirixida ao alumnado de infantil e primaria, nas súas distintas categorías, poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor traballo de cada categoría: as persoas autoras do traballo premiado en cada categoría recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 2.200 euros.

– Un accésit por cada categoría: as persoas autoras de cada traballo premiado recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor total equivalente de 1.200 euros.

2. Os traballos presentados á modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de secundaria, poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor traballo por categoría: as persoas autoras do traballo premiado en cada categoría recibirán material audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 2.200 euros.

3. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado e profesorado dos centros de formación profesional, poderán optar aos seguintes premios:

– Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo, coa seguinte dotación:

• Un único premio de 5.000 euros, que se repartirá entre o alumnado que elaborou o proxecto premiado. Será obrigatoria a presentación dunha memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto; será preciso xuntar a documentación acreditativa que xustifique, como mínimo, a conformación do grupo promotor do proxecto, coa relación de nomes e apelidos e a acta da súa primeira reunión.

• Material audiovisual ou informático por un valor máximo de 1.200 euros, para o profesor ou a profesora, ou o director ou a directora do proxecto.

– Dous accésits aos proxectos finalistas, coa seguinte dotación:

• 1.500 euros para cada proxecto finalista, que se repartirá entre o alumnado que elaborou cada un dos proxectos finalistas.

• Material audiovisual ou informático para o profesor ou profesora, ou o director ou directora dos proxectos finalistas, por un valor máximo de 500 euros.

4. O prazo de presentación da documentación xustificativa para o pagamento rematará o 30 de setembro de 2014. Non obstante, a documentación tamén poderá presentarse xunto coa solicitude.

Artigo 20. Financiamento

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, aplicación 11.02.324A.480.1, código de proxecto 2014 00563, Impulso do cooperativismo no ensino, dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2014, ata un importe máximo de 28.200 euros.

Disposición adicional

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file