Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Luns, 10 de marzo de 2014 Páx. 10152

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 19 de febreiro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para instalar sistemas de seguranza, información, cobramento e localización nos seus vehículos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

Desde os seus comezos, o servizo do taxi foi evolucionando e pasou de ser un servizo complementario doutros medios de transporte a ser un servizo alternativo competitivo. É por iso que necesita ofrecer un servizo de calidade a un custo razoable coa finalidade de captar novos tipos de clientes, aumentar a súa capacidade de prestación do servizo e de mellorar os medios materiais de prestación e xestión deste. garantindo en todo caso a seguridade dos taxistas e dos usuarios.

Desde o ano 2005 a Xunta de Galicia colabora co sector mediante o outorgamento de axudas que permitan a instalación de sistemas de seguranza nos vehículos con autorizacións VT-N.

Neste contexto, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (D. X. de Mobilidade) pretende, por medio desta orde de axudas, seguir mellorando a calidade no servizo mediante a implantación de novas tecnoloxías no sector do taxi de Galicia, que garantan non só a seguranza dos traballadores do sector senón tamén unha maior calidade na prestación do servizo. Así, o estado actual dos servizos de telecomunicacións fai viable e necesario ofrecer un servizo de taxi de calidade e competitivo, con comunicacións móbiles avanzadas, pagamento electrónico, reservas, diferenciación de tipos de cliente, xestión de emerxencias, mecanismos equitativos de xestión de servizos e mellores e máis transparentes mecanismos de control da calidade e do seu cobramento.

Os equipamentos subvencionados nesta orde deben estar homologados no Centro 112 de Emerxencias de Galicia e cumprir coas exixencias da normativa comunitaria existente na materia. Pola súa vez, estes equipamentos deben dispor dun dispositivo de localización vía satélite GPS e de comunicacións GSM (de voz, GPRS e de SMS) e completarse con equipamentos auxiliares para realizar a súa función como apoio a situacións de emerxencia. Do mesmo xeito, coas axudas para a instalación de taxímetros con impresora e TPV (o modelo subvencionado debe ser en todo caso compatible cun equipamento de GPS homologado polo Centro 112 de Emerxencias de Galicia), preténdese potenciar a seguridade no taxi coa diminución do diñeiro en metálico, grazas ao pagamento electrónico. As axudas para os sistemas de xestión de flotas teñen como obxectivo garantir a integración dos taxis nunha rede de área local que abranga un sistema automatizado de xestión, localización e control por satélite dos vehículos a través da internet e da tecnoloxía GPS.

Todo iso faise xa no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas aos titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para instalar sistemas de seguranza, de transparencia na información e facilidade no cobramento, e de localización da frota nos seus vehículos.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2014.

3. En concreto, consideraranse gastos subvencionables os seguintes:

a) Sistema GPS debidamente instalado no taxi, o cal debe permitir que, ante unha situación de emerxencia en que perigue a integridade física do taxista, este poida activar un sinal que se reciba no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia. Debe tratarse, por tanto, de equipamentos que estean homologados no dito centro.

b) Taxímetro con impresora e TPV para o cobramento con tarxetas compatible cun sistema GPS que debe estar homologado no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.

c) Sistema de control de frotas con elementos de xestión, localización e control por satélite que estean conectados a un centro de control a través da tecnoloxía GPS.

4. En todo caso, a adquisición efectiva e pagamento dos sistemas para os que se solicita a axuda deberá realizarse no ano 2014.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Condicionantes

1. Os solicitantes poden pedir a axuda de xeito individual para o obxecto subvencionable previsto na letra a) do artigo 1.3 (sistema GPS homologado no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia).

2. Para que se considere subvencionable a instalación de taxímetro con impresora e TPV para o cobramento con tarxetas (artigo 1.3.b)) deberá solicitarse simultaneamente a axuda pola colocación do sistema GPS (artigo 1.3.a)), ou ben achegar documentación que xustifique que este aparello xa estaba instalado no vehículo con anterioridade.

3. Só será subvencionable a instalación dun sistema de control de flotas con elementos de xestión, localización e control por satélite (artigo 1.3.c)) se simultaneamente se pide a axuda para a colocación dos sistemas previstos nas letras a e b do artigo 1.3. Porén, tamén se poderá outorgar a axuda por este motivo se se acredita ter instalados eses dous sistemas no vehículo con anterioridade.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. A concesión das axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 2014.07.04.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, por importe de 36.550,00 euros. Non obstante, o importe indicado poderá ser ampliado de concorrer algún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

2. A concesión destas axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos de 2014 para poder afrontalas. En ningún caso poderán outorgarse subvencións por un montante superior ao da contía dispoñible na aplicación orzamentaria.

3. As subvencións concedidas de conformidade con esta orde serán compatibles con calquera outra axuda que para a mesma finalidade poidan obter os beneficiarios. Porén, o importe das subvencións ou axudas concedidas, illada ou conxuntamente, non poderá ser tal que supere o custo da actividade subvencionada que debe desenvolver o beneficiario, segundo o disposto no artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de mobilidade competentes para o efecto.

2. Para que xeren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:

a) As autorizacións terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) As ditas autorizacións deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións de que sexa titular o solicitante.

3. Non poderán ser beneficiarios desta convocatoria de axudas aqueles que o fosen, respecto da mesma autorización de transportes e para o mesmo sistema, con base nas convocatorias feitas por Orde do 21 de decembro de 2010 (DOG do 31 de decembro), Orde do 7 de xuño de 2012 (DOG do 13 de xuño) e Orde do 30 de xullo de 2013 (DOG do 13 de agosto).

Artigo 5. Contía das axudas

1. Os equipamentos que se prevén nestas bases como obxecto da subvención poderán acadar unha axuda económica máxima do 50 por cento do custo de cada un deles individualmente considerado. Neste incluirase tanto o prezo do propio equipamento como os gastos de colocación, man de obra, equipamento adicional necesario e verificación do seu funcionamento.

En ningún caso se considerará subvencionable o importe pagado en concepto de IVE ou outros impostos indirectos.

2. Non obstante, consideraranse como importes máximos da subvención, por equipamento e autorización, en todo caso, os seguintes:

• Sistema GPS homologado no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia: cincocentos euros (500,00 €).

• Taxímetro con impresora e TPV para o cobramento con tarxetas: cincocentos euros (500,00 €).

• Sistema de control de frotas con elementos de xestión, localización e control por satélite que estean conectados a un centro de control a través da tecnoloxía GPS: cincocentos euros (500,00 €).

Artigo 6. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta orde, que se poderá descargar na sede electrónica no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina institucional da Dirección Xeral de Mobilidade (http://www.cmati.xunta.es/portal/cidadan/pid/667). Coa solicitude achegaranse os documentos que se especifican no artigo 7 desta orde.

2. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Non ter sido beneficiario das axudas convocadas por Orde do 21 de decembro de 2010 (DOG do 31 de decembro), Orde do 7 de xuño de 2012 (DOG do 13 de xuño) e Orde do 30 de xullo de 2013 (DOG do 13 de agosto), respecto da mesma autorización de transportes e para o mesmo sistema.

d) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas, e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

e) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Compromiso de non beneficiarse nin se ter beneficiado doutras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que, illada ou conxuntamente coa outorgada por esta Administración, superen o custo da actividade subvencionada.

g) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

h) Veracidade dos datos que se consignan na solicitude relativos á conta bancaria na que se efectuará o pagamento das axudas, así como de que o solicitante é o titular.

Artigo 7. Documentación xustificativa

1. Xunto coa solicitude debe achegarse a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia cotexada:

a) Documentación acreditativa da identidade da persoa física no suposto de que non autorice a súa verificación de acordo co previsto no artigo 9.6.

b) Permiso de circulación do vehículo ou vehículos nos cales se van instalar os sistemas para os que se pide a axuda.

c) Ficha técnica do vehículo ou vehículos nos cales se van instalar os sistemas para os que se pide a axuda.

d) Factura ou facturas de compra dos sistemas instalados.

e) Extractos ou certificacións bancarias que xustifiquen o pagamento das facturas anteriores. No caso de que o gasto sexa inferior a 1.000 euros, o pagamento poderase xustificar mediante recibo do provedor, debidamente asinado e identificado co nome, apelidos e número de DNI.

f) No caso de pedir a axuda polo motivo contido no artigo 1.3.a) (sistema GPS homologado no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia), certificado da empresa instaladora que acredite a efectiva colocación e operatividade do sistema.

g) No suposto de solicitar a axuda ao abeiro do artigo 1.3.c) (sistema de control de frotas con elementos de xestión, localización e control por satélite), certificado da asociación que xestione o centro de control en que conste a identidade do solicitante das axudas, a matrícula do vehículo adscrito á autorización VT-N para a que se solicitaron estas e a alta do sistema subvencionado no devandito centro de control.

Artigo 8. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es,
de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último for inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

2. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Sen prexuízo do anterior, para acreditar que o interesado está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social será suficiente unha declaración responsable nese sentido no caso de que a subvención individualmente considerada non supere os 3.000 euros, e concorran os demais requisitos previstos no artigo 11 do devandito Decreto 11/2009.

3. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás solicitudes dos interesados xuntaránselles os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Para tal fin, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha epígrafe destinada para que o solicitante outorgue a súa autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade deses datos ou documentos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigado a achegalos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a xustificación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto farase consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

6. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, polo que se desenvolve aquel, os solicitantes poderán facer constar no formulario o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

En caso de que non presten ese consentimento, deberán presentar xunto coa solicitude unha fotocopia compulsada do DNI en vigor.

Artigo 10. Órganos competentes

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto, reintegro e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nestas bases ou na normativa de aplicación para ser beneficiario das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que as acompañe, comprobando a existencia e titularidade das autorizacións identificadas na solicitude, así como a instalación e operatividade dos sistemas e a concorrencia do resto de requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nestas bases requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Durante a instrución recadarase do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia un certificado acreditativo da efectiva activación e posta en funcionamento daqueles sistemas GPS para os que se pida a axuda.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin, elaborará un informe en que figurarán de xeito individualizado os solicitantes que cumpren os requisitos para obter a subvención, e no que se especificará a avaliación que lles corresponde segundo os devanditos criterios. Así mesmo, indicarase o importe da axuda para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

2. A comisión de valoración estará composta polos xefes dos seguintes servizos dependentes da Dirección Xeral de Mobilidade:

a) Servizo de Informes, Autorizacións e Xunta Arbitral.

b) Servizo de Estudos e Apoio Xurídico.

c) Servizo de Concesións.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos anteriores, a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade poderá nomear substitutos de entre funcionarios dos grupos A1 ou A2 da referida dirección xeral.

3. As solicitudes que non puidesen ser atendidas por insuficiencia de crédito quedarán en reserva, podendo, se é o caso, subvencionarse ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia por parte dos beneficiarios, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivos informes conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 13. Criterios de valoración

As solicitudes puntuaranse, para cada unha das autorizacións VT-N para as que se solicite a axuda, de acordo cos seguintes criterios de valoración:

1. Polo número de sistemas para os que se pida a axuda: ata 50 puntos. Aquelas autorizacións VT-N para as que se soliciten os tres sistemas relacionados no artigo 1.3 da orde recibirán a máxima puntuación por este concepto.

2. Pola menor antigüidade do vehículo o que estea adscrita a autorización VT-N en que se vaia instalar o sistema ou sistemas subvencionados: ata 15 puntos.

3. Pola maior antigüidade do solicitante na titularidade da autorización de transporte da serie VT-N que ampara o vehículo en que se vaian instalar o sistema ou sistemas subvencionados: ata 15 puntos.

4. Polo domicilio da autorización, en caso de que este se sitúe nas provincias de Lugo ou Ourense, ata 10 puntos.

5. Pola prioridade temporal na presentación da solicitude; para esta fin, considerarase como elemento temporal para consideralo o día da súa presentación: ata 5 puntos.

6. Por asumir o compromiso de empregar a lingua galega na relación coa Administración na tramitación do expediente administrativo das axudas e na publicidade e difusión destas: 5 puntos.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Á vista do informe da comisión de valoración, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que esta dite a resolución que corresponda para cada solicitante.

No caso de que, atendendo ás solicitudes formuladas, resulte acreditada a suficiencia do crédito dispoñible, o órgano instrutor poderá elevar propostas parciais de resolución, e proceder a resolver sucesivamente as distintas solicitudes formuladas por orde cronolóxica de conclusión dos correspondentes expedientes administrativos.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que se vaia desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecido.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 3 meses contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre este prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada ao solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Adicionalmente, as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de concorreren os supostos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na sección de Mobilidade.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 17. Obrigas e pagamento

1. Os beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións, e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Obriga de que os equipamentos subvencionados que se instalen estean homologados consonte a normativa que os regule e reúnan os requisitos técnicos precisos para cumprir coas finalidades desta orde, nos termos do artigo 1.3 destas bases.

e) Obriga de manter os equipamentos obxecto de subvención instalados e operativos en todo momento durante toda a súa vida útil. Ademais, e en todo caso, durante un prazo mínimo de dous anos deberán estar colocados no vehículo adscrito á autorización administrativa de transporte VT-N, mesmo no suposto de substitución ulterior do material móbil en que inicialmente se instalasen.

f) Obriga de facer constar en todo tipo de publicidade e información que se dea en relación cos equipamentos instalados a condición de subvencionados pola Xunta de Galicia. Para tal fin, e concretamente, establécese a obriga dos beneficiarios de inserir e manter permanentemente a indicación de que o vehículo está dotado co sistema subvencionado de que se trate e a colaboración para a súa instalación da Xunta de Galicia. A devandita indicación deberá situarse nun lugar visible para o usuario na totalidade dos vehículos dotados cos equipamentos subvencionados. Para cumprir con esta obriga, os solicitantes poden consultar os requisitos da imaxe corporativa da Xunta de Galicia no Manual de identidade corporativa, dispoñible na páxina http://www.xunta.es/inicio-identidade-corporativa/.

2. Unha vez notificada a resolución de outorgamento da subvención procederase ao seu aboamento, que se fará nun só acto, mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude. En todo caso, para realizar o pagamento o beneficiario deberá estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase un procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Control

1. A Dirección Xeral de Mobilidade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das subvencións que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) A súa páxina web oficial (http://www.cmati.xunta.es/portal/)

b) Os teléfonos 981 54 45 02 e 981 54 45 85 da devandita dirección xeral.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non regulado nesta orde observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional primeira. Substitución de vehículo

De producirse unha substitución do vehículo adscrito á autorización VT-N durante o proceso de tramitación de subvención, coa solicitude deberá achegarse, ademais da documentación indicada no artigo 7 destas bases, o xustificante de ter iniciado o procedemento de autorización da substitución.

Para os efectos da valoración prevista no artigo 13.2 da orde, tomarase en consideración o vehículo que estea efectivamente adscrito á autorización de transportes da serie VT-N no momento de conclusión do prazo de presentación das solicitudes.

Disposición adicional segunda. Subvención de sistemas non homologados polo Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia

Cando o titular da autorización solicitante da subvención opte por instalar un sistema GPS que non estea validado e operativo polo Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, a empresa instaladora del deberá presentar previamente para a súa validación un equipamento no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.

Os equipamentos deben estar preparados para a súa integración dentro do sistema TAXGAL (Sistema de emerxencias de taxis de Galicia, que consta dun número elevado de elementos: sistemas embarcados nos taxis, operador de telefonía, equipamentos receptores de alarmas, equipamento integrador de alarmas e postos de atención e seguimento) no contorno da plataforma de operacións Séneca-Galicia do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia. Para a súa validación é imprescindible realizar unha batería de probas desde o Centro de Atención de Emerxencias con presenza in situ do persoal da empresa instaladora e do persoal técnico do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.

Todos os custos que deriven da dita integración e das probas necesarias serán por conta da empresa instaladora, sendo responsable o Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia unicamente da atención das alarmas que entren directamente nel, e do correcto tratamento destas.

De non se ter obtido e acreditado ante a Dirección Xeral de Mobilidade a validación e integración do equipo proposto no sistema do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia no prazo máximo dun mes contado desde o vencemento do prazo de presentación de solicitudes, a Administración non admitirá a solicitude formulada.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación destas bases.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2014

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file