Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 2014 Páx. 10960

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2014, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento PR852A).

A liberdade de expresión e de difusión constitúe un dereito fundamental e unha das bases esenciais de convivencia democrática, valores que os poderes públicos deben garantir, non só removendo os obstáculos que impliquen ou dificulten a súa plenitude, senón promovendo a participación de todos os cidadáns na vida política, económica e social.

Tales obxectivos son evidentemente inalcanzables sen uns medios de comunicación plurais e independentes que cheguen, na súa virtualidade de información e incidencia na conformación da opinión e posturas, a todos os galegos.

Son múltiples hoxe en día as canles a través das cales os medios de comunicación atenden a súa finalidade de información á cidadanía, desenvolvendo a súa actividade non só a través do que se coñece como prensa escrita senón tamén a través dos servizos de comunicación audiovisual radiofónica, aos cales hai que engadir a difusión da información a través da internet.

Faise necesario que o goberno galego poña os axeitados instrumentos de financiamento ao servizo da potenciación e difusión dos medios de comunicación que, ademais de responder ás devanditas premisas e de acordo cos artigos 1, 5 e 27 parágrafos 19 e 20 e demais concordantes do Estatuto de autonomía, defendan a identidade de Galicia e os seus intereses, a súa lingua, a súa cultura e, en xeral, a galeguidade entendida como vínculo histórico dos galegos de dentro e fóra de Galicia.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas a empresas xornalísticas e de radiodifusión e efectuar a convocatoria para o ano 2014.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Financiamento

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación 04.20.461A.470.1, polo importe de 1.135.000 euros dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2014, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A distribución dos créditos para o exercicio 2014 efectuarase do seguinte xeito:

– Axudas a empresas xornalísticas que publiquen xornais escritos: 851.250 €.

– Axudas a empresas radiofónicas privadas: 181.600 €.

– Axudas a empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet: 102.150 €.

Artigo 3. Réxime de recursos

Contra estas bases reguladoras e a convocatoria de axudas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2014

Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas,
en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas
xornalísticas e de radiodifusión

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto establecer subvencións ás empresas xornalísticas e de radiodifusión que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten, realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables

1. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as que a seguir se especifican:

a) Xornais escritos publicados por empresas xornalísticas.

Poderanse conceder axudas ás empresas xornalísticas que, cumprindo o resto dos requisitos establecidos nesta resolución, editen, publiquen e distribúan xornais escritos. En todo caso, deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

Quedan excluídos da concesión desta axuda as publicacións de distribución gratuíta.

b) Servizos de radiodifusión prestados por empresas radiofónicas privadas.

Poderanse conceder axudas ás empresas radiofónicas privadas que dispoñendo de título administrativo habilitante para a explotación do servizo de radiodifusión na Comunidade Autónoma de Galicia e realizando as súas emisións no seu territorio, cumpran cos requisitos establecidos nesta resolución. En todo caso, deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación da Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

Quedan excluídas da concesión desta axuda aquelas empresas radiofónicas que no momento da solicitude non sexan titulares da correspondente licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual mediante ondas hertzianas terrestres.

c) Servizos de información prestados por empresas xornalísticas ou de radiodifusión privadas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet.

Poderanse conceder axudas ás empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet ou ás empresas de radiodifusión privadas que, ademais de transmitir a súa información a través de ondas hertzianas, transmitan tamén a súa actividade informativa mediante internet.

En calquera caso, quedan excluídos da concesión desta axuda aquelas empresas de radiodifusión privadas que emitan exclusivamente a través da internet.

2. Consideracións xerais sobre os gastos subvencionables.

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta resolución.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar individualmente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.

Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que o beneficiario os imputase á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos desta resolución entenderase,

a) Por empresas xornalísticas, as que teñan por obxecto da súa actividade, entre outras, a edición e distribución de xornais diarios co mesmo título e numeración sucesiva.

b) Por empresas radiofónicas privadas, aquelas que dispoñan de título administrativo habilitante para a explotación do servizo de radiodifusión mediante ondas hertzianas e cuxa principal finalidade sexa proporcionar, a través de redes de telecomunicación electrónicas, programas e contidos co obxecto de informar, entreter ou educar ao público en xeral. O devandito servizo préstase para a audición simultánea de programas e contidos sobre a base dun horario de programación.

c) Por empresas xornalísticas ou de radiodifusión privadas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet, aquelas que teñan por obxecto da súa actividade a transmisión e difusión de información diaria e periódica a través da internet, e teñan acreditado, polo que corresponda aos servizos de comunicación audiovisual radiofónicos, o previsto nos artigos 22 e 23 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias as seguintes empresas de comunicación:

a) As empresas xornalísticas que publiquen ou difundan en galego polo menos un 8% do total das informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións.

b) As empresas radiofónicas privadas que dispoñendo de título administrativo para prestaren servizos de comunicación audiovisual radiofónica, empreguen o galego na porcentaxe establecida no artigo 10.j) do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que di: «Empregar a lingua galega nas súas emisións de forma que o 50 %, como mínimo, do tempo de programación sexa en lingua galega. O uso do galego débese distribuír equitativamente en todas as franxas horarias. Non obstante, para as emisoras que actualmente formen parte das cadeas de ámbito estatal, aplicarase a porcentaxe arriba sinalada nas desconexións que se realicen dentro do ámbito da Comunidade Autónoma galega».

c) As empresas xornalísticas que transmitindo a súa actividade informativa a través da internet, empreguen o galego, polo menos, nun 8 % do total da información.

d) As empresas de radiodifusión que prestando servizos de comunicación audiovisual radiofónica a través da internet, empreguen o galego na porcentaxe establecida no artigo 10.j) do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A actividade informativa que difundan os beneficiarios debe estar orientada para o obxecto previsto no artigo 1 destas bases reguladoras.

3. As empresas beneficiarias deben acreditar un cadro medio de traballadores en alta de, polo menos, cinco traballadores e elaborar e difundir toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da comunidade autónoma.

4. Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns interiores de institucións, as publicacións de partidos políticos, asociacións relixiosas ou entidades públicas.

b) As empresas que emitan a través do sinal de televisión.

c) As que, ao longo do ano anterior ao da convocatoria, incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en materia de toponimia.

d) As empresas radiofónicas cun modelo de programación secuencial e repetitivo, cuxas emisións se baseen en contidos musicais.

e) As entidades sen personalidade xurídica e/ou sen ánimo de lucro.

Artigo 5. Competencia

A competencia para resolver os procedementos de concesión obxecto destas bases corresponde á persoa titular do órgano competente en materia de medios, ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda, alínea 1.c) do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros producidos a título de simple neglixencia.

Artigo 7. Autorizacións

1. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización para que o órgano competente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento. Neste caso deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consente expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro. Esta publicación levarase a cabo agás nos supostos legalmente establecidos.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal previstos na lei poderán exercerse dirixindo un escrito a esta secretaría xeral.

Todo iso consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e da Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve este, os solicitantes poderán facer constar no formulario de solicitude o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do departamento ministerial competente.

4. Coa presentación da solicitude de subvención a persoa solicitante ou o representante, de conformidade co disposto na alínea c) do artigo 8, autoriza expresamente a Secretaría Xeral de Medios para que, de acordo co establecido no punto 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique a relación de beneficiarios, o importe das axudas concedidas, a finalidade, a convocatoria, o programa e o crédito orzamentario no Diario Oficial de Galicia e na páxina oficial do órgano administrativo, coas exencións previstas no artigo 15.2.c) e d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Documentación

As solicitudes de axuda deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

1. Documentación común:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE do solicitante, en caso de ser persoa física ou do representante legal da empresa, no caso de non prestar autorización para a consulta dos datos de identidade do solicitante no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (anexo II).

c) Escritura de poder que acredite a representación cando a persoa solicitante actúe en representación da persoa xurídica titular do medio.

d) Certificación actualizada da inscrición no Rexistro Mercantil.

e) Documento acreditativo do pagamento do imposto sobre actividades económicas (IAE). En caso de que a entidade estea exenta, deberá xustificar a exención mediante certificado expedido pola Administración pública correspondente.

f) Informe da Tesouraría Xeral da Seguridade Social do cadro de persoal medio en situación de alta durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

g) Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude na cal se faga constar, tanto no que se refire á entidade xurídica como aos seus administradores e/ou representantes legais, que non estean incursos en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

h) Declaración responsable indicando a porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e difusión da identidade e cultura de Galicia (anexo II).

2. Documentación específica:

I. Axudas a empresas xornalísticas que publiquen xornais escritos.

a) Memoria asinada en que se faga constar os números publicados durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, número de traballos ou artigos escritos en lingua galega durante o mesmo período.

b) Valorarase a certificación expedida pola Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), coa difusión no período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria. Na súa falta, declaración do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate no período sinalado anteriormente, acompañada da documentación que o acredite.

c) Declaración responsable do representante da empresa comprometéndose a manter ou incrementar progresivamente o uso da lingua galega en cada cabeceira ata o 31 de decembro do ano da convocatoria, así como a difusión da identidade e cultura de Galicia.

II. Axudas a empresas radiofónicas privadas.

a) Memoria asinada en que se faga constar a programación especificando que parte dela se realiza en lingua galega.

b) Informe do Estudo Xeral de Medios relativo á audiencia acumulada da emisora solicitante durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

c) Declaración responsable do representante da empresa comprometéndose a continuar realizando as emisións en galego ata o 31 de decembro do ano natural da correspondente convocatoria, no caso de ser beneficiaria da axuda, difundindo a identidade e a cultura de Galicia.

III. Axudas a empresas xornalísticas ou de radiodifusión privadas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet.

a) Memoria asinada en que se fagan constar os números publicados desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, número de traballos ou artigos escritos en lingua galega durante o mesmo período.

b) Declaración do número de visitas efectuadas. Valoraranse as certificacións expedidas por unha entidade de control da difusión, referidas ao período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

c) Declaración responsable do representante da empresa, comprometéndose a manter ou incrementar progresivamente o uso da lingua galega en cada cabeceira e nas emisións, así como a difusión da identidade e a cultura de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. A unidade administrativa que teña asignada a función de xestión de axudas e subvencións relativa aos medios informativos é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude presentada non reunir algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse do solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que poida resultar necesario para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendados os erros, se for o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación e informe, regulada no artigo seguinte.

5. En caso de que o órgano instrutor aprecie que un expediente non reúne as condicións exixidas nesta resolución ou na restante normativa de aplicación, elaborará a correspondente proposta de resolución de inadmisión que, en todo caso, será motivada con indicación destas causas.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin elaborará un informe no cal se avaliarán as solicitudes presentadas segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, así como o importe da axuda correspondente a cada un dos solicitantes.

2. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

a) Presidente: o director xeral de Comunicación.

b) Vogais:

– O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Medios con categoría non inferior á de xefe de servizo.

– Unha persoa funcionaria proposta pola Secretaría Xeral de Política Lingüística con categoría non inferior á de xefe de servizo.

c) Secretario/a: unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Medios, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 11. Criterios de cuantificación das axudas

A valoración das solicitudes presentadas basearase e distribuirase de forma proporcional aos seguintes criterios:

I. Axudas a empresas xornalísticas que publiquen xornais escritos.

a) Criterio referido á difusión de exemplares. Distribuirase segundo este criterio o 73 % do crédito total da correspondente convocatoria. A distribución do crédito farase en proporción directa aos exemplares difundidos da publicación obxecto da avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda teranse en conta os exemplares difundidos por cada un dos beneficiarios, en relación co número total difundido por todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Criterio referido á normalización da lingua galega. Distribuirase segundo este criterio o 25 % do crédito total da correspondente convocatoria.

c) Criterio referido á difusión da identidade e cultura de Galicia. Distribuirase segundo este criterio o 2 % do crédito total da correspondente convocatoria.

II. Axudas a empresas de comunicación radiofónicas privadas.

a) Criterio referido ao número de oíntes. Distribuirase segundo este criterio o 74 % do crédito total. A distribución do crédito farase en proporción directa ao número de oíntes do medio obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de oíntes de cada un dos beneficiarios en relación co número total de oíntes de todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Criterio referido á normalización da lingua galega. Distribuirase segundo este criterio o 24 % do crédito total da correspondente convocatoria.

c) Criterio referido á difusión da identidade e cultura de Galicia. Distribuirase segundo este criterio o 2 % do crédito total da correspondente convocatoria.

III. Axudas a empresas xornalísticas ou de radiodifusión privadas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet.

a) Criterio referido ao número de visitas. Distribuirase segundo este criterio o 74% do crédito total. A distribución do crédito farase en proporción directa ao número de visitas que reciba o medio obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de visitas que reciba cada un dos beneficiarios en relación co número total de visitas que reciben todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Criterio referido á normalización da lingua galega. Distribuirase segundo este criterio o 24 % do crédito total da correspondente convocatoria.

c) Criterio referido á difusión da identidade e cultura de Galicia. Distribuirase segundo este criterio o 2 % do crédito total da correspondente convocatoria.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor remitirá o informe da comisión de valoración, xunto coa proposta de resolución, ao titular do órgano competente en materia de medios, o cal ditará a correspondente resolución, estimatoria ou denegatoria, que deberá estar debidamente motivada e expresará, polo menos, a contía da axuda concedida ou, de ser o caso, a causa de denegación, e fará constar, se é o caso, de xeito expreso a desestimación do resto das solicitudes.

A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada ao solicitante de acordo co establecido nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Non se axustar aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrer este prazo sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas polo titular do órgano competente en materia de medios poñerán fin á vía administrativa, polo que, contra elas poderán interpoñer os interesados os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución obxecto de impugnación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. A conta xustificativa acreditarase de acordo co disposto nos artigos 48, 50 e 51 do decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela. Utilizaranse os modelos normalizados, que se actualizarán nas correspondentes convocatorias e que figuran como anexos numéricos desta resolución, incluíndo, en todo caso:

I. Documentación específica. Conta xustificativa.

i) Para as empresas beneficiarias dunha axuda igual ou superior a 30.000 euros.

a) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas obxecto da subvención que conterá unha relación dos gastos e investimentos correspondentes no exercicio anterior ao da correspondente convocatoria, así como os custos xerais e/ou indirectos que se asignan á actividade subvencionada.

b) Informe dun auditor de contas, designado polo beneficiario, que revise a conta xustificativa. En todo caso, no informe debe quedar acreditado que o importe da axuda concedida é inferior aos custos xerados pola difusión das informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións encamiñadas a defender a identidade de Galicia e dos seus intereses, a promoción dos seus valores, a normalización da súa lingua ao profundar na súa cultura e difundila, no exercicio anterior ao da correspondente convocatoria.

ii) Para as empresas beneficiarias dunha axuda inferior a 30.000 euros.

a) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

– Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, e as súas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente a xustificantes do gasto e do pagamento.

– Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e orixe.

II. Documentación xeral.

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas.

c) Declaración responsable do representante da empresa beneficiaria en que se acredite a realización de actividades orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura, así como o fomento do idioma galego.

d) Para os efectos de xustificar os compromisos que se recollen nos artigos 8.2.I.c), 8.2.II.c) e 8.3.III.c) a empresa beneficiaria presentará declaración responsable do representante da empresa, na cal se certifique que se cumpriron os devanditos compromisos ata a data da concesión da axuda, xunto coa documentación que o acredite.

En calquera caso, as empresas xornalísticas, como tamén aquelas que transmitan a súa actividade informativa a través da internet deberán achegar unha mostra representativa das publicacións dirixidas á normalización da lingua e da identidade e a cultura de Galicia, que debe incluír, polo menos, dúas publicacións mensuais.

As empresas que presten servizos radiofónicos a través de ondas hertzianas e a través da internet deberán achegar un arquivo sonoro (CD) das emisións dirixidas á normalización da lingua, da identidade e a cultura de Galicia, que debe incluír, polo menos, a título de mostra representativa, dúas emisións mensuais.

O incumprimento destes compromisos será considerado incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda coas consecuencias que se reflicten no artigo 17 destas bases.

e) Se é o caso, certificación acreditativa de encontrarse ao día das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegue expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

f) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Declaración responsable comprometéndose a respectar, nas informacións redactadas en castelán, a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan xeral de normalización da lingua galega, polo menos, na relación xornalística cos representantes dos cidadáns e cargos de responsabilidade pública. Para estes efectos, a oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

h) Escrito de aceptación expresa da axuda.

Transcorrido o prazo concedido para a súa aceptación na resolución de concesión sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

i) Calquera outra documentación que estableza a normativa reguladora.

Artigo 15. Deberes das entidades beneficiarias

1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano competente en materia de medios, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o cal presentarán canta información lles sexa requirida.

c) A dar unha axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución das actividades que se subvencionan.

d) Se é o caso, acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes da correspondente proposta de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. En caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o cal presentarán a declaración responsable sinalada no artigo 14.2.II.h).

f) A comunicar ao órgano competente en materia de medios no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da axuda.

g) A cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

h) A xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

i) A dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o idóneo exercicio das facultades de comprobación e control.

j) A conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

k) No caso de empresas de servizos de comunicación audiovisual radiofónica privadas, a continuar realizando as emisións en galego na porcentaxe declarada ata o 31 de decembro do ano natural da correspondente convocatoria.

Artigo 16. Compatibilidade

As axudas previstas nestas bases serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 17. Modificación da resolución e reintegro das subvencións

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a orixe do reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Infraccións e sancións

As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Publicidade

1. De acordo co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, aplicación orzamentaria, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, publicaranse no taboleiro de anuncios do órgano competente en materia de medios.

Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria de titularidade da Xunta de Galicia que corresponda, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non regulado nestas bases observarase o previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

4. Resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file