Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 1 de abril de 2014 Páx. 14215

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas en réxime de concorrencia competitiva ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndenlle a esta as competencias en materia de sanidade, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

O Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo, foi creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, modificada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e está adscrito á Consellería de Sanidade. A estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde regúlanse no Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, e os fins e as funcións deste regúlanse no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e da súa Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a reducir a demanda do consumo de drogas, a facilitar a prestación de servizos asistenciais e a promover a incorporación social de drogodependentes. Así mesmo, a dita subdirección é o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións que, respecto da materia obxecto da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas nas distintas vertentes da problemática das drogodependencias e de desenvolver, xestionar e coordinar os programas asistenciais e de incorporación social do consumo de drogas en Galicia. Asumirá as funcións asistenciais que lle asignan ao Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas no Decreto 254/1997, do 10 de setembro, polo que se procede á creación do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, así como colaborar na implantación e seguimento de programas de reinserción de pacientes drogodependentes que se leven a cabo na comunidade autónoma.

A actual rede de asistencia de drogodependencias que forma parte da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, segundo a Orde do 12 de marzo de 2007 pola que se regula a integración funcional dos centros de alcoholismo e de atención ás drogodependencias non alcohólicas no Servizo Galego de Saúde, colabora con asociacións sen ánimo de lucro que están a desenvolver programas de incorporación social. Estas entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas deberán estar inscritas no rexistro creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

Polo exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro, para a realización de actividades e programas de incorporación social en vivendas de apoio para pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de tratamento a drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A súa finalidade é apoiar as persoas a tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma.

Artigo 2. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Para ser beneficiario das axudas publicadas nesta orde deberán acreditarse os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro que estea inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, e modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

b) Ser titular ou responsable da vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de drogodependencias.

c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria.

d) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, como centros de apoio social a procesos terapéuticos.

e) Estar autorizado polo servizo correspondente da Consellería de Traballo e Benestar segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.

f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendéndose como tal o contar con domicilio social nela, comprometéndose a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.

2. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da mesma lei.

3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Normas de acceso das persoas usuarias aos programas

1. A entidade responsable do programa destinará este recurso a pacientes en situación de estabilidade, circunstancia que lle será acreditada por estes/as a través dun informe de derivación a este recurso por parte da unidade asistencial, con especialización en drogodependencias onde reciban asistencia habitualmente. No dito informe de derivación constará o número de rexistro no Sistema de Xestión de Centros Asistenciais de Drogodependencias (Xeceas) do/da paciente.

2. Co obxecto de optimizar os recursos de apoio, as entidades poderán considerar unha achega económica por parte das persoas usuarias priorizando o acceso daquelas con menos recursos, sen que ningunha persoa poida ser rexeitada por non dispoñer de recursos económicos.

3. No suposto de considerar as achegas recollidas no punto anterior, a entidade beneficiaria da subvención deberá comunicalo á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial do Servizo Galego de Saúde e á unidade administrativa competente na autorización e inspección de servizos sociais dependente da Consellería de Traballo e Benestar, facendo constar o seu importe. As ditas achegas en ningún caso se terán en conta para a concesión da subvención nin para determinar o seu importe.

Artigo 4. Actividades e gastos subvencionables

1. Teñen a consideración de actividades subvencionables todas aquelas necesarias para o desenvolvemento de programas destinados a proporcionar a incorporación social de persoas con trastornos adictivos.

A prestación das ditas actividades será levada a cabo polos/as profesionais que integran o equipo técnico dos diversos dispositivos das entidades beneficiarias, que serán as responsables da xestión dos programas obxecto de subvención a nivel técnico e administrativo.

2. Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De contratación de persoal para a realización de actividades e programas específicos da vivenda onde se desenvolva o programa de incorporación social.

b) Para os gastos correntes de mantemento da vivenda onde se desenvolva o programa, ata un máximo do 30 % da contía concedida.

Artigo 5. Imputación orzamentaria, réxime de compatibilidades, contía e programas subvencionables

1. Para as subvencións que se concedan na execución desta orde destínase un crédito inicial de 256.000 euros con cargo á aplicación 5001.413A.481.21, co código de proxecto 201400027, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, quedando as resolucións no momento da súa concesión condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que, no momento de se ditar a resolución de concesión, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos.

2. O procedemento de aprobación de gasto axustarase ao disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 24 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

3. Estas axudas están destinadas a sufragar soamente os gastos correntes, como máximo ata o 30 % da contía concedida, e de persoal necesarios para a realización dos programas de incorporación social subvencionados. Para estes efectos, consideraranse gastos subvencionables os realizados desde o 1 de decembro de 2013 ata o 30 de novembro de 2014.

4. As axudas que se concedan ao abeiro desta orde serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, coas limitacións establecidas no punto seguinte.

5. A axuda máxima a financiar por cada programa é de 40.000 euros. No caso de que a entidade percibise axudas da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde polo mesmo concepto, soamente terá dereito a complementar a dita axuda ata o máximo referido.

Non obstante, de acordo co disposto no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe das subvencións outorgadas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, supere o custo das actividades que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

En todo caso, a obtención doutras axudas para o programa subvencionado deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial no momento da súa concesión, segundo o modelo recollido no anexo II.

6. Programas subvencionables:

a) Programas de apoio a procesos de rehabilitación de distintas adiccións que instrumenten accións cuxa finalidade sexa conseguir a normalización na vida cotiá da comunidade de persoas facilmente vulnerables desde o punto de vista social.

b) O programa e actividades deberán ter un carácter integral e de proceso, iniciándose cun diagnóstico global e establecendo un proceso de incorporación social. A orientación corresponderá inicialmente ao ámbito sanitario, que deberá avaliar a situación global da persoa co fin de propoñer as alternativas máis axeitadas.

c) Só poderán ter dereito á subvención dun programa por vivenda.

d) Cada entidade poderá acadar a subvención para un máximo de 3 programas ou vivendas.

Artigo 6. Solicitudes

1. A solicitude de subvención realizarase segundo o modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde, subscrita pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante e dirixida á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, á cal se achegará a seguinte documentación:

1.1. Documentación común obrigatoria (orixinal ou copia compulsada):

1.1.1. Documentación xurídico-administrativa da entidade solicitante:

a) Documentación que acredite a representación legal da entidade.

b) Copia da escritura de constitución, estatutos da entidade solicitante e certificación de estar inscrita no rexistro administrativo competente.

c) Copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

d) Documentación acreditativa da capacidade técnica da entidade solicitante.

e) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2013.

f) No caso de que o posúan, certificado ou calquera outra documentación oficial acreditativa da implantación e mantemento de sistemas de calidade normalizados.

Cando os documentos exixidos nas alíneas b) e c) xa estean en poder da Administración autonómica, sen que se producisen modificacións no seu contido e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponda, a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 4.2 (epígrafe iii) da Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia (DOG núm. 10, do 16 de xaneiro), sempre que se faga constar esta circunstancia especificando a data en que se presentaron os documentos e o órgano ao que os dirixiron.

1.2. Documentación obrigatoria que hai que achegar en relación con cada programa solicitado:

Un programa dun máximo de cinco páxinas, avaliado, supervisado e asinado pola persoa coordinadora ou responsable do programa, a cal terá titulación universitaria, que deberá acreditarse achegando documentación orixinal ou copia cotexada, en que deberá constar, para poder ser avaliado o dito programa, as seguintes alíneas:

a) Denominación do programa.

b) Obxectivos xerais e específicos que se pretenden acadar.

c) Metodoloxía de avaliación: indicadores de seguimento e resultados.

d) Ámbito territorial da poboación a que vai dirixido, así como criterios de inclusión e exclusión.

e) Número de persoas usuarias de cada vivenda.

f) Actividades realizadas na vivenda. Especificar días e horas (cronograma de actividades previstas).

g) Actividades realizadas fóra da vivenda. Especificar días e horas (cronograma de actividades previstas).

h) Recursos humanos e materiais con que conta a entidade para levar a cabo o programa especifico de atención directa no centro de atención social de apoio a procesos terapéuticos.

i) Titulación académica do persoal que vai levar a cabo o programa, indicando o nome, apelidos, posto de traballo e horario adicado ao programa obxecto da orde.

j) Valoración económica do programa.

k) Desagregación dos gastos previstos para a súa realización.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Neste caso a documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. As copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Calquera cambio que se produza dos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, que poderá demandar da entidade solicitante todos e cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.

Artigo 7. Procedemento, instrución e comisión de valoración

1. O procedemento de concesión da subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

3. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

4. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano instrutor examinará a documentación presentada. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación obrigatoria que debe presentarse conteña erros ou sexa insuficiente, requiriranse por escrito ás entidades interesadas os datos, documentos e aclaracións que se consideren necesarios para completar o expediente, con indicación de que, se así non o fixeren nun prazo de dez días hábiles, se considerará que desistiron da súa solicitude, logo da resolución que así o declare, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo seguinte, avaliará os proxectos solicitantes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos proxectos presentados.

Esta comisión estará integrada polos/as seguintes membros:

– O/a subdirector/a xeral de Planificación e Programación Asistencial, que actuará como presidente/a.

– O/a xefe/a do Servizo de Xestión Sociosanitaria.

– Dous/dúas técnicos/as do devandito servizo, asumindo un/unha deles/as a secretaría.

A comisión de valoración poderá solicitar a presenza dunha persoa representante da Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social ou unidade administrativa competente nesta materia, así como dunha persoa representante da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, da Consellería de Traballo e Benestar con rango mínimo de xefe/a de servizo, para os efectos de asesoramento e coordinación naqueles aspectos que se refiran ao desenvolvemento e integración social levados a cabo polas entidades solicitantes.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o/a presidente/a do dito órgano e, sempre que sexa posible, o dito nomeamento recaerá noutra persoa do mesmo servizo ao que pertenza o/a substituído/a.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da comisión de valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor que formulará a proposta de resolución e elevaraa ao órgano competente para resolver.

Artigo 8. Criterios de valoración das solicitudes

1. Primeira fase de valoración. Teranse en conta os criterios seguintes para a valoración da calidade dos programas:

A) Grao de adecuación do programa que se presenta, segundo o punto 6 do artigo 5, sobre actividades subvencionables desta orde. O mínimo exixido para este criterio será de 3 puntos, polo que as solicitudes que non acaden esta puntuación mínima, non pasarán á seguinte fase de valoración.

Para cuantificar a calidade do programa presentado valoraranse preferentemente os seguintes aspectos:

– Concreción e regulamentación do procedemento de acceso á vivenda. Máximo 1 punto.

– Precisión dos proxectos de incorporación social. Máximo 1 punto.

– Inclusión de alternativas ocupacionais e/ou formativas específicas. Máximo 1 punto.

– Dedicación e cualificación dos/as profesionais implicados/as na atención directa en relación aos obxectivos propios destes programas. Máximo 1 punto.

– Desenvolvemento das actividades realizadas no programa para o fomento de adquisición de habilidades sociais e da utilización dos recursos normalizados e externos á entidade. Máximo 2 puntos.

– Dinamismo dos programas, primándose que se alcancen os obxectivos propostos nun tempo inferior a 6 meses. Máximo 1 punto.

B) Traxectoria da entidade solicitante en materia de incorporación social de persoas en situación de risco de exclusión relacionadas con condutas adictivas, en programas distintos ao obxecto desta orde:

– Un punto por cada ano en que a entidade obtivese algunha axuda de entidades públicas da Comunidade Autónoma galega, nacionais ou europeas en materia de actuación de drogodependencias e que a dita axuda fose debidamente xustificada pola entidade perceptora, até un máximo de 6 puntos. O mínimo exixido para este criterio será de 4 puntos.

Pasarán á segunda fase os que cumpran o mínimo establecido para cada un dos criterios, o que suporá obter un mínimo de puntuación nesta primeira fase de 7 puntos. A puntuación obtida acumularase á que se obteña na segunda fase.

2. Segunda fase de valoración. Criterios a ter en conta:

a) Grao da consolidación na prestación do servizo: 3 puntos por cada ano en que a entidade obtivese axuda específica de entidades públicas da Comunidade Autónoma galega, nacionais ou europeas, para o desenvolvemento de programas de incorporación social destas persoas en vivendas específicas. Un máximo de 15 puntos, sempre que xustificasen as actividades realizadas e a consecución do programa.

b) En relación ao funcionamento da vivenda (máximo 4 puntos):

• Apertura da vivenda todos os fins de semana con presenza física de persoal da entidade (máximo 1 punto).

• Presenza física de persoal polas noites na vivenda (máximo 1 punto).

• As persoas usuarias dispoñerán de informe que xustifique a ausencia de apoio familiar ou social (máximo 2 puntos).

c) Participación de institucións non públicas no financiamento das ditas vivendas no ano 2013 por importe igual ou superior a 1.000 euros, ata un máximo de 5 puntos: 1 punto por cada axuda de institución non pública debidamente acreditada.

d) A contribución da actividade á discriminación positiva da muller: 1 punto.

e) Utilización da lingua galega no desenvolvemento das actividades propias do programa: 1 punto.

3. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada das solicitudes que cumpren as condicións administrativas e técnicas establecidas para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada en cada unha das fases.

4. As axudas adxudicaranse a un máximo de 7 programas por orde de puntuación, dos cales aos 4 primeiros seralle adxudicado o 100 % da axuda máxima (40.000 euros), e aos tres seguintes o 80 % desta (32.000 euros).

No caso de non esgotar o crédito inicial de 256.000 euros, unha vez rematada a segunda fase de valoración, aos programas que acadasen o 80 % da axuda máxima completaráselles a dita axuda ata o 100 % (40.000 euros).

5. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial poderá realizar os axustes que xulgue adecuados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

6. Se a entidade beneficiaria renunciase á axuda destinada a algún dos programas e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 5 quedasen programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na prelación resultante deste artigo 8.

7. Se, de acordo coa valoración realizada, dúas ou máis entidades obteñen unha puntuación igual e, por razóns de insuficiencia de crédito dispoñible ou superación do límite máximo de número de axudas recollido no artigo 5, non poidan recibir axuda todas elas, terán preferencia para a obtención da condición de beneficiarias aquelas entidades que conten no seu cadro de persoal cun número de traballadores/as fixos/as discapacitados/as superior ao 2 %. No caso de que esta epígrafe fose cumprida por máis dunha entidade terá preferencia para a obtención da condición de beneficiaria aquela ou aquelas entidades que conten cunha maior porcentaxe de traballadores/as con discapacidade no seu cadro de persoal, debidamente acreditada.

Artigo 9. Resolución e notificación

1. Correspóndelle á conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

2. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, as entidades interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución deberá serlle notificada ás entidades beneficiarias de forma individualizada, de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As entidades solicitantes propostas como beneficiarias disporán dun prazo de 10 días hábiles para a súa aceptación unha vez recibida a notificación. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 10. Recursos

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, perante a persoa titular da presidencia do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, ou de tres meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro; ou ben ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da data de notificación, se o acto é expreso, ou seis meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 11. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención realizarase de acordo ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia do seguinte xeito:

a) Poderanse realizar pagamentos parciais ata un máximo do 80% do importe total da subvención (incluíndo o anticipo), a conta da liquidación definitiva e segundo se desenvolvan as actividades do programa, achegando orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de pagamento ocasionados polo seu desenvolvemento, xunto cunha relación ordeada e detallada destes.

b) Unha vez concedida a subvención, poderase efectuar un pagamento anticipado do 10 % do seu importe total, logo da presentación por parte da entidade dunha memoria coa descrición do programa de actividades que se van realizar.

c) A porcentaxe restante da subvención non se fará efectiva ata que estean integramente xustificados a totalidade dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas incluíndo, se é o caso, o importe do/s pagamento/s á conta.

d) Os pagamentos á conta quedan exonerados da constitución de garantía.

e) Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados polo órgano concedente, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante xustificante de recepción do/da proveedor/a para gastos inferiores a 1.000 euros.

f) A xustificación final realizarase logo do cumprimento da finalidade e demais condicións desta orde nos termos recollidos nos artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 41 e 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, achegando a seguinte documentación:

– Orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordeada e detallada destes.

– Declaración das actividades realizadas e financiadas do programa obxecto da subvención, indicando o custo repercutido para a entidade.

– Certificación da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento de actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados.

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo programa, das distintas administracións públicas e non públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectada por el, segundo o anexo II.

– Documentación xustificativa de que a entidade está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e/ou fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega nin é debedora por resolución de procedencia de reintegro.

– Informe emitido pola Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, da Consellería de Traballo e Benestar en relación aos criterios mencionados no artigo 8.2.b). Para estes efectos, considerarase o período desde o 1 de decembro de 2013 ata a data de inspección realizada no ano 2014.

A presentación da solicitude de concesión de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. Consideraranse gastos subvencionables os recollidos no artigo 4 desta orde que cumpren os requisitos fixados polo artigo 29 da Lei de subvencións de Galicia e realizados no desenvolvemento do obxecto desta subvención. Para estes efectos, consideraranse gastos subvencionables os realizados desde o 1 de decembro de 2013 ata o 30 de novembro de 2014.

Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos directamente relacionados coa actividade subvencionada se son indispensables para a adecuada preparación ou execución da mesma, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

3. As facturas deberán estar debidamente cubertas de acordo coa normativa vixente.

4. A documentación xustificativa dos gastos dirixirase á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, con data límite de 30 de novembro de 2014 que emitirá informe favorable de ser conforme.

De conformidade co artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos desta orde, consideranse gastos realizados os que fosen efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación e aqueloutros gastos realizados e que, por imperativo legal, non se puidesen ter pagado nese prazo.

5. Con anterioridade ao día 31 de xaneiro do exercicio seguinte, presentarase unha memoria dos programas realizados e financiados coa presente subvención ao longo do ano 2014.

Artigo 12. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar as actividades que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actividades e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o que se destina esta subvención, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Á entidade colaboradora comunicaralle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5. As entidades beneficiarias e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro.

6. Así mesmo, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a coordinarse cos/as profesionais das unidades de atención ás drogodependencias correspondentes para o mellor desenvolvemento dos programas subvencionados.

7. Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.

8. Manter debidamente actualizados todos aqueles rexistros que sexan precisos para remitir á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, de acordo coa periodicidade que se lle sinale, información relativa á actividade das persoas usuarias, facendo constar o número de admisións e intervencións realizadas, as actividades realizadas nos dispositivos da asociación, unha relación do número de solicitudes de admisión que lle acheguen e un informe onde conste se foron admitidas ou, se é o caso, rexeitadas, indicando a razón do seu rexeitamento.

9. Comunicar calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal.

10. Manter actualizados os sistemas de información que estean en funcionamento nos dispositivos.

11. Coordinarse coas unidades de condutas adictivas do seu ámbito de actuación.

12. Coordinarse con outros centros, servizos e programas recollidos dentro do Plan de trastornos adictivos de Galicia 2011-2016, co fin de asegurar a súa programación homoxénea.

13. Someter á consideración técnica da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera programa ou intervención que, non estando recollido dentro do documento que estableza os instrumentos de planificación en materia de incorporación social de trastornos adictivos, vai poñer en marcha o equipo técnico responsable do desenvolvemento do programa. Para tal fin, a dirección técnica deste equipo presentará unha descrición do programa que se vai desenvolver e fará constar, como mínimo, a denominación do programa, a xustificación da actuación, a metodoloxía para o seu desenvolvemento, así como unha previsión para o seu desenvolvemento programático: obxectivos xerais e específicos, poboación destinataria, difusión prevista, recursos humanos e materiais, mecanismos de coordinación, detalle de actividades, cronograma, orzamento e avaliación prevista.

14. Axustarse ás disposicións recollidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e ás instrucións que o Servizo Galego de Saúde puidese facer nesta materia.

15. Engadir en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 13. Revogación e reintegro

1. No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o establecido no artigo 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

2. De acordo ao establecido nos artigos 14.1.m) e 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Infraccións e sancións

En canto ao réxime de infraccións e sancións será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o seu regulamento.

Artigo 15. Publicidade

1. De conformidade co artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

2. Igualmente, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Sanidade publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe e a finalidade das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

3. Consonte o artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. Os interesados poderán exercer os dereitos de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, así mesmo terán dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Nos aspectos non contidos nesta orde, aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda

A persoa titular da Consellería de Sanidade e da presidencia do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Disposición derradeira terceira

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file