Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 1 de abril de 2014 Páx. 14237

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario.

A Consellería de Sanidade é o órgano da Administración autonómica responsable da superior dirección e desenvolvemento das funcións e competencias en materia de sanidade de conformidade co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e na Constitución española, segundo o Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Adscrito á Consellería de Sanidade, baixo a súa dirección, vixilancia e tutela, configúrase o Servizo Galego de Saúde, creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, como organismo autónomo de carácter administrativo dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. A súa estrutura orgánica regúlase actualmente no Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, e os seus fins e funcións no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 53 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a atención sociosanitaria configúrana o conxunto de coidados sanitarios e aqueloutros que lle correspondan dentro do sistema de servizos sociais establecido na súa normativa específica, destinados aos/ás pacientes xeralmente crónicos/as, que polas súas especiais características poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais para aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións ou sufrimentos e facilitar a súa reinserción social.

Así mesmo, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no seu artigo 136, establece que a atención sociosanitaria deberá cubrir as necesidades das persoas baixo criterios de igualdade, equidade, accesibilidade, universalidade e complementariedade na acción das diferentes administracións. Do mesmo xeito, o citado artigo encomenda á Consellería de Sanidade o fomento de actuacións integrais sociais e sanitarias ante aquelas circunstancias de dependencia, cronicidade, discapacidade ou outras en que a cooperación entre o sistema sanitario e o sistema de servizos sociais comporte vantaxes sociais e asistenciais.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a sectores con especiais necesidades sociosanitarias.

Do mesmo xeito, esta Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial é o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións de carácter sociosanitario que se desenvolvan no ámbito da comunidade autónoma. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas, entre elas, as entidades sen ánimo de lucro, na xestión de programas de carácter sociosanitario.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, recolle a posibilidade de establecer programas específicos para o tratamento de situacións que presenten unha alta incidencia no territorio ou unha gran relevancia sociosanitaria, como é o caso do alcoholismo.

O Plan de trastornos adictivos de Galicia 2011-2016 define entre os seus obxectivos o de mellorar a cobertura asistencial das adiccións, entre elas o alcoholismo e o xogo patolóxico, e recolle nas súas liñas de actuación a oferta de tratamentos adaptados ás necesidades de cada persoa.

Tendo en conta estas premisas e a importancia actual do tecido asociativo galego no desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario, considérase de interese prioritario o establecemento dunha liña de axudas orientadas a apoiar o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario destinados a colectivos de persoas afectadas por alcoholismo e ludopatía, así como persoas dependentes e afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria, e que necesiten coidados e actividades de rehabilitación e apoio para o mantemento da súa autonomía dentro da comunidade.

Por todo o exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 4/2006, do 13 de xullo, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta, o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e polo Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario. Os devanditos programas están destinados á realización de actividades complementarias no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ao alcoholismo, alcoholismo e outras adiccións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria.

A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.

Artigo 2. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Para ser beneficiario das axudas publicadas nesta orde as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro cuxos fins estatutarios principais sexan a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os que se solicita subvención: alcohol, alcohol e outras adiccións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria.

Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na nosa comunidade autónoma.

b) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.

c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendéndose como tal a presenza física e o domicilio social nela e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega.

d) Ter un horario mínimo de atención ao público de 20 horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.

e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa implementación.

No desenvolvemento do programa participarán os/as técnicos/as e o persoal axeitado necesarios, e a dirección, coordinación e supervisión deberá levala a cabo un/unha técnico/a coa titulación universitaria axeitada para o desenvolvemento das actividades previstas, o cal será o seu responsable.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Actividades e gastos subvencionables

1. As actividades subvencionables desagréganse nas seguintes liñas de axuda:

Liña A. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades complementarias no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas á ludopatía, ao alcoholismo e/ou ao alcoholismo e outras adiccións sen substancia:

a) Ludopatía:

– Programas sociosanitarios de rehabilitación en persoas afectadas por ludopatía.

b) Alcoholismo e/ou alcoholismo e outras adiccións sen substancia:

– Programas sociosanitarios de apoio á abstinencia en persoas non sometidas a tratamento ambulatorio.

– Programas sociosanitarios de prevención de recaídas dirixidos a pacientes que se atopen en tratamento ambulatorio.

Liña B. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades complementarias no proceso de atención e rehabilitación de persoas afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria:

– Programas de rehabilitación fisioterápica.

– Programas de rehabilitación logopédica.

– Programas de rehabilitación cognitiva.

– Programas de terapia ocupacional.

– Programas de apoio psicolóxico.

2. Enténdese por programa o conxunto de actividades ordenadas e dirixidas a unha poboación definida, empregando os recursos necesarios durante un período determinado e coa finalidade de acadar uns obxectivos concretos.

Para poder ser avaliado o programa deberá estar claramente diferenciado da actividade asistencial diaria que realiza a entidade.

3. As entidades só poderán concorrer a unha liña de axuda, á liña A ou á liña B, solicitando axuda para un único programa.

4. As federacións que reciban subvención non poderán xustificar os gastos do programa a través de calquera outra entidade que reciba axuda mediante esta orde.

5. Os programas obxecto de subvención deberán levarse a cabo ao longo de 2014.

6. Consideraranse gastos subvencionables os destinados a sufragar os gastos correntes e de persoal en que dun xeito indubidable concorra a entidade beneficiaria como consecuencia do desenvolvemento do programa subvencionado, e non pola súa actividade asistencial, e se realicen dentro do prazo establecido pola presente convocatoria. Para estes efectos, serán gastos subvencionables os realizados desde a entrada en vigor da orde ata o 31 de outubro de 2014.

Artigo 4. Imputación orzamentaria, réxime de compatibilidades e contía

1. Para as subvencións que se concedan na execución desta orde destínase un crédito inicial de 232.000 € con cargo á aplicación 5001.413A.481.21, con código de proxecto 201400027, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e quedan as resolucións no momento da súa concesión condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada.

Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de ditarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos, e someterase o procedemento de aprobación de gasto ao disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 24 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O crédito inicial sinalado distribúese para as liñas de axuda recollidas nesta convocatoria da seguinte maneira:

Liña A: 116.000 €.

Liña B: 116.000 €.

2. Subvencionaranse os primeiros 15 programas pertencentes á liña A e os 15 primeiros programas da liña B, de acordo coa orde de prelación establecida. Se dentro dunha mesma liña non se esgota o crédito dispoñible para esta, o crédito sobrante poderase destinar para o financiamento dos programas das entidades que se atopen en reserva segundo a orde de prelación establecida. Se aínda así queda crédito sen asignar nunha das liñas, este poderase destinar á outra liña de axuda seguindo o criterio anteriormente establecido.

3. As subvencións que reciban as entidades en virtude desta orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, pero non para o mesmo programa, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

4. O importe da axuda para o programa subvencionado será, como máximo, de 10.000 euros. De acordo co disposto no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe das subvencións outorgadas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos nacionais ou internacionais, supere o custo das actividades que desenvolverá a entidade beneficiaria. En todo caso, a obtención doutras axudas para o programa subvencionado deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial no momento da súa concesión.

5. De acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se poderán outorgar subvencións por contía superior ao importe do crédito recollido no número 1 deste artigo, salvo que se produza o incremento do crédito dispoñible para este fin.

Artigo 5. Solicitudes

1. A solicitude de subvención realizarase segundo o modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde, subscrita pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante e dirixida á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, a que se lle achegará a seguinte documentación (orixinal ou copia compulsada):

a) Documentación que acredite a representación legal da entidade.

b) Escritura de constitución e estatutos da entidade solicitante e modificacións, de ser o caso, debidamente inscritos no rexistro correspondente ou, en todo caso, documentación que acredite que a entidade está inscrita no correspondente rexistro administrativo.

c) Tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

d) Titulación académica do responsable do programa que se vai levar a cabo.

e) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2013.

f) Documentación acreditativa da calidade técnica do programa que se vai a desenvolver segundo o modelo do anexo II, en que se recolla:

f.1) Memoria descritiva do programa que se vai desenvolver, en que conste, como mínimo:

I. Denominación.

II. Indicación da tipoloxía que corresponda segundo a clasificación recollida no artigo 3.1 desta orde.

III. Lugar ou lugares concretos de realización do programa.

IV. Cronograma (número de horas dedicadas ao programa, datas concretas de realización e horario previsto).

V. Fundamentación teórica e pertinencia do programa.

VI. Criterios de inclusión.

VII. Obxectivos: xerais e específicos.

VIII. Metodoloxía.

IX. Indicadores de proceso e resultado de acordo cos obxectivos definidos.

f.2) Recursos humanos que a entidade dedicará ao desenvolvemento do programa indicando o nome e apelidos, a titulación académica, o posto de traballo e as funcións que vai desenvolver. Deberase indicar a persoa responsable da supervisión do programa e achegarase o orixinal ou copia compulsada da súa titulación universitaria, de acordo co previsto no artigo 2.1.e) desta orde.

f.3) Medios materiais para a realización do programa.

f.4) Valoración económica do programa. Orzamento desagregado por conceptos de gasto previstos segundo a tipoloxía de gastos subvencionables: gastos de persoal incluídas as cotizacións á Seguridade Social e gastos correntes tales como alugueiros, subministración de enerxía eléctrica, telefonía e conexión a internet, material de oficina, entre outros.

f.5) Ámbito territorial de referencia para o desenvolvemento do programa.

f.6) Lingua en que se desenvolverán as actividades.

Cando os documentos exixidos que se recollen nas epígrafes 1.a), 1.b) e 1.c) deste artigo xa estivesen en poder da Administración autonómica sen que houbera modificacións no seu contido e non transcorrese máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponda, a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido no
artigo 4.2 (iii) da Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia (DOG núm. 10, do 16 de xaneiro), sempre que se faga constar esta circunstancia especificando a data na que se presentaron os documentos e o órgano ao que os dirixiron.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, quen poderá solicitar da entidade solicitante todos cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.

6. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 6. Procedemento, instrución e comisión de valoración

1. O procedemento de concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial do Servizo Galego de Saúde.

3. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

4. Rematado o prazo de presentación de solicitudes o órgano instrutor examinará a documentación presentada. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación obrigatoria que debe presentarse conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade para que, nun prazo de 10 días, corrixa a falta, realice as aclaracións ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo seguinte, avaliará os programas solicitados e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos programas presentados. Esta comisión estará integrada polas seguintes persoas:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial ou a persoa en que delegue, que actuará como presidente/a.

– A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Xestión Sociosanitaria.

– A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias.

– Tres técnicos/as da devandita subdirección, asumindo un/unha deles/as a secretaría.

Por proposta do presidente/a do devandito órgano poderase solicitar a presenza dun/ dunha representante da Consellería de Traballo e Benestar, cun rango mínimo de xefe/a de servizo, así como de expertos/as externos/as independentes con titulación axeitada e de recoñecido prestixio e experiencia profesional nas materias propias dos programas obxecto de subvención.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior considerarase independente aquela persoa en que non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 28.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes.

6. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da comisión de valoración, realizará a proposta de resolución.

Artigo 7. Criterios de valoración das solicitudes

Para a valoración dos diferentes números deste artigo só se terán en conta os que estean debidamente xustificados.

1. A comisión de valoración, para avaliar as solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

1.1. Valoración da entidade solicitante (0-30 puntos):

a) Grao de implantación da entidade. Valorarase o maior ámbito territorial de implantación da entidade (máximo 4 puntos):

– Federación de ámbito autonómico ou asociación integrada nunha federación de ámbito autonómico: 4 puntos.

– Outro tipo de entidade: 2 puntos.

b) Antigüidade da entidade. Outorgarase 1 punto por cada dous anos transcorridos desde a data de creación da entidade (máximo 5 puntos).

Para os efectos de cómputo tomarase como referencia a data que figure nos estatutos da entidade ou na documentación de constitución correspondente.

c) Experiencia da entidade solicitante na realización de actividades ou programas relacionados coa tipoloxía de axuda a que se presente. Outorgarase 1 punto por cada ano en que a entidade obtivese algunha axuda de organismos públicos. Se no mesmo ano se reciben varias axudas, só se computará unha delas. Para a súa comprobación deberán presentar copia acreditativa da concesión da subvención ou referencia do diario oficial en que se publicou a dita concesión (máximo 10 puntos).

d) Calidade na xestión da entidade, mediante o desenvolvemento, implantación e mantemento de sistemas de xestión de calidade recoñecidos, debidamente acreditados e actualizados mediante premios ou recoñecementos de calidade (4 puntos).

e) Grao de dedicación da entidade aos colectivos a que se dirixen os programas obxecto de subvención (máximo 7 puntos):

– Asociación ou entidade dedicada exclusivamente á atención en alcoholismo, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria: 7 puntos.

– Asociación ou entidade non dedicada exclusivamente aos devanditos colectivos: 3 puntos.

1.2. Valoración dos programas (0-70 puntos):

a) Lugar ou lugares de realización do programa (máximo 5 puntos):

– Un concello: 1 punto.

– De dous a cinco concellos: 3 puntos.

– Máis de cinco concellos: 5 puntos.

b) Utilización da lingua galega no desenvolvemento do programa (5 puntos). Para obter esta puntuación deberá presentarse e desenvolverse o programa en galego.

c) Contido e calidade do programa (máximo 60 puntos): para garantir un mínimo de calidade dos programas, todos eles deberán superar unha puntuación mínima de 30 puntos nesta epígrafe:

1. Descrición do programa en que se terá en conta os/as profesionais dedicados/as ao seu desenvolvemento, número estimado de beneficiarios/as, lugar de realización, número de horas dedicadas á realización do programa, cronograma polo miúdo das datas e do horario previstos (máximo 12 puntos).

2. Fundamentación teórica e pertinencia do programa (máximo 8 puntos).

3. Descrición dos criterios de inclusión no programa (máximo 10 puntos).

4. Obxectivos xerais e específicos definidos para o programa (máximo 10 puntos).

5. Proposta metodolóxica para o desenvolvemento do programa avaliándose os protocolos de traballo previstos para a consecución dos obxectivos e o nivel de detalle da metodoloxía (máximo 10 puntos).

6. Adecuación da proposta de indicadores de proceso e resultado definidos para a avaliación do programa (máximo 10 puntos).

2. As solicitudes serán baremadas ata un máximo de 100 puntos, conforme o procedemento que se recolle neste número. Avaliaranse inicialmente os criterios correspondentes á capacidade técnica da entidade. Seguidamente, realizarase a valoración individual de cada programa. Esta última puntuación sumarase, por separado, á puntuación obtida pola entidade na fase de valoración da súa capacidade técnica. Como resultado obteranse dúas listas ordenadas de maior a menor, incluíndo a quenda de reservas, unha por cada unha das liñas de axuda previstas, que indicará a orde de prelación para a asignación dos importes a cada unha das entidades a que se lles concederá a subvención, considerando en todo caso os seguintes límites:

– Recibirán subvención os 15 programas da liña A e os 15 programas da liña B mellor puntuados, de acordo coa orde de prelación establecida, sen prexuízo do establecido no artigo 4.2 desta orde.

Se dúas ou máis entidades obteñen unha puntuación igual, e por razóns de insuficiencia de crédito dispoñible ou superación do límite máximo do número de axudas recollido no número anterior non puidesen recibir axuda todas elas, terán preferencia para a obtención da condición de beneficiarias aquelas entidades que obtivesen maior puntuación na valoración do programa (artigo 7.1.2). Se persiste o empate, terase en conta a maior puntuación acadada na epígrafe do contido e calidade do programa (artigo 7.1.2.c). Se aínda así as entidades acadan a mesma puntuación, terase en conta a antigüidade da entidade (artigo 7.1.1.b).

3. O importe da subvención adxudicada será proporcional á puntuación total obtida trala valoración dos criterios, asegurando en todo caso un importe mínimo suficiente para garantir o desenvolvemento do programa en condicións de eficacia e calidade.

4. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial poderá realizar os axustes que considere axeitados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

5. Se, de conformidade co artigo 8.1, unha entidade beneficiaria renuncia á axuda destinada ao programa e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 4.1 ou do límite máximo de número de axudas recollido no número 2 deste artigo quedasen programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na orde de prelación establecida tal como se recolle neste artigo 7, incluída a quenda de reservas.

Artigo 8. Resolución e notificación

1. As entidades solicitantes propostas como beneficiarias disporán dun prazo de 10 días hábiles para a súa aceptación unha vez recibida a notificación. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade e da presidencia do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

3. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, as entidades interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución deberá serlles notificada ás entidades beneficiarias de forma individualizada, de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. De conformidade co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión que será notificada ao/á beneficiario/a nos termos previstos no número 4 deste artigo.

Artigo 9. Recursos

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante a persoa titular da Presidencia do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, ou de tres meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro; ou ben ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte á data de notificación, se o acto é expreso, ou de seis meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 10. Pagamento e xustificación

1. O pagamento da subvención realizarase de acordo ao procedemento de aprobación de gasto e pagamento recollido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En aplicación do disposto no número anterior, a contía da subvención farase efectiva mediante pagamento único. Esta xustificación realizarase unha vez cumprida a finalidade e demais condicións desta orde nos termos recollidos nos artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 41 e 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, achegando a seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada destes, onde se faga constar o/a acredor/a e documento, a data de expedición, a data de pagamento, o concepto e o importe (segundo modelo anexo III).

b) Certificación expedida polo/a secretario/a ou o/a representante da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento das actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados (segundo modelo anexo III).

Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectado por el.

c) Declaración das actividades realizadas e financiadas do programa obxecto da subvención, indicando o custo repercutido para a entidade (segundo modelo anexo III).

d) Declaración responsable:

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo programa, de calquera entidade privada, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (segundo modelo anexo III).

– Declaración de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (segundo modelo anexo III).

– Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (segundo modelo anexo III).

3. Considéranse gastos subvencionables os recollidos no artigo 3.6 desta orde.

4. A documentación xustificativa dos gastos dirixirase á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial (Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, número de teléfono 881 54 18 24) con data límite do 15 de novembro de 2014. Esta subdirección xeral emitirá unha certificación favorable de ser conforme.

De conformidade co artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos desta orde consideraranse gastos realizados os que fosen efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación e aqueloutros gastos realizados e que por imperativo legal non se puidesen ter pagado nese prazo.

Así mesmo, con data límite do 31 de decembro de 2014 as entidades subvencionadas deberán presentar unha memoria das actividades realizadas no marco do programa obxecto de subvención.

5. En cumprimento do disposto no artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de que unha entidade non realice o 100 % da actividade obxecto da axuda ou, de ser o caso, non realice o 100 % do gasto previsto no orzamento do programa, iso dará lugar á modificación da resolución da concesión, e reducirase a contía da axuda concedida proporcionalmente á actividade realizada e ao custo efectivamente repercutido á entidade.

Artigo 11. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o que se destina esta subvención, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos como estatais ou comunitarios para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, así como cantos estados contables e rexistros sexan exixibles de conformidade co disposto nas presentes bases, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Incluír en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde, en consonancia coa obriga de publicidade do carácter público do financiamento do programa establecida no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 12 desta orde, así como nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

9. Así mesmo, sen prexuízo do cumprimento das demais obrigas dispostas neste artigo, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a:

a) Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.

b) Comunicar á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal.

c) Comunicar á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera modificación nas datas, horario e lugares previstos para a realización de cada programa na súa memoria descritiva, antes do seu comezo.

Artigo 12. Revogación e reintegro

1. No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o establecido no artigo 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de mora correspondentes.

2. Malia o recollido no artigo 10.5 desta orde, e en cumprimento do establecido nos artigos 14.1.m) e 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para a mesma finalidade, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, se é o caso, ao reintegro da subvención percibida e dos xuros de mora correspondentes.

Artigo 13. Infraccións e sancións

Respecto do réxime de infraccións e sancións será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Publicidade

1. O órgano administrativo concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Sanidade publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

3. Consonte o artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os/as interesados/as poderán exercer os dereitos aí contidos, así mesmo, terán dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda

A persoa titular da Consellería de Sanidade e da presidencia do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file