Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 1 de abril de 2014 Páx. 14267

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 21 de marzo de 2014 pola que dá publicidade ao prazo de presentación de solicitudes de pagamento da prima de mantemento para o ano 2014 dos expedientes de axudas que foron concedidas ao abeiro de distintas ordes relativas á forestación de terras non agrícolas e fomento de frondosas caducifolias.

O 15 de maio de 2007 publicouse a Orde do 9 de maio de 2007 de axudas para o fomento das frondosas caducifolias; o 18 de xuño de 2007 publicouse a Orde do 11 de xuño de 2007 de axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas; o 7 de febreiro de 2008 publicouse a Orde do 28 de xaneiro de 2008 de axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas; o 18 de febreiro de 2008 publicouse a Orde do 30 de xaneiro de 2008 de axudas para o fomento das frondosas caducifolias; o 27 de febreiro de 2009 publicouse a Orde do 20 de febreiro de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para o fomento das frondosas caducifolias e se convocan para o exercicio orzamentario 2009; o 12 de marzo de 2009 publicouse a Orde do 26 de febreiro de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas e se convocan para o exercicio orzamentario 2009 e o 28 de xuño de 2011 publicouse a Orde do 17 de xuño de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2011. Nas devanditas ordes prevese, no caso de ser concedida, unha prima de mantemento que está destinada ao coidado, mantemento e demais traballos posteriores á plantación que son necesarios para o logro da plantación realizada. A prima de mantemento ten unha duración de cinco anos contados a partir do ano seguinte ao do pagamento da última comprobación.

Estas ordes recollen o prazo de presentación anual das primas de mantemento a excepción da Orde do 11 de xuño de 2007 de axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas que recoñece o compromiso ao aboamento das primas de mantemento pero non especifica o prazo de presentación polo que é preciso concretalo.

O Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e da condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, establece no seu artigo 8 que as primas de mantemento se aboarán se se solicitan coas convocatorias anuais de solicitude.

Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto de esta orde é dar publicidade ao prazo de presentación de solicitudes de pagamento da prima de mantemento para o ano 2014, dos expedientes de axudas que foron concedidas ao abeiro das seguintes ordes:

a) Orde do 9 de maio de 2007 de axudas para o fomento das frondosas caducifolias, unicamente para os expedientes en que se efectuou o aboamento da certificación final dos traballos da reforestación a partir do 1 de xaneiro de 2009 e que lles corresponda no ano 2014,

b) Orde do 11 de xuño de 2007 de axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas, cuxa execución foi aboada a partir do ano 2009, unicamente para os expedientes en que se efectuou o aboamento da certificación final dos traballos da reforestación a partir do 1 de xaneiro de 2009 e que lles corresponda no ano 2014,

c) Orde do 28 de xaneiro de 2008 de axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas,

d) Orde do 30 de xaneiro de 2008 de axudas para o fomento das frondosas caducifolias,

e) Orde do 20 de febreiro de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para o fomento das frondosas caducifolias e se convocan para o exercicio orzamentario 2009,

f) Orde do 26 de febreiro de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas e se convocan para o exercicio orzamentario 2009,

g) Orde do 17 de xuño de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2011.

Artigo 2. Prazos

1. A data de apertura para presentación de solicitudes das axudas que foron concedidas ao abeiro da Orde do 11 de xuño de 2007 de axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas e que lles correspondan no ano 2014, comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes de pagamento da prima de mantemento 2014, dos expedientes de axudas concedidas polas ordes relacionadas no artigo 1 desta orde, remata o día 29 de xuño de 2014.

3. O prazo para resolver será de cinco meses contados a partir do seguinte á finalización do prazo de presentación das solicitudes de pagamento. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 3. Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 4. Presentación de documentación

Os beneficiarios das axudas, xunto coa solicitude de pagamento da prima de mantemento para o ano 2014 que se inclúe como anexo, deberán presentar a documentación exixida na orde de axudas correspondente:

1. Orde do 11 de xuño de 2007 de axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas (artigo 13 punto 7):

• «... factura ou, no caso de que o beneficiario realice os traballos polos seus propios medios, deberá presentar un documento xustificativo de ter realizado os traballos polos seus propios medios e os xustificantes dos gastos polo importe total do investimento, ...».

2. Orde do 9 de maio de 2007 de axudas para o fomento das frondosas caducifolias (artigo 13 punto 7), Orde do 28 de xaneiro de 2008 de axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas (artigo 13 punto 7) e Orde do 30 de xaneiro de 2008 de axudas para o fomento das frondosas caducifolias (artigo 13 punto 7):

• «... factura ou, no caso de que o beneficiario realice os traballos polos seus propios medios, deberá presentar un documento xustificativo de ter realizado os traballos polos seus propios medios e os xustificantes dos gastos polo importe total do investimento. No caso de propietarios particulares que realizaron os traballos polos seus propios medios será suficiente a presentación dun documento xustificativo de ter realizado os traballos polos seus propios medios e de posuír a maquinaria empregada na realización dos traballos, ...».

3. Orde do 20 de febreiro de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para o fomento das frondosas caducifolias e se convocan para o exercicio orzamentario 2009 (artigo 2, modificación oitava) e Orde do 26 de febreiro de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas e se convocan para o exercicio orzamentario 2009 (artigo 2, modificación oitava):

• «...Coa solicitude presentarase factura e xustificante do seu pagamento ou, no caso de que o beneficiario realice os traballos polos seus propios medios, un documento xustificativo de tal circunstancia, en que figurarán horas de traballo/superficie, custo/hora... e de posuír a maquinaria empregada na realización dos traballos, acompañada dos xustificantes dos gastos polo importe total do investimento».

4. Orde do 17 de xuño de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2011:

• «…Coa solicitude presentarase factura ou, no caso de que o beneficiario realice os traballos polos seus propios medios, un documento xustificativo de tal circunstancia, en que figurarán horas de traballo/superficie, custo/hora ... e de posuír a maquinaria empregada na realización dos traballos, xunto cos xustificantes dos gastos polo importe total do investimento.

As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo que indique: a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención; neste último caso reflectirase a contía exacta que resulte afectada pola subvención».

Artigo 5. Tramitación

A Subdirección Xeral de Recursos Forestais unha vez comprobada a documentación e inspeccionado o mantemento e os traballos previstos na axudas anteriormente aprobadas, proporá o pagamento ou a desestimación das primas de mantemento anual á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral de Medio Rural e Montes para ditar cantos actos e instrucións coide oportunos para a execución desta orde.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file