Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 2 de abril de 2014 Páx. 14429

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de marzo de 2014 pola que se establece o procedemento de concesión, baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios, no curso académico 2013/14, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, que por causa sobrevida ou imprevista teña dificultades económicas para continuar estudos.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve actuacións encamiñadas a prestar apoio económico ao alumnado de ensino universitario coas cales se pretende favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Entre as diferentes liñas estratéxicas que se seguen, cómpre destacar as destinadas ao desenvolvemento da función social das universidades, xa que ademais da súa implicación na mellora dos sistemas de ciencia e tecnoloxía, de calidade do ensino e do uso sostido de recursos, tamén é necesaria a súa implicación no traballo social e na cooperación para o desenvolvemento dando resposta ás demandas sociais.

As axudas e accións de apoio económico ao alumnado universitario convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de avanzar na igualdade de acceso a este nivel do ensino universitario, fundaméntanse, principalmente, en criterios económicos determinados pola renda familiar, e na excelencia académica do estudantado, priorizando os mellores expedientes académicos como recoñecemento ao seu esforzo.

Pero tamén é necesario que os poderes públicos deseñen medidas para o alumnado universitario encamiñadas a paliar a urxente necesidade de recursos económicos que xorden por causas sobrevidas e imprevistas que impiden ou dificultan que continúen cos seus estudos.

Nesta liña, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera prioritario continuar coa súa política de apoio económico ao alumnado universitario a través desta orde de axudas de carácter especial, destinadas a facer fronte a causas sobrevidas e que polas súas circunstancias requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos económicos que permitan a continuidade dos estudos universitarios dos alumnos afectados, sen pretender solucións plenas á problemática que poidan presentar.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é regular o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico, no curso académico 2013/14, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas que lles impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, cunha contía global de 91.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da Consellería, de conformidade cos supostos recollidos, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 .

Artigo 3. Requisitos dos/as solicitantes

Poderán solicitar estas axudas os/as estudantes universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida ou imprevista (orfandade absoluta, falecemento pai/nai/titor legal, desemprego do sustentador principal, enfermidade grave, violencia doméstica, vítimas de actos terroristas, separación, divorcio, ruína ou quebra familiar e outras circunstancias non recollidas que sendo xustificadas repercutan na situación socioeconómica familiar).

b) Que a situación sobrevida ou imprevista acontecese durante o actual curso académico 2013/14.

c) Estar matriculado, no curso académico 2013/14, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia.

d) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual para o ano 2014 é dicir 5.122,60 euros (426,88 euros mensuais, incluída nesta contía a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias).

e) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED433A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse ao Rexistro Xeral da Xunta de Galicia. Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico
012@xunta.es. Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Prazo de presentación das solicitudes:

– Se a causa sobrevida ou imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

– Se a causa sobrevida ou imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitude será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo, nestes casos, a data limite para a presentación das solicitudes o 1 de setembro de 2014.

4. Xunto coa solicitude (anexo I, modelo normalizado ED433A) deberá presentar os seguintes documentos:

a) Copia do DNI cando o/a solicitante non autorice á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Univeristaria para a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Xustificación da causa sobrevida ou imprevista en que fundamenta a petición da axuda para o cal presentará todos os documentos que a proben.

c) Informe do/a traballador/a social do concello en que estea empadroado/a o/a solicitante que recolla a causa sobrevida ou imprevista, así como a situación socioeconómica da unidade de familiar, anterior e posterior á causa, que motive a necesidade urxente de recursos económicos.

d) Certificación académica ou extracto do expediente académico, en que consten as materias e créditos en que está matriculado no curso académico 2013/14.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica para a presentación dixitalizada da dita documentación, admitirase igualmente a presentación desta en formato papel, presentándoa xunto co anexo I, nos mesmos termos establecidos no número 1 deste artigo.

Artigo 5. Instrución do procedemento

1. A Secretaría Xeral de Universidades rematado o prazo de presentación de solicitudes e, unha vez examinadas estas e a documentación presentada polos/as solicitantes, se non estivese debidamente cuberta a solicitude ou non se presenta a documentación exixida, requirirase o/a interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer se lle terá por desistido/a da súa petición, logo de resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o/a solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 6. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou, a persoa en quen delegue.

Vogais: dous representantes da Secretaria Xeral de Universidades.

Secretaria: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non pode asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral, en virtude da súa representación.

Artigo 7. Contía

1. Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante, a comisión avaliadora, examinada a documentación presentada, terá en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:

Limiares de renda

Contía da axuda

Ata 3.600 €

2.500 euros

De 3.601 € a 4.100 €

2.000 euros

De 4.101 € a 4.600 €

1.500 euros

De 4.601 € a 5.122,60 €

1.250 euros

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Proposta de resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.

2. A comisión avaliadora reunirase polo menos unha vez ao mes e elevará o correspondente informe-proposta das solicitudes completas ata ese momento, sempre que nese período se completasen os trámites administrativos da solicitude referidos no artigo 5 para a súa resolución.

Artigo 9. Resolución

1. As resolucións, que lles serán notificadas aos/ás interesados/as de acordo co establecido na lei, estarán debidamente motivadas e expresarán, cando menos, o número de expediente, os datos de identificación do/a solicitante, o importe e condicións da axuda e, se é o caso, a desestimación e causa de denegación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro Único da Xunta de Galicia. No caso de se teren producido emendas ou melloras na solicitude, o prazo contarase desde a data en que a última destas teña entrada no citado rexistro. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, que en todo caso deberá producirse no exercicio orzamentario vixente, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 10. Pagamento das axudas

1. Segundo o disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselle aos beneficiarios/as nun pagamento único polo importe que lle corresponda segundo as contías determinadas no artigo 7 desta orde, unha vez notificada a resolución de concesión. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fagan constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, e a Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

Artigo 11. Obrigas dos/as beneficiarios/as

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que se estea matriculado/a.

b) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.

c) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración pública, ente público ou privado.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1 k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Acreditar mediante certificación que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 12. Compatibilidade, alteración, modificación e reintegro

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra bolsa ou axuda destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (agás que as súas normas reguladoras proclamen a incompatibilidade, como é o caso das bolsas de carácter xeral e de mobilidade convocadas polo MECD nas cales, de resultar beneficiario dunha delas, será o/a estudante quen teña que solicitar á institución convocante a compatibilidade efectiva), sempre que a suma de todas elas non supere a contía máxima de 5.000 euros.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión desta axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, se é o caso, á súa revogación con reintegro das cantidades que corresponda.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co procedemento establecido nos artigos 77 a 83, incluído, do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivasen a súa concesión.

Disposición adicional primeira

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar.

b) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro das cantidades percibidas.

c) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

d) Porén, non será necesaria a publicación cando o órgano concedente xulgue que se dan as previsións do artigo 15.2.d) da citada Lei 9/2007.

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Disposición adicional terceira

A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De non ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia, mediante resolución do Secretario Xeral de Universidades, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

Disposición adicional cuarta

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file