Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 10 de abril de 2014 Páx. 16096

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 25 de marzo de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal de Curtis no ámbito da estación de ferrocarril para a redelimitación de dous espazos libres en solo urbano consolidado.

O Concello de Curtis remite a modificación puntual referida, solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Curtis e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Curtis conta cun PXOM aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 19 de setembro de 2007.

2. O proxecto de modificacións, de data setembro de 2013, está subscrito polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental fixo pública a súa decisión con data do 22.7.2013, de non someter esta modificación a avaliación ambiental estratéxica mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia núm. 160, do 23 de agosto.

4. A secretaria-interventora emitiu informe o 28.8.2013, e o arquitecto técnico municipal o 30.8.2013 (conforme o artigo 85.1 LOUG).

5. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial, de conformidade co previsto no artigo 85.1, en relación co 93.4 da LOUG, con data do 3.9.2013.

6. A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe de carácter favorable o 10.9.2013.

7. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 23.9.2013; que foi sometida tanto á audiencia dos concellos limítrofes como a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego e La Opinión da Coruña do 25.9.2013, e DOG do 27.9.2013). Non se presentou ningunha alegación, segundo consta na certificación da secretaría municipal do 5.2.2014.

8. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable o 21.1.2014.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo do Concello en Pleno do 21.2.2014.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O proxecto pretende a redelimitación de dous espazos libres de sistema xeral co fin de mellorar o funcionamento e a seguridade dun tramo de rúa próxima á estación de ferrocarril, con ocasión dunha actuación de Augas de Galicia para a mellora do saneamento do núcleo urbano de Curtis.

2. A modificación está fundamentada, por tanto, en razóns de interese público, polo que se cumpre o disposto no artigo 94.1 da LOUG.

3. O espazo libre de sistema xeral de 429 m2 reduce a súa superficie a 367 m2 ao se ampliar a rúa que discorre ao oeste del. Compénsase esta redución coa ampliación do espazo libre de sistema xeral situada enfronte, á outra beira da avenida dos Irmáns López Sánchez, que pasaría de 609 m2 a 671 m2.

III. Observacións.

A afectación ao espazo verde de sistema xeral require do informe previo da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, conforme o artigo 94.4 da LOUG, informe que foi emitido en sentido favorable na sesión da CSU do 19.3.2014.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 94.4 da LOUG, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 5 do PXOM do Concello de Curtis, no ámbito da estación de ferrocarril para a redelimitación de dous espazos libres en solo urbano consolidado, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no DOG.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas