Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 2014 Páx. 19220

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 25 de abril de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a persoas traballadoras desempregadas menores de 30 anos e con baixa cualificación na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao exercicio de 2014.

O obxecto desta orde pola que se convoca a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas menores de 30 anos e con baixa cualificación é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional para o emprego, que teñen por obxecto a cualificación profesional dos traballadores e traballadoras.

Todas estas accións de formación profesional para o emprego conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como medida de mellora da empregabilidade dos desempregados dentro da Estratexia europea de emprego acordada polo Consello Europeo extraordinario de Luxemburgo, e da estatal, de acordo co Plan nacional de acción para o emprego.

O Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello, modificado polo Regulamento (CE) nº 396/2009, do 6 de maio do 2009, establece as funcións do Fondo Social Europeo, sinalando que o Fondo apoiará, entre outras, as accións nos Estados membros encamiñadas a facilitar o acceso ao emprego e a inserción no mercado de traballo, as políticas de fomento e mellora da formación profesional e da formación en xeral.

O Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, define os obxectivos a cuxa consecución deben contribuír os fondos comunitarios, figurando entre eles as prioridades comunitarias a prol dun desenvolvemento sustentable, potenciando o crecemento, a competitividade e o emprego.

O Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que establece as normas sobre o uso do Fondo Social Europeo, información e publicidade, sistemas de xestión e control e publicidade.

A Orde TIN 2965/2008, do 14 de outubro, modificada pola Orde TIN 788/2009, determina os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013.

O Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, pola que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego recolle a formación de oferta, entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras, ocupadas e desempregadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda os requirimentos de competitividade das empresas, á vez que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, capacitándoas para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego.

A Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, polo que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, en materia de formación de oferta, modificada parcialmente pola Orde ESS/1727/2012, do 2 de agosto, establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento.

Entre as distintas modalidades de formación de oferta que regula a antedita orde recóllense as accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, cuxa execución se realizará mediante a convocatoria do órgano competente de cada comunidade autónoma conforme as bases que na orde se establecen.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, inclúe aspectos relativos á impartición e avaliación das ofertas de formación profesional para o emprego correspondentes aos novos certificados de profesionalidade.

A Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e o reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación.

A Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar atribúelle á Dirección Xeral de Emprego e Formación competencias relativas, entre outras materias, á formación profesional para o emprego.

A Estratexia de emprendemento e emprego para a mocidade 2013-2016, á cal se adheriu a Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito da formación, tradúcese na adopción das medidas que favorezan o acceso de menores de 30 anos á formación para o emprego, co obxecto de mellorar a súa empregabilidade.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2. que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición. Tamén será de aplicación o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 11.03.323A.460.1 (760.000 €) 11.03.323A.471.0 (780.000 €), 11.03.323A.481.0 (760.000 €), con códigos de proxecto 201300545 e 201200617, que figuran na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014.

As axudas previstas na presente orde poderán ser cofinanciadas polo Fondo Social Europeo de acordo coas disposicións xerais establecidas no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello e pola Administración xeral do Estado, e están incluídas no programa operativo plurirrexional Adaptabilidade e emprego 2007ES05UP0001, imputables ao período de programación dos fondos estruturais 2007-2013.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

TÍtulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas menores de 30 anos e con baixa cualificación correspondentes ao exercicio de 2014, xestionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

2. As accións formativas subvencionables serán aquelas en que se impartan especialidades vinculadas a certificados de profesionalidade de nivel 1 ou competencias clave de nivel 2 en lingua castelá (FCOV22), matemáticas (FCOV23) e comunicación en lingua galega (FCOVXX01).

3. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán participar os centros e entidades colaboradoras inscritos ou acreditados no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, que poderán solicitar especialidades do catálogo de familias da formación profesional para o emprego vinculadas a certificados de profesionalidade de nivel 1 ou ás competencias clave de nivel 2 en lingua castelá (FCOV22), matemáticas (FCOV23) e comunicación en lingua galega (FCOVXX01) en que estean inscritas ou acreditadas na data de publicación da orde.

Título II
Das subvencións para a realización das accións de formación profesional
para o emprego

Capítulo I
Da tramitación das subvencións

Artigo 3. Solicitudes, documentación e prazo

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Xunto coa solicitude deberase presentar a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude.

b) Copia compulsada do NIF da entidade.

c) Acreditación documental de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no caso daquelas entidades que denegasen expresamente o consentimento ao órgano xestor para a súa solicitude.

d) Ficha de curso de formación profesional para o emprego (anexo II).

e) Declaración da experiencia do centro de formación na impartición de formación profesional (anexo III).

f) Cando as especialidades formativas que se solicitan correspondan a novos certificados de profesionalidade, entendendo por novo certificado de profesionalidade, para os efectos desta orde, aqueles publicados a partir do ano 2008, as entidades deberán, ademais, achegar a seguinte documentación:

– Programa formativo elaborado pola propia entidade, tomando como base para a súa elaboración o contido do correspondente certificado de profesionalidade e segundo a estrutura dun curso normalizado de formación profesional para o emprego.

– Convenio ou acordo coa empresa ou empresas nas cales realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluídas no certificado de profesionalidade.

3. Para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, cinco accións formativas, sen que en ningún caso se poida solicitar máis dunha edición dunha mesma especialidade.

4. A documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número do expediente e o número ou código único de rexistro.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

8. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

9. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 4. Procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento será a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente ao domicilio do centro ou entidade onde se vai impartir a formación.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os expedientes remitirásenlle á comisión de valoración para o seu informe que, xunto coa proposta de resolución realizada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente, será elevada á persoa titular da xefatura territorial correspondente para a súa resolución, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

4. Para os efectos do previsto neste artigo, a comisión de valoración estará composta pola persoa titular da xefatura do Servizo de Emprego e Formación, que a presidirá, e por dous vogais, dos cales un actuará como secretario, designados de entre o persoal da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar, pola persoa titular da Xefatura Territorial. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non pode asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

5. Para avaliar as solicitudes, a comisión de valoración terá en conta os seguintes criterios:

1º) Xestión do centro. Valorarase da seguinte forma, cun máximo de 25 puntos:

Para os centros e entidades que impartiron formación nalgunha das convocatorias da programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas (AFD):

– Informe técnico de seguimento: ata 15 puntos.

– Xestión administrativa e contable: ata 10 puntos.

2º) Capacidade acreditada da entidade solicitante para desenvolver a formación: ata 15 puntos.

Valorarase da seguinte maneira:

– Experiencia na impartición de formación profesional na área profesional en que se inclúa a especialidade formativa obxecto de valoración: ata 8 puntos.

– Experiencia na impartición de formación profesional de calquera área profesional: ata 7 puntos.

Nas dúas epígrafes só se valorará a experiencia en formación profesional de carácter presencial financiada con fondos públicos e impartida nos anos 2011, 2012 e 2013, segundo declaración responsable que figura como anexo III na presente convocatoria.

3º) Se as solicitudes presentan un proxecto formativo cunha metodoloxía innovadora ou que introduza de forma significativa as novas tecnoloxías para a imparticion da acción formativa: ata 10 puntos.

4º) Se a especialidade formativa solicitada se programa na súa totalidade: 5 puntos.

5º) Situación do centro de formación na data de publicación da presente orde respecto da implantación dun sistema ou modelo de calidade: ata 5 puntos.

a) Ter o certificado do sistema de xestión da calidade ISO-9001 ou o selo compromiso cara á excelencia do club excelencia en xestión, de acordo co modelo EFQM: 2 puntos.

b) Ter o selo de excelencia europea 300+ do club excelencia en xestión, de acordo co modelo EFQM: 3 puntos.

c) Ter o selo de excelencia europea 400+ do club excelencia en xestión, de acordo co modelo EFQM: 4 puntos.

d) Ter o selo de excelencia europea 500+ do club excelencia en xestión, de acordo co modelo EFQM: 5 puntos.

6º) O emprego da lingua galega na realización das accións formativas, puntuarase con 5 puntos.

6. En caso de empate, terán preferencia as solicitudes que teñan mellor puntuación de entre os criterios de valoración descritos anteriormente e na orde establecida para eles.

7. As comisións de valoración determinarán o número de cursos que se realizarán en cada comarca, en función da poboación desempregada, e o número de cursos que se realizará por especialidade formativa atendendo á diversificación da oferta formativa. Terase en conta tamén que as especialidades sexan relativas á internacionalización da empresa, ao emprendemento, á innovación, ao desenvolvemento tecnolóxico dos procesos produtivos ou dirixida a anticipar as necesidades de cualificación.

8. Para poder acceder á programación será necesario unha puntuación mínima de 25 puntos.

Artigo 5. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, visto o informe da comisión de valoración, do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle á persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. As resolucións dos expedientes comunicaranse ao Consello Galego de Formación Profesional.

3. As resolucións deberán ser notificadas aos interesados e deberán ditarse no prazo de cinco meses, contados desde a presentación da solicitude por calquera das formas previstas no artigo 3.1 da presente orde.

Transcorridos os citados prazos sen que recaia resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

4. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

5. A resolución da concesión de subvención fixará expresamente a contía total concedida e incorporará, de ser o caso, as condicións, o compromiso de inserción ou de prácticas non laborais dos/as alumnos/as asumido, as obrigacións e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

Así mesmo, a resolución de concesión de subvencións fixará expresamente a contía destinada ao pagamento das axudas ao alumnado previstas no artigo 30 desta orde. No suposto de que esta contía inicialmente prevista resulte insuficiente para o pagamento das axudas ao alumnado, ditaranse resolucións complementarias pola contía necesaria para satisfacer o importe total das axudas que correspondan aos alumnos en función das súas circunstancias persoais.

6. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 6. Publicidade das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

3. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

4. Os beneficiarios das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e máis no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

5. A aceptación da subvención supón a inclusión da entidade beneficiaria na lista de beneficiarios publicada de conformidade co artigo 7 do Regulamento (CE) 1828/2006.

Capítulo II
Das obrigas das entidades beneficiarias

Artigo 7. Obrigas das entidades beneficiarias

Ademais das obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das establecidas con carácter xeral para todos os centros e entidades de formación no artigo 7 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, polo que se crea o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, as entidades beneficiarias das axudas deberán enviar a documentación que se indica a continuación e nos prazos sinalados, tendo en conta que os datos da xestión do curso deberán introducirse en liña a través da aplicación informática SIFO que a Consellería de Traballo e Benestar porá á disposición dos centros. Para que este proceso en liña se poida realizar, os centros e entidades deberán dispor de saída á internet a través dunha liña RDSI, ADSL ou outra de calidade equivalente ou superior.

Deste modo, as entidades beneficiarias deberán:

1. Requirir de cada alumno, no momento da súa incorporación, a seguinte documentación, que deberá arquivarse separadamente por cada curso:

– Copia simple do DNI.

– Ficha individual.

– Documentación acreditativa de ter dereito á percepción das axudas reguladas no artigo 30 e, de ser o caso, o número de conta bancaria.

– Documentación acreditativa para a exención do módulo de prácticas profesionais non laborais, se é o caso.

– Copia do diploma do módulo transversal ou obrigatorio, de ser o caso.

– Orixinais dos documentos de información ao alumnado da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinados.

2. Como mínimo cinco días antes do inicio do curso:

– Introducir na aplicación informática na ficha de SIFO de inicio os seguintes datos:

– Planificación temporal.

– Enderezo completo.

– Profesorado.

– Documentalmente: remitirase á xefatura territorial correspondente a seguinte documentación:

– A planificación temporal dos módulos do curso, indicando a previsión das visitas didácticas ao longo do curso.

– A relación dos docentes que van impartir o curso. Farase constar a súa formación metodolóxica e a relación dos módulos que impartirá cada un deles.

Nas accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, cada módulo formativo do certificado poderá ser impartido como máximo por dous formadores, que deberán acreditar o cumprimento dos requisitos que se establezan para cada módulo formativo no real decreto que regule o correspondente certificado de profesionalidade.

Os docentes encargados da impartición do módulo de formación sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e corresponsabilidade familiar e doméstica, deberán acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou experiencia profesional ou docente en materia de xénero.

– A documentación acreditativa da formación e experiencia do profesorado cando esta non estea en poder da Consellería de Traballo e Benestar.

– A identificación do persoal de dirección, seguimento e control da actividade docente.

– A documentación en que se reflicta a metodoloxía utilizada para o cálculo e imputación dos gastos e a porcentaxe que se imputa, cando se trate dunha imputación parcial de gastos directos ou dunha imputación de gastos comúns a varias actividades.

3. Remitir á correspondente xefatura territorial:

a) No momento da solicitude de candidatos/as á oficina de emprego:

Introducir na aplicación informática SIFO as datas de inicio e de finalización do curso.

b) O día de inicio de cada curso:

Documentalmente:

– Certificación xustificativa do comezo do curso e, de ser o caso, das modificacións producidas respecto dos datos sinalados no punto anterior.

c) Nos 10 días lectivos seguintes ao inicio do curso:

Documentalmente:

– As datas de inicio e remate do curso, así como o horario de impartición.

– O enderezo completo do lugar de impartición.

– Copia simple do DNI dos/as alumnos/as.

– Documentación acreditativa das axudas a que teñen dereito os/as alumnos/as.

– Certificación asinada polo responsable do centro, na cal se relacionen os/as alumnos/as, especificando os que teñen dereito a algunha axuda ou bolsa.

– A solicitude de anticipo, de ser o caso.

d) Mensualmente:

– A folla de control de asistencia, asinada polos docentes.

– As nóminas dos/as alumnos/as perceptores de axudas. Poderá optarse por enviar documentalmente a orde de transferencia de fondos ás súas contas bancarias.

Estes dous documentos deberán ser os xerados pola aplicación SIFO unha vez cuberta a información necesaria, e deberán arquivarse os orixinais asinados, separadamente, por cada curso.

e) No prazo de 15 días desde o remate de cada curso:

– Completar a información relativa á finalización do curso na aplicación SIFO.

– Proceder á xustificación dos custos de cada curso, mediante a seguinte documentación, que deberá presentarse selada e asinada:

– Solicitude de liquidación final.

– Certificación do gasto.

– Relación de nóminas e facturas.

Estes tres documentos deberán xerarse na epígrafe de Solicitude de pagamentos do SIFO.

– Orixinal ou fotocopia compulsada das facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables ao curso, segundo se detalla no capítulo V.

– Amortizacións, de ser o caso.

– Declaración complementaria do conxunto de todas as axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución) para a mesma acción formativa ás distintas administracións públicas competentes ou a calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

– Extractos do libro maior en que se reflictan todas as operacións contables realizadas para a execución da acción formativa.

Exceptúanse do cumprimento deste prazo de 15 días as entidades que teñan un mínimo de 15 cursos programados, que poderán presentar a xustificación dos gastos de todos os cursos de maneira conxunta.

A data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2014, agás os que rematen con posterioridade por autorización da xefatura territorial correspondente nos que a data límite de xustificación será o día seguinte ao da finalización do curso.

4. Acreditar, con independencia da contía da subvención, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Exceptúanse desta obriga as entidades que se recollen no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A presentación da solicitude de concesión de axudas ou subvencións pola entidade interesada comportará autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, de acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar entón as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

5. Comunicarlle á xefatura territorial correspondente a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou ente público.

6. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo do curso temporizado por módulos, os dereitos e deberes dos/as alumnos/as e dos centros e entidades de formación, así como a relación dos docentes e o horario do curso.

7. Colaborar na xestión das axudas ao alumnado previstas no artigo 30, conforme o disposto no artigo 28 da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, aboándoas mensualmente, así como aboarlles mensualmente aos profesores a súa remuneración.

Non exime destas obrigas o feito de que o centro ou entidade impartidora non percibise os anticipos previstos nesta orde.

8. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa.

Para os cursos de novos certificados de profesionalidade, someterse ás actuacións de avaliación, seguimento e control, internas e externas, segundo o plan anual de avaliación, recollido no artigo 18.2 do Real decreto 34/2008 que regula os certificados de profesionalidade.

9. Contratar un seguro de accidentes para o alumnado, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso, como os do traxecto ao lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá o período do curso, incluíndo expresamente as prácticas en empresas cando estas se realicen, sen que poida admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado. Non se admitirán pólizas con franquicias.

10. Contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que poidan derivar da súa realización para os bens e as persoas, cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas co curso. Non se admitirán pólizas con franquicias.

11. Comunicar á xefatura territorial correspondente calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos cursos programados, no prazo de cinco días desde que se produza.

12. Solicitar á xefatura territorial correspondente con cinco días de antelación, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos cursos.

13. Aceptar as modificacións que, de ser o caso, introduza a xefatura territorial correspondente en relación cos termos de impartición sinalados na solicitude.

14. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Emprego e Formación, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas ou polo órgano competente da Unión Europea, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11.c da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

15. Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas, coa referencia común en todos eles á formación para o emprego.

16. Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión. Así, xunto coa documentación xustificativa, a entidade beneficiaria deberá achegar os documentos bancarios onde aparezan claramente identificados os ingresos da subvención percibida no sistema da entidade beneficiaria, agás o da liquidación final que se remitirá no momento da súa recepción.

17. Para os cursos de novos certificados de profesionalidade, remitir un informe individualizado de cada alumno/a cualificando os progresos acadados en cada un dos módulos profesionais da acción formativa, segundo o modelo especificado no anexo VI da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación.

18. Para os cursos de novos certificados de profesionalidade, remitir acta da avaliación dos alumnos, segundo o modelo especificado no anexo VII da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación así como a documentación que se requira para os procesos de seguimento e control da calidade das accións formativas, segundo o establecido nos artigos 14 e 18 do Real decreto 34/2008 que regula os certificados de profesionalidade e nos capítulos I e II do título III da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

19. Solicitar á xefatura territorial correspondente autorización previa para a realización de viaxes didácticas. Esta solicitude deberá ser presentada con dez días hábiles de antelación á súa realización.

20. Dispor de follas de reclamación á disposición de todos os seus usuarios, en aplicación do disposto na Lei 2/2012, do 28 de marzo, de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

Capítulo III
Do cofinanciamento polo Fondo Social Europeo

Artigo 8. Cofinanciamento das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, a través do programa operativo Adaptabilidade e emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013, polo que este réxime de subvencións quedará suxeito aos seguintes regulamentos:

a) Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión e se derroga o Regulamento (CE) nº 1260/1999.

b) Regulamento (CE) nº 1081/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao FSE e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1784/1999.

c) Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) nº 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

d) Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013.

Artigo 9. Obrigas das entidades relacionadas co seguimento da execución dos proxectos

Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE ao abeiro do programa operativo de Adaptabilidade e emprego para o período 2007-2013, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

1. Relacionadas coas medidas de información e publicidade impostas polo Regulamento da Comisión (CE) número 1828/2006, do 8 de decembro:

a) Nos documentos relativos a operacións cofinanciadas polo FSE, así como en toda a documentación relativa ao curso, carteis, placas, taboleiros ou material divulgativo deberán aparecer xunto co logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar) o emblema da Unión Europea normalizado segundo o anexo I do Regulamento (CE) nº 1828/2006, o tipo e nome da operación e a inscrición: «UNIÓN EUROPEA, Fondo Social Europeo, xunto co lema «O FSE inviste no teu futuro».

No caso de carteis e placas explicativas permanentes, esta información debe ocupar, como mínimo, un 25 % da superficie total. Ademais da inscrición, débese indicar o tipo e o nome da actividade ou operación.

b) A entidade beneficiaria deberá informar o alumnado do cofinanciamento dos cursos por parte da Administración do Estado e da Unión Europea (Fondo Social Europeo) así como dos obxectivos destes fondos.

2. Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo necesarias para dar cumprimento ao artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma:

a) As entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión. Así, xunto coa documentación xustificativa, a entidade beneficiaria deberá achegar o documento contable onde apareza claramente identificado o ingreso da subvención no sistema da entidade beneficiaria.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar todos os xustificantes relativos aos gastos certificados así como aos que se refiren a cualificación e itinerarios dos beneficiarios desempregados xa que, valorando o establecido no artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1083/2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas aos fondos estruturais, se estima que a dispoñibilidade dos xustificantes dos gastos debería garantila a entidade beneficiaria ata a anualidade de 2021 e en todo caso un mínimo de tres anos tras o peche do programa operativo.

c) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, segundo a mostra seleccionada ao abeiro do procedemento descrito no Modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico da xefatura territorial correspondente.

Capítulo IV
Das subvencións á formación profesional para o emprego

Artigo 10. Determinación das subvencións para a acción formativa

1. As accións formativas impartidas ao abeiro desta orde serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución.

2. Os módulos económicos aplicables para os efectos de determinación e xustificación das subvencións destinadas ao financiamento das accións formativas desta convocatoria son:

a) Para as accións formativas vencelladas a un certificado de profesionalidade: os que figuran na web da Consellería de Traballo e Benestar, en cada unha das especialidades do ficheiro de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.

b) Para as accións formativas de competencias clave: 5 euros.

Os módulos económicos non poderán superar os máximos determinados pola Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e na Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

3. O importe das accións formativas concretarase no produto de horas do curso polo número de alumnos/as e polo importe do módulo que lle correspondan á especialidade, salvo no módulo de prácticas non laborais en empresas das accións formativas de especialidades conducentes á obtención de novos certificados de profesionalidade, que se financiará con 1,5 euros por alumno/a e hora de prácticas, que se destinarán ao financiamento dos custos da actividade do titor das prácticas.

4. Cando a media de alumnos/as subvencionados no primeiro cuarto do curso sexa inferior a 15, o importe máximo da acción formativa reducirase na porcentaxe resultante de multiplicar por tres a diferenza entre 15 e a media de alumnos/as subvencionados do primeiro cuarto. Para estes efectos non terá a consideración de baixa cando esta se produza por colocación ou cando un alumno, coa preceptiva autorización, cause baixa nun curso para incorporarse a outro.

5. No caso de cursos que teñan un mínimo dun alumno/a con certificación de minusvalidez e a entidade impartidora o solicite expresamente, poderase incrementar o importe subvencionable nos seguintes conceptos:

a) Para persoal de apoio ata un máximo de 9 € por hora lectiva.

b) Para a adaptación curricular ou do material didáctico necesario: pola contía do gasto realmente efectuado.

Para o aboamento deste importe ditarase unha resolución complementaria co importe total dos gastos autorizados por estes conceptos.

6. As subvencións previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma acción formativa procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 11. Remate das accións

O remate dos cursos terán como data límite o 30 de novembro de 2014. Excepcionalmente, por causas xustificadas, e sempre logo de autorización da xefatura territorial correspondente, os cursos poderán rematar ata o 15 de decembro de 2014.

Artigo 12. Custos subvencionables

Só serán subvencionables os custos reais, efectivamente realizados, pagados e xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio e que respondan á natureza da actividade subvencionada.

I. Custos directos da actividade formativa:

1. Docencia: incluiranse neste concepto:

1.A. As retribucións dos formadores internos e externos, nas cales se poderán incluír salarios, seguros sociais, axudas de custo e gastos de locomoción, e, en xeral, todos os custos imputables no exercicio das actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación aos participantes das accións formativas.

Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por horas dedicadas á actividade á cal se imputen.

Establécese un custo mínimo en concepto de docencia. O antedito estipúlase no 35 % do custo subvencionado para a impartición da acción formativa, excluídas as axudas aos alumnos/as. En ningún caso este custo poderá ser superior ao prezo de mercado.

Esta porcentaxe mínima do 35 % debe empregarse exclusivamente en custos de docencia, de forma que, de non acadarse esa porcentaxe mínima, aboarase a cantidade xustificada, e a diferenza ata o 35 % non se poderá destinar a outros custos.

Incluiranse neste punto unicamente os gastos relativos aos docentes incluídos no documento de inicio da acción formativa e, se é o caso, posteriores modificacións, inseridas na aplicación informática SIFO.

1.B. Preparación e titorías: aceptaranse os custos de preparación, seguimento, control da actividade docente, avaliación da impartición e titorías imputadas polos docentes da actividade formativa e/ou persoal que realice estas funcións. En ningún caso, estes custos poderán superar o 20 % dos gastos xustificados nos puntos anteriores. Así mesmo, o persoal imputado neste punto non poderá ser imputado no punto de persoal de apoio dos custos asociados.

2. Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións formativas, incluíndo o material de protección e seguridade.

Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por acción formativa e imputaranse polo número de participantes no caso de uso individual dos equipamentos ou plataformas.

Consideraranse textos e materiais dun só uso polo/a alumno/a e os materiais de traballo funxibles utilizados durante as actividades de formación.

3. Os gastos de amortización de equipamentos didácticos e plataformas tecnolóxicas, aulas, talleres e demais superficies calculados con criterios de amortización aceptados nas normas de contabilidade. Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por acción formativa e imputaranse polo número de participantes no caso de uso individual dos equipamentos ou plataformas.

A cifra máxima que se reflectirá neste punto non poderá superar o 10 por cento dos custos totais aprobados para a acción formativa. Os gastos de amortización deberán corresponderse con bens amortizables rexistrados na contabilidade do beneficiario da subvención.

Non se imputarán gastos de amortización de bens adquiridos con subvencións ou axudas públicas.

Os gastos de amortización subvencionados referiranse exclusivamente ao período subvencionable.

A amortización realizarase seguindo as normas de contabilidade xeralmente aceptadas, sendo admisible, para tales efectos, a aplicación do método de amortización segundo as táboas oficialmente establecidas polo Real decreto 1777/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do imposto de sociedades.

A respectiva xefatura territorial poderá exixir a xustificación das amortizacións, así como unha planificación da vida útil do ben.

4. Os gastos de alugamento e arrendamento financeiro, excluídos os seus xuros. Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por acción formativa e imputaranse polo período de duración da acción.

Están comprendidos nestes gastos, todos aqueles que deban imputarse ou teñan a súa orixe na actividade da acción formativa por alugamentos ou arrendamento financeiro, tanto de instalacións como de maquinaria e equipamentos, excluídos os seus xuros.

A imputación de alugamentos entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá superar o 20 % do custo subvencionado para a impartición da acción formativa, excluídas as axudas aos alumnos/as.

No caso de que os gastos orixinados polo alugamento de instalacións e equipamentos se imputen a unha acción formativa ao 100 % ou se repartan integramente entre varias accións formativas das concedidas á entidade, deberá xustificarse adecuadamente que as ditas instalacións son utilizadas exclusivamente para a impartición da/s citada/s acción/s.

No caso de arrendamento financeiro (leasing ou renting) será subvencionable a parte da cota mensual, excluídos os custos financeiros.

5. Gastos de seguro de accidentes dos participantes e, de ser o caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización de actividades relacionadas co curso, incluídas as prácticas. O seguro deberá ter a seguinte cobertura mínima:

– No caso de morte: 60.000 €.

– No caso de invalidez permanente: 60.000 €.

– Asistencia médico farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

Estes gastos deberán presentarse desagregados por acción formativa e a súa imputación farase polo número de participantes.

6. Os gastos de publicidade para a organización e difusión das accións formativas.

Inclúense neste punto os gastos de publicidade derivados da difusión e promoción das accións formativas por medios que utilicen distintos sistemas de comunicación, polas actividades e servizos realizados. O financiamento pola Xunta de Galicia e o cofinanciamento polo FSE deberán constar na publicidade para que este custo sexa imputable.

Estes gastos deberán presentarse desglosados por acción formativa.

II. Custos asociados:

1. Custos de persoal de apoio: os custos de persoal de apoio tanto interno como externo e todos os necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

Inclúense neste concepto os gastos de persoal directivo e administrativo estritamente necesarios para a preparación, xestión e execución da acción formativa. En particular, os gastos de selección de alumnado, os derivados da realización de informes de contabilidade e auditoría, cando o dito informe non sexa preceptivo para a entidade beneficiaria.

2. Gastos financeiros: os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada e que resulten indispensables para a adecuada preparación ou execución desta. Non serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

Neste punto poderanse incluír os seguintes gastos:

a) Gastos de apertura dunha conta bancaria e o seu mantemento.

b) Gastos de asesoramento legal, notaría, asesoramento técnico ou financeiro que estean ligados á preparación e execución da actividade formativa.

c) Aval bancario.

3. Outros custos: luz, auga, calefacción, mensaxaría, correo, limpeza e vixilancia asociados á execución da actividade formativa.

A suma dos custos asociados non poderá superar o 15 % do custo subvencionado para a impartición da acción formativa, excluídas as axudas aos alumnos/as.

III. Outros custos subvencionables:

Os custos de avaliación e control da calidade da formación, ata o 5 % do custo subvencionado para a impartición da acción formativa, excluídas as axudas aos alumnos/as.

Inclúense custos internos e externos de persoal derivados da realización das accións de avaliación e control da calidade da formación.

Poderán considerarse accións de avaliación e control as enquisas ao profesorado e ao alumnado, a identificación de áreas de mellora e a elaboración de plan de mellora.

As función de control de calidade da docencia poderán ser desempeñadas por persoal non docente.

Artigo 13. Subcontratación

A execución das accións formativas reguladas na presente orde será realizada directamente pola entidade beneficiaria. A contratación do persoal docente para a impartición da formación subvencionada por parte do beneficiario non se considerará subcontratación.

Artigo 14. Pagamento

Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

1. Ata o 25 por 100 do total do orzamento de gastos do curso, en concepto de anticipo, no momento en que a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar reciba comunicación do centro ou entidade impartidora en que se notifique o inicio do dito curso. As entidades lucrativas deberán constituír garantía a favor da Consellería de Traballo e Benestar (Xunta de Galicia), mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, segundo establece o artigo 65 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para o caso de que se subvencionen varios cursos a unha mesma entidade, poderanse aboar anticipos de ata o 25 % da subvención concedida, unha vez que o centro ou entidade acredite o inicio do primeiro dos cursos, sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo e Benestar (Xunta de Galicia), mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.

3. Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os gastos ou pagamentos realizados. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedan non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados. Para a percepción dos pagamentos parciais, as entidades beneficiarias da subvención estarán exentas da constitución de garantías.

4. En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados ás persoas beneficiarias nos supostos previstos no número 6, parágrafo terceiro, do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Unha vez rematadas todas as accións formativas e xustificados os gastos realmente efectuados en cada unha mediante certificación da persoa responsable do centro ou entidade por conceptos orzamentarios e remitida a documentación referida no artigo 7.3.e., aboarase o importe restante. A xustificación realizarase curso a curso dentro dos quince días seguintes ao da súa finalización.

Artigo 15. Incumprimento de obrigas e reintegro

1. O incumprimento das obrigas establecidas na presente orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se estableceran na correspondente resolución de concesión ou, se é o caso, convenio ou acordo de colaboración, dará lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida e os xuros de demora correspondentes.

2. A gradación dos posibles incumprimentos a que se fai referencia no punto anterior determinarase de acordo cos seguintes criterios:

a) No suposto de incumprimento total:

O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a subvención ou da obriga de xustificación desta dará lugar ao reintegro do 100 % da subvención concedida. Igualmente considerarase que concorre o incumprimento total se a realización da actividade subvencionada non acada o 35 % dos seus obxectivos, medidos co indicador de número de horas de formación multiplicado por número de alumnos/as formados.

b) No suposto de incumprimento parcial:

O incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificación desta dará lugar ao reintegro parcial da subvención concedida. Cando a execución do indicador mencionado no parágrafo anterior estea comprendida entre o 35 % e o 100 % da subvención concedida, minorarase na porcentaxe que se deixara de cumprir, sempre que os gastos fosen debidamente xustificados.

Artigo 16. Infraccións e sancións

A obriga de reintegro establecida no artigo 15 entenderase sen prexuízo do previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se concorren as accións e omisións tipificadas na antedita lei.

As infraccións poderán ser cualificadas como leves, graves ou moi graves e comportarán as sancións que en cada caso corresponda de acordo co previsto na antedita lei.

Artigo 17. Devolución voluntaria das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 47 3110063172 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte do beneficiario.

O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Capítulo V
Da xustificación dos gastos subvencionados

Artígo 18. Prazo

A xustificación dos gastos subvencionables deberá realizarse dentro do prazo de 15 días desde o remate de cada curso. Exceptúanse do cumprimento deste prazo as entidades que teñan un mínimo de 15 cursos programados, que poderán presentar a xustificación dos gastos de todos os cursos de maneira conxunta.

En todos os casos, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2014, agás os que rematen con posterioridade por autorización do órgano competente, nos cales a data límite de xustificación será o día seguinte á data de finalización do curso.

Artigo 19. Xustificación dos custos directos

Os documentos necesarios para a xustificación, deberán presentarse como orixinais ou como copia compulsada ou cotexada.

1. Docencia.

A xustificación do pagamento das retribucións ao persoal docente deberá facerse en todo caso mediante apuntamento bancario e teranse en conta as seguintes indicacións:

a) Docente contratado por conta allea.

• Nómina do persoal docente.

• Documento bancario que acredite a transferencia da nómina aboada.

• Boletíns de cotización á Seguridade Social: recibo de liquidacións de cotizacións e modelo TC-2 e os documentos bancarios que acrediten o seu pagamento.

• Modelo IDC (informe de datos para a cotización).

• Modelo 190 (retencións e ingresos á conta do IRPF e xustificantes do seu pagamento (modelo 111, correspondentes aos trimestres durante os cales se desenvolveu a acción formativa), unha vez que se dispoña deles.

• Xustificante bancario do ingreso do modelo 111 do IRPF.

• No caso de que a imputación á acción formativa sexa do 100 %:

– Contrato laboral do persoal docente no cal constará o seu obxecto especificando a acción formativa de que se trate.

• No caso de que a imputación á acción formativa sexa menor do 100 %:

– Contrato laboral.

– Anexo ao contrato que recolla o seu obxecto especificando a acción formativa de que se trate, así como a súa duración.

Se a contratación non foi efectuada para a realización exclusiva da acción formativa, deberá xustificarse a imputación total da nómina.

A cantidade que se imputará á acción formativa será proporcional ao número de horas efectivamente impartidas polo formador. Se non se atopa diferenciada na nómina e nesta se inclúen outros conceptos retributivos, achegarase cálculo xustificativo da imputación efectuada segundo o criterio de horas da acción formativa impartidas en relación co total de horas traballadas.

O custo bruto por hora que se imputará calcularase coa seguinte fórmula:

Masa salarial do formador/nº de horas anuais segundo convenio= custe hora formador

Custo que se vai imputar: nº de horas impartidas × custo/hora do formador

Na masa salarial inclúense: a retribución bruta anual (incluída prorata de pagas extra) máis o custo de Seguridade Social a cargo da entidade.

b) Servizo externo docente.

b.1) Docente contratado por contrato mercantil.

• Contrato realizado en que figure o seu obxecto (impartición da acción formativa de que se trate) e a súa duración.

• Factura correspondente á acción formativa como xustificante de gasto, na cal se inclúa a denominación da acción formativa, a actividade realizada, o número de horas impartidas, o custo por hora, a retención efectuada polo profesional e o importe total correspondente.

• Xustificante de pagamento.

b.2) Contratación con empresas docentes.

• Contrato realizado coa empresa docente, onde se detalle a acción formativa, período ou número de horas que se van impartir, persoal docente interveniente, custo da acción e forma de pagamento.

• Facturas emitidas pola empresa docente como xustificante de gasto, nas cales se inclúa a denominación da acción formativa, o número de horas impartidas, o custo por hora e o importe total correspondente.

• Nóminas ou facturas do pagamento aos docentes e xustificantes do seu pagamento.

• De ser o caso, boletíns de cotización á Seguridade Social: recibo de liquidación de cotizacións e modelo TC-2, documentos bancarios que acrediten o seu pagamento e a resolución de alta no réxime xeral da Seguridade Social.

• Tres ofertas, como mínimo, de diferentes provedores con carácter previo á contratación do servizo. A elección entre as tres ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposición económica máis vantaxosa.

c) Docente que conste como socio da entidade.

Cando o beneficiario/a da subvención sexa persoa xurídica e o seu socio impute custos como docente, será necesario achegar:

– Factura que recolla a denominación da acción formativa, número de horas impartidas, custo por horas e importe que se vai percibir.

– Xustificante de pagamento da factura.

– Alta de socio/a no IAE.

– Recibo de liquidación de cotización ao réxime especial de traballadores autónomos do período de execución formativa.

– En caso de cotizar no réxime xeral da Seguridade Social, deberá presentar as nóminas percibidas no período formativo e os documentos da Seguridade Social (recibo de liquidacións de cotizacións e TC2) do antedito período, así como os seus correspondentes xustificantes de pagamento.

d) Preparación e titorías.

Os criterios de xustificación deste punto seguirán as mesmas directrices establecidas para o persoal docente nos puntos anteriores, reflectindo de maneira separada nos xustificantes de gasto os custos derivados dos diferentes conceptos imputables.

2. Gastos de medios didácticos, materiais didácticos e bens consumibles

– Fotocopias compulsadas das facturas acompañadas do seu correspondente xustificante de pagamento.

3. Gastos de amortización de equipamentos didácticos e plataformas tecnolóxicas, aulas, talleres e demais superficies:

Presentación do modelo de «cadro de amortización» que figura como anexo III da Resolución do 18 de novembro de 2008, do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se regula a xustificación de gastos derivados da realización de accións de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta, dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas.

4. Gastos de alugamento e arrendamento financeiro.

Para cada concepto incluído deberá presentarse:

– Fotocopias compulsadas das facturas correspondentes e do contrato de arrendamento, así como os seus xustificantes de pagamento.

5. Gastos de seguro de accidente das persoas participantes.

– Pólizas de seguros subscritas en que conste debidamente identificada a prima satisfeita, así como o seu xustificante de pagamento. Non se admitirán pólizas con franquicias.

6. Gastos de publicidade.

– Fotocopia compulsada das facturas e o seu correspondente xustificante de pagamento.

– Copia en papel ou soporte dixital da publicidade realizada, na cal conste expresamente o financiamento pola Xunta de Galicia así como o cofinanciamento do Fondo Social Europeo. Este gasto non poderá ser imputado de non facer constar o dito financiamento.

Artigo 20. Xustificación dos custos asociados

1. Custos de persoal de apoio.

O gasto será xustificado segundo os criterios e directrices definidos para as retribucións dos docentes, internos e externos.

2. Gastos financeiros.

– No caso de comisións, xuros e demais gastos que se produzan pola constitución da garantía bancaria deberá achegarse fotocopia compulsada dos documentos de constitución da dita garantía e dos gastos asociados a ela.

– Contrato coa empresa asesora ou notario no caso de gastos de asesoramento legal, así como facturas ou documentos contables de valor probatorio correspondentes.

– Documentos constitutivos do aval bancario, de ser o caso, ou contrato e cotas deste.

3. Outros custos.

– Fotocopia compulsada da factura correspondente,e xustificante do seu pagamento.

– Documento que recolla os criterios e cálculos realizados para a súa imputación no caso de gastos compartidos con outras actividades, de conformidade co artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en todo caso na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Artigo 21. Xustificación dos custos de avaliación e control da calidade da formación

Os custos de avaliación e control xustificaranse segundo os criterios e directrices definidos para as retribucións dos docentes, internos e externos.

Artigo 22. Forma de xustificar o pagamento

1. Pagamentos realizados mediante cheque: este deberá ser nominativo e achegarase copia del xunto co xustificante bancario do movemento orixinado polo seu cobramento.

2. Pagamento mediante transferencia bancaria ou ingresos en conta: acreditarase mediante a correspondente orde de transferencia con ordenante e beneficiario claramente identificados, xunto co selo identificativo da entidade bancaria ou, no seu defecto, fotocopia do extracto bancario acreditativo do cargo.

3. Pagamento mediante domiciliación bancaria: acreditarase mediante fotocopia do cargo en conta acreditativo dos documentos de gasto que se saldan.

– Pagamento de nóminas: a xustificación do pagamento das retribucións en concepto de nómina deberá facerse en todo caso mediante apuntamento bancario. No caso de que os xustificantes de pagamento estean polo total dos traballadores deberá presentarse desagregación por traballador.

– Pagamento en efectivo: fotocopia do DNI do emisor da factura e recibo asinado e selado polo provedor en que conste o número e a data de emisión deste, declarando que recibiu o pagamento na data indicada. A xustificación do pagamento mediante efectivo só poderá aceptarse para gastos de escasa contía por importes inferiores a trescentos euros.

– O IVE será un gasto subvencionable sempre e cando sexa real e definitivamente soportado pola entidade beneficiaria. O IVE recuperable non será subvencionable. Para a comprobación deste aspecto deberá presentarse coa liquidación o modelo 390 (declaración anual do IVE) correspondente ao último exercicio no que figure, se é o caso, a porcentaxe de redución (prorata) que aplicará a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

As entidades non suxeitas ou exentas do IVE acreditarán tal circunstancia mediante certificado actualizado emitido pola AEAT.

Artigo 23. Liquidación

Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, o Servizo de Emprego e Formación da correspondente xefatura territorial emitirá certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

Título III
Normas relativas ás accións formativas

Capítulo I
Das accións formativas

Artigo 24. Accións formativas

1. O obxectivo prioritario das accións formativas reguladas na presente orde é dotar as persoas novas con baixa cualificación dunhas competencias profesionais que permitan a súa inserción laboral.

2. As accións formativas estarán constituídas polas especialidades formativas e polo/os módulo/os transversais.

Artigo 25. Persoas destinatarias da formación

1. As accións formativas irán dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas menores de trinta anos con baixa cualificación. Para tal efecto, terá a consideración de:

a) Persoa desempregada, aquela inscrita como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia con data anterior á súa incorporación ao curso. Se durante o desenvolvemento dun curso algún alumno/a é contratado, poderá continuar asistindo á acción formativa sempre que haxa total compatibilidade entre o horario formativo e o laboral.

b) Persoa con baixa cualificación, aquela que non reúne os requisitos de acceso para poder participar en accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade de nivel 2.

2. Terán preferencia para a participación nos cursos, dentro do colectivo de menores de 30 anos con baixa cualificación, os seguintes colectivos de persoas desempregadas:

1º. Persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais mediante o procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral.

2º. Persoas que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción.

3º. Mulleres, especialmente aquelas que teñan a condición de vítimas de violencia, de acordo co disposto no artigo 3 do Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro, polo que se aproba o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero.

4º. Persoas con discapacidade.

5º. Persoas desempregadas de longa duración.

6º. Persoas en risco de exclusión social, entendéndose como tales aquelas en que concorran algún dos factores ou situacións enumeradas no artigo 2 do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción laboral, sempre que tal situación a certifiquen os servizos sociais públicos correspondentes.

3. Nas accións formativas de especialidades vinculadas a certificados de profesionalidade, no suposto de que as prazas non se cubran con persoas desempregadas menores de trinta anos con baixa cualificación, poderán participar nas accións formativas persoas desempregadas menores de trinta anos que non teñan a cualificación profesional obtida e recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo requirida para desempeñar a ocupación relacionada coa especialidade formativa que se vai impartir.

4. Poderán participar, así mesmo, ata un 25 % de persoas traballadoras ocupadas menores de trinta anos con baixa cualificación en cada unha das accións, sempre e cando as prazas non se cubran con persoas traballadoras desempregadas.

5. Os traballadores ocupados que queiran participar nas accións formativas deberán solicitalo ante as entidades e centros de formación que impartan as anteditas accións.

Artigo 26. Selección do alumnado

1. Os/as alumnos/as que asistan aos cursos de formación profesional para o emprego deberán ser seleccionados a través do seguinte procedemento:

a) Con 15 días hábiles de antelación á realización da proba de selección, as entidades beneficiarias solicitaranlle directamente á oficina de emprego que corresponda, mediante o impreso normalizado establecido para o efecto, unha lista de persoas desempregadas que se adecuen ao perfil requirido para a realización de cada curso, en función do establecido no artigo anterior.

b) A oficina de emprego, mediante sondaxe entre as persoas demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego, seleccionará dúas persoas por praza vacante en cada curso e convocará, mediante carta certificada ou telegrama con xustificante de recepción, as persoas demandantes preseleccionadas para que asistan á proba de selección que deberá realizar o centro ou entidade de formación. Esta proba de selección deberá ser visada previamente pola oficina de emprego. O centro ou entidade de formación non debe predeterminar o colectivo a que vai dirixido o curso: limitarase a identificar os requisitos de acceso do alumnado.

c) Remitida a lista ao centro ou entidade solicitante, esta procederá á selección dos/as alumnos/as preseleccionados mediante a realización das probas que xulgue pertinentes, de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude, que deberán poñerse en coñecemento dos/as candidatos/as antes da súa realización. Tamén poderán participar nas ditas probas, aquelas persoas traballadoras ocupadas que solicitasen a súa participación na acción formativa ante a entidade. Da selección levantarase a correspondente acta no modelo normalizado establecido para o efecto.

Na realización das probas poderá estar presente un representante da Consellería de Traballo e Benestar.

A acta de selección, cuberta en todas as epígrafes do modelo normalizado, remitirase á oficina de emprego, e non será posible iniciar o curso ata que a antedita oficina dea o visto e prace á selección realizada.

d) As persoas demandantes propostas pola oficina de emprego só poderán ser rexeitadas para a realización do curso cando concorran causas que así o determinen e sexan fidedignamente xustificadas polo centro ou entidade e neste sentido o aprecie a oficina de emprego propoñente. Se se detecta o inicio dun curso sen que a selección do alumnado fose autorizada pola oficina de emprego, este será cancelado.

e) No caso de que transcorran 15 días naturais desde a petición de candidatos/as por parte do centro ou entidade de formación e a oficina de emprego non remitise demandantes, ou os enviados fosen insuficientes e non se cubrisen as prazas con persoas ocupadas, sempre co límite do 25 % de participación de persoas traballadoras ocupadas, deberase realizar a correspondente convocatoria pública mediante anuncio nun dos xornais de maior tiraxe da provincia. Estes anuncios deberán cumprir cos seguintes requisitos:

i. Todas as convocatorias públicas para a selección de alumnos que se fagan mediante anuncio en prensa deberán publicarse en domingo. Excepcionalmente, estes anuncios poderán publicarse en día distinto a domingo, logo de autorización da correspondente xefatura territorial.

ii. Os anuncios cubriranse en modelo normalizado, no cal necesariamente se deberá facer constar o financiamento da acción por parte da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo, e deberán figurar neles os logotipos de ambos os organismos. Especificarase claramente, como mínimo: a institución ou centro ofertante, as vacantes existentes, o curso de que se trata, o perfil requirido do alumnado, o enderezo e teléfono do lugar de realización das probas de selección, así como a data.

iii. O custo dos anuncios que non se adapten aos requisitos establecidos nesta orde, ou a calquera outro que poida establecer a xefatura territorial correspondente, non será aboado con cargo ás axudas previstas.

iv. Todos os anuncios deberán ser visados e autorizados pola oficina de emprego correspondente. Calquera excepción a esta norma deberá ser autorizada polo órgano competente en cada caso.

f) Da selección daráselle conta á oficina de emprego encargada da preselección dos/as alumnos/as.

g) Aqueles alumnos que realizasen un curso e teñan dereito a diploma non poderán volver realizar outro curso da mesma especialidade. No caso de detectarse esta circunstancia, deberán ser dados de baixa.

2. O número máximo de alumnos/as participantes en cada curso será de 15, e non poderá iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 10 alumnos presentes o primeiro día.

No suposto de que o curso se inicie con 10 ou máis alumnos e menos de 15, deberá completarse o dito número dentro do primeiro cuarto deste; no caso contrario, deduciranse do cómputo da subvención os/as alumnos/as que falten para completalo, de conformidade co disposto no artigo 10.4. Consideraranse como número mínimo o número máis alto de alumnos/as asistentes acadado nos tres primeiros días do curso.

3. Se non se incorporan os/as alumnos/as seleccionados ou se producen baixas dentro do primeiro cuarto do curso, poderán substituírse por novos/as alumnos/as, sempre que a xuízo dos responsables do centro ou entidade de formación as persoas que se incorporen poidan seguir as clases con aproveitamento, unha vez superadas as probas de nivel correspondente, e non dificulten a aprendizaxe do grupo inicial. Cada nova alta ou baixa de alumnos que se produza no curso deberá ser comunicada á oficina de emprego correspondente no prazo máximo de tres días hábiles desde que se produza.

Se se trata de accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade unicamente se poderá incorporar alumnado durante os primeiros cinco días lectivos desde o inicio da acción formativa, sempre que non se superase o primeiro cuarto. Superados os primeiros cinco días, só poderán incorporarse ao curso aqueles alumnos/as que teñan pendentes un ou varios módulos formativos para finalizar a súa formación. A súa incorporación só podera realizarse dentro dos cinco primeiros días do módulo/s formativo/s que teña pendente/s, sempre que non se superase o primeiro cuarto deste módulo. A persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do/a alumno/a. Nas accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade unicamente se poderá incorporar alumnado durante os primeiros cinco días lectivos desde o inicio da acción formativa, sempre que non se superase o primeiro cuarto.

Para estes efectos, naqueles casos en que os módulos transversais se impartan con anterioridade aos módulos formativos integrantes do certificado de profesionalidade, os primeiros cinco días lectivos entenderanse referidos aos cinco primeiros días lectivos do módulo formativo integrante do certificado, non aos cinco primeiros días lectivos do módulo transversal.

4. Nos cursos en que, malia se intentar completar o número de alumnos/as, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ao 50 por 100 do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos/as alumnos/as, poderán ser cancelados polo órgano competente da Consellería de Traballo e Benestar. No caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, calculada de acordo co principio de proporcionalidade, que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 4 desta orde e aprobada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

5. No caso de que unha mesma entidade sexa beneficiaria dunha subvención para a impartición de varios cursos de diferentes competencias claves, poderá solicitar á xefatura territorial correspondente a autorización para a selección directa dos/as alumnos/as que resultasen aptos na primeira das accións programadas, co obxecto de que poidan cursar todas as competencias clave necesarias para poder acceder a un certificado de nivel 2.

Artigo 27. Calidade, avaliación, seguimento e control dos cursos

1. Os centros e entidades deberán realizar unha avaliación e control de calidade da formación que executen. Deberán destinar a esa finalidade ata un 5 % do custo subvencionado para a impartición da acción formativa, excluídas as axudas aos alumnos/as.

2. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, as xefaturas territoriais aplicarán un sistema de seguimento e control propio.

3. Os centros e entidades impartidoras deberán remitir á xefatura territorial correspondente, xunto co resto da documentación exixida nesta orde, a folla de control de asistencia debidamente asinada polos técnicos de seguimento que visiten o curso. No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder dos técnicos coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.

Para os cursos de novos certificados de profesionalidade remitirán a acta de avaliación cos resultados obtidos polos alumnos/as, indicando se adquiriron ou non as capacidades en cada módulo formativo, no prazo máximo de tres meses, segundo o establecido no artigo 14 do Real decreto 34/2008 que regula os certificados de profesionalidade e na Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, que desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación.

Artigo 28. Especialidades formativas

1. Os cursos serán de carácter presencial e a súa duración e horario non se poderá modificar respecto do solicitado no anexo II, salvo autorización expresa da persoa titular da xefatura territorial correspondente.

2. Nas especialidades formativas que dean lugar á obtención de certificados de profesionalidade, cando se programen todos os módulos dun certificado deberase incluír obrigatoriamente o módulo de prácticas non laborais en empresas.

Artigo 29. Módulos transversais

1. En todos os cursos subvencionados ao abeiro da presente orde, será obrigatoria a impartición do módulo transversal «Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero» (FCOO03), de dez horas de duración.

Ademais, para dar cumprimento ao establecido no artigo 33 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade de mulleres de Galicia, impartirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de oito horas nos cursos de duración superior a cincuenta horas (FCOXXX05).

2. A valoración económica dos módulos transversais será a mesma dos módulos do curso de formación en que se inclúan.

3. Os/as alumnos/as que, segundo conste na aplicación infórmatica SIFO, teñan xa cursado algún módulo transversal da Dirección Xeral de Emprego e Formación, non poderán volver realizalo.

No suposto de que non figure recollida na aplicación informática SIFO a súa realización, poderán non realizalo, sempre e cando o xustifiquen documentalmente.

4. Os/as alumnos/as que acrediten documentalmente estar en posesión dun diploma oficial que acredite formación en materia de igualdade de duración igual ou superior a 8 horas estarán exentos da realización do módulo transversal de Formación para a Igualdade.

Capítulo II
Das axudas dos/as alumnos/as

Artigo 30. Axudas para o alumnado desempregado

1. Para ter dereito a calquera das bolsas e axudas reguladas neste artigo será requisito imprescindible que o curso teña unha duración igual ou superior a catro horas diarias e vinte semanais.

2. Terán dereito ás axudas os/as alumnos/as que teñan a condición de desempregados, inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, na data de inicio do curso.

No suposto de que a situación de desemprego teña lugar con posterioridade ao inicio do curso, terán dereito a percibir as axudas a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación.

No suposto de que o/a alumno/a desempregado/a adquira a condición de ocupado/a durante a realización do curso, deixará de percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte ao que teña lugar esta situación.

3. O prazo para a solicitude de bolsas será de dez días naturais desde a incorporación do/a alumno/a á acción formativa ou desde que teña lugar a nova situación que dea dereito a ela. A non formalización en tempo e forma desta solicitude dará lugar á perda do dereito á axuda.

4. As axudas reguladas no presente artigo son todas compatibles entre si, agás a de transporte público coa de transporte privado.

5. Os/as alumnos/as terán dereito a percibir as seguintes bolsas e axudas:

5.1. Poderán percibir unha bolsa consistente no 75 % do importe do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) diario por día de asistencia, os/as alumnos/as con discapacidade e aqueles demandantes que participen nunha acción formativa vinculada á realización de actividades de mellora da empregabilidade incluídas no seu itinerario de inserción vixente, sempre que non se negasen a participar en actividades recollidas neste, segundo certificación da oficina de emprego.

Só poderá cobrarse unha axuda por este concepto, con independencia de que o/a alumno/a pertenza aos dous colectivos.

No suposto de que o recoñecemento da discapacidade teña lugar con posterioridade ao inicio da acción formativa, terán dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar este recoñecemento, tendo que realizar a solicitude da axuda no prazo de dez días naturais desde que ese recoñecemento tivo lugar.

Para ter dereito a esta bolsa, os/as alumnos/as deberán acreditar documentalmente que carecen de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Entenderase cumprido este requisito sempre que a suma das rendas de todos os integrantes da unidade familiar, incluído o solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen sexa inferior ao 75 % do IPREM.

Entenderase por unidade familiar: en caso de matrimonio o pai, a nai e os fillos menores de 18 anos, con excepción dos que con consentimento dos seus pais vivan independentes deles, ou os maiores incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada. En defecto de matrimonio ou en supostos de separación legal, o pai ou nai e a totalidade dos fillos que convivan con un ou outro e reúnan os requisitos sinalados no parágrafo anterior. Deberá achegarse certificado de convivencia ou, no seu defecto, de empadroamento e copia do libro de familia. Para os estranxeiros que non teñan libro de familia, calquera documentación que acredite de forma suficiente o parentesco.

As rendas calcularanse tendo en conta o seguinte:

Para as persoas traballadoras por conta allea:

– Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso.

– As pagas extraordinarias rateranse mensualmente.

– As horas extraordinarias correspondentes a ese mes computaranse na súa totalidade.

– As axudas de custo non se terán en conta (agás naqueles casos en que o seu volume e periodicidade mostren que se trate dunha forma habitual de pagamento dunha parte do salario).

Para as persoas autónomas:

– Tomaranse os ingresos netos do trimestre anterior ao inicio do curso ou do trimestre anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso.

– Raterase o importe mensualmente, para obter as rendas mensuais.

Para estes efectos, computarase como renda o importe dos salarios sociais, as rendas mínimas de inserción ou as axudas análogas de asistencia social concedidas pola Comunidade Autónoma, así como o importe das prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal. Tamén terán a consideración de renda os ingresos correspondentes a rendementos patrimoniais, pensións e calquera outro tipo de ingresos percibidos.

A variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción das axudas.

5.2. Axudas de transporte:

a) Transporte público urbano: os alumnos/as que utilicen a rede de transporte público urbano para asistir á formación terán dereito a precibir unha axuda consistente en 1,5 € por alumno/a por día de asistencia. Para ter dereito á súa percepción deberán facer unha declaración responsable de que utilizan o transporte público urbano para asistir ao curso.

b) Transporte público interurbano: o alumnado que resida nun concello distinto ao da impartición da acción formativa, terá dereito a percibir unha axuda consistente en 6 € por alumno/a por día de asistencia. Considerarase como concello de residencia o que corresponda co domicilio de intermediación da súa demanda de emprego. Para ter dereito á súa percepción deberán facer unha declaración responsable de que utilizan o transporte público interurbano para asistir á acción formativa.

5.3. Axudas á conciliación: as axudas previstas neste parágrafo teñen por obxecto permitir ás persoas desempregadas conciliar a súa asistencia á formación co coidado de fillos/as menores de seis anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao, sempre que ao inicio da acción formativa ou no momento en que teña lugar o feito causante que dea dereito á axuda cumpran os requisitos seguintes:

– Non ter rexeitado ofertas de traballo adecuadas nin terse negado a participar en actividades de promoción, formación ou reconversión profesional nos tres meses anteriores ao inicio da acción formativa.

– Acreditar documentalmente que se carece de rendas de calquera clase superiores ao 75 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Entenderase cumprido este requisito sempre que a suma das rendas de todos os integrantes da unidade familiar, incluído o solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen non supere o 75 % do IPREM.

No relativo á determinación da unidade familiar e das rendas, terase en conta o disposto no punto 5.1 do presente artigo.

No suposto de que o suxeito causante da axuda sexa un familiar ata segundo grao, este entenderase incluído na unidade familiar para o cómputo de rendas.

No suposto de que o/a fillo/a naza ou se acredite a dependencia con posterioridade ao inicio da acción formativa, terán dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte ao que teña lugar o feito causante, tendo que realizar a solicitude da axuda no prazo de dez días naturais desde que ese feito tivo lugar.

No suposto de desaparición do feito causante, perderán o dereito á percepción da axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a que esta teña lugar.

A dependencia acreditarase a través de certificado da dependencia emitido polo órgano competente da Xunta de Galicia ou por resolución xudicial.

A contía da axuda á conciliación será do 75 % do importe do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) diario por día de asistencia.

5.4. Axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero.

Durante o tempo de participación nunha acción formativa, as mulleres vítimas de violencia de xénero terán dereito a percibir unha bolsa de 10 euros por día de asistencia.

Esta axuda deberá ser solicitada directamente pola alumna na oficina de emprego que lle corresponda. No caso das mulleres vítimas de violencia de xénero que solicitasen cofidencialidade dos seus datos, a axuda deberá solicitarse a través do seu titor.

A axuda para as mulleres vítimas de violencia de xénero será compatible co resto das axudas ao alumnado previstas nesta orde.

Para aquelas axudas en que se establezan límites de rendas da unidade familiar para a súa percepción, quedan excluídos do cómputo das rendas os ingresos do agresor.

Artigo 31. Procedemento de concesión das bolsas e axudas

As oficinas de emprego, no caso da bolsa de asistencia aos alumnos e alumnas con discapacidade e as persoas demandantes que participen nunha acción formativa vinculada á realización de actividades de mellora da empregabilidade incluídas no seu IPI, da axuda a conciliación e da axuda para mulleres vítimas de violencia de xénero, e os centros impartidores, no caso das axudas de transporte, examinarán a documentación xustificativa do dereito á percepción da bolsa ou axuda achegada polos alumnos xunto coa solicitude da bolsa ou axuda. Trala comprobación de que os alumnos desempregados reúnen os requisitos para cobrar a bolsa ou axuda, remitirán a xefatura territorial un informe propoñendo a concesión/denegación da bolsa ou axuda e achegarán a xustificación documental presentada polos alumnos.

A xefatura territorial, á vista desta documentación, ditará resolución concedendo/denegando a bolsa ou axuda e notificaralla ao alumno interesado.

De acordo co establecido no artigo 7.7. as entidades beneficiarias colaborarán no pagamento de estas bolsas e axudas aboándoas mensualmente ao alumnado que as teña recoñecidas. Estas cantidades serán obxecto de pagamento ás entidades beneficiarias, unha vez xustificado o gasto por estas, nos termos establecidos no artigo 14 desta orde.

Artigo 32. Dereitos e deberes dos alumnos e das alumnas

1. A formación será gratuíta para todo o alumnado das accións formativas derivadas desta orde.

2. Dentro da programación de formación profesional para o emprego financiada con fondos públicos, o alumnado que resulte seleccionado para un curso non poderán asistir en ningún caso a outro simultaneamente. Tampouco poderán causar baixa nun curso para acceder a outro, salvo autorización expresa da persoa titular da xefatura territorial correspondente, por causas excepcionais debidamente xustificadas.

3. Terán a obriga de asistir e de seguir con aproveitamento os cursos e de facilitar a documentación que lles sexa solicitada polo centro ou entidade impartidora, segundo o artigo 7, dentro dos 10 primeiros días lectivos.

4. Deberán presentar a documentación acreditativa para a exención do módulo de prácticas profesionais non laborais, se é o caso.

5. Será causa de exclusión incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes ou non seguir o curso con aproveitamento segundo criterio do seu responsable.

A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia. Os/as alumnos/as disporán dun prazo de tres días hábiles para presentar no centro colaborador os xustificantes das súas faltas de asistencia. Unha vez transcorrido este prazo sen que os presentasen, a falta será considerada como sen xustificar. As faltas de asistencia por actividade laboral, cun máximo de cinco ao mes, xustificaranse cunha copia do contrato de traballo.

Igualmente será causa de exclusión incorrer en cinco incumprimentos horarios nun mes, sen xustificación. Enténdese por incumprimento horario tanto o atraso na hora de entrada, como o adianto na saída ou as ausencias durante parte das horas lectivas.

Mediante resolución da persoa titular da xefatura territorial correspondente, os/as alumnos/as, logo de audiencia, poderán ser excluídos das accións formativas, por pedimento das entidades de formación, cando non sigan con suficiente aproveitamento a acción formativa ou dificulten o seu normal desenvolvemento. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderán interpoñer recurso de alzada.

6. Os/as alumnos/as deberán acudir á súa oficina de emprego, unha vez rematado o curso, para cancelar a suspensión da demanda.

7. Os/as alumnos/as deberán comunicar calquera cambio que afecte as circunstancias que deron lugar ao recoñecemento das distintas axudas reguladas no artigo 30.

8. Nas accións formativas de especialidades vencelladas a novos certificados de profesionalidade, os/as alumnos/as que xa cursasen con aproveitamento algún módulo formativo dos que integran a especialidade que estean cursando, non o poderán volver realizar, sempre que esa formación sexa acreditable para os efectos da obtención dos certificados de profesionalidade.

Artigo 33. Diplomas

1. Cursos non modulados.

Os/as alumnos/as que rematen os cursos con aproveitamento, sempre que asistisen como mínimo ao 75 % da especialidade formativa, recibirán un diploma oficial, no modelo que se elaborará na Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Así mesmo, terán dereito ao diploma os/as alumnos/as que causen baixa no curso por colocación, cando o docente coide que teñen os coñecementos equivalentes ao nivel do curso e asistisen, como mínimo, ao 75 por 100 das horas lectivas.

2. Cursos modulados.

Os/as alumnos/as que rematen con aproveitamento un ou varios módulos formativos dun curso, independentemente de que se programase a especialidade completa ou modularmente, e sempre que asistan como mínimo ao 75 % das súas horas lectivas, recibirán un diploma oficial acreditativo desta circunstancia, que será elaborado pola Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Así mesmo, terán dereito ao diploma os/as alumnos/as que causen baixa no curso por colocación, cando o docente coide que teñen os coñecementos e capacidades correspondentes ao nivel de cada módulo formativo e asistisen, como mínimo, ao 75 por 100 das horas lectivas do mesmo. No caso dos novos certificados de profesionalidade tamén terá que ter superado coa calificación de apto a avaliación continuada do módulo formativo realizada polo docente e o exame previsto no artigo 19 da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

3. Nos dous casos anteriores, os/as alumnos/as que non teñan dereito a diploma poderán recibir, se o solicitan, unha certificación polas horas e/ou módulos a que asistisen.

4. Dentro do programa do curso, que debe figurar na parte posterior do diploma, figurará separadamente do resto do programa os módulos de formación complementaria impartidos pola entidade en cada curso, así como a súa duración e horas, no caso de que o/a alumno/a teña a obriga de facer estes módulos.

Capítulo III
Das prácticas non laborais

Artigo 34. Prácticas en empresas

1. O módulo de prácticas profesionais non laborais correspondentes aos novos certificados de profesionalidade, será de obrigatoria impartición en empresas. Os gastos que deriven da súa realización deberán imputarse ao orzamento do curso en que están incluídas.

O procedemento que se seguirá para a súa xestión é o seguinte:

Con dez días hábiles de antelación á data prevista para a realización das prácticas, o centro impartidor presentará a correspondente comunicación á xefatura territorial correspondente, debendo xuntar a seguinte documentación:

– Convenio asinado entre o centro impartidor e á/s empresa/s ou organismo público onde se realizarán, ou, no seu defecto, documento acreditativo do responsable da empresa ou organismo público en que se faga constar a súa autorización para realizalas.

– Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

– Datas, lugar de realización, horario e duración.

– Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos/as alumnos/as que cubra os riscos do curso. Deberá incluír os riscos do traxecto ao lugar de realización das prácticas e contraerase estritamente durante o período de duración das prácticas.

– Documento que acredite a contratación por parte do centro ou entidade impartidora dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da realización das prácticas en empresas. Non se admitirán pólizas con franquicias.

– Licenza municipal de apertura da actividade de que se trate, ou, no seu defecto, declaración responsable do seu representante legal en que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde se van desenvolver as prácticas no caso de empresas, ou calquera outro documento acreditativo da idoneidade dos locais para a realización das prácticas, no caso de centros públicos.

– Xustificación de que a empresa en que se realizarán as prácticas cumpre coa normativa de prevención de riscos laborais.

2. As empresas onde teñan lugar as prácticas deberán reunir os requisitos establecidos no programa da especialidade de que se van realizar as prácticas.

3. Os centros e entidades deberán imputar os gastos por este concepto como custos directos.

4. Os/as alumnos/as terán dereito exclusivamente á percepción das axudas ou bolsas que, de ser o caso, lles correspondan.

5. A impartición do módulo de prácticas profesionais non laborais correspondentes aos novos certificados de profesionalidade axustarase aos requisitos antes mencionados e ao estipulado no real decreto regulador de cada certificado de profesionalidade.

6. Antes do comezo das prácticas a entidade beneficiaria da subvención porá en coñecemento da Inspección de Traballo unha relación do alumnado que van realizar as prácticas, e o nome/s da/s empresa/as nas cales realizarán as prácticas, localidades, datas e horario de realización.

7. As empresas en que se realicen as prácticas comunicarán aos representantes legais dos traballadores na empresa unha relación dos/as alumnos/as que van realizar as prácticas, as datas e horario de realización.

8. As prácticas que realicen os/as alumnos/as de formación profesional para o emprego non suporán en ningún caso a existencia de relación laboral entre os/as alumnos/as e as empresas ou organismos da Administración.

9. Unha vez comunicadas as prácticas, os centros e entidades deberán comunicar ao órgano competente calquera incidencia que se produza no seu desenvolvemento.

10. O/a alumno/a só poderá realizar o modulo de prácticas unha vez realizados o resto dos módulos formativos do certificado de profesionalidade. O módulo de prácticas non laborais deberase iniciar nun prazo non superior a catro meses naturais desde a finalización do último módulo formativo. Para determinados certificados de profesionalidade que pola súa natureza presenten dificultades para o cumprimento do antedito prazo, poderá solicitarse á administración competente unha autorización para a súa ampliación, debendo estar, en todo caso, finalizado o 15 de decembro.

11. O titor deste módulo será o designado polo centro de formación entre os formadores ou titores-formadores que impartiran os módulos formativos do certificado de profesionalidade correspondente.

12. O titor do módulo de formación práctica en centros de traballo será responsable de acordar co titor designado pola empresa o programa formativo deste módulo. Para establecer o programa formativo consideraranse as capacidades, criterios de avaliación e contidos establecidos para este módulo no certificado de profesionalidade. Este programa debe incluír criterios para a avaliación, observables e medibles e recoller, polo menos, a información que se indica no anexo VIII da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e o reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación.

13. O seguimento e a avaliación dos alumnos será realizada conxuntamente polo titor do centro e o titor designado pola empresa, e reflictirase documentalmente.

14. Os alumnos que superen o módulo de prácticas recibirán unha certificación asinada polo titor do centro, o titor designado pola empresa e o responsable da empresa, segundo o modelo que figura no anexo IX da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

Disposición adicional primeira

A realización das accións de formación previstas nesta orde financiaranse cos créditos dos programas 11.03.323A.460.1 (760.000 €) 11.03.323A.471.0 (780.000 €), 11.03.323A.481.0 (760.000 €), con códigos de proxecto 201300545 e 201200617 que figuran na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014.

Disposición adicional segunda

Non se autorizarán cambios de titularidade de centros e entidades no tempo que transcorra entre a presentación de solicitude da subvención e a finalización dos cursos subvencionados.

Disposición adicional terceira

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional cuarta

Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado, ou doutros remanentes dos módulos. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes nin outras inscricións/acreditacións distintas ás tidas en conta para a resolución inicial.

Disposición adicional quinta

Apróbase a delegación de atribucións dos/das xefes/as territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, no ámbito das súas respectivas competencias, para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro, ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Disposición adicional sexta

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, así como a súa normativa de desenvolvemento, e, de ser o caso, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o resto da normativa que lle sexa de aplicación.

Disposición adicional sétima

Por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación poderanse establecer, en canto aos colectivos prioritarios, os criterios necesarios para que se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file