Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 2014 Páx. 19511

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCION do 22 de abril de 2014, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se convocan para a realización das probas físicas e de agudeza visual os integrantes das listas reguladas polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Pladiga.

A base 9ª da Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 30 de xaneiro de 2007 establece que para poder ser contratados nas categorías de técnico superior de defensa contra incendios forestais, técnico forestal de defensa contra incendios forestais, xefe de cuadrilla, condutor de motobomba, peón condutor e peón de defensa contra incendios forestais é requisito imprescindible a superación dunha proba de aptitude física: proba do banco, que consistirá en subir e baixar dun banco de 40 cm de altura para os homes e 33 cm para as mulleres, a razón de 90 movementos por minuto (22,5 veces minuto) durante un período de 5 minutos, e que cómpre para ser considerado apto obter como mínimo os parámetros de capacidade aeróbica, pola aplicación dos resultados da idade, peso e pulsacións segundo as táboas propias desta proba: 38 puntos, agás no caso dos condutores de motobomba, que será de 35 puntos. E para poder ser contratado nas categorías de vixilante fixo e vixilante móbil é requisito imprescindible a superación dunha proba de agudeza visual en que tamén o resultado é apto ou non apto.

Por outro lado, o Acordo do 10 de marzo de 2014 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural e do Mar, polo que se encomendan determinados actos de xestión das listas de contratación temporal de persoal laboral dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga) á Consellería do Medio Rural e do Mar, establece na cláusula 1.a) que a organización e realización da proba física e, se é o caso, de agudeza visual, á cal deben someterse os distintos integrantes das listas, corresponde á Consellería do Medio Rural e do Mar.

Con base no anterior, a Secretaría Xeral Técnica

RESOLVE:

1º. As probas físicas e de agudeza visual dos aspirantes das listas reguladas polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Pladiga, iniciaranse ás 8.30 horas do 5 de maio de 2014 nas capitais das catro provincias galegas, nos seguintes lugares:

– A Coruña: Pavillón Polideportivo Monte Alto, rúa Alcalde Sanjurjo, s/n, A Coruña.

– Lugo: Pistas Deportivas Gregorio Pérez Rivera (As Pedreiras), rúa Filarmónica Lucense, s/n, Lugo.

– Ourense: Pavillón Polideportivo da Comisaría de Policía, As Lagoas, s/n, Ourense.

– Pontevedra: Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, avenida Fernández Ladreda, nº 43, Pontevedra.

2º. A data de realización das probas será determinada pola orde alfabética dos apelidos dos aspirantes e será a seguinte para cada provincia:

Data

Letra apelido

5 de maio de 2014

A-B-C-D-E-F

6 de maio de 2014

G-H-I-J-K-L-M-N-Ñ-O

7 de maio de 2014

P-Q-R-S-T-U-V-W-X-Y-Z

Os aspirantes poderán consultar o día e o lugar de realización das probas na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar, http://www.medioruralemar.xunta.es

A partir do día de inicio das probas, expoñerase nos lugares de realización das probas, así como nos distritos forestais de cada provincia, a relación de aspirantes con indicación da data de realización correspondente.

3º. Os aspirantes realizarán as probas na provincia do domicilio indicado na súa solicitude de inscrición nas listas. Os que teñan o domicilio fóra de Galicia poderán realizar as probas en calquera das provincias en que pretendan traballar.

4º. Dado que a vixencia das probas é anual, están obrigados a realizar estas probas todos os aspirantes.

5º. Os aspirantes deberán acudir á realización da proba provistos do DNI e dun certificado médico oficial ou informe sobre o estado de saúde, asinado por un colexiado en exercicio, no cal se faga constar que non presentan enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico. O dito certificado deberá ter unha antigüidade máxima de 3 meses respecto da data de realización da proba.

6º. A realización das probas estará coordinada por unha comisión provincial composta por dous representantes da Consellería do Medio Rural e do Mar e un representante das organizacións sindicais. Así mesmo, poderase nomear persoal colaborador das comisións.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2014

Alfonso García Magariños
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar