Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 2014 Páx. 19791

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2014 pola que se convoca unha xornada sobre resposta á contaminación mariña accidental.

O intenso tráfico marítimo xunto coas actividades antropoxénicas asociadas ao litoral de Galicia, supoñen un risco potencial de contaminación das zonas costeiras. Neste contexto, a cidadanía debe contar coa seguridade de que se establecen os mecanismos necesarios para a protección dos bens con importancia socioeconómica e ambiental ante episodios de contaminación accidental.

O Convenio internacional sobre cooperación, preparación e loita contra a contaminación por hidrocarburos de 1990 (OPRC 90), en vigor en España desde o 13 de maio de 1995, e o seu Protocolo sobre substancias nocivas e potencialmente perigosas (OPRC-HNS 2000), en vigor en España desde o 14 de xuño de 2007, teñen como obxectivo a cooperación internacional e a asistencia mutua en incidentes maiores de contaminación mariña, e o desenvolvemento e mantemento nos Estados parte da adecuada capacidade de preparación e resposta a emerxencias de contaminación mariña. Ambos os dous establecen a obriga de elaborar plans específicos de preparación e loita contra a contaminación nos cales se teñan en conta as directrices elaboradas pola Organización Marítima Internacional. Para cumprir con estas obrigas a Administración estatal aprobou o Real decreto 1695/2012, do 21 de decembro (BOE número 13, do 15 de xaneiro 2013), polo que se aproba o Sistema nacional de resposta ante a contaminación mariña.

A Constitución española habilita as comunidades autónomas para establecer normas adicionais de protección do ambiente. A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu, de acordo co disposto no Estatuto de autonomía no artigo 27, número 30, a competencia exclusiva de establecer «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23». Así mesmo, no artigo 29, número 4, Galicia asumiu a competencia autonómica para a execución da lexislación do Estado na materia de «verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego».

O 18 de xullo de 2012 publicouse o Decreto 155/2012, do 5 de xullo, polo que se regula a estrutura e organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia. Este decreto ten por obxecto regular a estrutura e organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (Plan Camgal), así como establecer as disposicións xerais, a organización operativa e as medidas para a súa implementación. Así mesmo, o Plan Camgal regula no seu capítulo VII a elaboración dos plans locais establecendo os seus obxectivos e funcións, así como o seu contido mínimo e a estrutura dos órganos de dirección e resposta.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dunha xornada sobre resposta á contaminación mariña accidental, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Xornada

Denominación

Resposta á contaminación mariña accidental

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

6

Prazas

Limitadas pola capacidade do local

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos:

• Coñecer o marco normativo básico que regula as operacións de resposta á contaminación mariña accidental: o Sistema nacional de resposta, o Plan Camgal e os plans locais.

• Coñecer cales son os recursos materiais e humanos con que conta a Xunta de Galicia para dar resposta a un episodio de contaminación mariña accidental.

• Coñecer cales son os principais métodos de resposta á contaminación mariña accidental tanto no mar como na costa.

Contido:

• O Sistema nacional de resposta, o Plan territorial de Galicia (Plan Camgal) e os plans locais.

• Información da costa galega de utilidade na loita contra a contaminación mariña accidental. O visor Web.

• Actuacións de resposta no mar. Organización da resposta no Plan Camgal.

• Actuacións de resposta en terra I. Atlas de limpeza.

• Actuacións de resposta en terra II. Organización da resposta no Plan Camgal.

• Actuacións de resposta en espazos naturais protexidos.

• Os delitos ambientais: código penal e xurisprudencia

3. Destinatarios/as.

Persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia), persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia e outras persoas interesadas no tema.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Datas: 20 de maio de 2014.

Horario: das 10.00 ás 17.00 horas.

Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento do curso.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar nas xornadas convocadas nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 12 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos, poderá completarse o alumnado mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática da xornada, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

6.1. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

6.2. Segundo a orde de presentación das solicitudes.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada xornada, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro ).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarada/o non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o/a director/a xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigada/o a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporalle ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de asistencia.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

11. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir as xornadas, ampliar novas edicións delas ou suspendelas temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 21 de abril de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública