Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 2014 Páx. 19784

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2014 pola que se convoca un curso básico de prevención de riscos laborais para o persoal dos corpos da Policía Local de Galicia.

Dentro do programa anual de actividades para o ano 2014 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), aprobado polo Consello Reitor na súa xuntanza de data 27 de decembro de 2013, e ao abeiro do Acordo marco de colaboración co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación convócase un curso un básico de prevención de riscos laborais para o persoal dos corpos da Policía Local de Galicia, conforme as seguintes bases:

Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Básico de prevención de riscos laborais

Modalidade

En liña

Edicións

1

Horas lectivas

60

Prazas

40

Primeira. Obxectivos e contido

Obxectivos:

• Coñecer os dereitos e obrigas en relación coa seguridade e saúde no traballo segundo a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

• Coñecer os principais riscos laborais a que están expostos os policías: riscos de seguridade, riscos hixiénicos e ergonómicos e riscos psicosociais.

• Coñecer as principais medidas preventivas que poden adoptar os/as policías locais para facer fronte aos riscos a que están expostos no seu traballo, en particular en situacións de emerxencias e primeiros auxilios.

Contido:

• Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.

• Riscos xerais e a súa prevención.

• Elementos xerais de xestión da prevención de riscos.

• Riscos específicos e a súa prevención no sector correspondente á actividade de policía local.

• Prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero.

Segunda. Destinatarios/as

O curso vai dirixido ao persoal dos corpos das policías locais dos concellos galegos que se encontren en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que de producirse esta situación os/as interesados/as deberán comunicarllo á Agasp de xeito inmediato; no caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar realizando efectivamente un curso, non se emitirá ningún diploma del.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de quedaren prazas vacantes, poderá acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp resérvase a facultade de anular a actividade formativa.

Terceira. Desenvolvemento da actividade

• Lugar: a través da plataforma de formación en liña da Agasp.

• Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

• Data de comezo: 19 de maio de 2014.

• Data de remate: 27 de xuño de 2014.

• Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento do curso o alumnado participante deberá cubrir unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; non cubrir algún no prazo establecido será sancionado coa baixa no curso. No suposto de que os exercicios non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, agás a proba presencial final, e a formalización das tarefas farase a través da plataforma de formación en liña.

Cuarta. Requirimentos técnicos mínimos para os equipamentos do alumnado

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Mozilla Firefox 2 (recomendado) ou Internet Explorer 6.0 ou superior.

• Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF necesítase ter instalado Acrobat Reader.

• Para que funcionen algúns elementos correctamente necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

Quinta. Proba final

A proba presencial final do curso desenvolverase de acordo coas seguintes indicacións:

• Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

• Data: 3 de xullo de 2014.

• Hora: 10.00 horas.

• Contido: exame tipo test.

Os alumnos deberán vir ao exame provistos de:

• DNI ou algún outro documento que acredite a súa identidade.

• Lapis do número 2.

• Goma de borrar.

Sexta. Inscrición

O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

O prazo de inscrición é de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa consta en poder da Agasp; neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

Sétima. Criterios de selección do alumnado participante

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se indican, sen prexuízo de que en cursos específicos se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta.

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para seren destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37.bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Oitava. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así coma un número adecuado de reservas, con polo menos 5 días naturais antes do inicio de cada curso.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a súa publicación.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica; todos aqueles que non figuren na relación non foron seleccionados, ben porque ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas, ben porque foron excluídos por algún motivo dos expresados nesta convocatoria, todo de acordo co previsto no artigo 59.6.b da LRXPAC.

A Agasp resérvase o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas ou necesidade do servizo sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo/a xefe/a do corpo da policía local do concello en que traballe ou persoa responsable del.

A renuncia debe ser comunicada por escrito e cunha antelación de 3 días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que se convoquen polo Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e naquelas en que a persoa figurase como posible destinataria delas, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que polo menos teñan a mesma carga horaria do curso polo que foi penalizada.

Novena. Certificación

Para poder superar o curso e recibir o correspondente diploma de aproveitamento é obrigatorio:

a) Correcta realización das actividades que propoña a titoría e no prazo que se determine.

b) Lectura detallada dos contidos do curso.

c) Asistencia e superación da proba final presencial establecida.

Non se expedirá diploma de asistencia.

Décima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

A Estrada, 15 de abril de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública