Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 20 de xuño de 2014 Páx. 28009

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 9 de xuño de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal de Ribadumia (Pontevedra).

O Concello de Ribadumia achega a modificación puntual nº 3 do PXOM, en solicitude de aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello de Ribadumia e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Ribadumia dispón, na actualidade vixente, dun PXOM que foi aprobado definitivamente no 13.3.2001.

I.2. Consta decisión do 30.8.2013 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento a avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual nº 3.

I.3. A presente MP foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 7.11.2013. Someteuse a información pública polo prazo de dous meses, con anuncios nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 30.11.2013; e no DOG do 29.11.2013, con corrección de erros o 5.12.2013. Deuse audiencia aos concellos limítrofes.

I.4. Constan informes municipais técnico e xurídico do 8.10.2013, respecto da legalidade e calidade técnica da ordenación proposta.

I.5. Consta a emisión dos seguintes informes sectoriais:

– Secretaría de Estado de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo informe sobre telecomunicacións, do 24.1.2014.

– Oficio sobre a improcedencia de informe do Instituto de Estudos do Territorio do 29.1.2014.

– Augas de Galicia, do 31.3.2014.

– Deputación de Pontevedra do 30.4.2014.

– Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, informe favorable do 5.6.2014.

I.6. Consta certificación da Secretaría Municipal sobre a contestación á alegación presentada no trámite de información pública.

I.7. O Concello de Ribadumia, en sesión plenaria do 6.3.2014, aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 3 do PXOM.

II. Análise e consideracións.

O ámbito desta modificación puntual abrangue dous recintos da parte norte do solo urbano de Santa Baia; e ten por finalidade:

– Modificar a cualificación de residencial a dotacional, así como a titularidade dunha parcela que o PXOM dotaba con aproveitamento para vivenda colectiva, mentres que esta modificación propón un uso dotacional para auditorio municipal. A proposta mantén as aliñacións definidas no PXOM vixente.

– Eliminar un tramo de vía proposto polo PXOM para cualificalo como dotacional-deportivo para albergar un campo de fútbol.

2. Estes cambios comportan o incremento da superficie dos equipamentos deportivos en 1.600 m2 e a obtención dunha parcela para equipamento socio cultural (1.260 m2). Pola súa vez, reduce a intensidade de uso da zona ocupada por este equipamento.

3. Respecto do interese público observado nesta modificación, en atención ao previsto no artigo 94.1 da LOUG, considérase que a incorporación de novos equipamentos e dotacións ao uso e titularidade públicos supón razón suficiente para fundamentar o interese público.

4. A modificación proposta nesta MP nº 3 non implica reclasificación de solo nin incremento de intensidade de uso, nin altera os sistemas xerais previstos no planeamento vixente, polo que non precisou de informe previo á aprobación inicial.

5. Respecto da liña límite de edificación, atenderase ao contido do informe da Deputación Provincial emitido ao respecto no 5.7.2013.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 95.2 da LOUG e o artigo 3 do Decreto 44/2012, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 3 do PXOM do Concello de Ribadumia, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas