Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 20 de xuño de 2014 Páx. 28007

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 9 de xuño de 2014 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión de axudas ao abeiro da Orde do 23 de decembro de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás pemes para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se fai pública a súa convocatoria para o ano 2014.

O día 20 de xaneiro de 2014 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicou no Diario Oficial de Galicia número 12 a Orde do 23 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás pemes para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para o ano 2014, identificadas co número de procedemento MT984B.

No seu artigo 21, a orde establece que estas axudas se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.541D.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 ata un importe máximo de 1.449.926 € ao tempo que, no segundo parágrafo deste mesmo artigo, se prevé a posibilidade de tramitar un expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito para incrementar o establecido inicialmente na convocatoria, sempre segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento e de xeito motivado en atención ao número de solicitudes recibidas.

Así pois, tendo en conta o crédito dispoñible inicialmente e o elevado número de solicitudes recibidas, sumado á existencia dos remanentes existentes na actualidade, considérase xustificado proceder á tramitación desta modificación para ampliar a dotación orzamentaria destinada nun principio a estas axudas coa finalidade de incrementar o número de solicitudes que poidan acceder á condición de beneficiarias.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de conformidade co previsto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa concordante e de desenvolvemento,

ACORDO:

Ampliar a dotación da Orde do 23 de decembro de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia número 12, do 20 de xaneiro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás pemes para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para o ano 2014, con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 07 03 541D 770.0, por importe de 1.252.191,47 €.

Como resultado desta ampliación, o orzamento total asignado a esta orde ascende, para este ano 2014, a 2.702.117,47 €.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas