Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 30 de xuño de 2014 Páx. 29336

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 26 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, e axudas para a compra de gando bovino, ovino e cabrún que teña por obxecto a reposición das reses, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais, e se convocan para o ano 2014.

A detección das enfermidades animais incluídas nos programas oficiais de loita, control e erradicación pode derivar no sacrificio obrigatorio e destrución dos animais, seguido dunha hixienización das instalacións da explotación, de acordo coa normativa en vigor.

O artigo 21 da Lei 8/2003, de sanidade animal, no que se refire á loita, control e erradicación das enfermidades dos animais, establece que o sacrificio obrigatorio destes ou, de ser o caso, a destrución dos medios de produción que se consideren contaminados, dará lugar á correspondente indemnización en función dos baremos aprobados oficialmente. Igualmente, establece que serán indemnizables os animais que morran por causa directa tras ser sometidos a tratamentos ou manipulacións preventivos ou con fins de diagnóstico ou, en xeral, os que morresen no contexto das medidas de prevención ou loita contra unha enfermidade como consecuencia da execución de actuacións impostas pola autoridade competente.

Con todo, nas explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, dada a súa estrutura produtiva en Galicia, as indemnizacións establecidas non cobren suficientemente as importantes perdas económicas dos produtores naquelas explotacións en que se fai un baleiro sanitario por sacrificio obrigatorio de todos os seus animais, e que se ven obrigadas, ademais, a asumir un período de inactividade produtiva ata que os servizos veterinarios oficiais autorizan a reintrodución de animais na explotación. Consecuentemente, resulta pertinente establecer mecanismos de compensación complementaria.

Por outra parte, cómpre ter en conta a dificultade con que se atopan os titulares das explotacións de gando bovino, ovino e cabrún para poderen repoñer os animais de similares características aos que foron obrigados a sacrificar, pois, na maior parte dos casos, non hai posibilidade de acadar a reposición total ao mesmo tempo.

Polo tanto, para aqueles casos de explotacións destas especies en que coas indemnizacións por sacrificio obrigatorio non se consegue o valor de adquisición de novos animais similares aos sacrificados e, consecuentemente, non resultaría factible repoñer eses animais, considérase necesario establecer axudas para favorecer a reposición do gando sacrificado obrigatoriamente.

No marco das axudas á reposición de gando está o Real decreto 864/2010, do 2 de xullo, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións para a repoboación da explotación no caso de baleiro sanitario, no marco dos programas nacionais de loita, control ou erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles, que establece axudas cofinanciadas polo Estado para a repoboación de explotacións nos casos sinalados no seu articulado.

Trátase de axudas estatais dirixidas ás pemes agrarias dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas, e están enmarcadas no Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 358, do 16 de decembro), sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas, e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº70 /2001: o artigo 10 deste regulamento establece que as axudas destinadas a compensar, os agricultores polas perdas causadas por enfermidades dos animais serán compatibles co mercado común, segundo o artigo 87.3 letra c) do Tratado, e quedarán exentas da obriga de notificación, segundo o artigo 88.3 do Tratado, sempre que cumpran as condicións reflectidas no artigo 10. Así mesmo, estes réximes de axudas cumpren co Regulamento (UE) nº 1114/2013 da Comisión, do 7 de novembro de 2013, polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 1857/2006 no que se refire ao seu período de aplicación.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2014:

1. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nunha explotación de gando bovino, ovino e cabrún, rexistrada en Galicia, por motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levadas a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarios oficiais.

2. As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados e os casos de morte/sacrificio deses animais como consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas titulares (físicas e xurídicas) de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

2. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas para a compra de animais de reposición as persoas titulares (físicas e xurídicas) de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, e como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, así como as persoas titulares daquelas explotacións onde morresen ou se practicase a eutanasia de animais das ditas especies por mor dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

3. As persoas solicitantes das axudas establecidas nesta orde, para seren beneficiarias delas deberán ter a condición de Peme, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

4. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades que se encontren en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Requisitos

1. Para poderen ter dereito ás axudas reguladas nesta orde é imprescindible:

a) Que as persoas titulares e as explotacións gandeiras afectadas cumpran de forma estrita a normativa en vigor sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal, e a dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais.

b) Que as explotacións gandeiras estean correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia: en concreto, figurarán inscritas e con todos os seus datos actualizados no Rexistro xeral de explotacións gandeiras (REGA), establecido polo Real decreto 479/2004, e no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (REAGA), regulado no Decreto 200/2012, da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. Para as axudas de compensacións complementarias por lucro cesante, ademais, comprobarase:

a) Que sexa efectivo o baleiro sanitario da explotación, co sacrificio obrigatorio da totalidade dos seus animais.

b) Que se cumpra o prazo de tempo para o período de baleiro (ou período de corentena) da explotación, sinalado pola autoridade sanitaria competente, ata que esta autorice a repoboación.

3. Para as axudas á reposición de gando, se comprobarase que se cumpren os seguintes requisitos:

a) En todos os casos, ter sacrificado obrigatoriamente aqueles animais de especies susceptibles de padecer a enfermidade e que foron diagnosticados positivos ou sospeitosos.

b) Ter efectuado previamente, antes da reposición dos animais, a limpeza e desinfección da explotación de acordo coa lexislación vixente e as instrucións da autoridade competente.

c) Cumprir a normativa establecida na Orde do 4 de abril de 1997 pola que se establecen as normas para o desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa.

d) En canto aos animais adquiridos polos cales se solicita axuda: os da especie bovina procederán de explotacións con cualificación sanitaria T3 e B4 e libres de encefalopatías esponxiformes transmisibles, e os das especies ovina e cabrúa, de explotacións con cualificación sanitaria M4 e tamén libres de EET.

e) Unicamente se subvencionará a reposición efectuada con animais para manter na explotación un nivel de produción similar ao existente con anterioridade ao sacrificio.

4. Os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural e do Mar, como órganos competentes para a tramitación dos procedementos de concesión das axudas reguladas nesta orde, comprobarán o cumprimento dos requisitos descritos nos tres parágrafos anteriores.

Artigo 4. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Artigo 5. Inicio dos procedementos: presentación de solicitudes

1. Os procedementos de concesión das axudas reguladas nesta orde iniciaranse por instancia de parte, coa presentación das solicitudes de axuda por parte das persoas interesadas e empregando os seguintes formularios que figuran como anexos nesta orde:

a) Para as axudas de compensacións complementarias por lucro cesante (do capítulo I desta orde): o anexo II para solicitar o período de baleiro da explotación (corresponde ao procedemento MR553A) e o anexo III para solicitar o período de tres meses posterior ao do baleiro (corresponde ao procedemento MR553B).

b) Para solicitar as axudas para a compra de gando bovino, ovino e cabrún para a reposición (do capítulo II desta orde): o anexo IV (corresponde ao procedemento MR550A).

c) Para solicitar as axudas complementarias para a reposición de gando bovino, ovino e cabrún, nos casos de baleiro sanitario dunha explotación (do capítulo III desta orde): o anexo V (corresponde ao procedemento MR550B).

2. Para cada formulario de solicitude, e cando a axuda corresponda a unha pluralidade de persoas, poderá ser formulada nunha única solicitude por medio representante legalmente habilitado e, no seu defecto, co que figure en primeiro termo. Neste suposto, a presentación da solicitude inclúe un modelo de pluralidade de persoas solicitantes. Para facilitar este trámite, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas este e outros modelos normalizados.

3. Cada solicitude inclúe unha declaración responsable de titularidade de conta bancaria: nela a persoa solicitante anotará os datos bancarios correspondentes ao titular da explotación, para os efectos de pagamento das axudas, e así mesmo declarará a veracidade deles. Para identificar a conta bancaria anotarase o «código internacional de conta bancaria», recoñecido como «código IBAN»; este código consta de 24 caracteres: 2 letras que identifican o país «ES», 2 díxitos de control, e o nº da conta bancaria con 20 díxitos (son os antigos 20 díxitos que identificaban a totalidade da conta CCC).

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

Para as axudas reguladas nesta orde:

1. No caso de que a persoa interesada declare que algunha documentación requirida en calquera dos procedementos establecidos nesta orde está xa en poder da Administración actuante, autorizará a Consellería do Medio Rural e do Mar, de conformidade co artigo 35, alínea f), da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e co artigo 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, para a consulta de dita documentación, declarando que se mantén vixente na actualidade e que non transcorreron máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponde.

2. A tramitación destes procedementos require a incorporación de datos ou documentos que acrediten a identidade da persoa solicitante, para o cal os formularios de solicitude dos anexos II, III, IV e V inclúen unha autorización expresa á Consellería do Medio Rural e do Mar, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e coa Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. No caso de que a persoa interesada non autorice a Consellería do Medio Rural e do Mar para realizar esta operación, deberá achegar unha copia compulsada do documento de identidade correspondente.

3. A presentación da solicitude de axuda pola persoa interesada comportará a autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá presentar entón as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 7. Lugar de presentación das solicitudes e da documentación complementaria

1. As solicitudes das axudas reguladas nesta orde deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, preferiblemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria citada nesta orde poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada (escaneada) do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade cos orixinais baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración galega reservará para si o dereito á consulta, comprobación ou posterior requirimento dos orixinais, ao abeiro do establecido nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Así mesmo, os documentos complementarios poderán presentarse en soporte papel, preferiblemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Desistencia da solicitude de axuda

As persoas interesadas que non presenten as solicitudes (anexos II, III, IV, e V) correctamente cubertas ou non entreguen a documentación complementaria que corresponda, ou ben non emenden a falta, os datos ou os documentos erróneos, no prazo de dez días desde o momento en que llelo notificase o Servizo provincial de Gandaría, teráselles por desistidas das súas solicitudes, segundo o establecido no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e despois de ditadas resolucións para os efectos, nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

Artigo 9. Instrución dos procedementos de concesión das axudas de compensacións complementarias e das axudas á reposición de gando

1. Durante a instrución das axudas establecidas nos capítulos I e II desta orde teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Para causar dereito á axuda, as enfermidades deben figurar na lista de epizootias da Oficina Internacional de Epizootias ou no anexo I da Decisión do Consello 2009/470/CE.

b) A axuda limitarase a perdas ocasionadas polas enfermidades cuxos brotes fosen oficialmente recoñecidos polas autoridades competentes dentro dun programa público de prevención, control ou erradicación.

c) Restaranse do importe máximo da axuda os importes recibidos en virtude de réximes de seguros e os custos que non se efectuasen debido á enfermidade e que se terían efectuado en todo caso.

d) Non se poderán conceder axudas por enfermidades para as cales a normativa comunitaria impoña taxas específicas para medidas de loita contra elas.

e) Non se poderán conceder axudas por medidas cuxo custo, segundo o establecido pola normativa comunitaria, deba ser sufragado polos gandeiros, salvo que ese custo quede totalmente compensado por taxas obrigatorias pagadas polos produtores.

f) Non se poderán pagar axudas para compensar perdas ou gastos producidos nun momento anterior a un prazo de catro anos.

2. As axudas para a compra de animais destinados á reposición nos casos de baleiro sanitario nunha explotación, e reguladas nos seus aspectos específicos no capítulo III desta orde, serán compatibles coas axudas establecidas no Real decreto 864/2010, do 2 de xullo, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións para a repoboación da explotación, en caso de baleiro sanitario no marco dos programas nacionais de loita, control ou erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles.

3. Segundo o procedemento de concesión que se iniciase (do capítulo I, II, ou III), e unha vez reunidas as solicitudes das axudas (anexos II, III, IV ou V) que procedan xunto coa súa correspondente documentación, os servizos provinciais de gandaría remitirán á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria os seus informes para proposta de resolución (un informe para cada solicitude de axuda), xunto con toda a documentación dos expedientes, para a súa supervisión polos órganos xestores da dita dirección. A persoa titular da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria emitirá as correspondentes propostas de resolución e estas remitiranse á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, para os efectos de resolver as axudas.

4. Os órganos xestores tramitarán durante o ano 2014, ademais das axudas correspondentes a este ano, todas as axudas de compensacións complementarias e as axudas á reposición de gando que quedasen pendentes do ano 2013.

5. O prazo de presentación de solicitudes para as axudas establecidas nesta orde será desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o día 30 de novembro de 2014, incluíndo ambas as datas no cómputo do prazo. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. A resolución dos expedientes das axudas reflectidas nesta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, que a emitirá no prazo máximo de cinco meses, contados desde o inicio do procedemento de concesión da axuda. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de axuda.

2. As resolucións expresas de aprobación ou de denegación notificaranse na forma prevista no artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Modificación da resolución. A resolución de concesión da axuda poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente da mesma axuda outorgada por outras administracións (da UE, nacionais, internacionais, autonómicas) superando a intensidade máxima establecida para a axuda.

Artigo 11. Recursos

Contra as resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde poderanse interpor os seguintes recursos:

1. Recurso potestativo de reposición, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se a resolución foi expresa, ou no prazo de tres meses desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a axuda, segundo os artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, e de acordo co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Réxime de compatibilidade

1. As axudas reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda que se poida obter das distintas administracións (da UE, internacionais, nacionais, autonómicas) para a mesma finalidade, sempre e cando a contía en concorrencia de todas elas non supere a intensidade máxima da axuda do 100 %, e en cumprimento do establecido nos artigos 10 e 19 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión (DOUE do16.12.2006, L 358/3).

2. Para as axudas de compensacións complementarias por lucro cesante (capítulo I desta orde): no suposto de que se engadan varias axudas, o importe acumulado da axuda concedida non poderá exceder nunca o 100 % dos custos reais soportados.

3. Para as axudas para a compra de animais de reposición (capítulos II e III desta orde): o importe total das axudas de reposición en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas destinadas para o mesmo fin, o custo da reposición.

4. Neste ámbito da compatibilidade de axudas, os formularios de solicitude recollidos nesta orde (anexos II, III, IV e V) inclúen unha declaración responsable da persoa solicitante en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas para a mesma finalidade.

Artigo 13. Reintegro

1. O incumprimento pola persoa solicitante de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

2. Igualmente, a persoa solicitante terá a obriga do reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan (artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións).

Artigo 14. Xustificación das axudas

1. Para as axudas establecidas nesta orde, os servizos provinciais de gandaría realizarán controis na explotación gandeira, se for necesario, e comprobacións nas bases de datos e nos documentos achegados pola Consellería do Medio Rural e do Mar e polas persoas solicitantes.

2. Os expedientes de concesión das axudas establecidas nesta orde, iniciaranse cando as persoas interesadas presenten a solicitude da axuda (anexo II, III, IV ou V) e, de ser o caso, a documentación complementaria que corresponda, segundo o procedemento de que se trate (do capítulo I, II ou III).

3. Nas axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas beneficiarias deberán xustificar:

a) Antes de solicitaren o 2º período da axuda (período de postautorización á reintrodución de gando), e só para os casos en que sexa requirido polo Servizo provincial de Gandaría, que levaron a cabo os labores de hixiene e desinfección da explotación afectada.

b) As clases de pólizas de seguros gandeiros que posúan como persoas titulares aseguradas, e, de ser o caso, os importes que percibiron polos animais sacrificados por mor do baleiro sanitario e en virtude da póliza.

4. Nas axudas para a compra de animais de reposición, as persoas beneficiarias deberán xustificar:

a) A compra das reses polas cales solicitan axuda, mediante documento acreditativo (factura, contrato privado de compravenda...) e que o dito gasto realizado foi efectivamente pagado, mediante un documento de entidade financeira acreditativo dun movemento bancario.

b) Que levaron a cabo a reposición ou incorporación dos animais na súa explotación, só para os casos en que este feito sexa requirido polo Servizo provincial de Gandaría.

Artigo 15. Pagamento das axudas

1. O pagamento das axudas incluídas nesta orde realizarase logo da comprobación do cumprimento das condicións e requisitos establecidos nela.

2. O pagamento das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante e das axudas para a compra de animais destinados á reposición, recollidas nesta orde, estará suxeito ás dispoñibilidades de crédito vixentes.

Artigo 16. Controis

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá realizar os controis administrativos e as inspeccións que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos reflectidos na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción das axudas. A persoa solicitante estará obrigada a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. As persoas solicitantes terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos xestores, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 17. Financiamento

1. As axudas establecidas nesta orde, tanto as xeradas durante o ano 2014 como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2013, aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e nas cales existe crédito adecuado:

– 12.22.713E.771.1, destínase inicialmente un importe de 145.000 euros para as axudas dos capítulos I (compensacións complementarias/lucro cesante) e II (para a compra de gando bovino, ovino e cabrún para reposición).

– 12.22.713E.771.2, destínase inicialmente un importe de 5.000 euros para as axudas complementarias para a reposición de gando nos casos de baleiro sanitario, recollidas no capítulo III desta orde.

2. Os importes establecidos nas citadas aplicacións orzamentarias poderanse incrementar, conforme o previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas establecidas no capítulo III desta orde cofinanciaranse con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente ata o 50 %, segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 18. Publicidade dos datos

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

TÍTULO II
Disposicións específicas

Capítulo I
Axudas de compensacións complementarias por lucro cesante

Artigo 19. Contía das compensacións complementarias

1. O importe das compensacións complementarias por lucro cesante en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún será determinado con base nos cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións, que se xuntan como anexo I a esta orde, tendo en conta o período de inactividade da explotación desde o día seguinte a aquel en que sexa efectivo o seu baleiro sanitario (a data real do baleiro é a data de sacrificio do último animal que saíu da explotación), e que fose ordenado pola autoridade competente.

2. Estas axudas constan de dous períodos de tempo na súa tramitación e no seu pagamento:

a) O tempo de baleiro da explotación ou período de corentena (corresponde ao procedemento MR553A).

b) Os tres meses posteriores ao período de baleiro, contados desde o mesmo día en que se autorice oficialmente a reintrodución de animais na explotación (corresponde ao procedemento MR553B).

3. Os cálculos para a determinación das compensacións faranse multiplicando o valor en euros da marxe bruta de cada unidade de produción polo número de unidades de produción que consten como datos oficiais referidos á explotación afectada na Consellería do Medio Rural e do Mar. Resultará así un importe anual que, dividido entre 365 días, determinará o importe diario, que será multiplicado polo número de días de inactividade.

En caso de recuperación parcial da actividade serían descontados, para os días restantes, os importes das unidades de produción correspondentes.

4. Para os casos en que o período de inactividade supoña a perda de posibilidade de percepción do importe total da prima anual, aplicarase para o cálculo o valor da marxe bruta sen prima e incrementarase o importe final co valor total anual da prima.

Sección 1. Instrución do procedemento para os baleiros sanitarios do ano 2013

Artigo 20. As solicitudes nos dous períodos da axuda

Para os casos de baleiros sanitarios decretados pola autoridade competente durante o ano 2013, en que as persoas titulares desas explotacións teñan aínda pendentes de que se emita unha ou ambas as dúas resolucións de aprobación de importes da axuda ao lucro cesante:

1. As persoas interesadas que non percibiron o importe correspondente ao tempo de baleiro da explotación deberán presentar o formulario de solicitude que figura como anexo II desta orde (procedemento MR553A), especificando que corresponde a un baleiro sanitario do ano 2013.

2. As persoas interesadas que non percibiron o importe correspondente aos tres meses posteriores á autorización de incorporación de gando deberán presentar, cando dispoñan da dita autorización, o formulario de solicitude que figura como anexo III desta orde (procedemento MR553B), especificando que corresponde a un baleiro sanitario do ano 2013.

3. De ser o caso, a persoa interesada presentará ambos os dous anexos (II e III). Así mesmo, terase en conta que a solicitude de cada período da axuda vai ligada (e deberá presentarse, de ser o caso) a cada explotación gandeira (ou código REGA) afectada por un baleiro sanitario.

Artigo 21. Presentación da documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude que corresponda (unha ou ambas as dúas), a persoa interesada deberá achegar a documentación complementaria requirida no artigo 24.1 desta orde, que non fose xa presentada xunto coa solicitude do ano 2013, ou que sufrise modificacións.

2. Neste ámbito, así mesmo, a persoa solicitante terá en conta que tamén son de aplicación os contidos dos artigos 24.3 e 24.4 desta orde.

Artigo 22. Documentación que achegará a Administración

A Administración actuante xestionará a obtención da documentación establecida no artigo 25 desta orde para achegala, en cada caso, aos respectivos expedientes.

Sección 2. Instrución do procedemento para os baleiros sanitarios do ano 2014

Artigo 23. Disposicións para as solicitudes de axuda

Para os baleiros sanitarios decretados pola autoridade competente durante o ano 2014, as solicitudes de axuda deberanse presentar para cada explotación gandeira (ou código REGA) afectada, e en dous períodos de tempo diferentes:

1. A primeira solicitude, polo tempo de baleiro da explotación: a persoa interesada presentaraa dentro do primeiro mes posterior á data en que se lle notifique a resolución de baleiro/sacrificio decretada pola autoridade competente, despois de ser efectivo o sacrificio do último animal da explotación, e empregará o modelo que figura como anexo II desta orde (procedemento MR553A), especificando que corresponde a un baleiro sanitario do ano 2014.

2. A segunda solicitude, polos tres meses posteriores á data en que se autorice oficialmente a reintrodución de animais na explotación: a persoa interesada presentaraa dentro do primeiro mes posterior á data en que lle sexa entregado o documento oficial que autoriza a incorporación de gando (finalizando neste momento o período de baleiro), e empregará o modelo que figura como anexo III desta orde (procedemento MR553B), especificando que corresponde a un baleiro sanitario do ano 2014.

3. Para ter dereito á totalidade da axuda ao lucro cesante (e para cada explotación), será necesario que a persoa interesada presente a segunda solicitude (ademais da primeira), vaia levar a cabo compras de animais nos tres meses ou non.

Artigo 24. Presentación da documentación complementaria

1. Xunto coa primeira solicitude, a persoa interesada deberá achegar, segundo o caso de que se trate, a seguinte documentación complementaria:

a) Copia do NIF da persoa xurídica solicitante e copia do DNI do seu representante, ou copia do DNI da persoa física solicitante. Estas copias do DNI e do NIF deberanse presentar só no caso de que non se autorice a Consellería do Medio Rural e do Mar para consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Se o/a solicitante é unha persoa xurídica: copias cotexadas do documento de constitución da entidade e dos seus estatutos.

c) No caso de representación (da persoa solicitante): documento acreditativo da representación por calquera medio válido en dereito. O representante deberá ser unha persoa física.

d) Documento acreditativo das pólizas de seguros gandeiros que posúan e, ademais, de ser o caso, se a persoa titular da explotación e asegurada percibiu importes polos animais sacrificados por mor do baleiro sanitario, achegará un documento emitido pola empresa aseguradora xustificativo deles.

2. Con respecto á documentación complementaria que acompañará, de ser o caso, a segunda solicitude: se hai algunha modificación nos documentos presentados coa primeira solicitude e citados no punto 1 anterior, a persoa interesada deberá achegar os novos xunto con esta solicitude.

3. Así mesmo, sempre que se realice a presentación de documentación separadamente dos formularios principais (anexos II e III), a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No suposto de que algún dos documentos complementarios citados no punto 1 deste artigo xa estivese en poder de calquera órgano da Administración actuante, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 25. Documentación que achegará a Administración

Por mor da racionalización administrativa do procedemento de concesión destas axudas, e co fin de reducir as cargas administrativas ás persoas beneficiarias, os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural e do Mar xestionarán a obtención da seguinte documentación e xuntaránllela aos correspondentes expedientes:

1. As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e para acreditar o cumprimento das obrigas por parte da persoa solicitante das axudas respecto ás citadas administracións. A documentación deste punto 1 achegaraa a Administración para todos os expedientes en que a persoa solicitante non denegue expresamente o seu consentimento.

2. Certificado emitido polo xefe do Servizo de Gandaría provincial, que acreditará que a explotación gandeira de que se trate realizou o baleiro sanitario e reflicte a listaxe de animais sacrificados con dereito á axuda ao lucro cesante. Este documento xuntarase ao o anexo II e á documentación complementaria correspondente ao período de baleiro da axuda (procedemento MR553A), e non será necesario xuntalo de novo ao expediente do segundo período da axuda ou período de postautorización á reintrodución (procedemento MR553B).

3. De ser o caso, informe/certificado dos dereitos de vacas nutrices e do importe total estimado para a prima anual de vacas nutrices, a que teña dereito a persoa titular da explotación para a campaña correspondente, e ademais acreditará se a persoa produtora/titular percibiu ou percibirá, ou ben non, a dita prima, e será emitido polo correspondente xefe do Servizo Territorial do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) da Consellería do Medio Rural e do Mar.

4. De ser o caso, informe/certificado da cota láctea asignada á persoa titular da explotación para a campaña correspondente, e emitido polo xefe do Servizo de Explotacións Agrarias da respectiva xefatura territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Capítulo II
Axudas para a compra de gando bovino, ovino e cabrún para a reposición

Artigo 26. Contía das axudas para a reposición

As axudas para a compra de animais bovinos, ovinos ou cabrúns destinados á reposición poderán concederse nas contías e cos límites seguintes:

1. 400 euros por animal adquirido da especie bovina e 40 euros por animal comprado para o gando ovino e o cabrún (houbese ou non baleiro sanitario na explotación); estes importes por animal serán incrementados nun 10 % se a explotación pertencía a unha ADSG na data de sacrificio/morte dos seus animais.

Tendo en conta os importes establecidos neste punto, o importe total da axuda será ata un máximo de 20.000 euros por persoa beneficiaria nos casos de baleiro sanitario da explotación e ata un máximo de 12.000 euros por persoa beneficiaria nos casos en que non se realizase o baleiro sanitario da explotación.

2. Ademais do establecido no punto 1 anterior, poderá concederse unha contía adicional para cada animal bovino comprado nos casos seguintes:

a) Se os animais bovinos sacrificados pertencían a explotacións incluídas en núcleos de control leiteiro oficial, nun importe por animal igual ao resultado de multiplicar:

0,15 euros polos quilos de leite resultantes de aplicar a diferenza entre o rendemento leiteiro medio das lactacións válidas finalizadas, de polo menos o 60 % das femias sacrificadas da explotación con maior rendemento, e a cantidade de 6.700 quilos.

b) Se os animais bovinos sacrificados tiñan menos de 10 anos de idade na data do seu sacrificio, pertencían a unha raza pura cárnica e estaban inscritos no libro xenealóxico da citada raza, poderase engadir unha contía adicional por animal de:

• 150 € en animais sacrificados con cualificación morfolóxica de 75 a 79 puntos.

• 300 € en animais sacrificados con cualificación morfolóxica de 80 a 84 puntos.

• 450 € en animais sacrificados con cualificación morfolóxica de máis de 85 puntos.

Aplicarase a cualificación morfolóxica que figure na carta xenealóxica do animal.

O límite máximo por persoa beneficiaria, tendo en conta tamén esta contía adicional do punto 2, será de 36.000 euros.

3. En todo caso, a axuda concedida para compensar a diferenza entre o importe das indemnizacións/axudas xa concedidas polo animal sacrificado por motivos sanitarios e o prezo de adquisición dun animal de substitución non poderá exceder a axuda máxima á renda que se pode conceder en virtude do artigo 10 do Regulamento (CE) nº 1857/2006.

4. O número de reses obxecto da axuda non poderá ser superior, en ningún caso, ao dos animais que figuren asignados a esa explotación na base de datos oficial da Consellería do Medio Rural e do Mar, e que fosen obxecto de sacrificio obrigatorio/eutanasia ou morresen por enfermidade sometida a un programa ou actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

Sección 1. Instrución do procedemento para as axudas á reposición do ano 2013

Artigo 27. Disposición para as solicitudes da axuda

Para as axudas á reposición do ano 2013 que quedasen pendentes de tramitación e de pagamento (presentase ou non a persoa interesada a solicitude):

As persoas interesadas deberán presentar unha única solicitude de axuda para cada explotación gandeira (ou código REGA) afectada, e para todas as compras de animais realizadas con anterioridade ao ano 2014 que non fosen tramitadas ou pagadas. Para iso empregarán o formulario que figura como anexo IV desta orde (corresponde ao procedemento MR550A).

Artigo 28. Presentación de documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude, a persoa interesada deberá achegar a documentación complementaria requirida no artigo 31.1 desta orde, que non fose xa presentada xunto coa solicitude do ano 2013, ou que sufrise modificacións.

2. Neste ámbito, así mesmo, a persoa solicitante terá en conta que tamén son de aplicación os contidos dos artigos 31.3 e 31.4 desta orde.

Artigo 29. Documentación que achegará a Administración

A Administración actuante xestionará a obtención da documentación establecida no artigo 32 desta orde para xuntala, en cada caso, aos respectivos expedientes.

Sección 2. Instrución do procedemento para as axudas á reposición do ano 2014

Artigo 30. Disposición para as solicitudes da axuda

Para as axudas á reposición do ano 2014, as persoas interesadas presentarán unha solicitude cada vez que demanden a axuda pola compra de animais, para cada explotación gandeira (ou código REGA) afectada, e empregarán o formulario que figura como anexo IV desta orde (procedemento MR550A).

Artigo 31. Presentación de documentación complementaria

1. Xunto coa primeira solicitude correspondente a compras do ano 2014, e despois de ter a explotación autorización para a reintrodución de animais, as persoas interesadas achegarán a seguinte documentación complementaria, segundo o caso de que se trate:

a) Copia do NIF da persoa xurídica solicitante e copia do DNI do seu representante, ou copia do DNI da persoa física solicitante. Estas copias do DNI e do NIF deberanse presentar só no caso de que non se autorice a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Se o/a solicitante é unha persoa xurídica: fotocopias cotexadas do documento de constitución da entidade e dos seus estatutos.

c) No caso de representación (da persoa solicitante): documento acreditativo da representación por calquera medio válido en dereito. O representante deberá ser unha persoa física.

d) Documento acreditativo das pólizas de seguros gandeiros que se posúan e, ademais, de ser o caso, se a persoa titular da explotación e asegurada percibiu importes polos animais sacrificados en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades animais, achegará un documento emitido pola empresa aseguradora xustificativo deles.

e) De ser o caso, se os animais bovinos sacrificados fosen de raza cárnica e estivesen inscritos no libro xenealóxico da raza, a persoa solicitante presentará unha copia cotexada da carta xenealóxica dos animais sacrificados en que figure a cualificación morfolóxica, que será emitida pola entidade xestora do libro xenealóxico da raza.

f) De ser o caso, xustificantes do valor económico obtido na comercialización dos animais (antes do seu sacrificio obrigatorio), e nos cales figurarán os importes individualizados percibidos por cada animal.

g) De ser o caso, xustificantes do importe percibido polas canais no matadoiro.

h) Facturas ou documentos equivalentes que acrediten a compra dos animais polos cales se solicita a axuda, e nos cales figurarán os importes desagregados pagados por cada animal.

i) Documento da entidade financeira (banco/caixa) que acredite o movemento bancario entre dúas contas bancarias distintas (a do comprador e a do vendedor), e que será o xustificante dos pagamentos das facturas ou documentos de compra das reses de reposición.

2. No caso de presentar máis solicitudes de axuda ao longo do ano, as persoas interesadas achegarán con cada unha delas a seguinte documentación complementaria:

a) As correspondentes facturas ou documentos equivalentes que acrediten a compra das reses polas cales se solicita a axuda.

b) Os documentos da entidade financeira (banco/caixa) que acrediten o movemento bancario entre dúas contas bancarias distintas (a do comprador e a do vendedor), que serán os xustificantes dos pagamentos das facturas ou documentos de compra dos animais de reposición.

c) Ademais, a persoa solicitante poderá presentar xunto coas novas solicitudes, se o considera oportuno ou por modificacións na documentación xa presentada, calquera outro documento dos sinalados no punto 1 anterior.

3. Así mesmo, sempre que se realice a presentación de documentación separadamente do formulario principal (anexo IV), a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No suposto de que algún dos documentos complementarios citados no punto 1 deste artigo xa estivese en poder de calquera órgano da Administración actuante, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 32. Documentación que achegará a Administración

Por mor da racionalización administrativa do procedemento de concesión destas axudas, e co fin de reducir as cargas administrativas ás persoas beneficiarias, os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural e do Mar xestionarán a obtención da seguinte documentación e xuntaránllela aos correspondentes expedientes:

1. As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e para acreditar o cumprimento das obrigas por parte da persoa solicitante das axudas respecto ás citadas administracións. A documentación deste punto 1 achegaraa a Administración para todos os expedientes en que a persoa solicitante non denegue expresamente o seu consentimento.

2. Xustificante de pertenza ou non da explotación a unha ADSG (Agrupación de defensa sanitaria gandeira), para os efectos do incremento na contía da axuda, de ser o caso, e segundo o artigo 26.1 desta orde. Estes documentos obteranos directamente os servizos provinciais de gandaría.

3. De ser o caso, e para as explotacións con clasificación zootécnica «produción de leite», certificado coas producións leiteiras das vacas, para as explotacións incluídas no control leiteiro oficial, e para os efectos da contía adicional da axuda establecida no artigo 26.2, alínea a), desta orde. O dito certificado será emitido polo xefe do Servizo de Producións Gandeiras da Consellería do Medio Rural e do Mar, o cal tamén certificará as explotacións que non estean en núcleos de control leiteiro oficial.

Capítulo III
Axudas complementarias para a compra de gando bovino, ovino e cabrún para reposición, nos casos de baleiro sanitario de explotacións durante os anos 2011, 2012 ou 2013

Artigo 33. Procedemento de concesión das axudas complementarias para reposición

1. O procedemento mediante o cal se concederán as axudas complementarias para a reposición será o de concorrencia competitiva, e ao abeiro do establecido no Real decreto 864/2010, do 2 de xullo, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións para a repoboación da explotación en caso de baleiro sanitario, no marco dos programas nacionais de loita, control ou erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles.

2. Estas axudas concederanse para os casos de baleiro sanitario nas explotacións bovinas, ovinas e cabrúas producidos durante os anos 2011, 2012 ou 2013.

Artigo 34. Contía das axudas

1. A contía da axuda calcularase restando ao custo total de adquisición dos animais:

a) As cantidades percibidas en concepto de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio dos animais.

b) Os importes percibidos polas canais no matadoiro ou na comercialización dos animais.

c) De ser o caso, as cantidades percibidas do correspondente seguro gandeiro, en caso de cubrir a póliza as garantías para as enfermidades da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, EETS ou a lingua azul.

d) As axudas percibidas para reposición conforme a Orde do 29 de decembro de 2010, a Orde do 27 de decembro de 2011, a Orde do 26 de abril de 2013 e/ou conforme o capítulo II desta orde, de ser o caso.

2. Limítase a contía máxima da axuda: será menor ou igual ao 75 % da totalidade das indemnizacións/importes/axudas polos animais sacrificados e comprados que percibiu a persoa titular da explotación (indemnizacións por sacrificio obrigatorio, importes do matadoiro polas canais ou pola comercialización dos animais, pagamentos da empresa aseguradora, as distintas axudas á reposición percibidas).

Así mesmo, o importe máximo da axuda por explotación queda limitado a 5.000 euros.

3. En relación co cálculo do custo total de adquisición dos animais, para os dous casos seguintes só se terá en conta o 5 % do seu custo de compra (e non o importe total pagado pola compra):

a) Para os animais maiores de 96 meses de idade en gando bovino de aptitude cárnica, os maiores de 72 meses de idade en gando bovino de aptitude leiteira e os maiores de 5 anos en gando ovino e cabrún.

b) Para os animais menores de 12 meses de idade en gando bovino e para os menores de 6 meses de idade en gando ovino e cabrún.

Artigo 35. Disposicións do inicio do procedemento

1. Unicamente se poderán acoller ás axudas previstas no capítulo III desta orde as persoas interesadas titulares de explotacións gandeiras en que se procedese ao baleiro sanitario durante os anos 2011, 2012 ou 2013, que non recibisen estas axudas con anterioridade e que alcanzasen a totalidade da reposición á cal tiñan dereito (compras finalizadas).

2. Para solicitar estas axudas, as persoas interesadas presentarán unha única solicitude para cada explotación gandeira afectada (ou código REGA), e empregarán o formulario de solicitude que figura como anexo V desta orde (corresponde ao procedemento MR550B).

Artigo 36. Requisitos complementarios

Para teren dereito a estas axudas, ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo 3 desta orde, as persoas interesadas deberán cumprir e declararán o seu compromiso (reflectido no formulario de solicitude da axuda) para os seguintes requisitos:

1. Que realizaron a reposición tras un período mínimo de corentena de tres (3) meses, con animais procedentes de explotacións cualificadas sanitariamente.

2. Que iniciaron a repoboación da explotación no prazo de doce (12) meses desde a autorización á incorporación de gando.

3. Que se comprometen a manter tanto a explotación como os animais obxecto da axuda durante un período mínimo de tempo de dous (2) anos, salvo causas de forza maior.

4. Que cumpren a normativa sectorial mínima correspondente en materia de ordenación, benestar, identificación, sanidade animal, ambiente e hixiene.

5. Que cumpren os requisitos para a consideración de Peme de acordo co anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

6. Que non teñen a consideración de empresa en crise.

7. Que están ao día nas obrigas fiscais e coa Seguridade social.

Artigo 37. Presentación de documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude da axuda, as persoas interesadas achegarán a seguinte documentación complementaria, segundo o caso de que se trate:

a) Copia do NIF da persoa xurídica solicitante e copia do DNI do seu representante, ou copia do DNI da persoa física solicitante. Estas copias do DNI e do NIF deberanse presentar só no caso de que non se autorice a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Se o/a solicitante é unha persoa xurídica: fotocopias cotexadas do documento de constitución da entidade e dos seus estatutos.

c) No caso de representación (da persoa solicitante): documento acreditativo da representación por calquera medio válido en dereito. O representante deberá ser unha persoa física.

d) De ser o caso, documento acreditativo da pertenza da explotación gandeira a algunha forma asociativa do ámbito agrario ( cooperativa, SAT, etc.), excepto para as ADSG; neste caso, o xustificante de pertenza ou non a unha ADSG será achegado pola Administración.

e) De ser o caso, se os animais comprados son de razas puras, a persoa solicitante presentará os xustificantes da súa inscrición no libro xenealóxico da raza emitidos pola entidade xestora do libro xenealóxico da raza.

2. Así mesmo, sempre que se realice a presentación de documentación separadamente do formulario principal (anexo V), a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. No suposto de que algún dos documentos complementarios citados no punto 1 deste artigo xa estea en poder de calquera órgano da Administración actuante, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 38. Documentación que achegará a Administración

1. Por mor da racionalización administrativa do procedemento de concesión destas axudas, e co fin de reducir as cargas administrativas ás persoas beneficiarias, os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural e do Mar xestionarán a obtención da seguinte documentación e xuntaránllela aos correspondentes expedientes:

a) As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e para acreditar o cumprimento das obrigas por parte da persoa solicitante das axudas respecto ás citadas administracións. A documentación desta alínea a) achegaraa a Administración para todos os expedientes en que a persoa solicitante non denegue expresamente o seu consentimento.

b) No caso de explotacións incluídas en formas asociativas do ámbito agrario, a Administración achegará o xustificante de pertenza ou non da explotación a unha ADSG (agrupación de defensa sanitaria gandeira), para os efectos da acreditación sinalada no artigo 37.1, alínea d), desta orde. Este documento será obtido directamente polos servizos provinciais de gandaría. Para as explotacións integradas noutras formas asociativas diferentes das ADSG, as persoas solicitantes deberán presentar a correspondente xustificación.

c) Documento acreditativo das pólizas de seguros gandeiros que posúa e, ademais, de ser o caso, se a persoa titular da explotación e asegurada percibiu importes polos animais sacrificados en execución dos programas sanitarios da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles, achegará un documento emitido pola empresa aseguradora xustificativo deles.

d) De ser o caso, xustificantes do valor económico obtido na comercialización dos animais (antes do seu sacrificio obrigatorio), e nos cales figurarán os importes individualizados percibidos por cada animal.

e) De ser o caso, xustificantes do importe percibido polas canais no matadoiro.

f) Facturas ou documentos equivalentes que acrediten a compra dos animais polos cales se solicita a axuda, e nos cales figurarán os importes desagregados pagados por cada animal.

g) Documentos das entidades financeiras (banco/caixa) que acrediten o movemento bancario entre dúas contas bancarias distintas (a do comprador e a do vendedor), e que serán os xustificantes dos pagamentos das facturas ou documentos de compra das reses de reposición.

2. De ser o caso, os documentos sinalados no punto 1 anterior achegaranse procedentes dos expedientes xa xerados e coa súa tramitación finalizada, segundo o capítulo II desta orde.

Artigo 39. Criterios obxectivos de concesión das axudas

1. As axudas complementarias para a reposición concederanse en réxime de concorrencia competitiva, polo que se levará a cabo unha comparación das solicitudes presentadas para establecer unha prelación entre elas. As solicitudes serán ordenadas en función da súa puntuación e de acordo cos seguintes criterios obxectivos de valoración:

a) Ter contratada a garantía de saneamento gandeiro ou de encefalopatías esponxiformes transmisibles ou de lingua azul das liñas de seguros previstas para o gando vacún, ovino ou cabrún no Plan de seguros agrarios combinados do exercicio de que se trate: 10 puntos.

b) Explotacións gandeiras integradas en agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG), cooperativas ou outra forma asociativa do ámbito agrario: 5 puntos para as integradas en ADSG e 3 puntos para as integradas noutras formas asociativas do ámbito agrario.

c) Reposición unicamente con animais de razas puras inscritos nos libros xenealóxicos: 5 puntos. Para as razas puras de aptitude cárnica, concederanse os 5 puntos se a metade dos animais repostos son de razas puras inscritos nos libros xenealóxicos.

2. No caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, romperase o empate a favor da persoa solicitante que obtivese maior puntuación na alínea a) do punto 1 anterior, e, en caso de persistir o empate, actuarase de igual xeito coas alíneas b) e c).

3. En todos os casos, na concesión destas axudas observarase o establecido na Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, de modo que se prestará unha atención preferente ás persoas profesionais da agricultura, e, delas, prioritariamente ás que sexan titulares dunha explotación territorial, conforme o establecido na citada lei.

4. No caso de que algunha das persoas beneficiarias renuncie á axuda, o órgano que concede a axuda acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da axuda á persoa solicitante ou solicitantes seguintes a aquela en puntuación, sempre e cando coa renuncia se liberase crédito suficiente para atender polo menos unha das solicitudes denegadas.

Disposición adicional primeira

A todos os aspectos non regulados na presente orde aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda

As axudas reguladas nos capítulos I e II desta orde axustaranse ao disposto no Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001, e tamén ao Regulamento (UE) nº 1114/2013 da Comisión, do 7 de novembro, polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 1857/2006 no que se refire ao seu período de aplicación. Así mesmo, as bases reguladoras establecidas nesta orde modificaranse, no caso de que sexa necesario, para adaptalas ao novo regulamento de exención que debe aprobar a Comisión Europea e que substituirá o Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006. O pagamento destas axudas quedará, en todo caso, condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea non formulen obxeccións a elas, e ás posibles observacións e modificacións derivadas de tales pronunciamentos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I
Axudas de compensacións complementarias

Marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións (valor en euros/unidade):

Actividade

Unidades

Características

Pdto. bruto

G. variable

Marxe bruta

Cabrún

Nai

Sen primas

102,17

9,62

92,56

Cabrún

Nai

Con primas

106,55

9,62

96,93

Ovino

Nai

Con primas

64,61

9,62

54,79

Ovino

Nai

Sen primas

60,10

9,62

50,49

Vacún carne

Cab

Con dereitos

1.047,00

358,73

688,27

Vacún carne

Cab

Sen dereitos

857,04

358,20

498,84

Vacún leiteiro

Litros/cota/ano

<50.000 l. expl.

0,33

0,15

0,18

Vacún leiteiro

Litros/cota/ano

De 50.001 a 100.000

0,33

0,14

0,19

Vacún leiteiro

Litros/cota/ano

>100.000

0,35

0,15

0,20

Xatos ceba

Praza (1,25 xato)

0-9 meses

854,19

628,81

225,38

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file