Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 4 de xullo de 2014 Páx. 29969

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos non consolidados de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, formula como obxecto establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, de transferencia e valorización de resultados e de innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan galego de investigación e desenvolvemento tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de decembro de 2010, aprobou o Plan galego de investigación, innovación e crecemento I2C (2011-2015).

O Plan I2C recolle dentro do eixo estratéxico 3 (sistema integral de apoio á investigación) a liña de actuación 3.6, destinada ao apoio financeiro á consolidación de centros de coñecemento recoñecidos dentro do sistema galego de I+D+i, en función de obxectivos previamente establecidos que incidan na mellora da competitividade e calidade do tecido empresarial.

Mediante esta resolución convócanse axudas dirixidas aos centros tecnolóxicos non consolidados de Galicia co fin de incentivar a transferencia de resultados da investigación, do coñecemento e das capacidades tecnolóxicas dos centros ao mercado.

Por iso, estas axudas establécense en función dunha serie de indicadores que, de forma obxectiva, valoran as súa perspectiva financeira, de resultados e de igualdade. Non obstante, tendo en conta os acordos do Consello da Xunta de Galicia adoptados nas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, nos que se aprobou o Programa Impulsa-Lugo e o Programa Impulsa-Ourense, respectivamente, que establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos e dada a situación económica actual na que as provincias de Lugo e Ourense se viron afectadas con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como unha menor implantación de novas iniciativas empresariais, considérase fundamental que a Axencia Galega de Innovación, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axuda ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social.

As axudas que se concedan, dado que as actividades de I+D non se realizan por conta ou en colaboración con empresas, non teñen a consideración de axudas do Estado para os efectos do punto 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (DOUE C 323, 30.12.2006, Comunicación da Comisión 323/01). En todo caso, os centros beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 3 do devandito marco comunitario.

As axudas poderán financiarse con cargo ao préstamo que a Administración xeral do Estado concedeu á Xunta de Galicia a través do Ministerio de Economía e Industria para o desenvolvemento en Galicia da Estratexia Española de Innovación.

Consecuentemente con todo o anterior e en exercicio das facultades que me confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Galega de Innovación dirixidas aos centros tecnolóxicos non consolidados de Galicia co fin de incentivar a transferencia de resultados da investigación, do coñecemento e das capacidades tecnolóxicas dos centros ao mercado.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para o ano 2014 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código procedemento IN845C).

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que se indican no seguinte cadro, nas cales existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da Comunidade Autónoma para o ano 2014:

Aplicación orzamentaria

2014

08.A3.561A.743.0

153.000,00 €

08.A3.561A.781.0

417.000,00 €

08.A3.561A.732.0

30.000,00 €

Total

600.000,00 €

A distribución de fondos, entre as partidas orzamentarias segundo a natureza xurídica dos centros solicitantes, é unha previsión que se deberá axustar tras a valoración dos indicadores dos solicitantes sen incrementar o crédito total.

Non obstante, poderanse ampliar os créditos dedicados a esta convocatoria logo de declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

2. As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra destinada para o mesmo fin, calquera que fose a súa natureza, e a entidade que a conceda, sempre que, conxuntamente, non superen o custo da actividade subvencionada.

3. As axudas poderán financiarse con cargo ao préstamo que a Administración xeral do Estado concedeu á Xunta de Galicia a través do Ministerio de Economía e Industria para o desenvolvemento en Galicia da Estratexia Española de Innovación (actuacións 1, 7 e 8).

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas os centros tecnolóxicos non consolidados da Comunidade Autónoma de Galicia con personalidade xurídica propia sen ánimo de lucro, públicos ou privados, que realicen actividades de investigación e/ou innovación, e que teñan persoal propio. Os beneficiarios deberán contar na data de peche da convocatoria cunha estrutura mínima do cadro de persoal dunha media de 10 traballadores contratados a tempo completo, dos cales 6 deben destinarse exclusivamente a actividades investigadoras (no caso de traballadores a xornada parcial axustarase o equivalente a xornada completa) e ademais cun mínimo de inmobilizado material de 150.000,00 €.

Nesta convocatoria non poderán participar os centros dependentes do Sistema Universitario de Galicia (SUG) nin os que teñan a consideración de centros tecnolóxicos consolidados que figuran inscritos ou teñan resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou na páxina da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.es

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 5. Documentación

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberán presentarse os seguintes documentos:

a) Anexo I. Solicitude. No anexo I inclúense as seguintes declaracións responsables:

1) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

2) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5) Declaración de que son veraces os datos que se consignan na solicitude relativos á conta bancaria na que se efectuará o pagamento das axudas, así como que a entidade solicitante é o seu titular, de conformidade co establecido no artigo 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

b) Anexo III. O cadro de indicadores da perspectiva financeira, de resultados e de igualdade a partir dos cales se efectúe a valoración dos resultados acadados polos centros tecnolóxicos referidos a actividades desenvoltas polos centros tecnolóxicos en Galicia.

c) Copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal do centro (ver artigo 7.3).

d) Copia compulsada da escritura de constitución do centro debidamente inscrita, se é o caso, no Rexistro Mercantil ou Industrial (ver artigo 7.3).

e) Copia das contas anuais auditadas dos anos 2012 e 2013. Así mesmo deberá presentarse un documento resumo onde se relacionen as cantidades que determinan o resultado dos indicadores coa información que aparecen nas contas anuais.

Os anexos I, II e III estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es e na páxina da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.es

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente ao formulario principal, a persoa interesada deberá achegar o código do procedemento, órgano responsable, número de expediente e número ou código único de rexistro.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 6. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten os códigos indicados no artigo 1, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es) na súa epígrafe de axudas e na sede virtual.

b) O teléfono 981 54 39 86.

c) O enderezo electrónico cei.infoest@xunta.es

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo: https:/sede.xunta.es

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre estes procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o seu consentimento. No caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización para acceder á dita información, deberá achegar coa solicitude os certificados acreditativos, que deberán estar en vigor, de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de que o solicitante deba presentar estas certificacións na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

3. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no artigo 5, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponda.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Axencia Galega de Innovación publicará, na súa web oficial, a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

5. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Artigo 8. Instrución do procedemento e tramitación

A Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención.

1. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada lei. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante mediante notificación individualizada, conforme o artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 10 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada e a contía da axuda proposta. A comisión de valoración poderá contar co asesoramento de expertos externos.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidencia: un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: funcionario ou funcionaria da Axencia Galega de Innovación.

c) Tres vogais designados polo director da Axencia Galega de Innovación.

3. No informe que elabore o órgano instrutor figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo 10. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 10. Criterios de valoración e selección

A valoración dos indicadores para cada centro tecnolóxico, a partir da información achegada, realizarase conforme o baremo que se recolle no anexo III. Esta información estará referida aos anos 2012 e 2013. Así mesmo, en aplicación do Programa Impulsa-Lugo e do Programa Impulsa-Ourense, nos cales se establecen, entre outras, medidas transitorias de apoio aos investimentos, a comisión outorgará 3 puntos a aqueles solicitantes con localización nas provincias de Lugo e Ourense.

Quedarán excluídas, para os efectos de determinar a puntuación de cada un dos centros e o importe da axuda, as solicitudes que non acaden unha puntuación mínima na perspectiva financeira de 6,95 puntos (10 % da puntuación máxima da perspectiva financeira).

O importe da axuda determinarase de acordo coa seguinte fórmula:

IAi=Vp*Pi

Na que:

IAi: importe da axuda de cada centro.

Pi: puntuación obtida por cada un dos centros.

Vp: valor monetario de cada punto obtido pola fórmula Vp=600.000,00/∑ Pi.

O valor monetario de cada punto non pode ser superior a 7.000,00 €.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevaralle a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de valoración ao director da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o beneficiario, así como a subvención concedida, ou se é caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento establecido nestas bases reguladoras.

No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 5 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no DOG, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) desta lei, a notificación individual de concesión da axuda substituirase pola publicación no DOG e na páxina web http://gain.xunta.es, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 13. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente no que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 11 destas bases xerais.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada e, desde ese momento, adquirirán a condición de beneficiarios.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación, no momento en que sexan beneficiarios de calquera axuda concedida para o mesmo fin, o seu importe e duración.

Artigo 17. Conceptos subvencionables

1. Custo de persoal investigador ou de apoio.

Persoal investigador contratado: investigadores, auxiliares de investigación e xestores de I+D+i que se dedican exclusivamente a esta actividade.

Persoal de apoio contratado: persoal directivo ou persoal de administración con dedicación parcial a actividades de I+D+i.

O custo do persoal de apoio non poderá ser superior ao 40 % do importe da subvención concedida.

2. Material bibliográfico (libros, publicacións periódicas en papel ou dixitais, bases de datos,…) e equipamento científico (inclúense aplicacións informáticas cando sexan necesarias para actividades de investigación) así como a súa reparación e conservación.

3. Material funxible.

Elementos adquiridos e utilizados pola entidade para a realización da actividade investigadora (materiais diversos, envases, material de oficina,...).

4. Custos de formación do persoal do centro tecnolóxico (inscrición, matrícula, desprazamentos, custos do persoal ou entidade docente no caso de formación específica contratada polo centro,…).

5. Outros gastos debidamente xustificados, conforme os puntos 4 e 5 do artigo 19.1, ata un máximo do 10 % da axuda concedida.

Gastos de natureza diversa que teñen por obxecto garantir o funcionamento normal da entidade (gastos de asesoría e similares, auga, electricidade e outras subministracións, servizos prestados por outras entidades para o desenvolvemento de actividades de I+D+i, outros servizos,...).

Artigo 18. Subcontratación

En ningún caso se permitirá a subcontratación, entendida esta nos termos nos que aparece definida no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda, os beneficiarios deberán entregar a seguinte documentación, axustada, se é o caso, aos modelos que figuran na páxina da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es):

1) Un resumo da execución da subvención.

2) Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do xerente ou director do centro tecnolóxico, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado á execución do plan de actuación proposto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto no centro tecnolóxico, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao centro tecnolóxico e data de pagamento da Seguridad Social.

3) Documentos que acrediten os custos de persoal (copia das nóminas e TC2) e o seu pagamento (xustificantes bancarios ou TC1 selados polo banco). Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberanse detallar os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles.

4) Documentación acreditativa de realización dos restantes gastos, que consistirá en orixinais ou fotocopias compulsadas dos documentos acreditativos dos investimentos ou actuacións consistentes en facturas dos provedores ou documentos de valor probatorio equivalente: con validez no tráfico xurídico mercantil ou eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

5) Documentación acreditativa de realización dos restantes pagamentos, que consistirá en orixinal ou copia compulsada da documentación bancaria dos pagamentos. Presentarase, xunto a cada documento de gasto, o seu correspondente documento de pagamento ou o extracto bancario onde figure o cargo correspondente. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Os xustificantes bancarios de pagamento deben coincidir exactamente co importe da factura, IVE incluído. No caso de que o importe reflectido no documento bancario non coincida co importe do documento de gasto (pagamento agrupado), deberase remitir o detalle dos pagamentos efectuados xunto cos documentos de gasto, onde se poida identificar o gasto en cuestión.

6) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE.

7) De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de adquisición de material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, por importe igual ou superior a 18.000 euros, deberán achegarse:

a) Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que, polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

b) Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non obstante, no caso de que o centro beneficiario reúna os requisitos previstos no artigo 3.3.b) do texto refundido da Lei de contratos do sector público terá a consideración de poder adxudicador, e, polo tanto, deberá someterse á disciplina de contratación pública nos termos previstos no devandito texto legal.

8) Certificación das viaxes realizadas, acompañada da documentación acreditativa de realización do gasto que consistirá en orixinal ou copia compulsada das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, así como dos seus xustificantes de pagamentos. Non se admitirán facturas de combustible.

9) Declaración responsable do solicitante de todas as solicitudes efectuadas e concedidas para o mesmo fin por outras administracións ou entes públicos ou privados segundo o anexo II.

10) No caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar os certificados acreditativos, que deberán estar en vigor de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Nos documentos correspondentes a cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da cotización devindicada, quedando as entidades obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos prazos de xustificación establecidos no artigo seguinte.

3. Admitiranse os custos realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2014 ata a data límite de xustificación.

Artigo 20. Prazo de xustificación

1. A xustificación do anticipo do 50 % da subvención concedida a que se refire o artigo 21.1 deberá realizarse no prazo máximo dun mes a partir da transferencia dos fondos correspondentes.

2. A xustificación do importe restante da subvención concedida terá como data límite de presentación o 30 de novembro de 2014. Non obstante, se existen cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación (cotas do mes de novembro) estas terán como data límite o 15 de xaneiro de 2015.

3. Transcorridos os prazos indicados sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia Galega de Innovación, antes de proceder ao seu pagamento, poderá solicitar as aclaracións ou informes que considere oportunos.

5. Os beneficiarios que presenten unha xustificación de gastos inferior ao anticipo percibido deberán acompañar á documentación presentada os xustificantes de ingreso nas contas da Comunidade Autónoma dos importes percibidos e non xustificados, sen prexuízo de que lles poida ser exixida a devolución doutras contías anticipadas unha vez aprobada a xustificación polo órgano competente.

Artigo 21. Pagamento

1. Efectuarase un anticipo do 50 % da subvención concedida de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A concesión do anticipo quedará condicionada ao cumprimento, por parte dos beneficiarios, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizarase mediante resolución motivada logo da publicación da adxudicación das axudas.

3. De acordo co artigo 65 do Decreto 11/2009, os centros tecnolóxicos quedan exentos da presentación de garantías.

4. O importe restante da subvención pagarase tras a xustificación.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das condicións das subvencións. En particular, a Axencia Galega de Innovación poderá inspeccionar o centro de traballo do centro tecnolóxico radicado en Galicia para comprobar que os datos dos indicadores e dos estados financeiros presentados son coherentes coa súa estrutura de activos e o seu persoal.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Estruturación 2014 cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Innovación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Galega de Innovación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa dos Feáns, 7, baixo, 15706 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a cei.infoest@xunta.es

Artigo 25. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases habería que aterse ao establecido no Marco comunitario sobre axudas estatais de Investigación e Desenvolvemento e Innovación (2006/C 323/01), na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2014

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file