Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Luns, 14 de xullo de 2014 Páx. 31035

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2014, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 16 de xullo de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 140, do 24 de xullo), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio da oposición.

En sesión que tivo lugar o día 4 de xullo de 2014, o tribunal nomeado pola Orde do 7 de abril de 2014 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, acordou, de conformidade co disposto na base II.2.6 da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición terá lugar o dezanove (19) de xullo de 2014, no salón de actos da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 9.30 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. Os aspirantes serán provistos de calculadora polo tribunal, quedando prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo, e das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2014

Víctor Martínez Lago
Presidente do tribunal