Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 17 de xullo de 2014 Páx. 31452

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 4 de xullo de 2014 pola que se declara, de maneira provisional, como espazo natural de interese local o ecosistema dunar Praia América-Panxón, no concello de Nigrán.

O Concello de Nigrán propúxolle á consellería con competencias en materia de conservación da natureza a declaración como espazo natural de interese local (ENIL en diante) do lugar denominado ecosistema dunar Praia América-Panxón, no termo municipal de Nigrán (Pontevedra). O Concello presentou coa súa solicitude unha memoria e mais o acordo do concello. A memoria cumpre e axústase ao establecido no artigo 3.3 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, e o Acordo do Concello do 26.1.2012 contén o compromiso formal de poñer en práctica as medidas de conservación e elaborar o plan de conservación.

Na tramitación do expediente observáronse as normas establecidas no artigo 17 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 258, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro), (LRXAP-PAC) e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece o ENIL como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que por petición do Concello e logo de informe da consellería con competencias en política territorial e urbanismo, a consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas seus singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da consellería competente en materia de conservación da natureza mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a consellería con competencias en materia de conservación da natureza de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos, dentro deste prazo os promotores deberán presentar, como requisito imprescindible para a declaración do ENIL, o plan de conservación deste espazo.

Na tramitación emitiron informes o Servizo de Conservación da Natureza en Pontevedra, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes e a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar; non tivo que notificar o procedemento a ningún interesado (artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común) na declaración deste espazo natural, ao non ter constancia deles.

Dos informes recibidos resulta que:

– O espazo é merecente da protección dos seus valores naturais, conforme se desprende do informe preceptivo de 5.3.2012, do Servizo de Conservación da Natureza en Pontevedra, pola presenza de hábitats de interese natural e de especies asociadas a eles.

– O informe favorable do 29.6.2012, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes certifica que a zona de declaración non afecta ningún monte veciñal en man común, nin contén características forestais relevantes.

– O informe preceptivo da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 26.5.2012, pon de manifesto que o ámbito da zona de declaración que figura na memoria está asociado a solos coa condición de solo rústico de protección de costas, contida no planeamento de Concello de Nigrán, e incluídos no dominio público marítimo-terrestre. Por outra banda, e de acordo co Plan de ordenación do litoral de Galicia (Decreto 20/2011, do 10 de febreiro) resultan uns usos e actividades permitidas de acordo co establecido no artigo 46.3.a) e b), en relación cos artigos 53.1 e 54.1.

– O informe da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, rexistrado o 14.9.2012, considera positivo o proxecto de declaración do ENIL.

– O informe da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar, rexistrado o 6.7.2012, non pon impedimentos á declaración do ENIL, referindo, non obstante, que deberán respectarse os preceptos recollidos na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro.

Da mesma maneira, con data do 9 de outubro de 2013, publicouse no DOG núm. 193 a Resolución do 25 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local da zona denominada ecosistema dunar Praia América-Panxón, no termo municipal de Nigrán (Pontevedra).

Transcorrido o prazo de vinte (20) días, que comezou a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, foron rexistradas en tempo e forma catro alegacións e peticións que se remitiron ao Concello de Nigrán para que considerase se o alegado podía influír na declaración do dito ENIL.

A presente orde ten por obxecto declarar, de xeito provisional, o ecosistema dunar Praia América-Panxón, no concello de Nigrán, como ENIL, unha vez constatadas as singularidades que presenta e que o fan merecente da protección dos seus valores naturais.

Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Proposta de declaración provisional

Declárase, provisionalmente e por un prazo máximo de dous anos, como espazo natural de interese local o ecosistema dunar Praia América-Panxón, no termo municipal de Nigrán, por proposta do Concello de Nigrán (Pontevedra).

Artigo 2. Plan de conservación

Durante o prazo da declaración provisional do ecosistema dunar Praia América-Panxón como ENIL e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o Concello de Nigrán deberá presentar á consellería con competencia en materia de conservación da natureza o plan de conservación deste espazo.

O plan de conservación que se elabore deberá ter en conta as consideracións feitas pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, e a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar, recollidas na parte expositiva desta orde. Deste xeito, considerarase a normativa anteriormente referida.

No caso de que o Concello de Nigrán non presente o Plan de conservación do espazo natural ecosistema dunar Praia América-Panxón no prazo sinalado, teráselle por desistido da súa solicitude de declaración e desde ese momento producirase a extinción dos efectos da declaración provisional como ENIL.

Artigo 3. Límites

A extensión e límites do espazo natural de interese local ecosistema dunar Praia América-Panxón, coas súas coordenadas debidamente xeoreferenciadas, son os sinalados no anexo I desta orde.

Artigo 4. Réxime de protección preventiva

A declaración provisional do ENIL ecosistema dunar Praia América-Panxón implicará a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do ENIL ecosistema dunar Praia América-Panxón levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 5. Xestión

1. Será responsabilidade e competencia do Concello de Nigrán a xestión do espazo natural ecosistema dunar Praia América-Panxón.

2. O Concello comprométese a consignar con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano, as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.

Artigo 6. Efectos

1. A declaración provisional do ecosistema dunar Praia América-Panxón como ENIL non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

2. A declaración provisional do ecosistema dunar Praia América-Panxón como ENIL non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. A zona obxecto desa declaración contén terreos clasificados como dominio público marítimo terrestre. A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado.

Artigo 7. Extinción

1. Mediante orde da consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderase poñer fin aos efectos da declaración provisional do ecosistema dunar Praia América-Panxón como ENIL se desaparecen as causas que motivaron a protección deste espazo e non fosen susceptibles de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisional do ecosistema dunar Praia América-Panxón como ENIL no suposto recollido no apartado segundo desta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO
Límites do espazo natural protexido

missing image file